DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 01 de xullo de 2010 Páx. 12.019

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 23 de xuño de 2010 pola que se delegan competencias en materia de vivenda e solo nos xefes territoriais da consellería e nos xefes de área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

O Decreto 83/2009, do 21 de abril, fixou a nova estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, suprimiu a Consellería de Vivenda e Solo e adscribiu o organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

A Orde do 14 de maio de 2009 delegou competencias do conselleiro no director xeral do IGVS.

Posteriormente, os Decretos 316/2009 e 317/2009, do 4 de xuño, estableceron respectivamente as estruturas orgánicas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Así mesmo, a continuación, a Orde do 15 de xuño de 2009 delegou competencias do conselleiro nos xefes territoriais da consellería e nos xefes de área provincial do IGVS.

A xestión desenvolvida no IGVS no último ano fai preciso, para unha maior axilidade, delegar novas competencias do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas nos xefes territoriais da consellería e nos xefes de área provincial do IGVS, o que permitirá a axilización administrativa e redundará en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do rigoroso respecto ás garantías xurídicas. Ao mesmo tempo aproveitase para refundir a normativa existente en materia de delegación de competencias ao IGVS, de xeito que o cadro competencial resulte claro e preciso.

En consecuencia, en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, o Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se estableceu a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse nos xefes territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas as seguintes competencias:

a) A imposición de sancións por infraccións moi graves, establecidas no artigo 115 c) da Lei 18/2008, do 29 de decembro, de vivenda de Galicia, así como a aprobación das medidas complementarias previstas na citada lei.

b) A cualificación das vivendas de promoción pública, así como as resolucións dos recursos potestativos de reposición a que deran lugar os ditos actos administrativos.

Artigo 2º

Deléganse nos xefes de área provincial do IGVS, polo que respecta ao Programa de renda básica de emancipación: as resolucións de concesión ou denegación provisional e as definitivas, así como as resolucións dos recursos potestativos de reposición a que dean lugar os ditos actos administrativos.

Artigo 3º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Artigo 4º

En calquera momento o conselleiro poderá reclamar para si o exercicio das competencias delegadas por esta orde, das cales quedan excluídas, en todo caso, as recollidas no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º

Quedan revogadas as delegacións de competencias conferidas polas ordes do 14 de maio de 2009 e de 15 de xuño de 2009 sobre delegación de competencias en materia de vivenda por parte do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas