DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 23 de xuño de 2010 Páx. 11.526

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 2010 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a extensión de redes de acceso de banda larga no ámbito rural de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010.

Na Comunicación COM (2009) 103, do 3 de marzo de 2009, da Comisión ao Consello e ao Parlamento: mellorar o acceso das zonas rurais ás modernas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), a comisión recoñece que a utilización eficaz das tecnoloxías da información e da comunicación, impulsada por un mellor acceso á internet de alta velocidade (banda larga), desempeña un papel fundamental para aumentar a produtividade e promover a innovación en Europa e, en particular, nas zonas rurais.

Neste contexto, a comisión alenta os estados membros a impulsaren as sinerxías e complementariedade entre os instrumentos da política rexional, a política de desenvolvemento rural e as políticas nacionais en materia de TIC, para superar os desequilibrios territoriais no relativo ao acceso á banda larga, máis acusados nas zonas rurais.

Pola súa banda, no contexto máis amplo da Estratexia de Lisboa, os estados membros están a impulsar plans para acelerar o desenvolvemento das TIC e, especificamente, incrementar o grao de penetración da banda larga mediante o despregamento das correspondentes infraestruturas.

No caso da Comunidade Autónoma de Galicia, o Consello da Xunta de Galicia que tivo lugar o 18 de febreiro de 2010 aprobou o Plan director de banda larga 2010-2013 (PDBL), que constitúe o marco estratéxico de actuación destinado a que a práctica totalidade dos cidadáns e empresas galegas teñan acceso de calidade á banda larga como un dos motores principais para o desenvolvemento de Galicia.

No marco do PDBL, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica -órgano da Administración autonómica ao que lle compete o impulso e promoción do PDBL- e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), subscribiron o 12 de maio de 2010 un convenio de colaboración para a coordinación de actuacións relativas ao despregamento de infraestruturas de banda larga no territorio rural galego en relación coa Liña estratéxica 1.- Despregamento de infraestruturas do PDBL, que se concreta, entre outras actuacións, na tramitación dunha convocatoria pública de subvencións, co fin de despregar unha rede de acceso de banda larga nunha das rexións en que a fenda dixital entre zonas rurais e urbanas é máis acusada. Ademais de favorecer a penetración da banda larga de calidade nesta rexión, o aproveitamento da infraestrutura existente e o fomento da competencia foron os principais criterios empregados á hora da definición desta convocatoria.

Nas directrices comunitarias para a aplicación das normas sobre axudas estatais ao despregamento rápido de redes de banda larga, a Comisión Europea mantén que unha intervención estatal selectiva no ámbito da banda larga pode contribuír a reducir a fenda dixital que se abre entre zonas nas cales se dispón de servizos de banda larga accesibles e competitivos e as zonas que carecen dos ditos servizos. A licitación aberta garante a transparencia para todos os investidores que desexen presentar ofertas para a realización do proxecto subvencionado; así mesmo, é un método de minimizar a vantaxe potencial da axuda estatal e reduce o carácter selectivo da medida xa que non se coñece de antemán quen é o beneficiario.

Tendo en conta o anterior, e no marco das competencias delegadas por acordo do Consello de Dirección de Agader do 21 de xuño de 2007,

RESOLVO:

Primeiro.-Aprobar as bases que rexerán a convocatoria de subvencións para a extensión de redes de acceso de banda larga no ámbito rural de Galicia, que se xuntan a esta resolución como anexo I.

Segundo.-Aprobar os formularios para a xestión da convocatoria correspondente ao ano 2010, que se unen a esta resolución como anexo II:

Modelo A).-Solicitude.

Modelo B).-Declaración doutras axudas e declaración responsable.

Modelo C).-Resumo da memoria económica do proxecto.

Terceiro.-Convocar, para o ano 2010, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións para a extensión de redes de acceso de banda larga no ámbito rural de Galicia.

Esta convocatoria enmárcase na área de actuación A.A.1.3- Extensión das redes de banda larga ao ámbito rural de Galicia, da liña estratéxica 1.- Desenvolvemento de infraestruturas, do Plan director de banda larga de Galicia 2010-2013, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 18 de febreiro de 2010.

Esta convocatoria financiarase con cargo á conta orzamentaria 02.01 02/32/10 656700 dos orzamentos de Agader para o ano 2010, está prevista unha dotación máxima de seiscentos corenta e catro mil setecentos corenta euros con setenta e cinco céntimos (644.740,75 €), financiados exclusivamente con fondos propios incondicionados.

As solicitudes dirixiranse ao director xeral de Agader e presentaranse segundo o modelo normalizado que se incorpora no anexo II desta resolución como Modelo A).- Solicitude.

Coa solicitude presentarase, ademais, a documentación que se indica no artigo 18 das bases reguladoras.

O prazo para presentar a solicitude será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

O modelo de solicitude poderá descargarse na páxina web de Agader http://agader.xunta.es

Os investimentos xustificaranse documentalmente de acordo co disposto nas bases reguladoras. O prazo límite para a execución dos investimentos vinculados ao proxecto será o 30 de novembro de 2010. O prazo límite para xustificar os correspondentes gastos será o 1 de decembro de 2010.

Disposicións adicionais

Primeira.-Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou ben recurso directamente recurso contencioso-administrativo, ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Segunda.-Información aos interesados.- Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web de Agader http://agader.xunta.es e na páxina web da SXMIT http://imit.xunta.es.

b) No teléfono: 981 95 78 68.

c) No enderezo de correo electrónico:

oficina.bandalarga@xunta.es

d) Presencialmente, con cita previa na Oficina Técnica de Banda Larga da Xunta de Galicia, sita na praza de Europa 10ª 3º ABC. Santiago de Compostela.

Terceira.-En cumprimento da obriga establecida no artigo 107 TFUE, e de acordo co previsto no artigo 17.4º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o pagamento das subvencións que se tramiten ao abeiro desta convocatoria está condicionado á adopción, pola Comisión Europea, da correspondente decisión de autorización da axuda por considerala compatible co mercado común conforme a normativa comunitaria de axudas de Estado.

Disposición derradeira

O director xeral de Agader poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta aplicación e execución destas bases reguladoras.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2010.

