DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 01 de xullo de 2010 Páx. 12.018

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 104/2010, do 17 de xuño, polo que se regula o réxime tarifario da autoestrada autonómica Alto de Santo Domingo-A52.

A Xunta de Galicia ten entre os seus obxectivos fundamentais a mellora da ordenación do territorio da comunidade autónoma. Para acadar tal obxectivo, cómpre dotar Galicia dunha ampla rede de infraestruturas viarias, que actúen como elementos vertebradores do territorio.

Unha das actuacións que contribúe a acadar este obxectivo é a autoestrada entre Santiago de Compostela e Ourense.

O Ministerio de Fomento abordou a execución do primeiro treito desta vía entre Santiago de Compostela e o Alto de Santo Domingo.

Por outra banda, en virtude do acordo asinado co Ministerio de Fomento con data do 23 de decembro de 2002, a Xunta de Galicia, co obxecto de asumir a execución do treito restante da autoestrada desde Alto de Santo Domingo ata a conexión coa autovía A-52, creou a Sociedade Pública Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense, S.A., Aceousa, e, mediante o Decreto 432/2003, do 5 de decembro, regulouse a construción, explotación e conservación e os termos da xestión por aquela sociedade deste treito.

O citado Acordo do 23 de decembro de 2002, recolle o compromiso da Xunta de Galicia de establecer as mesmas tarifas de peaxe para o treito de titularidade autonómica que para o treito Santiago-Alto de Santo Domingo.

En exercicio das súas competencias, a Xunta de Galicia aprobou o Decreto 193/2007, do 4 de outubro, polo que se regulan os termos da xestión do treito Alto de Santo Domingo-enlace de Cea. Esta disposición supuxo a asunción por parte da Administración autonómica das peaxes que resultarían de aprobar, para este treito, a aplicación das tarifas vixentes nos itinerarios da autoestrada de titularidade estatal, entre Santiago de Compostela e o Alto de Santo Domingo.

Así mesmo, a Xunta de Galicia aprobou o Decreto 300/2008, do 30 de decembro, polo que se regulan os termos da xestión do treito enlace de Cea-A52, da autoestrada autonómica Alto de Santo Domingo-A52. Mediante este decreto, a Administración autonómica asumiu as peaxes deste itinerario e con este obxecto aprobou a aplicación das tarifas vixentes no treito Alto de Santo Domingo-enlace de Cea para o novo treito enlace de Cea-A52, o que permitía asegurar a adecuación daquelas a prezos de mercado, ademais de manter a necesaria coherencia da actuación da Administración autonómica coa estatal, todo isto no marco dos acordos subscritos no seu día.

Na actualidade, faise preciso regular o réxime de actualización das tarifas aprobadas, de acordo co disposto na cláusula segunda do Acordo do 23 decembro de 2002 co Ministerio de Fomento.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de xuño de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º

En cumprimento do Acordo do 23 decembro de 2002 co Ministerio de Fomento, as tarifas aplicables para determinar os importes que a sociedade pública Aceousa debe percibir como ingresos propios, son as que se aproban para o treito da autoestrada Santiago de Compostela-Alto de Santo Domingo.

Artigo 2º

Apróbanse as tarifas de aplicación á autoestrada de titularidade autonómica entre Alto de Santo Domingo e a autovía A-52 para o ano 2010.

Vehículos lixeiros 0,0779 €/km máis IVE

Vehículos pesados 1 0,1315 €/km máis IVE

Vehículos pesados 2 0,1560 €/km máis IVE

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ben que os seus efectos se producirán desde o día 1 de xaneiro de 2010.

Santiago de Compostela, dezasete de xuño de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas