DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 23 de xuño de 2010 Páx. 11.566

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2010 pola que se convocan probas selectivas para cubrir unha praza da categoría profesional de cociñeiro, grupo IV 1, pola quenda de promoción interna e pola quenda de acceso libre, vacante no cadro de persoal desta universidade.

O reitor, no uso das atribucións conferidas polo artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei 4/2007, así como nos estatutos desta universidade, resolve convocar probas selectivas para cubrir unha praza da categoría de profesional cociñeiro, do grupo IV 1, vacante no seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria.

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo unha praza vacante na categoría de cociñeiro, do grupo IV 1 do convenio colectivo para o persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008), pola quenda de promoción interna e pola quenda de acceso libre.

1.2. Os procesos de selección de promoción interna e de acceso libre realizaranse separadamente, e será en primeiro lugar o de promoción interna. De non cubrirse a vacante por promoción interna, ofertarase para ser cuberta por acceso libre.

1.3. As persoas aspirantes só poderán participar nunha das dúas quendas de acceso.

1.4. O sistema de selección da persoa aspirante será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoracións, axustaranse ao que se especifica no anexo I desta convocatoria.

1.5. A adxudicación da praza á persoa aspirante que supere o proceso selectivo, efectuarase de acordo coa puntuación total obtida segundo o establecido no anexo I.

1.6. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.

1.7. Estas probas selectivas axustaranse ao disposto na Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, na Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, no Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, da función pública de Galicia; na Lei 2/2009, do 23 de xuño, de modificación do texto refundido da Lei da función pública de Galicia; no Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso de persoal ao servizo da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado, no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, nos estatutos da USC, aprobados polo Decreto 28/2004, do 22 de xaneiro, da Xunta de Galicia, no convenio colectivo do persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008), na Lei orgánica 2/2009, do 11 de decembro, de reforma da Lei orgánica 4/2000, de 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos

estranxeiros en España e a súa integración social e nas bases desta convocatoria.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Para ser admitidas á realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata o momento de formalización do contrato, os seguintes requisitos:

a) Ser español ou nacional dalgún dos demais estados membros da Unión Europea ou nacional dalgún Estado ao cal, en virtude de tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe dos españois e dos nacionais de algún dos demais estados membros da Unión Europea, e cando así o prevexa o correspondente tratado, o dos nacionais dalgún Estado ao cal en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, menores de 21 anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas.

Quen, non sendo español nin nacional dun Estado membro da Unión Europea, se encontre en España en situación de legalidade, sendo titular dun documento que o/a habilite para residir e poder acceder sen limitacións ao mercado laboral.

b) Ter cumpridos os 16 anos de idade e non ter acadada a idade de xubilación.

c) Estar en posesión do título de graduado en educación secundaria e obrigatoria, graduado escolar, FPI, ou equivalentes ou certificado de profesionalidade. No caso de que as persoas aspirantes posúan unha titulación académica estranxeira, para poder participar no proceso selectivo, deberán ter homologado previamente o título de acordo co previsto na lexislación española.

d) Estar en posesión do carné de manipulador de alimentos.

e) Será requisito indispensable para o ingreso ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos a persoa aspirante declarará ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo, que esa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da categoría a que pretende incorporarse.

f) Non estar separado de servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado por sentenza firme para o exercicio da función pública.

g) Non estar sancionado coa suspensión do dereito a concorrer a probas selectivas, segundo o artigo 70 do convenio colectivo para persoal laboral da USC.

h) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto no punto 3.4.2 desta convocatoria para as persoas discapacitadas, para os membros de familias numerosas e para demandantes de emprego.

2.2. As persoas aspirantes que concorran ás probas pola quenda de promoción interna deberán reunir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de persoal laboral fixo da USC.

b) Estar prestando servizos con carácter definitivo ou en adscrición provisional.

c) Pertencer a unha categoría ou especialidade distinta á da praza ofertada nesta convocatoria.

d) Ter unha antigüidade efectiva de polo menos seis meses como persoal laboral fixo na categoría a que pertenzan o último día do prazo de presentación de solicitudes.

e) Poderán quedar exentos do requisito da titulación exixido para quenda libre, dado que a relación de postos de traballo non recolle unha titulación específica, de acordo co previsto no artigo 37.2º do convenio colectivo para o persoal laboral.

3. Solicitudes.

3.1. Quen desexe participar nestas probas selectivas deberá solicitalo ao reitor da USC en solicitude segundo o modelo que figura como anexo IV a esta convocatoria, no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no BOE.

As persoas aspirantes deberán facer constar na súa solicitude a quenda pola que se inscriben, libre ou promoción interna, segundo corresponda.

A solicitude presentarase acompañada da seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI ou do pasaporte.

-Fotocopia do anexo V a que se fai referencia na base 8 desta convocatoria.

-Fotocopia do certificado de coñecemento de lingua galega (Celga 2, certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega). As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación deberán realizar a proba de lingua galega prevista no anexo I.

As persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar:

-Dúas fotocopias do documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado co que teñan o dito vínculo.

-Declaración ou promesa da persoa aspirante de que non está separada de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.

-De conformidade co disposto na base 6.5 da convocatoria, as persoas aspirantes que estean exentas da realización da proba previa de acreditación do coñecemento do castelán, xuntarán, para tal efecto, fotocopia compulsada dos diplomas de español como lingua estranxeira (nivel B2 ou nivel C2) ou equivalente. De non achegar esta certificación, non poderán ser declaradas exentas e deberán realizar a proba a que se refire a base 6.5.

Os antigos diplomas de español nos seus niveis intermedio e superior serán equivalentes, para todos os efectos, aos diplomas previstos no Real decreto 264/2008, nos seguintes termos:

a) O diploma de español (nivel intermedio) será equivalente ao diploma de español (nivel B2).

b) O diploma de español (nivel superior) será equivalente ao diploma de español (nivel C2).

3.2. A documentación xustificativa dos méritos que se valoran na fase de concurso será achegada no momento de presentar a solicitude, non sendo valorados méritos que non se atopen suficientemente acreditados documentalmente, nin os presentados fóra do prazo establecido para a presentación de solicitudes. A acreditación farase da seguinte maneira:

3.2.1. Certificado acreditativo dos servizos prestados, en que conste a categoría e os períodos en que se prestaron, expedido pola unidade de persoal da Administración pública correspondente. Así mesmo, deberase indicar na epígrafe correspondente da solicitude, se os servizos foron prestados na USC ou noutras administracións públicas.

3.2.2. Fotocopia dos diplomas dos cursos de formación e cualificación profesional.

3.2.3. O certificado acreditativo dos extremos indicados nos anteriores puntos 3.2.1. e 3.2.2. (certificaranse os cursos que figuran no expediente) expedirase de oficio para as persoas aspirantes que presten ou prestasen servizos na USC e engadirase á solicitude da persoa aspirante.

3.2.4. Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data do peche do prazo de presentación de solicitudes.

3.2.5. En calquera momento a Universidade poderá requirir das persoas aspirantes os orixinais ou copias debidamente compulsadas dos documentos que se correspondan coas simples presentadas.

3.3. A presentación de solicitudes e da documentación indicada nos puntos anteriores farase no rexistro xeral da Universidade, situado na Reitoría da USC, (Colexio de San Xerome, Praza do Obradoiro s/n, Santiago de Compostela), no rexistro do Campus de Lugo, situado no edificio de Servizos Administrativos e Biblioteca Intercentros, (avda. Bernardino Pardo Ouro, polígono de Fingoi, 27002 Lugo) ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

3.4. Os dereitos de exame serán de 24,90 €, que se ingresarán na conta de Caixa Galicia oposicións número: 2091 0388 90 3 10000646. Para realizar o ingreso deberá utilizarse por triplicado o modelo de solicitude que figura como anexo IV.

En ningún caso a presentación e pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

3.4.1. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes e non se concederá ningún prazo adicional para o aboamento destes.

3.4.2. Estarán exentas do pagamento da taxa por dereitos de exame aquelas persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. Tamén estarán exentas do pagamento as persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50% da taxa os membros de familias numerosas de categoría xeral. Estas circunstancias deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa solicitude, presentando copia orixinal ou compulsada da cualificación do grao de discapacidade ou do carné de familia numerosa segundo corresponda.

Tamén estarán exentas as persoas que figuren como demandantes de emprego durante o prazo, polo menos, dun mes anterior á data de publicación desta convocatoria. Para o goce da exención será requisito que non rexeitaran, no prazo de que se trate, oferta de emprego adecuado nin se negaran a participar, agás causa xustificada, en accións de promoción, formación ou reconversión profesional e que, así mesmo carezan de rendas superiores, en cómputo mensual, ao salario mínimo interprofesional.

O certificado relativo á condición de demandante de emprego, cos requisitos sinalados, solicitarase nas oficinas do Servizo Público de Emprego. A acreditación das rendas realizarase mediante unha declaración xurada ou promesa escrita da persoa solicitante. Ambos os dous documentos deberánselle xuntar á solicitude.

3.4.3. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer constar a entidade bancaria e o número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.

3.5. Co fin de garantir a participación en condicións de igualdade, aquelas persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33% indicarán na súa solicitude as necesidades de adaptacións específicas e o seu motivo.

4. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor da USC ditará resolución en que declare aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o lugar no cal se atopa exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, na cal constará o nome e apelidos das persoas excluídas, o número de DNI, así como as causas que motivaran a exclusión e o prazo para reparalas.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poder emendar os defectos que motivaran a exclusión.

4.3. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídas na relación de persoas admitidas, serán definitivamente excluídas da realización das probas.

4.4. Na resolución que aprobe a listaxe definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio. Esta resolución esgotará a vía administrativa, podéndose interpoñer contra ela recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición diante do reitor no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4.5. O feito de figurar na listaxe de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión dos requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 9 desta convocatoria.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura como anexo III desta convocatoria e terá a categoría terceira das recollidas no Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón de servizo.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5.2. Para os efectos de comunicación e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na reitoría da USC.

5.3. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir notificándollo ao reitor da universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 28 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou se realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estar incursos nas circunstancias previstas no dito artigo.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar aos membros do tribunal cando concorran as circunstancias antes citadas.

5.4. Antes do inicio das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia, a resolución pola que se nomean os novos membros do tribunal que vaian substituír os que teñan perdida a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.3.

5.5. Logo da convocatoria do presidente, constituirase o tribunal, coa asistencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes. Na dita sesión, o tribunal acordará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.6. A partir da súa constitución o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presenza da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes.

5.7. Dentro da fase de oposición, o tribunal resolverá todas as dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

5.8. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide pertinentes, limitándose os ditos asesores a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. Os devanditos asesores deberán posuír titulación de igual ou superior nivel ca exixida nesta convocatoria. O nomeamento dos asesores farase público e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación, ao igual que aos restantes membros do tribunal.

Así mesmo o tribunal poderá dispoñer a incorporación con carácter temporal doutros funcionarios para colaborar no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

5.9. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes a que se refire o punto 3.5. participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vaia realizar.

5.10. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas follas de exame o seu nome, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

5.11. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superaron as probas selectivas un número superior de persoas aspirantes que o da praza convocada. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra M, de conformidade co establecido na resolución do 26 de xaneiro de 2010 da Consellería de Facenda.

6.2. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal para que acrediten a súa identidade.

6.3. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento, e serán excluídas da oposición as que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e considerados polo tribunal.

6.4. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración dos demais exercicios efectuarase nos locais onde se fixera o primeiro deles así como na Reitoría da universidade, ou por calquera outro medio que se estime conveniente para asegurar a súa máxima divulgación, cunha antelación de polo menos 24 horas á sinalada para o seu inicio.

6.5. Persoas aspirantes con nacionalidade estranxeira.

Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, as persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acreditar o coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, en que se comprobará que posúen un nivel axeitado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

O contido desta proba axustarase ao disposto no artigo 3 do Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro (BOE do 8 de novembro), para acreditar o nivel de competencia lingüística do diploma de español correspondente ao nivel intermedio. A proba cualificarase de apto ou non apto; será necesario obter a valoración de apto para pasar a realizar os exercicios da fase de oposición.

Quedan eximidas de realizar esta proba as persoas aspirantes que acrediten mediante fotocopia compulsada estaren en posesión do diploma de español como lingua estranxeira, (nivel B2 ou nivel C2) e as persoas estranxeiras nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español. De non achegaren esta documentación, non poderán ser declaradas exentas, e deberán, en consecuencia, realizar a proba descrita anteriormente.

6.6. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algunha das persoas aspirantes carece dos requisitos exixidos por esta convocatoria, logo de audiencia a persoa interesada, deberá propoñer a súa exclusión ao reitor da USC, comunicándolle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas pola persoa aspirante na súa solicitude para os efectos procedentes.

Contra esta exclusión poderase interpor recurso ante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da exclusión.

7. Listaxe de persoas aspirantes aprobadas.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará públicos, no lugar ou lugares de celebración dos respectivos exercicios e naqueles outros que coide oportunos a relación de persoas aspirantes que teñan superado cada un deles, con indicación da puntuación obtida e do documento nacional de identidade.

7.2. As persoas aspirantes disporán de tres días hábiles, contados a partir do día seguinte á realización de cada exercicio, para presentar reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.

7.3. Así mesmo, as persoas aspirantes disporán de sete días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentar reclamacións ás cualificacións.

7.4. A listaxe coa valoración de méritos da fase de concurso farase pública unha vez celebrado o derradeiro exercicio da fase de oposición.

7.5. A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida no anexo I. No caso de empate, a orde de prelación será a seguinte: maior puntuación na fase de oposición, maior puntuación na fase de coñecementos específicos, maior idade e orde alfabética.

7.6. O tribunal fará pública, para cada quenda de acceso, a listaxe das persoas aspirantes que, segundo a orde da puntuación total acadada por cada unha delas, fosen seleccionadas, e que en ningún caso poderá conter un número de persoas aspirantes superior ao da praza convocada. A dita relación, que será elevada polo tribunal ao reitor da universidade xunto coa proposta de contratación a favor da persoa aspirante que figure nela, será publicada no taboleiro de anuncios da reitoría.

8. Listaxes de espera.

8.1. Elaboraranse listaxes de espera, tanto para promoción interna como para acceso libre, coas persoas aspirantes que superen algún exercicio da fase de oposición.

Para estes efectos e co fin de determinar a opción por campus, as persoas aspirantes, presentarán a solicitude que figura como anexo V desta convocatoria.

9. Presentación de documentos.

9.1. No prazo de 20 días naturais a partir do seguinte a aquel en que se fixese pública a relación definitiva de persoas aprobadas na reitoría da universidade, a persoa aspirante que figure nela deberá presentar no Servizo de Planificación e Programación de PAS (Casa da Balconada, Rúa Nova, 6, Santiago de Compostela) a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI ou do documento que acredite a súa nacionalidade.

b) Documento que acredite, de ser o caso, a residencia legal en España.

c) Fotocopia compulsada do título exixido.

d) Fotocopia compulsada do carné de manipulador de alimentos

e) Declaración xurada de non ter sido separada mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública e de non acharse inhabilitada para o exercicio das funcións públicas, nin realizar actividade ou actividades suxeitas a incompatibilidades. As persoas aspirantes de nacionalidade non española deberán acreditar que non están sometidas a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

f) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin estar afectada por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

9.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

9.3. Quen dentro do prazo fixado, e salvo caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser contratado como persoal laboral fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

10. Contratación como persoal laboral fixo.

10.1. Concluído o proceso selectivo, a persoa aspirante que o superase, será contratada como persoal laboral fixo. A súa contratación efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da data de publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

10.2. O período de proba será de dous meses, durante os que o traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes ao posto de traballo que desempeñe, agás os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable á persoa aspirante que con anterioridade estivera desenvolvendo funcións similares na USC.

11. Adxudicación do posto de traballo.

11.1. O persoal con discapacidade igual ou superior ao 33% poderá pedir a adaptación do posto de traballo correspondente. A solicitude deberá ir acompañada dun informe expedido polo órgano competente na materia, que acredite a procedencia da adaptación e a compatibilidade co desempeño das funcións que teña atribuídas o posto.

12. Norma derradeira.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2010.

Senén Barro Ameneiro

Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Denominación da praza: cociñeiro

Procedemento de selección.

O sistema de selección será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a continuación se indican:

Primeira fase: coñecementos específicos. De carácter eliminatorio (para quendas de promoción interna e de acceso libre), constará de dous exercicios:

Primeiro exercicio: consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 90 preguntas tipo test, con tres respostas alternativas das que só unha será a correcta, propostas polo tribunal, e correspondentes á fase de coñecementos específicos que figura no programa que se relaciona no anexo II.

O tempo para a realización deste exercicio será de 90 minutos.

Este exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos, e será necesario para superalo obter un mínimo do 60% do total das respostas correctas.

Segundo exercicio: consistirá en contestar por escrito 20 preguntas tipo test con tres respostas alternativas das que só unha será a correcta, baseadas nun suposto práctico proposto polo tribunal e relacionado cos coñecementos específicos do programa e cos procedementos prácticos máis comúns e habituais nunha cociña.

O tempo máximo de duración deste exercicio será de 90 minutos.

A puntuación deste exercicio será de 0 a 30 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo de 15 puntos.

Segunda fase: coñecementos non específicos. Constará dos seguintes exercicios:

Primeiro exercicio, proba de galego: para as persoas aspirantes das quendas de promoción interna e de acceso libre. Estrúturase do seguinte xeito e terá carácter eliminatorio.

Primeira proba. Expresión escrita.

As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo unhas indicacións que se lle facilitarán por escrito.

A duración desta proba será de 45 minutos.

Segunda proba. Comprensión oral.

As persoas aspirantes escoitarán un texto (gravado ou lido no momento) e, nun cuestionario tipo test, deberán contestar unha batería de preguntas que asegure a comprensión do fragmento escoitado.

A duración desta proba será de 15 minutos.

Terceira proba. Comprensión escrita.

Ás persoas aspirantes proporcionaráselles un texto breve, sobre o cal se lles fará unha batería de preguntas tipo test de modo que se avalíe a súa capacidade de comprensión do texto.

A duración desta proba será de 15 minutos.

Cuarta proba. Expresión oral.

Consistirá nunha entrevista co persoal examinador, que nun modelo de folla de avaliación irá anotando distintos parámetros da fala das persoas entrevistadas, tanto da súa fonética como da súa riqueza léxica, tanto da pronuncia como da sintaxe.

A duración da entrevista será de 10 minutos.

A valoración deste exercicio será de apto ou non apto.

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten documentalmente xunto coa solicitude, estar en posesión do certificado Celga 2 ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega.

Segundo exercicio: consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 30 preguntas tipo test, con tres respostas alternativas das que só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes á parte de coñecementos non específicos do programa.

Este exercicio terá carácter obrigatorio e non eliminatorio.

O tempo para a súa realización será de 40 minutos e valorarase de 0 a 5 puntos.

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que se presenten pola quenda de promoción interna.

Antes da realización de cada exercicio, o tribunal deberá ter aprobados os criterios de avaliación e corrección e publicaraos antes da súa realización. Cando as probas sexan tipo test, tanto para quenda de promoción interna como de acceso libre, en ningún caso as respostas incorrectas puntuarán negativamente.

As persoas aspirantes deberán presentarse para a realización de cada proba co DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán presentarse provistos do correspondente lapis do nº 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.

Terceira fase: concurso:

Quenda de promoción interna: máximo 35 puntos.

Experiencia:

*Na mesma categoría ou categoría equivalente nas administracións públicas: valorarase a 0,40 puntos/mes, ata un máximo de 20 puntos. Non se valorará o tempo traballado en categoría superior por atribución temporal de funcións.

*Noutra categoría nas administracións públicas: valorarase a 0,08 puntos/mes, ata un máximo de 10 puntos.

Formación, valoraranse cursos de formación dispensados por centros e organismos oficiais e aqueles que estean debidamente homologados e que garden relación coas funcións da praza convocada, ata un máximo de 5 puntos, do seguinte xeito:

Cursos de formación relacionados coa praza:

*Cursos impartidos: 0,03 puntos/hora.

*Cursos de aptitude recibidos: 0,02 puntos/hora.

*Cursos de asistencia recibidos: 0,01 puntos/hora.

Cursos de formación de lingua galega:

*Celga 5: 0,75 puntos.

*Celga 4: 0,50 puntos.

*Celga 3: 0,25 puntos.

*Outros cursos de galego impartidos: 0,03 puntos/ hora.

