DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Luns, 05 de xullo de 2010 Páx. 12.184

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2010, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se amplía o cadro de persoal do servizo de garda dos xulgados de instrución da Coruña e dos xulgados de instrución de Vigo.

A Lei 17/1980, pola que se establece o réxime retributivo dos funcionarios da Administración de xustiza, faculta no seu artigo 13 -modificado pola Lei 42/1994 e mais pola Lei 13/1996, ambas as dúas de medidas fiscais, administrativas e de orde social- os ministerios de Economía e Facenda e de Xustiza, conxuntamente, e tras informe do Consello Xeral do Poder Xudicial, para fixar o réxime e a contía do complemento de destino do dito colectivo.

En desenvolvemento desta previsión, a Orde PRE/1417/2003, do 3 de xuño, regulou as retribucións complementarias por servizo de garda do persoal ao servizo da Administración de xustiza.

O parágrafo cuarto do punto décimo sexto desta orde ministerial faculta o director xeral de Relacións coa Administración de Xustiza, ou órgano equivalente das comunidades autónomas que teñan asumida a xestión de funcións e servizos na materia, para modificar, atendendo ás necesidades do servizo e ás circunstancias especiais que concorran en determinados partidos xudiciais, e tras acordo coas organizacións sindicais máis representativas, o número de funcionarios que presten o servizo de garda.

En consideración á carga de traballo que afecta o xulgado en funcións de garda nas cidades da Coruña e Vigo; de acordo coas organizacións sindicais presentes na Mesa sectorial do persoal ao servizo da administración de xustiza dependente da Comunidade Autónoma de Galicia; e en virtude do establecido no artigo 20.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2397/1996, sobre transferencia a esta comunidade de medios para o servizo da Administración de xustiza, así como no artigo 272 da Lei orgánica do poder xudicial e mais no artigo 19 do Decreto 303/2009, do 21 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a Dirección Xeral de Xustiza

ACORDA:

No partido xudicial da Coruña e no partido xudicial de Vigo, ampliar en tres funcionarios máis o cadro de persoal dos corpos de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial do xulgado de instrución que integran a quenda de servizo de garda, en relación co previsto no punto quinto da Orde PRE/1417/2003, do 3 de xuño, pola que se regulan as retribucións complementarias por servizos de garda do persoal ao servizo da Administración de xustiza.

Disposición primeira.-Na data de entrada en vigor desta resolución quedarán derrogadas a Resolución do 19 de decembro de 2003 (DOG nº 248, do 23 de decembro) e mais a Resolución do 22 de setembro de 2008 (DOG nº 195, do 8 de outubro), polas que se ampliaba o cadro de persoal do servizo de garda dos xulgados de instrución da Coruña e Vigo, respectivamente.

Disposición segunda.-A ampliación do cadro de persoal de garda acordada nesta resolución será efectiva a partir do día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2010.

Juan José Martín Álvarez

Director xeral de Xustiza