DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 01 de xullo de 2010 Páx. 12.015

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

DECRETO 103/2010, do 17 de xuño, polo que se modifica o Decreto 39/2007, do 8 de marzo, polo que se regula a composición e funcionamento das comisións territoriais do Patrimonio Histórico Galego.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece nos artigos 27.18º e 37 que, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1º 18 da Constitución respecto á defensa do patrimonio cultural, artístico e monumental español contra a exportación e a espoliación, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de patrimonio histórico, artístico, arquitectónico e arqueolóxico de interese para a devandita comunidade.

En exercicio desa competencia, promúlgase a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, cuxo artigo sétimo regula un conxunto de órganos asesores da consellería competente en materia de patrimonio cultural, entre os que se atopan as comisións territoriais do Patrimonio Histórico Galego, e remite ao posterior desenvolvemento regulamentario o establecemento da súa composición e funcionamento.

Para dar cumprimento a ese mandato legal, por proposta da consellería competente en materia de cultura, con data do 8 de marzo de 2007, o Consello da Xunta de Galicia aproba o Decreto 39/2007, polo que se regula a composición e o funcionamento das comisións territoriais do Patrimonio Histórico Galego, que agora é obxecto de modificación.

Por unha parte, con este decreto introdúcense modificacións puntuais en canto á composición das comisións territoriais, co fin de adecuar a regulación da súa composición ás modificacións na organización administrativa da Xunta de Galicia, asegurar unha axeitada representatividade da Administración local e conseguir unha maior operatividade no desempeño das atribucións a elas encomendadas.

Por outra banda, descárgase ás comisións da función de emitir informe preceptivo e previo sobre as solicitudes de autorización de obras de menor entidade pola súa escasa incidencia no patrimonio cultural galego e que afecten directamente os bens inventariados e os seus contornos de protección, para evitar atrasos innecesarios na súa tramitación. A experiencia e razóns prácticas aconsellan que as comisións manteñan a competencia de informar sobre calquera tipo de intervención directa sobre os bens de interese cultural e a posibilidade de exercer un asesoramento sobre todas as obras realizadas en bens protexidos dentro do seu ámbito territorial, pero tamén que se evite que deban pronunciarse a priori sobre aquelas obras consideradas menores en canto á súa afección sobre o patrimonio. Deste xeito, gáñase en eficacia á vez que quedan garantidas as súas funcións como órganos asesores en materia de patrimonio cultural.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do dezasete de xuño de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o Decreto 39/2007, do 8 de marzo, polo que se regula a composición e o funcionamento das comisións territoriais do Patrimonio Histórico Galego, nos seguintes termos:

Un.-Modifícase o punto 1 do artigo 1º, que queda redactado como segue:

«1. As comisións territoriais do Patrimonio Histórico son órganos asesores da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural, de carácter colexiado, que dependen organicamente da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e funcionalmente de cada un dos departamentos territoriais da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural».

Dous.-Modifícase o artigo 2º, que queda redactado como segue:

«Artigo 2º.-Funcións.

Son funcións das comisións territoriais do Patrimonio Histórico, con competencia dentro do ámbito territorial respectivo das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra:

a) Emitir informe sobre os expedientes de proxectos de obras e intervencións que afecten os bens incluídos no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, coas seguintes excepcións: aqueles que promova directamente a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, os que afecten o patrimonio da Igrexa Católica e conxuntos históricos declarados de interese cultural que teñan aprobado un plan especial de protección, aqueles que correspondan ao Comité Asesor do Camiño de Santiago e aqueles outros relativos a obras de entidade menor que afecten directamente os bens inventariados e os seus contornos de protección.

b) Asesorar e emitir os informes ou ditames que, dentro do seu ámbito territorial, lles sexan solicitados pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural sobre as avaliacións de impacto ambiental e o planeamento urbanístico, programas e plans que poidan afectar os bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, así como calquera outro tipo de pronunciamentos, por requirimento da propia Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, nas materias da súa competencia.

c) Elevar proposta razoada para a incoación de expedientes de declaración de ben de interese cultural, de inclusión de bens no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e no Inventario xeral, así como informar sobre as propostas efectuadas a este respecto por outros organismos ou por particulares.

d) Calquera outra función que lle veña atribuída pola lexislación vixente».

Tres.-Modifícase o artigo 3º, que queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 3º.-Composición.

1. As comisións territoriais do Patrimonio Histórico estarán integradas polos seguintes membros, con voz e voto: o presidente ou presidenta, o vicepresidente ou vicepresidenta e as persoas que ocupen as vogalías.

2. Actuará como presidente ou presidenta a persoa titular da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural.

3. Actuará como vicepresidente/a a persoa titular do departamento territorial da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural.

4. Serán vogais de cada unha das comisións territoriais do Patrimonio Histórico:

a) O/A titular da xefatura do Servizo de Patrimonio Cultural do respectivo departamento territorial da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural.

b) Unha persoa en representación da consellería competente en materia de urbanismo.

c) Unha persoa en representación do Consello da Cultura Galega.

d) Unha persoa en representación da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario.

e) Unha persoa en representación da universidade pública do ámbito territorial respectivo.

f) Unha persoa en representación da deputación provincial correspondente.

g) Un arquitecto ou arquitecta do Servizo de Patrimonio Cultural do respectivo departamento territorial da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural.

h) Un arqueólogo ou arqueóloga do Servizo de Patrimonio Cultural do respectivo departamento territorial da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural.

i) Dúas persoas de recoñecido prestixio e coñecemento en materia de patrimonio cultural designadas polo titular da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural.

Actuará como secretario ou secretaria a persoa titular da xefatura do Servizo de Patrimonio Cultural do respectivo departamento territorial da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural. En función das necesidades, poderá asistir ás reunións, sen voz e sen voto, unha persoa funcionaria nomeada pola presidencia para axudar nas funcións propias da secretaría.

5. A designación e cesamento das persoas que ocupen as vogalías membros das comisións territoriais do Patrimonio Histórico que non o sexan por razón dos seus cargos, e os seus respectivos suplentes, corresponde ao titular da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural, por proposta das entidades e órganos citados. A designación farase procurando acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na composición total de cada comisión.

6. Con excepción das persoas que ocupen as vogalías a que fai referencia o punto 4º deste artigo nas letras a), g) e h), os nomeamentos de vogal das comisións territoriais do Patrimonio Histórico terán unha duración de dous anos prorrogables por outros dous.

7. A persoa titular da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural poderá cesar os membros das comisións territoriais do Patrimonio Histórico polas seguintes causas:

a) Renuncia.

b) Renovación polo transcurso do prazo de nomeamento, se é o caso.

c) Condena por delito en virtude de sentenza firme.

d) Incapacidade declarada por decisión xudicial firme.

e) Petición da entidade ou órgano que propuxo o nomeamento.

f) Incumprimento grave dos seus deberes.

8. As vacantes que se produzan entre as persoas que ocupen as vogalías das comisións por causa de defunción, incapacidade ou cesamento, serán postas en coñecemento da entidade ou organismo a quen representen, para que propoña a designación doutra persoa polo período que restase, se for o caso, ao vogal inicialmente designado, dentro do prazo dun mes desde que se producise o feito causante.

9. As persoas que ocupen as vogalías das comisións territoriais do Patrimonio Histórico non poderán atribuírse as funcións de representación delas, salvo que se lles outorgasen expresamente mediante acordo validamente adoptado, para cada caso concreto, pola propia comisión.

10. Serán motivos de abstención e recusación dos membros das comisións territoriais do Patrimonio Histórico, os previstos con carácter xeral na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

11. Os membros das comisións, incluída a persoa que, de ser o caso, axude ao titular da secretaría, terán dereito a percibir unha indemnización en concepto de axudas de custo de acordo coa normativa xeral da Xunta de Galicia».

