DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 23 de xuño de 2010 Páx. 11.587

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza, se aproba o proxecto de execución e se inclúe no réxime especial de produción de enerxía eléctrica unha modificación substancial da instalación de coxeración que Gallega de Cogeneración, S.A. posúe en San Cibrao das Viñas (Ourense).

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 7 de xullo de 1994, a Dirección Xeral de Industria resolveu autorizar administrativamente unha planta de coxeración que Orember, S.A. promovía en San Cibrao das Viñas (Ourense), aprobar o seu proxecto de execución e concederlle a condición de autoxerador eléctrico.

Segundo.-Con data do 6 de febreiro de 1995, a Dirección Xeral de Industria resolveu aprobar o proxecto reformado de execución da planta de coxeración citada. As características técnicas básicas eran:

-Dous motores diésel de combustión interna de fuel-oil, de 6.750 kW de potencia c/u a 750 rpm.

-Dous xeradores eléctricos síncronos de 7.450 kVA c/u, tensión de xeración 6 kV a 750 rpm.

-Un centro de transformación de 16 MVA, tensión 20/6 kV.

-Equipamentos auxiliares de protección, control e manobra.

Terceiro.-Con data do 5 de setembro de 1995, a Dirección Xeral de Industria resolveu autorizar o cambio de titularidade da instalación de Orember, S.A. a favor de Gallega de Cogeneración, S.A.

Cuarto.-Con data do 19 de xaneiro de 2010, Gallega de Cogeneración, S.A. solicitou autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica dunha modificación substancial da instalación de coxeración citada.

Quinto.-Con data do 3 de marzo de 2010 publicouse no Diario Oficial de Galicia nº 42, e con data do 10 de marzo de 2010 no BOP de Ourense nº 56, a solicitude indicada no antecedente de feito cuarto, sen que se presentase ningunha alegación. As características son as seguintes:

-Solicitante: Gallega de Cogeneración, S.A., CIF A-32199044, domicilio no polígono industrial de San Cibrao das Viñas, s/n, 32911 San Cibrao das Viñas (Ourense).

-Solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e renovación do réxime especial dunha modificación substancial da planta de coxeración existente mantendo a súa potencia actual de 14.900 kVA, asociada ao proceso produtivo da fábrica Orember, S.A., dedicada á transformación de madeira que produce taboleiro de fibra MDF.

-Obxecto: complementar os métodos actuais de consumo de enerxía eléctrica e de xeración de enerxía térmica para optimizar o consumo enerxético primario, coa mellora do rendemento eléctrico equivalente e unha menor emisión de partículas. Renovación da inscrición actual como produtor en réxime especial nº RE-99-28.

-Descrición dos traballos: conversión dos motores diésel actuais a Low-NOx; os motores son de Wartsila, modelo 18V32E, e serán actualizados ao modelo 18V32LN, cambiando os elementos necesarios para iso, ademais do mecanizado das culatas e da adición de sensores de temperatura de chumaceiras de cabeza de biela e sistema de monitorización con pantalla local. Dotación dun novo sistema común de bombeo, que alimentará ambos os aproveitamentos, e de novos intercambiadores de placa, un en cada motor, melloras no sistema de adición de aire de combustión a caldeiras e na preparación de auga.

-Orzamento: 1.524.566 €.

Sexto.-Con data do 9 de abril de 2010, o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense emitiu informe favorable á solicitude presentada.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 28 da Lei 54/1997 establece que a construción, explotación, modificación substancial, a transmisión e o peche de instalacións de produción de enerxía eléctrica en réxime especial estarán sometidos ao réxime de autorización administrativa previa, que terá carácter regrado, e corresponderalle seu outorgamento á Administración autonómica.

Segundo.-O artigo 4.1º do Decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial, establece que o recoñecemento da condición de instalación de produción acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica correspóndelle aos órganos das comunidades autónomas.

Terceiro.-O artigo 28 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, atribúe á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de enerxía.

Cuarto.-Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, no Real decreto 661/2007, do 25 de maio, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede, tendo en conta que nesta petición concorren os supostos de feito e xurídicos contidos nos preceptos legais e regulamentarios citados,

RESOLVO:

Primeiro.-Autorizar administrativamente a Gallega de Cogeneración, S.A. a modificación substancial da instalación de coxeración que posúe en San Cibrao das Viñas (Ourense).

Segundo.-Aprobar o proxecto de execución da dita modificación substancial, Modificación motores según proceso Low-NOx en Gallega de Cogeneración, S.A. y mejora de aprovechamientos térmicos, asinado polo enxeñeiro industrial José Manuel Fernández Bouzo, colexiado nº 859, e visado polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, A Coruña o 7 de xaneiro de 2010, co nº CO100005.

Terceiro.-Recoñecerlle á modificación substancial da instalación que por esta resolución se autoriza a condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica regulado polo Real decreto 661/2007, do 25 de maio, e encadrala no subgrupo a.1.2 do artigo 2 do dito real decreto.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira.-As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto que por esta resolución se aproba e referido no punto segundo da parte dispositiva desta.

Segunda.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a previa autorización desta dirección xeral. Pola súa banda, o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da dita facultade.

Terceira.-O prazo para a posta en servizo das instalacións que se autorizan será de seis meses contados a partir da data de notificación desta resolución.

Cuarta.-Unha vez construídas as instalacións autorizadas, o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos por Gallega de Cogeneración, S.A.

Quinta.-Con carácter previo á posta en servizo das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento das condicións impostas nesta resolución.

Sexta.-A Administración resérvase o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, ou por incumprimento das condicións impostas.

Sétima.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Oitava.-Como requisito necesario para a aplicación do réxime especial á dita modificación substancial da instalación, o titular e/ou explotador deberá inscribila no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14 de xullo), para o cal acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 12 do Real decreto 661/2007, do 25 de maio, e presentará a documentación que figure nas instrucións que dite esta dirección xeral en desenvolvemento da citada orde.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2010.

Ángel Bernardo Tahoces

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas