DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 01 de xullo de 2010 Páx. 12.032

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 25 de xuño de 2010 pola que se modifican as bases reguladoras das primas para o réxime de abandono de viñedo, e se convocan no ano 2010 para a campaña vitícola 2010/2011.

O Regulamento (CE) 491/2009, do Consello, do 25 de maio, que modifica o Regulamento (CE) 1234/2007, polo que se crea unha organización común de mercados agrícolas e se establecen disposicións específicas para determinados produtos agrícolas (Regulamento único para as OCM), prosegue coa aplicación, ata a campaña vitícola 2010/2011, do réxime de primas para os viticultores polo arrinque voluntario dos seus viñedos, instaurado, no capítulo III do título V, polo anterior Regulamento (CE) 479/2008, do Consello, do 29 de abril, que establecía a organización común do mercado vitivinícola.

O Real decreto 1244/2008, do 18 de xullo, polo que se regula o potencial de produción vitícola, desenvolve no capítulo IV o procedemento para a aplicación deste réxime de primas ao abandono definitivo de viñedo.

Pola sua banda, a Orde do 11 de agosto de 2008, da Consellería do Medio Rural (DOG nº 168, do 1 de setembro), establece na sección primeira, as bases reguladores das primas para o abandono de viñedo en Galicia. Previstas estas bases reguladoras con vixencia indefinida, cómpre realizar a convocatoria correspondente a este ano 2010, para a campaña vitivinícola 2010/2011.

Para dar cumprimento ao establecido pola Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización dos medios electrónicos, no que respecta á verificación de datos, cómpre incluír a posibilidade de que, se o interesado dá o seu consentimento, sexa o órgano tramitador das axudas quen comprobe por vía telemática os datos de carácter persoal que figuren no documento de identidade.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é modificar a Orde do 11 de agosto de 2008, da Consellería do Medio Rural (DOG número 168, do 1 de setembro), pola que se establecen as bases reguladores das primas para o abandono de viñedo, e a súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, no ano 2010, para a campaña vitícola 2010/2011.

Sección primeira

Modificación da Orde do 11 de agosto de 2008

Artigo 2º

Engádese un parágrafo 6 ao artigo 9 da Orde do 11 de agosto de 2008, pola que se establecen as bases reguladores das primas para o abandono de viñedo:

«6. Malia o disposto no artigo 8º.1 a) desta orde e, consonte o establecido no artigo 7 da Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (DOG nº 134, do 10 de xullo), pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, os interesados poderán dar o seu consentimento expreso na solicitude, para que o órgano competente da Administración comprobe por medios electrónicos, os seus datos persoais. No caso de non autorizar esta consulta, deberán achegar copia do DNI».

Sección segunda

Convocatoria

Artigo 3º.-Convocatoria.

Convócanse, para o ano 2010, en réxime de concorrencia competitiva, as primas para o arrinque definitivo de viñedo na campaña vitícola 2010/2011, de acordo coas bases reguladoras establecidas na Orde do 11 de agosto de 2008 (DOG nº 168, do 1 de setembro), e coa modificación introducida no artigo segundo desta orde.

Artigo 4º.-Condicións e finalidade.

1. Para poder acceder a estas primas, deberanse cumprir os requisitos establecidos na Orde do 11 de agosto de 2008, (DOG nº 168, do 1 de setembro) pola que se determinan as condicións de concesión das primas para o abandono de viñedo, e coa modificación introducida no artigo segundo desta orde.

2. Estas primas teñen por finalidade acadar o equilibrio entre a oferta e a demanda na procura dun sector vitivinícola competitivo e de calidade.

Artigo 5º.-Instrución e resolución.

Os órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento son, respectivamente, a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria e o conselleiro do Medio Rural.

Artigo 6º.-Prazo e presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse entre o 1 e o 31 de xullo de 2010, no Rexistro Único, ou nos demais lugares e formas previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes, documentación e procedemento de xestión serán os establecidos con carácter xeral na Orde do 11 de agosto de 2008 da Consellería do Medio Rural, pola que se regulan as primas para o abandono de viñedo en Galicia, e coa modificación introducida no artigo segundo desta orde.

3. Segundo o disposto no artigo 48.1º l) da Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, quedan exentos de xustificar o cumprimento das obrigas ás que se refire o artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das primas que non superen os 1.500 euros.

Artigo 7º.-Superficies exentas da aplicación do réxime de abandono na campaña vitícola 2010/2011.

As zonas excluídas da aplicación do réxime de arrinque de viñedo consonte aos puntos primeiro e segundo do artigo 6 da Orde do 11 de agosto de 2008, son, para a campaña vitícola 2010/2011, as que se recollen no anexo.

Artigo 8º.-Prazo de execución.

Consonte o establecido no artigo 11.3º da Orde do 11 de agosto de 2008, a data límite para realizar o arrinque de viñedo naquelas superficies para as que se concederan as primas é o 1 de abril de 2011.

Artigo 9º.-Financiamento.

1. As primas que deriven da aplicación desta orde proceden do Fondo Europeo Agrario de Garantía (Feaga) e estarán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.713-C 772.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, dotada para esta finalidade con 50.000 euros.

2. Esta dotación poderá verse incrementada con outros remanentes orzamentarios, sen prexuízo de posteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias. O incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Disposición adicional

Única.-As referencias feitas na Orde do 8 de agosto de 2008, ao Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, e ao Real decreto 2352/2004, do 23 de decembro, deberán entenderse referidas, respectivamente, ao Regulamento (CE) 73/2009 do Consello, do 19 de xaneiro, e ao Real decreto 486/2009, do 3 de abril.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Faculto o director xeral de Producción Agropecuaria para ditar as instruccións que considere oportunas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Ver referencia pdf "12400D007P024.PDF"