DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 01 de xullo de 2010 Páx. 12.035

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 23 de xuño de 2010 pola que se delegan competencias en materia de vivenda e solo no director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo e nos xefes territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

O Decreto 83/2009, do 21 de abril, fixou a nova estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, suprimindo a Consellería de Vivenda e Solo, e adscribindo o organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante IGVS) á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

A Resolución do 14 de maio de 2009 do presidente do IGVS delegou no director xeral do IGVS as facultades que tiña como órgano de contratación o presidente do IGVS.

Posteriormente o Decreto 317/2009, do 4 de xuño, polo que se estableceu a estrutura orgánica do IGVS, regulou no artigo 5 as competencias do director xeral do IGVS e recolle a previsión de que lle corresponderán todas as facultades que lle delegue expresamente o presidente do IGVS.

Así mesmo, a Orde do 15 de xuño de 2009 delegou competencias do conselleiro nos xefes territoriais da consellería e nos xefes de área provincial do IGVS.

A xestión desenvolvida no IGVS no último ano fai preciso, para unha maior axilidade, delegar novas competencias do presidente do IGVS no director xeral do IGVS e nos xefes territoriais da consellería, o que permitirá a axilización administrativa e redundará en beneficio tanto da administración como dos administrados, dentro do rigoroso respecto ás garantías xurídicas. Ao mesmo tempo aprovéitase para refundir a normativa existente en materia de delegación de competencias ao IGVS, de xeito que o cadro competencial resulte claro e preciso.

En consecuencia, visto o disposto nos artigos 10 e 11 c) da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do IGVS, e no Decreto 317/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS, así como no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

RESOLVO:

Artigo 1º

Delegar no director xeral do IGVS as competencias seguintes:

a) As facultades que como órgano de contratación ten atribuídas o presidente do IGVS, sen prexuízo daquelas delegacións de competencias que este teña efectuado noutros órganos administrativos e da delegación de sinatura aos xefes de área provincial do IGVS efectuada por Resolución do 22 de xuño de 2010.

b) A concesión ou denegación de subvencións do organismo autónomo que sexan competencia do presidente do IGVS.

c) A cesión de vivendas de promoción pública aos concellos nos casos de cesión de solo por parte destes, e o alleamento de vivendas de promoción pública aos concellos onde estean situadas.

Artigo 2º

Delegar nos xefes territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas as seguintes competencias:

a) Ditar as resolucións administrativas relativas aos expedientes de desafiuzamento administrativo e, se é o caso, de lanzamento das persoas ocupantes das vivendas propiedade do IGVS, así como aquelas que supoñan a resolución de contratos das vivendas de promoción pública cos seus anexos e dos locais propios do IGVS.

b) A resolución dos expedientes relativos ás subrogacións nos contratos de aluguer das vivendas de promoción pública ou das vivendas en réxime de acceso diferido á propiedade.

Artigo 3º

Delégase nos órganos delegados o coñecemento e resolución dos recursos de reposición potestativos a que dean lugar as resolucións ditadas por delegación.

Artigo 4º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Artigo 5º

En calquera momento o presidente poderá reclamar para si o exercicio das competencias delegadas por esta resolución, das cales quedan excluídas, en todo caso, as recollidas no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido nesta resolución.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Presidente do Instituto Galego da Vivenda e Solo