DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Luns, 28 de xuño de 2010 Páx. 11.795

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 30 de abril de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de instalación de centrais de biomasa seleccionados consonte a Orde do 14 de novembro de 2008 pola que se determina o obxectivo de potencia máxima en megavatios para tramitar no período 2008-2012 e se abre o prazo para a presentación de solicitudes de autorización de centrais de biomasa.

Antecedentes de feito:

Primeiro.-A Orde do 14 de novembro de 2008 pola que se determina o obxectivo de potencia máxima en megavatios para tramitar no período 2008-2012 e se abre o prazo para a presentación de solicitudes de autorización de centrais de biomasa (DOG nº 229, do 25 de novembro) estableceu unha potencia máxima para tramitar no citado período de 80 MW, fixando un prazo de tres meses para a presentación de solicitudes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia, de acordo co sinalado no artigo 7 do Decreto 149/2008, do 26 de xuño, polo que se regula o procedemento de autorización das instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir da valorización enerxética da biomasa forestal primaria na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 141, do 22 de xullo).

Segundo.-As solicitudes para a instalación de plantas de produción de enerxía eléctrica a partir de biomasa forestal primaria relacionadas a continuación foron presentadas dentro do prazo establecido pola Orde do 14 de novembro de 2008:

Ver referencia pdf "12100D001P007.PDF"

Terceiro.-As seguintes solicitudes foron incorporadas automaticamente á convocatoria en virtude da disposición transitoria do Decreto 149/2008, do 26 de xuño, ao seren efectuadas con anterioridade á publicación da Orde do 14 de novembro de 2008:

Ver referencia pdf "12100D001P007.PDF"

Cuarto.-Mediante Resolución do 4 de xuño de 2009 (DOG nº 141, do 21 de xullo) aprobouse a lista provisional de anteproxectos admitidos e excluídos ao abeiro da Orde do 14 de novembro de 2008, indicando as deficiencias detectadas en cada solicitude e fixando un prazo de dez días hábiles para proceder á súa emenda. As empresas que non efectuaron esta emenda ou renunciaron a proseguir o expediente atópanse relacionadas no punto dous do «Resolvo».

Quinto.-Con datas 29-9-2009, 13-10-2009, 30-10-2009 e 3-11-2009, remitiuse á Consellería do Medio Rural copia do Plan empresarial de aproveitamento da biomasa forestal primaria de todas aquelas solicitudes que completaron correctamente a documentación requirida polo Decreto 149/2008, do 26 de xuño, co fin de emitir o informe sinalado no seu artigo 9.

Das mencionadas solicitudes, nas mesmas datas, remitiuse á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas copias tanto do Plan empresarial de aproveitamento da biomasa como unha separata do anteproxecto da instalación e a análise previa das afeccións ambientais e medidas correctoras previstas, co fin de emitir os informes sinalados no artigo citado anteriormente.

Sexto.-A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas remite, con datas 27-11-2009, 12-12-2009, 16-2-2010 e 14-4-2010, informe sobre a necesidade de someter os anteproxectos ao trámite de avaliación ambiental.

Sétimo.-A Consellería do Medio Rural remite, con data 11-3-2010, unha proposta de viabilidade de solicitudes de autorización de centrais de biomasa forestal primaria e con data 18-3-2010 unha proposta de prelación de solicitudes de autorización de centrais de biomasa forestal primaria.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-A Consellería de Economía e Industria é a competente para a tramitación deste procedemento consonte o Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia. O Decreto 149/2008, do 26 de xuño, polo que se regula o procedemento de autorización das instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir da valorización enerxética da biomasa forestal primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, establece a competencia da Consellería de Economía e Industria para a resolución do procedemento.

Segundo.-O artigo 10.3º do Decreto 149/2008, do 26 de xuño, indica que unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, se a suma da potencia de estas supera a potencia prevista na Orde do 14 de novembro de 2008, como é o caso, a consellería competente en materia de enerxía solicitará da consellería competente en materia de montes unha proposta de prelación de solicitudes consonte os criterios establecidos no artigo 11 do devandito decreto. Neste caso, mediante resolución da persoa titular da consellería competente en materia de enerxía aprobarase a relación dos anteproxectos seleccionados, incluíndo ademais unha lista priorizada de anteproxectos suplentes.

Terceiro.-Os informes emitidos de cada unha das solicitudes sobre necesidade de sometemento a avaliación ambiental por parte da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas recollidos no artigo 9.3º do Decreto 149/2008, do 26 de xuño, indican que, coa excepción de dous anteproxectos, non procede o sometemento dos anteproxectos obxecto de consulta ao trámite de impacto ou efectos ambientais.

No caso dos dous anteproxectos exceptuados, A Veiga e Ordes-Arzúa, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sostén que procede cualificar os citados anteproxectos como sometidos ao trámite de avaliación ambiental, no suposto de que resulten seleccionados.

Cuarto.-A Dirección Xeral de Montes, na proposta de viabilidade de solicitudes de autorización de centrais de biomasa forestal recollida no artigo 9.1º do Decreto 149/2008 remitida á Consellería de Economía e Industria, establece a viabilidade de todos os plans empresariais de aproveitamento da biomasa forestal presentados con excepción do plan pertencente ao anteproxecto denominado Intasa por mor da deficiente documentación presentada.