Por Resolución 21-6-2007

Antonio Crespo Iglesias

Director xeral da Axencia Galega

de Desenvolvemento Rural

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de subvencións para a extensión de redes de acceso de banda larga no ámbito rural de Galicia

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto destas bases é regular a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a extensión de redes acceso de banda larga no ámbito rural de Galicia.

Artigo 2º.-Ámbito material.

O ámbito material das actuacións financiadas ao abeiro destas bases circunscríbese á área de actuación AA1.3.- Extensión das redes de banda larga no ámbito rural de Galicia, dentro da liña estratéxica 1: Desenvolvemento de infraestruturas, do Plan director de banda larga de Galicia 2010-2013 (en diante, PDBL), aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 18 de febreiro de 2010.

Este documento está á disposición dos interesados na páxina web da SXMIT: http://imit.xunta.es

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

En consonancia coas directrices fixadas dentro da primeira liña estratéxica do PDBL, as actividades obxecto de subvención poderán realizarse única e exclusivamente en núcleos rurais da xeografía galega tipificados como zona branca e que, polo tanto, non poden acceder a conexións de banda larga á internet nin teñen previsión de facelo.

Por iso, os despregamentos de rede propostos polos solicitantes deberán restrinxirse a cubrir os núcleos citados no anexo 1 (listaxe de núcleos obxectivo) que se incorpora a estas bases reguladoras.

Os despregamentos de rede propostos valoraranse sobre a base da poboación cuberta nos núcleos obxectivo. Non se valorará en ningún momento a cobertura de núcleos fóra da listaxe do anexo 1.

Os solicitantes deberán achegar unha listaxe dos núcleos do anexo 1 que poderán acceder aos servizos de conectividade sustentados na rede despregada, indicando a porcentaxe de inmobles deste que serán cubertos polo despregamento de rede.

Para os efectos destas bases reguladoras, e de cara a garantir un acceso de calidade á internet, para que inmobles actualmente en zona branca se consideren cubertos polo novo despregamento de rede, é condición indispensable que estes poidan acceder de modo efectivo a un paquete de servizos retallistas de acceso acorde co estipulado no artigo 9º.

Artigo 4º.-Ámbito temporal.

O despregamento da rede poderá prolongarse no tempo ata o 30 de novembro de 2010 e o prazo máximo para a posta en servizo é o 31 decembro de 2010.

Para estes efectos, o plan de despregamento deberá presentarse de conformidade co artigo 11º e establecerá tres etapas, cada unhas das cales será definida libremente polo solicitante e deberá dar conta dos núcleos que forman parte desta como dos puntos de presenza. Estas etapas serán definidas en función da dispoñibilidade do servizo para a poboación total prevista segundo a seguinte táboa:

Etapas Porcentaxe da cobertura anual prevista

1º etapa 30% da poboación

2º etapa 60% da poboación

3º etapa 100% da poboación

O prazo de inicio de traballos por parte do beneficiario non poderá exceder dos dez (10) días hábiles, contados desde a data da notificación da resolución da concesión da axuda.

O prazo de vixencia da obriga de servizo computarase desde a data en que os investimentos estean finalizados na súa totalidade e fosen recibidos de conformidade por Agader, independentemente de que o solicitante executase os investimentos en máis dunha etapa e iniciase o servizo naquelas en que se certificasen os investimentos con anterioridade á recepción definitiva.

Artigo 5º.-Criterios xerais.

Os criterios xerais que van rexer esta convocatoria de subvencións son os especificados polas directrices da Comisión Europea e polas autoridades nacionais.

Cabe destacar de xeito específico os seguintes criterios:

5.1. Neutralidade tecnolóxica.

Non se primará a priori unha tecnoloxía de acceso para redes de banda larga fronte a outras. Por iso, o solicitante poderá escoller libremente a tecnoloxía que considere que mellor se adecua aos obxectivos xerais do proxecto e aos parámetros de calidade exixidos.

5.2. Cumprimento da lei de protección de datos.

O operador solicitante estará obrigado ao seguimento das normas sobre confidencialidade de datos. Declarará documentalmente que se responsabilizará de que o tratamento de datos de carácter persoal que se poida realizar no marco da prestación do servizo se realizará conforme a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e a súa normativa de desenvolvemento.

5.3. Neutralidade da rede.

Os beneficiarios operarán as infraestruturas despregadas baixo criterios de neutralidade da rede, asegurando manter unha clara separación entre o acceso á rede e o contido que transporta, tratando por igual todos os contidos, fontes e plataformas e permitindo así ser capaz de comunicar todo tipo de información, servindo para calquera aplicación ou servizo. Deste modo, as infraestruturas despregadas deberán cumprir cos seguintes principios:

-Os usuarios teñen o dereito de acceder aos contidos legais da internet que desexen.

-Os usuarios teñen o dereito de usar as aplicacións e servizos que desexen, dentro dos límites que impoña a seguridade do Estado.

-Os usuarios teñen o dereito de conectar os dispositivos que desexen, sempre que non danen a rede.

-Os usuarios teñen o dereito de elixir en competencia os provedores de rede, de aplicacións, servizos e contidos.

A través dos principios de neutralidade da rede búscase establecer unhas normas que garantan que a banda larga non impoña restricións á competencia, creatividade e á actividade empresarial.

Capítulo II

Condicións do proxecto obxecto de subvención

Artigo 6º.-Solución tecnolóxica.

En todo caso, para os efectos destas bases entenderase por servizos de banda larga os que teñan asociada unha velocidade de transferencia de datos máxima de, como mínimo, 2 Mbps en sentido da rede ao usuario (DL) e de 512 Kbps en sentido do usuario á rede (UL), cunha garantía de caudal do 20%, e unha taxa de dispoñibilidade mensual de acceso superior ao 97%.

Cada solicitante poderá propoñer unha solución tecnolóxica e de negocio que considere máis axeitada, así como a súa proposta de implantación de infraestrutura de rede necesaria.

Así, os proxectos presentados estarán condicionados á creación da nova rede de acceso para a prestación de servizos avanzados da sociedade da información, respectando en todos os treitos subvencionados os principios de neutralidade tecnolóxica e acceso aberto nos mercados residenciais e empresa.

Artigo 7º.-Servizos postos á disposición dos beneficiarios por parte da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Ao abeiro destas bases reguladoras concederanse axudas para o despregamento de redes de acceso de banda larga, favorecendo a reutilización de infraestruturas existentes e a existencia de mercados en réxime de competencia nas zonas obxecto da axuda.

Por este motivo, a disposición por parte de Retegal dos servizos que se detallan no anexo 2 destas bases (Condicións do servizo de Retegal) nun conxunto determinado de localizacións non irá en detrimento do uso de localizacións e/ou redes de transporte propios dos beneficiarios ou de terceiros, pero valorarase o uso dunha rede aberta, con servizos por xunto de transporte e aloxamento, para favorecer a concorrencia competitiva.

De cara a facilitar o despregamento destas redes de acceso, a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia porá á disposición dos beneficiarios infraestruturas e rede de transporte existentes do operador público Retegal, ofrecendo servizos de albergue de equipamento e transporte IP extremo a extremo.

No anexo 2 destas bases reguladoras (Condicións do servizo de Retegal) achégase detalle das ditas infraestruturas e as condicións do servizo ofertado por Retegal.

Retegal asumirá o compromiso de prestar, se así o requiren os beneficiarios das axudas, os servizos especificados durante o período mínimo de explotación de rede mencionado no artigo 14º.

Non é obxecto destas bases a regulación de axudas para o despregamento de infraestruturas ou redes de transporte.

Artigo 8º.-Características das redes que se van despregar.

A consecución dos obxectivos desta convocatoria requirirá o despregamento das redes de telecomunicacións que proporcionen servizos adecuados de banda larga en núcleos dentro do ámbito territorial mencionado con anterioridade. Quedarán ao criterio do solicitante os detalles do deseño e posterior explotación destas sempre e cando se cumpran as premisas especificadas nesta convocatoria.

Dada a natureza competitiva da adxudicación das axudas vinculadas a esta convocatoria e o grao de liberdade existente respecto dos proxectos de despregamento de rede, o solicitante deberá incluír na documentación técnica que vai entregar un nivel de detalle tal que permita a análise da rede proposta por parte dos organismos competentes. O anexo 3 destas bases reguladoras (Descrición técnica mínima das infraestruturas propostas polo solicitante) recolle os puntos mínimos requiridos a este respecto.

Artigo 9º.-Servizos retallistas de acceso.

9.1. Servizo retallista de acceso de comercialización obrigatoria.

Os beneficiarios que operen e exploten a rede deberán incluír no seu paquete de servizos e satisfacer baixo demanda a prestación dun servizo retallista de acceso coas seguintes características:

a) Largo de banda pico: largo de banda de pico de 2 Mbps e 512 Kbps descendentes e ascendentes respectivamente.

b) Modalidade de acceso: sen límite de tráfico e sen restrición horaria á accesibilidade do servizo.

c) Niveis mínimos de servizo:

i. Dispoñibilidades de servizo maiores ao 97% cando sexan medidas en intervalos mensuais.

ii. Garantir que polo menos o 95% do tempo está dispoñible, como mínimo, un 20% do largo de banda pico contratado.

iii. Compromiso de que unha vez despregada a rede correspondente a cada núcleo se satisfagan as peticións de servizo dos habitantes deste nun prazo máximo de 30 días naturais.

iv. Compromiso de reparar ou repoñer os equipamentos de usuario suxeitos a un acordo de aluguer co operador nun prazo nunca superior a cinco días hábiles.

v. O tempo máximo de resolución de incidencias de clientes que afecten o servizo deberá ser, como moito, de 24 horas no 95% dos casos.

Adicionalmente, son de aplicación sobre este servizo todos os condicionantes mencionados a continuación e extensibles a todos os servizos retallistas de acceso comercializados.

9.2. Condicionantes relativos aos servizos retallistas de acceso.

Empregando como soporte as infraestruturas de rede comprometidas polos beneficiarios no seu proxecto, este ofertará servizos de conectividade a usuarios finais. Estes servizos, que deberán ser publicitados de forma activa, estarán subordinados a unha serie de condicionantes establecidos coa intención de asegurar o cumprimento dos principios desta convocatoria:

-Oferta homoxénea territorialmente: existirá un compromiso respecto a que a oferta asociada a cada servizo prestado a usuarios finais sexa, naqueles núcleos onde se comercialice, homoxénea xeograficamente en canto a tarifas e niveis de servizo.

-Accesibilidade dos contidos legais: de acordo cos principios de neutralidade de rede, os servizos ofertados non poderán restrinxir o acceso a contidos legais.

-Tarifas acordes co mercado: as tarifas dos servizos prestados deberán estar en consonancia coas condicións actuais do mercado en servizos de similares características.

-Plan de evolución dos servizos de acceso: deberá presentarse un plan cunha previsión da evolución do paquete de servizos comercializado respecto de largos de banda, tarifas e niveis de servizo. O dito plan de evolución de servizos deberá abranguer, polo menos, todo o período de explotación mínimo da rede e deberá facer especial fincapé na provisión de servizos de acceso con maiores capacidades de tráfico que o servizo mínimo.

-Inclusión de accesos sen horarios nin restrición de tráfico: no paquete de servizos ofertados deberanse incluír conexións sen límite de tráfico de baixada e sen restrición horaria á accesibilidade do servizo.

-Accesibilidade de servizos: os accesos retallistas comercializados deberán permitir acceder a unha serie de servizos base como navegación web, correo electrónico, mensaxaría instantánea, acceso a servizos telemáticos das diferentes administracións, descarga de ficheiros e posibilidade de establecer redes privadas virtuais. En calquera caso os solicitantes deberán presentar, nos seus proxectos, os servizos a maiores soportados como pode ser voz sobre IP, videoconferencia ou video streaming, asociándoos sempre aos seus respectivos niveis de servizo (latencia máxima, jitter máximo, taxa máxima de paquetes perdidos...).

Artigo 10º.-Metodoloxía, medios técnicos e materiais.

O solicitante deberá achegar información sobre os seus medios e procedementos de cara a garantir as calidades mínimas exixidas nos servizos solicitados, incluíndo os medios de atención ao cliente. Así, deberase incluír na proposta presentada información relativa a:

-Operación e mantemento.

