DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Luns, 05 de xullo de 2010 Páx. 12.191

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 14 de xuño de 2010 pola que se modifica a autorización do centro de artes plásticas e deseño Atlántico, do concello de Vigo (Pontevedra).

O centro autorizado de artes plásticas e deseño Atlántico, do concello de Vigo, solicita a supresión do ciclo formativo de grao medio de engaste e autorización para impartir o ciclo formativo de grao superior de xoiaría artística.

Segundo a Orde do 16 de setembro de 2004, o centro conta con autorización para impartir o ciclo formativo de grao medio de engaste e o de procedementos de xoiaría artística.

O expediente tramitouno o Departamento Territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra e remíteo cos informes favorables en cumprimento do Real decreto 303/2010, do 15 de marzo, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación; do Decreto 253/1995, do 29 de setembro, sobre autorización a centros docentes privados para impartir ensinanzas artísticas, e da Orde do 5 de setembro de 1995, que o desenvolve, e demais normativa vixente.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPÓN:

Primeiro.-Suprimir o ciclo formativo de grao medio de engaste e autorizar o ciclo formativo de grao superior de xoiaría artística no centro que se relaciona a seguir:

Denominación xenérica: centro autorizado de artes plásticas e deseño

Denominación específica: Atlántico.

Código do centro: 36024537.

Domicilio: avda. da Ponte, 9.

Localidade: Cabral.

Concello: Vigo.

Provincia: Pontevedra.

Titular: Escuela Técnica de Joyería del Atlántico, S.L.

Composición resultante:

Familia profesional: xoiaría de arte.

Quenda de mañá:

1 ciclo formativo de grao medio de procedementos de xoiaría artística (2 unidades para 20 alumnos/unidade).

Quenda de tarde-noite:

1 ciclo formativo de grao superior de xoiaría artística (2 unidades para 20 alumnos/unidade).

Segundo.-Para a posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, o Departamento Territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta a docencia.

Terceiro.-O centro queda obrigado ao cumprimento da lexislación vixente e a solicitar a oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que se sinalan nesta orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria