DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 01 de xullo de 2010 Páx. 12.020

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 21 de xuño de 2010 pola que se actualiza a oferta modular polo réxime de persoas adultas, en modalidade presencial, de ciclos formativos de formación profesional en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano académico 2010-2011.

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aprobou o Estatuto de autonomía de Galicia, e o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, recoñécenlle á nosa comunidade autónoma as competencias en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado en todos os niveis e graos, modalidades e especialidades, consonte os preceptos emanados da Constitución e das leis que lle sexan de aplicación, competencias que foron asumidas polo Decreto 114/1982, do 1 de setembro, e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no seu artigo 2.

No marco destas competencias, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co propósito de actualizar a cualificación dos cidadáns e das cidadás, persegue como un dos obxectivos básicos para a formación profesional o de dar unha resposta puntual e adecuada ás necesidades de formación profesional provintes do mundo produtivo.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 5.1º que todas as persoas deben ter a posibilidade de se formar ao longo da vida, dentro e fóra do sistema educativo, co fin de adquirir, actualizar, completar e ampliar os seus coñecementos, así como as súas capacidades, habilidades, aptitudes e competencias, para o seu desenvolvemento persoal e profesional. Ademais, o artigo 5.2º establece que o sistema educativo ten como principio propiciar a educación permanente. Para tal efecto, debe preparar o alumnado para aprender por si mesmo e débelles facilitar ás persoas adultas a súa incorporación ás ensinanzas, favorecendo a conciliación da aprendizaxe coas outras responsabilidades e actividades.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, ten por obxecto a ordenación dun sistema integral de formación profesional, cualificación e acreditación que responda con eficacia e transparencia ás demandas sociais e económicas a través das diversas modalidades formativas.

O Decreto 88/1999, do 11 de marzo (DOG do 13 de abril), polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación de persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros, establece no artigo 5 que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adecuará as ensinanzas de formación profesional ás peculiaridades e características das persoas adultas.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria presenta a oferta de ciclos formativos polo réxime para as persoas adultas, de xeito parcial por módulos, consciente de que esta modalidade facilita a cualificación profesional, xa que ofrece a posibilidade de abordar a realización dun ciclo formativo con máis flexibilidade e permite dar resposta ás demandas que suscitan o mercado laboral e os colectivos específicos. Para unha resposta máis adecuada aos cambios que se produzan, é aconsellable que a autorización dos ciclos formativos de xeito modular se realice para cada ano académico.

De acordo coas competencias que ten conferidas, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º

Actualizar a oferta modular, polo réxime de persoas adultas, na modalidade presencial, de ciclos formativos de formación profesional en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano académico 2010-2011, segundo se relaciona no anexo desta orde, que serán cofinanciados polo Fondo Social Europeo nun 80% para gastos de funcionamento e de profesorado.

Artigo 2º

Exixir un mínimo de doce solicitudes de matrícula admitidas por cada centro educativo nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, e de oito solicitudes en cada centro do resto de Galicia, para cada un dos módulos formativos de grao medio ou superior. Un número menor de solicitudes precisa a autorización expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para pór en funcionamento este ensino, e mentres non se dispoña desta autorización non se poderá formalizar ningunha matrícula. A condición do número mínimo de alumnado débeselles comunicar ás persoas interesadas no momento da súa preinscrición.

Disposicións adicionais

Primeira.-Ampliación da oferta do réxime de persoas adultas coas prazas vacantes no réxime ordinario.

1. As prazas que resulten vacantes, logo de finalizadas as correspondentes fases de admisión e matrícula polo réxime ordinario, poderán ser ocupadas en réxime de persoas adultas. Para estes efectos amplíase a oferta modular, polo réxime de persoas adultas, de ciclos formativos de formación profesional en todos os centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan autorizada a oferta polo réxime ordinario para o ano académico 2010-2011.

2. No caso de ciclos formativos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en proceso de implantación, unicamente será de aplicación aos módulos profesionais do primeiro curso.

Segunda.-Organización do horario das ensinanzas de formación profesional no réxime para as persoas adultas.

1. Os centros educativos que se relacionan no anexo desta orde que oferten todos os módulos dun ciclo formativo garantirán que o alumnado que teña dispoñibilidade horaria poida rematar todos os módulos de formación no centro educativo en dous cursos académicos, no caso de ciclos formativos de 2.000 horas de duración, ou ben nun curso académico, no caso de ciclos formativos de menos de 2.000 horas de duración, sen prexuízo do establecido no artigo 19.4º d) da Orde do 23 de abril de 2007 pola que se regula o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional, en réxime ordinario e para as persoas adultas, e as probas libres para a obtención dos títulos de técnico e técnico superior.

2. Co fin de facilitar a formación permanente ao longo da vida e que as persoas avancen no seu itinerario de formación profesional, os centros educativos que oferten ensinanzas de títulos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, polo réxime de persoas adultas, procurarán organizar a distribución horaria dos módulos profesionais para permitir que o alumnado poida acreditar as unidades de competencia que conformen cualificacións profesionais incluídas no Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

Autorízanse a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e a Secretaría Xeral para adoptaren as medidas precisas para a execución desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "12400D004P012.PDF"