-Calidade de servizo (SLA).

-Atención a usuarios.

No anexo 4 que se xunta a estas bases reguladoras (metodoloxía, medios técnicos e materiais) especifícanse os conceptos mínimos que se incluirán en cada epígrafe.

Artigo 11º.-Plan de despregamento.

No que atinxe ao despregamento de rede proposto polo solicitante, ademais dunha listaxe de núcleos incluídos neste, a documentación proporcionada deberá incluír un plan de despregamento cunha incerteza máxima mensual no cal consten, como mínimo, os seguintes conceptos detallados para cada localización proposta:

-Provisión e construción da infraestrutura.

-Provisión e instalación do equipamento de acceso.

-Integración coa rede de transporte e interconexión coa rede de operador.

-Plan de probas.

-Posta en servizo.

Este plan de despregamento deberá detallar os prazos para cada concepto cun grao de detalle mínimo semanal e garantir o cumprimento dos prazos de execución indicados nesta convocatoria.

O plan de despregamento presentado deberá cumprir os prazos temporais especificados nesta convocatoria e concretamente os estipulados no artigo 4. Toda solicitude que teña asociado un plan de despregamento con data de finalización posterior á citada como límite no dito artigo será desestimada inmediatamente. Respecto dos proxectos que entren nas restricións fixadas, os prazos de despregamento de rede, así como os investimentos necesarios serán parámetros tidos en conta no momento da valoración das solicitudes.

Artigo 12º.-Plan de negocio.

A proposta presentada deberá conter un plan de negocio, o cal deberá abranguer como mínimo un horizonte temporal de dez (10) anos desde o inicio da prestación do servizo, utilizando o método de valor actual neto (VAN), indicando expresamente a taxa anual de desconto empregada, a cal, pola súa vez, deberá ser comparada coa taxa interna de retorno (TIR) que reflicta a avaliación privada. Débese rexer polo principio do investidor privado nunha economía de mercado tal e como define a Comisión do Mercado de Telecomunicacións (CMT), sendo os beneficiarios das axudas os únicos responsables da súa viabilidade e continuidade.

No plan de negocio presentado deberá incluír detalle de:

-Hipótese de cálculo: índices de penetración dos servizos, investimento total, prazos de amortización do equipamento, ingresos estimados, custos de explotación, custos de comercialización, hipóteses financeiras e variables macroeconómicas.

-Plan de investimentos propio.

-Plan de custos e ingresos.

Artigo 13º.-Beneficiarios.

i. Poderán ser beneficiarios:

1. As persoas físicas constituídas como empresarios individuais.

2. As persoas xurídicas, calquera que sexa a forma societaria que adopten.

3. As unións temporais de empresas.

Neste caso, as empresas que concorran en UTE deberán facer constar expresamente na solicitude os compromisos de execución asumidos por cada unha das entidades que a integra, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada unha delas, que terán, así mesmo, a condición de beneficiarias. Deberán nomear un representante ou apoderado único, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á UTE. Non se poderá disolver durante o prazo a que se estenden as obrigas derivadas da subvención.

En todos os casos, os beneficiarios antes referidos deberán operar no mercado como operadores de redes e prestadores de servizos de comunicacións electrónicas. Para os efectos destas bases, entenderanse por explotadores de redes e prestadores de servizos de comunicacións electrónicas aqueles operadores que se encontren debidamente inscritos conforme a Lei 32/2003, do 3 de novembro, xeral de telecomunicacións, e a súa normativa de desenvolvemento.

Cando o beneficiario sexa unha persoa xurídica, os membros asociados do beneficiario que se comprometan a efectuar a totalidade ou parte das actividades que fundamenten a concesión da subvención en nome e por conta do primeiro terán igualmente a consideración de beneficiarios.

ii. Non poderán obter a condición de beneficiarios:

1. As persoas en que concorra algunha das circunstancias recollidas nos puntos 2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG).

2. As empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2004/C244/02).

3. As empresas que se encontren suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ao beneficiario ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 14º.-Obrigas dos beneficiarios.

Serán obrigas da empresa beneficiaria as seguintes:

a) Cumprir as obrigas establecidas no artigo 11 da LSG, así como as instrucións específicas que, en aplicación e cumprimento destas bases, comunique Agader en materia de execución, seguimento, pagamento das subvencións, información e publicidade, xustificación e control do gasto.

b) Comunicar ao órgano concedente de forma inmediata e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da subvención concedida, a obtención de calquera outra subvención, axuda, ingresos ou recursos que financien a mesma actuación subvencionada, procedente doutras administracións públicas ou entes públicos e privados. No suposto de subvencións concedidas ao abeiro da norma comunitaria de minimis, os beneficiarios deberán comunicar as subvencións obtidas durante o exercicio fiscal en curso e os dous anteriores, calquera que fose o obxecto destas.

c) Cumprir as condicións que, se é o caso, puidesen establecer as autoridades reguladoras nacionais e comunitarias no ámbito do mercado das telecomunicacións.

d) Deberán dar adecuada publicidade da orixe do financiamento público recibido en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto; nas publicacións, actividades de difusión, páxinas web e, en xeral, en toda información ou publicidade que se efectúe das actuacións subvencionadas, deberase facer constar que están subvencionados por Agader no marco do Plan director de banda larga aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

e) Con carácter específico, os beneficiarios deberán cumprir as seguintes obrigas de comercialización, valorándose o compromiso de realizar as tarefas de comercialización e divulgación en lingua galega:

a. Facilitar a adquisición dos seus produtos en puntos de venda físicos en todo o territorio do ámbito da acción, a unha distancia máxima de 30 quilómetros de calquera cliente.

b. Ser responsables da comercialización do servizo nos núcleos da listaxe do anexo 1 que se vexan afectados polo despregamento de rede do beneficiario. Para estes efectos, na documentación que presenten indicarán os plans de publicidade, campañas de mercadotecnia directa e indirecta e plans de distribución directa ou indirecta que se comprometen a acometer, así como o timing destas accións e os recursos que prevén destinar a este aspecto do proxecto.

