DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 23 de xuño de 2010 Páx. 11.557

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2010 pola que se procede á modificación da Resolución do 3 de maio de 2010, pola que se convocan cursos para o persoal ao servizo das entidades locais de Galicia.

Considerando, a Resolución do 3 de maio de 2010 pola que se convocan os cursos para o persoal ao servizo das entidades locais de Galicia (DOG nº 86, do 7 de maio), na base cuarta, letra F e na base oitava, letra D desta, referentes ás facultades da Escola Galega de Administración Pública.

Á vista do elevado número de vacantes observadas no curso «LO10031 sobre xestión de infraestruturas deportivas e equipamentos comunitarios».

Co obxecto de ampliar a formación do persoal ao servizo da Administración autonómica.

RESOLVO:

-Abrir un novo prazo de presentación de solicitudes, de dez días naturais contados a partir da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, na segunda edición do curso «LO10031 sobre xestión de infraestruturas deportivas e equipamentos comunitarios», que se celebrará en Santiago de Compostela, os días 14, 16, 21 e 23 de setembro de 2010.

-Ampliar os destinatarios do mencionado curso ao persoal dependente da Administración autonómica cuxo posto de traballo estea relacionado coa materia obxecto do curso.

-Modificar os obxectivos e contido do mencionado curso, tal e como se detalla no anexo que acompaña a presente resolución.

-Proceder á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2010.

Pablo Figueroa Dorrego

Director da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO

1. Obxectivos.

«-Coñecer e intercambiar experiencias e instrumentos de actuación entre técnicos da Administración pública galega.

-Establecer un marco de reflexión sobre os custos derivados da xestión dos servizos deportivos e estudar os sistemas e mecanismos para aplicar o equilibrio financeiro nos proxectos de xestión deportiva.

-Análise da dimensión e o conxunto de alternativas existentes desde a perspectiva da xestión e posto en valor dos espazos deportivos públicos, así como as derivacións conseguintes en seguridade e responsabilidade.

-Análise das estratexias para abordar a xestión e a colaboración pública privada na xestión do deporte local.

2. Destinatarios.

Responsables das áreas de deporte da Administración autonómica e local.

4. Contido.

Introdución -Marco sobre a nova política deportiva galega. As políticas deportivas nas administracións públicas. Directrices e evolución. As instalacións deportivas: planificación, deseño e mantemento. Plan estratéxico deportivo local. O financiamento do deporte nas administracións públicas, ámbito local. Patrocinio e mecenato. Xestión da seguridade e instalacións, eventos e actividades deportivas. Sistemas de xestión do deporte no sector público. Experiencias de xestión entre o público e o privado. Criterios de calidade nos servizos deportivos públicos. Novas ferramentas ao servizo da xestión. As novas tecnoloxías.