DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Luns, 05 de xullo de 2010 Páx. 12.186

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

RESOLUCIÓN do 2 de xullo de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca a concesión de axudas destinadas a sufragar os danos causados en vivendas polas inundacións acaecidas o día 9 e 10 de xuño na Mariña luguesa e nos concellos limítrofes.

O Decreto 96/2010, do 17 de xuño, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polas inundacións orixinadas polo temporal Doris durante os días 9 e 10 de xuño de 2010 na Mariña luguesa e concellos limítrofes, regula unha serie de medidas para a reparación dos danos e perdas causados polo citado fenómeno meteorolóxico.

O artigo 6 do citado Decreto 96/2010, do 17 de xuño, establece un réxime de axudas por danos causados en vivendas, o artigo 11 establece que as citadas axudas se financiarán con cargo aos orzamentos das respectivas consellerías afectadas e a disposición derradeira primeira faculta aos distintos titulares dos departamentos autonómicos para que, no ámbito das súas competencias, diten as disposicións necesarias para o desenvolvemento do citado decreto. Neste sentido cítase como competente para a concesión das axudas por danos causados en vivendas e instalacións complementarias ao Instituto Galego da Vivenda e Solo.

As axudas reguladas no devandito decreto rexeranse polo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de normas reguladoras de subvencións de Galicia, e as normas regulamentarias que a desenvolven e polo establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e as normas regulamentarias que a desenvolven nos seus preceptos básicos.

O citado decreto establece que estas axudas poderán acollerse expresamente ao procedemento de concesión directa, por mor do interese público, social, económico e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso.

No entanto, por razóns de urxencia, estímase conveniente establecer unha convocatoria pública das axudas destinadas a sufragar os danos causados en vivendas polas inundacións acaecidas o día 9 e 10 de xuño na Mariña luguesa e concellos limítrofes.

En consecuencia, en virtude das atribucións que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia en relación co artigo 4 do Decreto 317/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS e de acordo co establecido na disposición derradeira segunda do Decreto 96/2010, do 17 de xuño,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria dun procedemento de concesión das axudas en concorrencia non competitiva, establecidas polo Decreto 96/2010, do 17 de xuño, destinadas a sufragar os gastos, en vivendas, causados polas inundacións orixinadas polo temporal Doris durante os días 9 e 10 de xuño na Mariña luguesa e concellos limítrofes.

Artigo 2º.-Persoas beneficiarias.

Poderán solicitar as devanditas axudas as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias das vivendas que sufrisen danos que afecten tanto o inmoble como o enxoval causados polas citadas inundacións e que, cumprindo os requisitos establecidos nesta convocatoria, teñan que sufragar os gastos necesarios de reparación, ou de reposición de bens cando, neste último caso, se acredite a súa perda irrecuperable, de acordo co procedemento regulado nesta resolución.

Artigo 3º.-Natureza das axudas.

1. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, do que poidan ser beneficiarias as persoas afectadas.

2. Non obstante, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas nesta resolución concederanse con carácter complementario, nos termos establecidos nesta resolución non podendo superar en ningún caso o valor do dano producido.

Artigo 4º.-Actuacións subvencionables.

1. Danos causados na vivenda que constitúa a residencia habitual e permanente dos seus moradores: na parte non comprendida nas axudas que poidan aprobar outras administracións, ou calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, do que poidan ser beneficiarias as persoas afectadas.

O importe máximo das axudas neste caso poderá acadar o 100% do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar o límite do 75% do prezo máximo de venda dunha vivenda protexida de réxime xeral na mesma localidade.

2. Danos causados no resto das vivendas: na parte non comprendida nas axudas que poidan aprobar outras administracións, ou calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, do que poidan ser beneficiarias as persoas afectadas.

O importe máximo das axudas neste caso poderá acadar ata o 40% do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar o 40% do 75% do prezo máximo de venda dunha vivenda protexida de réxime xeral na mesma localidade. As vivendas deberán dedicarse, cando mínimo, a residencia ocasional, quedando excluídas destas axudas as edificacións ruinosas ou que se atopasen en manifesto abandono.

3. Para os efectos destas axudas entenderanse por vivenda as construcións anexas e instalacións complementarias, e os elementos comúns no caso de comunidades de propietarios.

Entenderanse como instalacións complementarias as construcións e equipamentos de apoio á economía e vida familiar tales como pozos, hórreos, alpendres, invernadoiros para autoconsumo, instalacións eléctricas e de iluminación, instalacións de telecomunicacións, etc. sempre e cando, estean situados no mesmo predio da vivenda.

No mesmo sentido entenderase como construción ou instalación complementaria o cerramento preexistente do predio no que se atopa a vivenda.