c. Realizar unha campaña divulgativa, supervisada por Agader, en relación cos novos servizos entre os potenciais usuarios. Este programa de difusión comprenderá, como mínimo, unha aplicación web informativa, así como a realización de xornadas e sesións de difusión pública sobre o alcance do proxecto. Nas tarefas de supervisión da campaña divulgativa a que se fai referencia nesta alínea, Agader estará asistida pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

d. Poderán ofrecer outros servizos de transmisión de datos distintos dos establecidos nestas bases, entre eles, aplicacións empaquetadas, sempre e cando os servizos obrigatorios sexan comercializados sen discriminar en prezo e calidade.

f) Así mesmo, deberá cumprir as seguintes obrigas en relación coa explotación da rede:

a. Dispoñer dun portelo único de atención ao cliente de servizos de transporte por xunto, proporcionando aos clientes un teléfono de atención as 24 horas dos 365 días do ano.

b. Dispoñer dun portelo único de atención ao cliente de servizos de acceso retallista, proporcionando aos clientes un teléfono de atención en horario laboral.

c. Operar a rede durante un período mínimo de dez (10) anos, sendo responsables da correcta explotación e mantemento de toda a infraestrutura e equipamento instalado. Conforme se vaia despregando e activando a rede e, como mínimo, ata a finalización do período de explotación, os clientes das áreas con cobertura poderán solicitar os servizos ofertados.

d. Ofrecer a posibilidade de atender o usuario, tanto de forma oral coma escrita, en idioma galego ou castelán á súa elección.

g) En definitiva, o proxecto comprometido que os beneficiarios despreguen, operen e exploten deberá cumprir coas exixencias mínimas de calidade recollidas nestas bases e na normativa vixente, así como coas obrigas establecidas polos organismos internacionais que resulten de aplicación, de maneira que o servizo se preste con estrita suxeición aos principios de transparencia e non-discriminación e contribúa ao permanente desenvolvemento e investimento do mercado das telecomunicacións nos núcleos de poboación a que se dirixe a actuación destas bases.

Artigo 15º.-Subcontratación.

Cando na realización dun proxecto se subcontrate parte da súa execución, o custo da subcontratación non poderá exceder o 80 por 100 do custo total do proxecto. A subcontratación das actividades subvencionadas axustarase ao disposto no artigo 27 da LSG. En particular, no caso de que a subcontratación supere o 20% do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 €, deberá formalizarse un contrato por escrito entre as partes e a súa formalización deberá ser autorizada previamente polo órgano concedente da axuda.

Artigo 16º.-Intensidade da subvención.

Enténdese por intensidade da subvención o importe bruto desta expresado en porcentaxe dos custos subvencionables do proxecto ou acción. Todas as cifras empregadas se entenderán antes de deducións fiscais ou doutro tipo.

A intensidade bruta máxima das subvencións será de ata o 70 por 100 do custo subvencionable do proxecto ou acción.

Artigo 17º.-Gastos subvencionables.

Considéranse gastos subvencionables aqueles que respondan de xeito indubidable á natureza da actividade subvencionada e se causen entre o 20 de abril de 2010 e o 30 de novembro de 2010.

En concreto, serán financiables os seguintes conceptos sempre e cando sexan relativos á rede de acceso e interconexión dentro das localizacións de Retegal:

-Planificación, enxeñaría e dirección facultativa de obra, incluíndo os custos directos imputables por gastos de persoal propio asignado ao proxecto ata un máximo dun 7% da cantidade subvencionada.

-Subministración e instalación de equipamentos dedicados ao proxecto.

-Subcontratacións exclusivamente derivadas do proxecto ou acción.

-Equipamento de usuario ata un máximo do 8% da cantidade subsidiada, sempre e cando estea asociado a unha alta no ámbito territorial e no servizo retallista definidos nesta orde.

En ningún caso se considerarán gastos subvencionables aínda que estean asociados á rede de acceso:

-O IVE e outros impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación, nin os impostos persoais sobre a renda.

-Infraestruturas e gastos de obra civil.

-Material funxible.

-Gastos de promoción e difusión do proxecto ou acción.

Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipo ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar na xustificación ou, de ser o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta economicamente máis vantaxosa.

Capítulo III

Procedemento de concesión e xestión da subvención

Artigo 18º.-Solicitudes e prazo de presentación.

As solicitudes presentaranse no rexistro xeral de Agader, ou por calquera dos medios referidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXPAC), en modelo normalizado que se inclúe no anexo II.- Formularios, que se achega á resolución pola que se aproban estas bases reguladoras como Modelo A.- Solicitude, xunto coa documentación que a continuación se indica. Así mesmo, o citado modelo poderase descargar na páxina web de Agader: http://agader.xunta.es

Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación, por duplicado (orixinal ou copia compulsada e outra copia máis en soporte electrónico):

18.1. Documentación administrativa:

a) DNI se o beneficiario é persoa física; se é persoa xurídica, o CIF e DNI do representante que asine a oferta.

b) No caso de persoas xurídicas, escrituras de constitución e de modificación, se é o caso, inscritas no Rexistro Mercantil, cando este requisito fose exixible conforme a lexislación mercantil que lle sexa aplicable. En caso de non resultar exixible, escritura ou documento de constitución en que consten as normas polas cales se regula a súa actividade, inscritos, se é o caso, no correspondente rexistro oficial.

c) No suposto de que se presenten proposicións subscritas conxuntamente por varios solicitantes como Unión Temporal de Empresas (UTE), incorporarase o compromiso de constituír a UTE no caso de que lles sexa concedida a subvención. Os empresarios que desexen concorrer integrados en UTE deberán indicar na proposta os nomes e circunstancias dos que a constitúan, a participación de cada un deles e que asumen o compromiso de se constituíren formalmente en unión temporal, no caso de resultar beneficiarios. O escrito deberá estar asinado polos representantes das diversas empresas promotoras, así como polo apoderado único que estarán obrigadas a nomear.

d) Acreditación da representación por calquera medio admisible en dereito.

e) Declaración responsable do concorrente en que faga constar que non está incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da LSG de acordo co modelo normalizado incluído no anexo II.- Formularios, que se achega á resolución pola que aproban estas as bases reguladoras, como Modelo B. Declaración doutras axudas e declaración responsable.

