DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Venres, 25 de xuño de 2010 Páx. 11.714

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

MINISTERIO DE POLÍTICA TERRITORIAL

REAL decreto 753/2010, do 4 de xuño, de ampliación dos medios patrimoniais adscritos aos servizos traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia por diversos reais decretos de traspasos de funcións e servizos.

En diversos reais decretos que aprobaron acordos de traspaso de funcións e servizos en diferentes materias á Comunidade Autónoma de Galicia a Administración do Estado recoñeceu unha débeda de superficie a favor da comunidade autónoma que se debe ir saldando a través das correspondentes ampliacións daqueles traspasos.

Na actualidade, procede completar os traspasos aprobados no seu momento, mediante a ampliación de determinados bens patrimoniais, facendo posible, así mesmo, que a Administración do Estado liquide parte da débeda de superficie recoñecida á Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia e o Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, determinan as normas e o procedemento a que se deben axustar os traspasos de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade con todo o anterior, a Comisión Mixta de Transferencias Administración do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia adoptou, na súa reunión do día 23 de decembro de 2008, o oportuno acordo de ampliación dos medios patrimoniais traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia por diversos reais decretos de traspasos de funcións e servizos, que eleva ao Goberno para a súa aprobación mediante real decreto.

Na súa virtude, en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, por proposta do ministro de Política Territorial, e logo de deliberación do Consello de Ministros, na súa reunión do día 4 de xuño de 2010,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o Acordo da Comisión Mixta de Transferencias Administración do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, adoptado polo Pleno na súa reunión do 23 de decembro de 2008, polo que se amplían os medios patrimoniais traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia por diversos reais decretos de traspasos de funcións e servizos.

Artigo 2º

En consecuencia, quedan traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia os bens inmobles que figuran na relación adxunta ao propio acordo da Comisión Mixta, nos termos e condicións que alí se especifican.

Artigo 3º

A ampliación de medios a que se refire este real decreto terá efectividade a partir do día sinalado no acordo da Comisión Mixta.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Este real decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Madrid, 4 de xuño de 2010.

Juan Carlos R.

Manuel Chaves González

Vicepresidente terceiro do Goberno e ministro de Política Territorial

ANEXO

Carmen Cuesta Gil e Xoán Antón Pérez-Lema López, secretarios da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia,

Certifican:

Que no Pleno da Comisión Mixta de Transferencias Administración do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, do día 23 de decembro de 2008, se adoptou un acordo de ampliación dos medios patrimoniais traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia por varios reais decretos de traspasos de funcións e servizos, nos termos que a seguir se especifican:

A) Antecedentes.

En diversos reais decretos que aprobaron acordos de traspaso de funcións e servizos en diferentes materias á Comunidade Autónoma de Galicia a Administración do Estado recoñeceu unha débeda de superficie a favor da comunidade autónoma que se debe ir saldando a través das correspondentes ampliacións daqueles traspasos.

Neste momento, a través do traspaso das superficies especificadas na relación adxunta, a Administración do Estado liquida parte da débeda de superficie recoñecida á Comunidade Autónoma de Galicia mediante a ampliación dos medios patrimoniais adscritos aos servizos traspasados polo Real decreto 3564/1983, do 5 de outubro, sobre traspaso de funcións e servizos en materia de estudos de ordenación do territorio e ambiente; o Real decreto 971/1984, do 28 de maio, sobre traspaso de funcións e servizos en materia de ambiente; o Real decreto 1976/1984, do 26 de setembro, sobre valoración definitiva e ampliación de medios adscritos aos servizos traspasados en materia de estradas; o Real decreto 659/1985, do 17 de abril, sobre traspaso de funcións e servizos en materia de ordenación do litoral e verteduras ao mar; o Real decreto 1870/1985, do 11 de setembro, sobre traspaso de funcións e servizos en materia de abastecemento de auga, saneamento, canalización e defensa de marxes e o Real decreto

534/1988, do 27 de maio, sobre traspaso de funcións e servizos en materia de acción territorial.

En consecuencia, sobre a base destas previsións legais, procede completar os traspasos aprobados polos citados reais decretos mediante a ampliación de determinados bens patrimoniais. Con esta ampliación os inmobles relacionados quedan traspasados na súa totalidade á Comunidade Autónoma de Galicia.

B) Bens inmobles que son obxecto de ampliación.

Modifícase a titularidade dos bens inmobles que resultan das especificacións contidas na relación adxunta número 1.

C) Documentación e expedientes dos inmobles que se traspasan.

A entrega da documentación e expedientes dos inmobles que se traspasan realizarase no prazo de seis meses desde a data de efectividade deste acordo.

D) Data de efectividade.

A ampliación dos medios patrimoniais obxecto deste acordo terá efectividade a partir do día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

E, para que conste, expedimos esta certificación en Madrid o 23 de decembro de 2008. Os secretarios da Comisión Mixta. Asdo.: Carmen Cuesta Gil e Xoán Antón Pérez-Lema López.

Ver referencia pdf "12000D001P006.PDF"

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DO MAR