Catro.-Os puntos segundo e terceiro do artigo 4º terán a seguinte redacción:

«2. Así mesmo, será convocada ás sesións, con voz e sen voto, unha persoa en representación de cada concello directamente afectado nos asuntos que se van tratar en cada sesión.

Poderán asistir tamén, con voz pero sen voto, as persoas, representantes de organismos, institucións e entidades públicas ou privadas, que polas súas actividades, coñecementos ou experiencia, se estime conveniente para a resolución dos asuntos que se vaian tratar.

3. Os asuntos sometidos a ditame irán acompañados dos informes técnicos necesarios para a súa correcta resolución. Estes informes serán elaborados con carácter ordinario por persoal técnico ao servizo do departamento territorial da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural».

Cinco.-Modifícase o punto segundo do artigo 6º, que queda redactado como segue:

«2. Nos casos de vacante, ausencia, imposibilidade ou outra causa legal, o vicepresidente ou vicepresidenta da comisión será substituído pola persoa funcionaria que designe a presidencia».

Seis.-Engádense dous parágrafos ao artigo 9º, que queda redactado así:

«Artigo 9º.-Tramitación de expedientes.

Para admitir un expediente para os efectos do seu exame, informe ou ditame polas comisións territoriais do Patrimonio Histórico, será necesaria a presentación da documentación que se determinará na normativa de desenvolvemento deste decreto.

As solicitudes de autorización de obras de entidade menor que afecten directamente os bens inventariados e os seus contornos de protección que, de conformidade co disposto no artigo 2º a), quedan excluídas do informe preceptivo previo das comisións territoriais do Patrimonio Histórico, serán examinadas polos servizos técnicos dos departamentos territoriais correspondentes, que emitirán informe. No prazo de 3 meses desde a súa emisión, a persoa titular da secretaría de cada Comisión dará conta aos seus membros da relación dos informes evacuados polos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural en relación coas devanditas obras, con indicación do seu sentido, favorable ou desfavorable.

Non obstante, estas solicitudes requirirán informe das comisións territoriais do Patrimonio Histórico se os servizos técnicos consideran que non se adaptan á categoría de obra de entidade menor.

Para estes efectos, considéranse obras de entidade menor aquelas obras e instalacións de técnica simple e escasa entidade construtiva e económica, que non requiran o proxecto específico dun técnico superior ao non afectar elementos estruturais, que non supoñan alteración do volume, do uso, das instalacións e servizos de uso común ou do número de vivendas e locais, nin afecten o deseño exterior, a cimentación, a estrutura ou as condicións de habitabilidade ou seguridade dos edificios ou instalacións de toda clase».

Sete.-Modifícase o artigo 10º, que queda redactado como segue:

«Artigo 10º.-Presentación de solicitudes.

A presentación de solicitudes para a súa tramitación pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e que teñan que contar co informe das comisións deberá realizarse a través do correspondente concello, que achegará o oportuno informe urbanístico indicando a viabilidade da obra, a identificación do ben cultural afectado e a norma de aplicación.

Poden dirixirse directamente á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural aquelas solicitudes relativas a obras de infraestruturas ou instalacións de incidencia supramunicipal, e as promovidas por outras administracións públicas, ás que se achegarán os correspondentes informes municipais sobre a viabilidade da obra e un estudo de afección da devandita actuación sobre patrimonio cultural de Galicia».

Disposicións adicionais

Primeira.-As comisións territoriais do Patrimonio Histórico constituiranse coa configuración establecida por este decreto no prazo de dous meses contados desde a entrada en vigor deste.

Segunda.-Por parte da consellería competente en materia de patrimonio cultural solicitarase ás entidades e organismos aos cales corresponda propoñer a designación de representantes nas comisións territoriais do Patrimonio Histórico que comuniquen a súa proposta de membros titulares e suplentes no prazo dun mes dende o día da entrada en vigor deste decreto.

Disposición transitoria

As comisións territoriais do Patrimonio Histórico, coa actual composición, continuarán coas funcións que tiñan encomendadas ata a súa nova constitución.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de xuño de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Roberto Varela Fariña

Conselleiro de Cultura e Turismo