f) Declaración responsable en relación con outras axudas concedidas e/ou solicitadas a outras entidades públicas e/ou privadas, para a mesma finalidade, con indicación, de ser o caso, da convocatoria de axudas correspondente, da data de resolución de concesión e, de ser o caso, do pagamento da axuda, de acordo co modelo normalizado incluído no anexo II.- Formularios, que se achega á resolución pola que se aproban estas bases reguladoras, como Modelo B. Declaración doutras axudas e declaración responsable.

g) Certificación emitida pola entidade bancaria na cal conste o número de conta bancaria en que o solicitante quere percibir a axuda.

h) Certificado ou documento acreditativo da inscrición do solicitante no Rexistro de Operadores como explotador de redes e prestador de servizos de comunicacións electrónicas. No caso de que se faga uso do espectro radioeléctrico para a prestación dos servizos, deberase acreditar a disposición de títulos habilitantes para o uso do dominio público radioeléctrico outorgados pola SETSI.

i) Acreditación da solvencia económica e financeira do proxecto: presentarase o plan financeiro que se vai aplicar para a execución do proxecto, con expresión da orixe dos recursos que o van financiar.

18.2. Proposta do proxecto.

Os solicitantes deberán presentar toda a documentación exixida en formato dixital e nativo (non exportado). Para os documentos de texto e follas de cálculo deberase utilizar un formato editable. As propostas de cobertura e topoloxía de rede deberán ser presentadas en formato tipo GIS, arquivos .shp e .dbf.

Incluirase a proposta técnica e económica estruturada segundo o seguinte índice:

1. Introdución: neste primeiro punto consignarase toda a información de carácter xeral que se considere conveniente de cara a un mellor entendemento dos termos da proposta.

2. Alcance da proposta:

2.1. Cobertura: presentarase en formato papel un resumo da cobertura proposta en función das tipoloxías especificadas no anexo 1 (Listaxe de núcleos obxectivo), e nas condicións establecidas no artigo 3º. Achegarase, así mesmo, documento dixital en que se especifique a cobertura proposta por cada núcleo.

2.2. Servizos prestados: achegará detalle dos servizos ofertados tanto retallistas, tal e como se definen no artigo 9º, como por xunto se iso fose de aplicación.

3. Características técnicas da solución proposta: segundo se detalla no artigo 8º e anexo 3 (Descrición técnica mínima das redes obxecto desta axuda).

4. Plan de despregamento: achegarase plan de despregamento da rede, recollendo polo menos os conceptos especificados no artigo 11º.

5. Plan de negocio: achegarase plan de negocio segundo se especifica no artigo 12º.

6. Plan de seguimento e control: segundo se especifica no artigo 24º.

7. Metodoloxía, medios técnicos e materiais: segundo se detalla no artigo 10º e o anexo 4 (Metodoloxía, medios técnicos e materiais).

8. Plan de comercialización: achegarase plan de comercialización segundo se especifica no anexo 5 (Comercialización, prestación do servizo e facturación).

9. Memoria económica dos investimentos e gastos previstos, desagregando as partidas e con expresión do importe total do proxecto. Ademais, deberá presentarse un resumo da dita memoria segundo o modelo normalizado incluído no anexo II.-Formularios, que se achega á resolución pola que se aproban esta bases reguladoras como Modelo C. - Resumo da memoria económica do proxecto.

Os proxectos que se presenten deberán ser viables desde o punto de vista técnico e financeiro.

Os solicitantes non estarán obrigados a presentar os documentos que xa consten en poder de Agader de conformidade co disposto no artigo 35 f) da LRXPAC, sempre que indiquen os datos que permitan localizala e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir o solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

18.3. Consentimentos e autorizacións:

a) A presentación da solicitude comporta a autorización do solicitante para que Agader obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos, polo cal queda liberado o solicitante de achegar as correspondentes certificacións. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso, deberá entregar a certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma. Se por razóns técnicas ou doutra índole as ditas certificacións non puidesen ser obtidas por Agader, poderán serlle requiridas ao solicitante.

b) A presentación da solicitude de axuda tamén comportará a autorización do solicitante para que Agader, de acordo co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, poida consultar os seus datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia.

c) Conforme o previsto no artigo 15 da LSG, Agader publicará no DOG as subvencións concedidas ao abeiro destas bases.

d) Así mesmo, de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, Agader publicará na súa páxina web as concesións das axudas reguladas nestas bases, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos de carácter persoal e da súa publicación.

Ademais, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a solicitude de axuda significa o consentimento para que os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso, sexan incluídos e feitos públicos no citado rexistro, que depende da Consellería de Facenda.

Non obstante, os interesados poderán pedir que non se fagan públicos os seus datos cando poidan afectar a honra e a intimidade persoal e familiar das persoas físicas, segundo o establecido na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio.

Artigo 19º.-Instrución.

O órgano competente para a instrución do procedemento é a Subdirección de Coordinación e Planificación para o Desenvolvemento Rural de Agader, que realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

En fase de instrución levaranse a cabo, entre outras, as seguintes actuacións administrativas:

1) Emenda de documentación.

Se a solicitude e/ou a documentación que se deba xuntar a esta non reúne os requisitos exixidos na convocatoria e nestas bases, requirirase o interesado para que, no prazo de dez (10) días hábiles desde o seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con advertencia de que, se non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, de acordo co establecido no artigo 71 da LRXPAC.

2) Valoración de proxectos.

a. Os proxectos valoraranse en réxime de concorrencia competitiva conforme os criterios de baremación que se establecen no punto seguinte deste artigo.

No procedemento de valoración, o órgano instrutor estará asistido por persoal técnico da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, ao abeiro do convenio de colaboración subscrito o 12 de maio de 2010 sobre coordinación de actuacións relativas ao despregamento de infraestruturas de banda larga no territorio rural galego.

b. A avaliación realizarase baseándose nos seguintes criterios:

Ver referencia pdf "11800D012P042.PDF"

En caso de empate, para desempatar terase en conta a maior puntuación obtida na valoración do criterio referido á cobertura e en segundo lugar a do criterio referido a servizos prestados.

O proxecto que obteña a maior puntuación determinará a adxudicación da subvención a favor do solicitante que o subscribise, polo importe solicitado, sempre respectando os límites orzamentarios expresados na convocatoria.