A porcentaxe subvencionable destas construcións anexas, instalacións complementarias ou elementos comúns será do 100% do valor de reparación ou reposición no caso de estar asociadas á vivenda habitual e do 40% do valor de reparación ou reposición no caso de estar asociadas á vivenda ocasional, sen que en ningún caso, o importe máximo de axudas por este concepto supere os 3.000 euros.

4. Serán igualmente obxecto de axudas os danos sufridos no enxoval doméstico de primeira necesidade, entendendo por este o sinalado o anexo desta resolución, cando non estivesen incluídos nas axudas que para o mesmo efecto puidesen aprobar outras administracións ou calquera outro sistema de cobertura de danos. O importe da axuda será de ata o 100% ou de ata o 40% dos gastos de reparación ou reposición dependendo de que o enxoval estea vinculado á vivenda habitual e permanente ou á vivenda ocasional, respectivamente. En calquera caso o importe da subvención por este concepto non poderá ser superior aos 6.000 euros.

Artigo 5º.-Ámbito territorial.

As axudas previstas nesta resolución aplicaranse á reparación dos danos e perdas polas inundacións acaecidas nos seguintes termos municipais e núcleos de poboación:

Provincia de Lugo: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Pontenova (A), Ribadeo, Trabada, Valadouro (O), Viveiro, Vicedo (O), Xove.

Provincia da Coruña: Cariño e Ortigueira.

Artigo 6º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no DOG.

Artigo 7º.-Solicitudes.

O procedemento iniciarase mediante solicitude da persoa interesada que se presentará nas áreas provinciais do IGVS ou en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A citada solicitude axustarase ao modelo que figura no anexo desta resolución.

Na solicitude describiranse os danos producidos e o importe necesario para a súa reparación ou reposición, ademais de xuntar a documentación que se indica neste artigo.

Os prezos das partidas de obras deberán axustarse aos prezos medios de mercado, podéndose tomar como referencia a base de datos de construción de Galicia.

Estas solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:

a) Autorización para consultar os datos de identidade ou fotocopia compulsada do DNI ou NIF do/a solicitante,

b) Título que acredite a condición de propietario/a ou usufrutuario/a da vivenda.

c) Certificado de residencia, de empadroamento ou domicilio fiscal, así como calquera outro medio de proba que acredite o uso a que se destine a vivenda.

d) Fotografías que reflictan os danos.

e) Copia da póliza de seguro dos bens afectados, ou de non ter seguro, declaración xurada de que os bens para os que solicita as axudas non estaban asegurados.

f) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 8º.-Procedemento de concesión.

1. Unha vez recibidas as solicitudes a Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo, remitirá ao consorcio de compensación de seguros unha relación de persoas que solicitaron a subvención facendo constar o nome, apelidos e DNI, para os efectos de coñecer as posibles indemnizacións que as persoas interesadas puidesen recibir neste concepto.

A presentación da solicitude de axudas recollerá a autorización expresa da persoa solicitante para que o Instituto Galego da Vivenda e Solo solicite os citados datos ao consorcio de compensación de seguros, ou a calquera outro organismo de cobertura de danos que puidera estar relacionado coa citada solicitude. A non autorización deste requisito suporá a imposibilidade de tramitar as axudas e a denegación da solicitude.

2. Así mesmo, a Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo dará as instrucións necesarias para realizar a visita de inspección dos danos producidos. No caso de que a persoa afectada polos danos das inundacións necesitara facer reparacións urxentes, poderá realizalas sempre que conserve fotografías e calquera outro documento que acredite o estado en que quedara a vivenda por causa das inundacións acaecidas na Mariña luguesa o día 9 e 10 de xuño de 2010. A citada documentación acreditativa dos danos será avaliada polo persoal técnico que realice a visita de inspección.

Unha vez realizada a visita de inspección o persoal técnico redactara un informe no que se recollan os danos subvencionables e o custo estimado da súa reparación ou reposición.

3. Á vista da solicitude das subvencións, da documentación presentada, logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, e emitido o certificado acreditativo da verificación do cumprimento dos requisitos pola persoa beneficiaria, o/a xefe/a territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas elevará a proposta de resolución da subvención ao presidente do IGVS.

4. O presidente do IGVS, ou persoa en que delegue, á vista da proposta e tendo en conta os recursos económicos dispoñibles resolverá o que segundo dereito proceda.

A citada resolución indicará necesariamente o prazo concedido para reparar os danos, que en ningún caso excederá dos catro meses desde a data de notificación da mesma. Así mesmo na resolución de concesión figurará a contía da subvención para a reparación dos citados danos.

As solicitudes de concesión poderanse ir resolvendo na medida en que se vaian presentando.