*Outros cursos de galego con aptitude: 0,02 puntos/hora.

*Outros cursos de galego con asistencia: 0,01 puntos/hora.

Cando existan distintos niveis do mesmo curso, só se valorará o de maior nivel.

Nos cursos en que non figuren o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

Quenda de acceso libre: máximo 30 puntos.

Experiencia: máximo 25 puntos.

*Na mesma categoría ou categoría equivalente na USC: valorarase a 0,40 puntos/mes.

*Na mesma categoría ou categoría equivalente noutras administracións públicas: valorarase a 0,10 puntos/mes.

*Noutras categorías da USC: valorarase a 0,10 puntos/mes.

Formación: valorarase igual que para promoción interna, ata un máximo de 5 puntos.

Para a valoración da experiencia acreditada en categorías equivalentes noutras administracións públicas prevista na fase de concurso e para a baremación das listaxes de espera, as dúbidas que xurdan serán resoltas por unha comisión composta por dous representantes da Xerencia e dous en representación do Comité Intercentros. Esta comisión intervirá a petición do tribunal ou da unidade encargada da baremación das listaxes e poderá solicitar información complementaria ás persoas aspirantes en relación coas funcións e tarefas das categorías en cuestión, co fin de adoptar os acordos que procedan.

ANEXO II

Denominación da praza: cociñeiro

Programa.

Primeira fase: coñecementos específicos.

1. Aprovisionamento, almacenaxe e control de existencias. Recepción de produtos e comprobación das súas condicións. Almacenaxe de mercadorías e control do seu estado ata a súa utilización.

2. Preparación e posta a punto da área de traballo.

3. Manipulación e conservación de todo tipo de alimentos.

4. Limpeza de equipos e utensilios de traballo.

5. Sopas, purés, ovos e tortillas. Formas máis usuais de preparación.

6. Arroz branco, pasta. Ingredientes e preparación. Ensaladas mais habituais.

7. Cocidos e estofados de legumes, patacas e verduras. Xeneralidades sobre a súa preparación.

8. Xeneralidades sobre a elaboración de platos de carne.

9. Xeneralidades sobre a elaboración de platos de peixe.

10. Manipulación e conservación de lácteos e postres.

Segunda fase: coñecementos non específicos.

1. Dereitos fundamentais e libertades públicas do título primeiro da Constitución española.

2. Convenio colectivo para o persoal laboral da USC.

3. Formación básica en prevención de riscos laborais: manipulación de cargas. Instalacións de protección contra incendios (uso de extintores). Evacuación. Sinalización de seguridade. Seguridade (en almacenamentos, en electricidade, de traballos en altura e na utilización de ferramentas manuais).

4. Estatutos da USC: do persoal de administración e servizos.

5. Estatutos da USC: órganos xerais da Universidade.

6. Dereitos e deberes lingüísticos na USC.

7. Políticas públicas para a igualdade efectiva de homes e mulleres.

Nota: as referencias normativas deste programa poden verse afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame, e nese caso, deben entenderse referidas á lexislación en vigor.

ANEXO III

Denominación da praza: cociñeiro

Tribunal titular:

Presidenta:

-Cristina Abeal Pereira, directora da Escola Infantil Breogán da USC.

Vogais:

-Dolores Valiñas López, persoal laboral do grupo IV 1 da USC.

-Carmen Espiñeira Regueiro, persoal laboral do grupo IV1 da USC.

-José Ángel Díaz Pérez, persoal laboral do grupo IV 1 da USC.

Secretaria:

-Amalia Díaz Sánchez, funcionaria de carreira da escala administrativa da USC, que actuará con voz e voto.

Tribunal suplente:

Presidenta:

-Luz González Vázquez, persoal laboral do grupo II da USC.

Vogais:

-Orlando Giadanes Arca, funcionario de carreira da escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos da USC.

-Ramón García-Bodaño Pereira, persoal laboral do grupo IV 1 da USC.

-María Isabel García del Río, persoal laboral do grupo IV 1 da USC.

Secretaria:

-María Obdulia Lareo Currás, funcionaria de carreira da escala administrativa da USC, que actuará con voz e voto.

ANEXO IV

Ver referencia pdf "11800D024P082.PDF"