Os demais solicitantes integrarán a lista de espera, ordenada por orde decrecente segundo a puntuación obtida no baremo. No suposto de que o beneficiario seleccionado, segundo o disposto no parágrafo anterior, renuncie á subvención concedida ou decaia no dereito á súa percepción, activarase a lista de espera.

A continuación expóñense os aspectos que, en relación con cada criterio de valoración, determinarán a puntuación asignada a cada un deles:

a) Alcance da proposta:

a. Cobertura: avaliaranse os despregamentos de rede propostos sobre a base da porcentaxe de poboación cuberta respecto de obxectivo.

b. Servizos prestados: valoraranse, respecto do servizo mínimo de comercialización obrigatoria e do resto de servizos considerados como de banda larga, as tarifas e caudais asociados a estas así como outros aspectos como poden ser os niveis de servizo comprometidos. Tamén será valorado o plan de evolución do paquete de servizos, principalmente no que respecta a actualizacións de tarifas e caudais. Avaliarase a potencialización dunha rede de transporte aberta a terceiros operadores, como a rede proposta de Retegal. Así, no caso de que o solicitante non empregue a rede de transporte de Retegal, valorarase que o solicitante propoña un proxecto en que a rede de transporte empregada teña asociada un paquete de servizos por xunto adecuado, facendo especial fincapé en premiar a maior diversidade de servizos, a súa tarificación orientada a custos, a reserva de capacidade e as calidades de servizo asociadas.

b) Características técnicas da solución proposta: avaliaranse as características das redes de transporte e acceso propostas polo solicitante. No que respecta ás redes de acceso, valorarase especialmente a cobertura e o dimensionamento de cada localización, así como o valor presente e futuro da solución tecnolóxica proposta. Así mesmo, valorarase a solución tecnolóxica formulada para o equipamento de usuario. Respecto da rede de transporte, no caso de formular unha rede de transporte diferente á ofertada por Retegal, farase especial fincapé na solución tecnolóxica proposta, a súa topoloxía e estrutura, interoperabilidade, servizos soportados, capacidade e escalabilidade.

c) Plan de despregamento: será tida en conta positivamente a maior celeridade no despregamento das redes de telecomunicacións propostas, medido principalmente sobre a base da evolución temporal de habitantes cubertos ao longo do período de despregamento e de localizacións de acceso despregadas. Igualmente, tamén se valorará o grao de detalle, claridade e completitude da documentación asociada ao plan de despregamento respecto dos aspectos detallados nesta convocatoria.

d) Plan de seguimento e control: respecto do plan xeral de comunicación asociado ao seguimento e control das actuacións asociadas a esta convocatoria, valorarase o detalle da información relativa aos aspectos económicos do proxecto (gastos capitais, gastos operativos e ingresos), daqueles vinculados ao despregamento da rede (puntos de interconexión, puntos de presenza nos núcleos, redes de acceso e desviación respecto do plan de despregamento inicial así como medidas correctoras ao respecto), operativos (estatísticas xustificadas asociadas a operación e mantemento e á calidade dos servizos prestados) e información asociada á comercialización dos servizos como a penetración dos servizos por xunto e retallistas, os seus niveis de servizo e os gastos en actividades comerciais. Igualmente, será un aspecto positivo tido en conta o grao de acceso que se facilite a ferramentas internas de xestión.

e) Metodoloxía, medios técnicos e materiais: valorarase a adecuada disposición de recursos asociados a operación e mantemento, con especial fincapé na plataforma de xestión e monitorización de rede así como os procedementos de operación e mantemento. Igualmente, serán tidos en conta os compromisos adquiridos respecto dos niveis de calidade de servizo e os procedementos de atención ao cliente considerados. En todos os conceptos mencionados, o grao de detalle, claridade e completitude serán factores tidos en conta.

f) Plan de comercialización: respecto do plan de comercialización, valorarase especialmente o proxecto comercial disposto por parte do solicitante (no cal se deberá describir o paquete de servizos por xunto e retallistas comercializado, incluíndo tarifas, ofertas e características destes) así como as características dos servizos de atención ao cliente. Tamén se valorará o compromiso de realizar as tarefas de comercialización e divulgación en lingua galega e dispoñer dunha importante rede de puntos de venda físicos para facilitar a adquisición dos produtos.

g) Intensidade da subvención: primaranse aqueles proxectos en que o solicitante se comprometa a un maior esforzo investidor propio. Por iso outorgaráselles unha maior puntuación a aqueles proxectos en que a ratio entre as axudas públicas solicitadas e o investimento total comprometido sexa menor.

3. Proposta de resolución.

Efectuada a valoración dos proxectos nos termos previstos anteriormente, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución que, de forma motivada, expresará o solicitante para o que propón a concesión da subvención, identificación do proxecto, importe e porcentaxe da subvención proposta, así como o resultado de avaliación dos proxectos ao abeiro dos criterios establecidos neste artigo.

Así mesmo, expresará a relación de solicitantes que integrarán a lista de espera, que estará conformada unicamente por aqueles solicitantes cuxos proxectos, ao criterio do órgano instrutor, reúnan os requisitos de calidade e viabilidade técnica necesarias para dar cumprimento aos obxectivos previstos nestas bases.

Tamén expresará a relación de proxectos que quedarán excluídos da lista de espera, con indicación dos motivos que determinan esta circunstancia, ben por falta de documentación, por non reunir os requisitos ou por non alcanzar o proxecto os criterios de calidade e viabilidade técnica que, de forma motivada, determine o órgano instrutor na proposta de resolución.

Artigo 20º.-Resolución.

O director xeral de Agader, á vista da proposta, resolverá de forma motivada o procedemento de concesión das subvencións convocadas, nos termos previstos no artigo 23 da LSG.

O director xeral, á vista da proposta formulada polo órgano instrutor, poderá declarar deserta a convocatoria, no suposto de que os proxectos que se presenten non teñan a calidade e viabilidade técnica necesarias para dar cumprimento aos obxectivos previstos nestas bases reguladoras.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución aos interesados será de seis meses, contados a partir do día seguinte ao de finalización do prazo para a presentación de solicitudes. Transcorrido o prazo máximo sen ditarse resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

A resolución do procedemento notificaráselles aos interesados nos termos previstos no artigo 58 da LRXPAC.