5. A resolución do presidente do IGVS, ou persoa en quen delegue, pon fin á vía administrativa, sendo susceptible do recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ou ben de recurso contencioso-administrativo, directamente ante o órgano xurisdicional competente no prazo de dous meses.

Artigo 9º.-Prazo máximo para resolver.

O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de seis meses, contados desde a data de recepción completa da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10º.-Causas de denegación.

Será motivo de denegación da subvención non cumprir algún dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

Así mesmo, serán obxecto de denegación as solicitudes presentadas que queden sen cobertura orzamentaria.

O criterio que, de ser o caso, se utilizará para os efectos de determinar respecto a qué expedientes se esgota o crédito é o recollido no artigo 74.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No senso citado a orde de incoación dos expedientes tramitarase segundo a orde de entrada na Área Provincial do IGVS.

Artigo 11º.-Remate dos créditos e utilización de remanentes.

Unha vez esgotados os créditos procederase á correspondente publicación no DOG da citada circunstancia e á inadmisión das posteriores solicitudes.

Non obstante, o presidente do IGVS, se así o estimase, poderá ampliar o crédito previsto á vista das solicitudes presentadas, sen que supoña a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, de acordo co procedemento establecido no artigo 30.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Poderán destinarse a novas concesión de solicitudes xa presentadas as cantidades de subvencións concedidas que resulten anuladas por causa de perda de subvención, ou ben os remanentes de cantidades non xustificadas en prazo para o seu pagamento. Todo isto ata a data da publicación no DOG do remate do crédito asignado para a concesión das subvencións.

Artigo 12º.-Xustificación e pagamento.

1. Logo da concesión da subvención, e unha vez realizado o gasto, a persoa solicitante deberá achegar, dentro do prazo concedido na resolución de concesión, as facturas acreditativas do aboamento dos importes investidos na reparación ou reposición dos danos sufridos.

Xunto coas facturas deberá presentar certificación de titularidade da conta bancaria na que se ingresarán as axudas que correspondan e unha declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

2. O/a xefe/a territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas á vista da documentación presentada, e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, elevará a proposta de pagamento ao presidente do IGVS ou persoa en quen delegue.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta, a Área Provincial do IGVS requirirá á persoa beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días a presente para os efectos previstos neste capítulo.

Artigo 13º.-Pagamento anticipado.

Excepcionalmente, no caso de que o importe da subvención sexa superior a 18.000 euros, poderá aboarse un anticipo de ata o 50% da anualidade, para o caso en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. O citado anticipo deberá ser solicitado expresamente pola persoa beneficiaria, quen motivará a mencionada necesidade. Unha vez revisada a solicitude de pagamento anticipado, o/a xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas fará a proposta de concesión ou denegación ao presidente do IGVS, ou persoa en quen delegue, que resolverá motivadamente.

Para realizar o pagamento anticipado deberá presentarse unha garantía de acordo co establecido no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para a citada solicitude de anticipo empregarase o modelo do anexo II desta Orde.

Artigo 14º.-Compatibilidade.

Esta subvención é compatible con outras formas de axuda que o beneficiario poida obter de calquera Administración, entidade pública ou privada, sen que, en ningún caso, a suma das axudas percibidas poida superar o custo da actuación que se protexe.

Artigo 15º.-Deber de colaboración. Reintegro das axudas.

1. As persoas beneficiarias están obrigadas a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Cuentas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. O incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención, ou a concorrencia de calquera das causas de reintegro determinadas polo artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, suporá ademais das sancións que puideran corresponder, a obriga do reintegro por parte do beneficiario dos recursos achegados polo IGVS incrementados co xuro legal correspondente desde o seu aboamento, de acordo co procedemento establecido no capítulo I do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16º.-Publicidade.

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro, así como as sancións impostas de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 17º.-Crédito orzamentario e contía.

O importe destinado ao financiamento destas axudas é de 360.000 € con cargo ao crédito que figure consignado para esta finalidade na aplicación 07.90.451A.780.6 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor ao día seguinte do da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Presidente do Instituto Galego da Vivenda e Solo

ANEXO

Relación de elementos que forman parte do enxoval doméstico de primeira necesidade, aos efectos das subvencións reguladas nesta resolución

-Elementos de cociña:

Frigorífico.

Cociña.

Forno.

Lavadora.

Mesa e cadeiras, en relación proporcional ao número de membros da unidade de convivencia.

-Elementos de dormitorio:

Camas.

Somieres.

Colchóns.

Armario.

-Elementos de estar:

Sillóns, cadeiras, mesa de comedor, en relación proporcional ao número de membros da unidade de convivencia.