A proposta de prelación de solicitudes de autorización de centrais de biomasa elaborada pola Dirección Xeral de Montes empregou como criterios de valoración os establecidos no artigo 11 do Decreto 149/2008, do 26 de xuño, establecendo a seguinte repartición de porcentaxes sen que en ningún caso a importancia relativa de cada criterio supere máis do 30% do total:

Ver referencia pdf "12100D001P007.PDF"

O Decreto 149/2008, do 26 de xuño, describe no seu artigo 2 b) a figura das áreas de xestión de biomasa (AXB) como áreas estratéxicas en función da potencialidade do recurso e da loxística da subministración, integrada por un conxunto de concellos que serven de base territorial para un Plan empresarial de aproveitamento da biomasa e para a construción e o funcionamento dunha central de biomasa.

Na proposta de prelación de solicitudes de autorización de centrais de biomasa elaborada pola Dirección Xeral de Montes efectúase unha distribución de todas as solicitudes presentadas tendo en conta sete áreas de xestión da biomasa (AXB), situando cada solicitude na área correspondente en función da incidencia que a planta de produción de enerxía eléctrica a partir de biomasa primaria teña nela.

Estas áreas, de acordo coa proposta de prelación presentada pola Dirección Xeral de Montes, son as seguintes:

Ver referencia pdf "12100D001P007.PDF"

Unha vez calculada a puntuación de cada solicitude e realizado o estudo de concorrencia e compatibilidade entre elas, elaborouse unha prelación inicial de solicitudes de autorización de centrais de biomasa forestal primaria en que se asignou a cada unha das sete áreas forestais a solicitude máis favorable:

Ver referencia pdf "12100D001P007.PDF"

A citada prelación inicial ascendía a unha potencia total de 44 MW, inferior aos 80 MW establecidos pola Orde do 14 de novembro de 2008 pola que se determina o obxectivo de potencia máxima en megavatios para tramitar no período 2008-2012 e se abre o prazo para a presentación de solicitudes de autorización de centrais de biomasa, polo que se procedeu a incluír as solicitudes adicionais relacionadas a continuación co fin de completar a totalidade da potencia dispoñible, acadándose finalmente 81,02 MW, tendo en conta como factores para a súa elección a existencia de biomasa forestal suficiente na área, o efecto positivo sobre a loita contra o lume da presenza dunha planta de biomasa forestal e a compatibilidade entre as solicitudes seleccionadas inicialmente e as novas incorporacións.

Ver referencia pdf "12100D001P007.PDF"

Quinto.-A suma da potencia de todos os anteproxectos incluídos na proposta de prelación de solicitudes de autorización de centrais de biomasa forestal primaria emitida pola Dirección Xeral de Montes é de 81,016 MW, superando en 1,016 MW o obxectivo de potencia de 80 MW establecido na Orde do 14 de novembro de 2008 pola que se determina o obxectivo de potencia máxima en megavatios para tramitar no período 2008-2012 e se abre o prazo para a presentación de solicitudes de autorización de centrais de biomasa.

Co fin de adecuar a suma das potencias dos anteproxectos incluídos na proposta de prelación de solicitudes coa previsión de potencia recollida na Orde do 14 de novembro de 2008, procédese a minorar a potencia solicitada no anteproxecto presentado pola promotora Enerxías Renovables de Galicia, S.L. denominado A Veiga, incorporado á prelación coa finalidade de completar a totalidade da potencia dispoñible e que contou coa valoración mais baixa, pasando de 2 MW a 0,984 MW.

O procedemento para a confección da prelación de solicitudes baseouse en dous factores, por unha banda a valoración obtida por cada anteproxecto seguindo os criterios de valoración establecidos no artigo 11 do Decreto 149/2008, do 26 de xuño, e, por outra banda, a compatibilidade entre anteproxectos tendo en conta a súa situación xeográfica, sempre na zona de influencia dalgunha das sete áreas forestais de produción de biomasa forestal primaria a que se adscribisen.

Como consecuencia do exposto anteriormente, ao producirse unha renuncia ou o incumprimento do establecido nos artigos 12 e 15 do Decreto 149/2008, do 26 de xuño, por parte dalgún dos anteproxectos seleccionados e por tanto a súa exclusión, sería necesario realizar unha reformulación da lista de anteproxectos suplentes, que non é posible realizar a priori debido ás importantes variacións que esta experimentaría dependendo de que anteproxectos son excluídos.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro.-Aprobar os anteproxectos prelacionados a continuación ao abeiro da Orde do 14 de novembro de 2008 pola que se determina o obxectivo de potencia máxima en megavatios para tramitar no período 2008-2012 e se abre o prazo para a presentación de solicitudes de autorización de centrais de biomasa.

Ver referencia pdf "12100D001P007.PDF"

Segundo.-Excluír do procedemento os anteproxectos incluídos na seguinte relación, indicando o motivo da exclusión:

Ver referencia pdf "12100D001P007.PDF"

Terceiro.-Incorporar os seguintes anteproxectos á lista de anteproxectos suplentes:

Ver referencia pdf "12100D001P007.PDF"

Contra a presente resolución, que é definitiva na vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes dende o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido no artigo 116.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde a mesma data, ao amparo do disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen procedente.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2010.

P.D. (Orde 30-4-2009,

DOG nº 87, do 6 de maio)

José Riesgo Boluda

Secretario xeral da Consellería

de Economía e Industria