Ademais, nos termos previstos na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de boas prácticas na Administración pública galega, darase publicidade na páxina web de Agader da concesión das subvencións tramitadas ao abeiro destas bases.

Notificada a resolución, o interesado proposto como beneficiario disporá dun prazo de dez (10) días, contados desde a notificación da concesión da subvención, para comunicar a Agader a súa aceptación. Transcorrido este prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 21º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. En particular, as variacións no orzamento aceptado e a obtención concorrente doutras subvencións, axudas ou recursos outorgados por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da subvención concedida. Tamén darán lugar á modificación da subvención a alteración das condicións establecidas na resolución de adxudicación da subvención e o incumprimento das circunstancia tidas en conta para a baremación do proxecto.

Para a modificación da resolución de concesión non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade.

O beneficiario terá a obriga de comunicar a Agader calquera alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención.

A modificación poderase autorizar sempre que:

-Non desvirtúe a finalidade da axuda e non supoña incremento do orzamento.

-Non exista prexuízo a terceiros.

-Os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación, de concorreren na concesión inicial, non suporán a denegación da axuda.

Artigo 22º.-Xustificación da realización do proxecto.

O beneficiario xustificará a subvención documentalmente nos termos que a continuación se expresan, e solicitará o pagamento mediante a presentación do modelo que lle facilite Agader.

I. Solicitude de libramento da subvención.

II. Conta xustificativa, entendéndose como tal o documento asinado polo representante legal do beneficiario, en que asume a realización do proxecto subvencionado, cunha relación de facturas, gastos e pagamentos contabilizados con cargo ao proxecto, así como o seu sometemento á normativa aplicable en materia de subvencións públicas e demais condicións impostas na resolución de concesión. Porase á disposición do beneficiario o modelo deste documento para a súa formalización.

III. Memoria en que se describa a realización dos investimentos.

IV. Xustificante dos investimentos:

-Facturas orixinais en relación cos gastos subvencionables, emitidas no período de elixibilidade dos gastos especificado no artigo 17º.

-No suposto de traballos realizados pola propia empresa, presentarase unha memoria valorada, facendo referencia aos recursos humanos (con referencia ás horas dedicadas ao proxecto e custos horarios) destinados á execución do proxecto. Esta memoria valorada estará visada por un auditor de contas nos termos previstos no artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións.

V. Xustificantes de pagamento:

-Xustificante bancario do pagamento das facturas polo beneficiario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo, certificación bancaria) en que conste o número de factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que debe coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que debe coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

Non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

-Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado. Neste caso achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto de conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto...) na cal conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

A documentación xustificativa dos investimentos, así como a correspondente ao seu pagamento, presentarase ordenada, na medida do posible, segundo a localización á cal se imputan.

Non se admitirán pagamentos en metálico.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, a xustificación do pagamento realizarase mediante a achega do correspondente extracto bancario, acompañado dun dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibín do provedor.

Para efectos da súa xustificación, as facturas que se paguen de modo fraccionado deberán incluírse no expediente nunha única solicitude de pagamento.

No caso de traballos realizados por persoal da empresa, achegarase a documentación xustificativa dos custos do persoal e do pagamento deles (nómina, TC1 e TC2, modelo de retención do IRPF …)

Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas por Agader e responder de xeito indubidable á natureza da actividade subvencionada. Sen necesidade de instar procedemento de modificación da subvención, Agader poderá aceptar variacións nas partidas de gasto aprobadas, coa condición de que as variacións non superen no seu conxunto o 20% do orzamento, que non aumente o importe total de gasto aprobado e que no se desvirtúen as características do proxecto e condicións que se tiveron en conta para a resolución de concesión.

VI. Declaración doutras axudas obtidas e/ou solicitadas, para o mesmo proxecto, en calquera outra Administración, organismo, ente público ou privado.

VII. No suposto de ter denegado expresamente a autorización ao órgano xestor para que este solicite de oficio os certificados de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, deberá achegar estas certificacións.

VIII. Xustificación do cumprimento das obrigas de publicidade das actuacións subvencionadas nos termos previstos no artigo 14º.

Recibida a documentación xustificativa da subvención, e con carácter previo ao pagamento, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica realizará as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada e das condicións establecidas para a súa concesión. O resultado destas comprobacións plasmarase nun informe técnico que se incorporará ao expediente.

Os prazos máximos establecidos para executar os investimentos e para xustificar os gastos correspondentes a estas son os que figuran na convocatoria.

Transcorrido o prazo para a xustificación dos investimentos sen terse presentado esta, requirirase o interesado para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comporta a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades que deriven da LSG.

Artigo 23º.-Pagamento.

Recibida a documentación xustificativa da subvención e o informe de comprobación emitido polos técnicos da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica respecto dos investimentos executados e do cumprimento da finalidade da subvención, Agader tramitará o pagamento.

O pagamento da subvención farase efectivo mediante transferencia bancaria á conta indicada polo beneficiario.

Poderán realizarse pagamentos á conta, de acordo cos artigo 31.6º da LSG e 62 e 63 do Decreto 11/2009. En todo caso, a tramitación dos pagamentos á conta está vinculada ao cumprimento das etapas previstas no plan de despregamento, en consonancia co regulado no artigo 4º. Desta forma, poderán tramitarse dous pagamentos parciais e un pagamento final.

Artigo 24º.-Actuacións de comprobación e control.

1. Sobre a base do convenio de colaboración subscrito entre Agader e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica para a coordinación de actuacións relativas ao despregamento de banda larga no territorio rural galego, esta última constitúese como órgano de seguimento e control técnico das actuacións que teñan que realizar os beneficiarios das axudas concedidas obxecto destas bases.

2. Así mesmo, o beneficiario está sometido ao control financeiro da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ao control fiscalizador do Consello de Contas de Galicia, así como ao control financeiro dos órganos de control estatais e comunitarios.

3. O beneficiario comprométese a definir un plan xeral de comunicación e a nomear un director de proxecto que será o interlocutor coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica para calquera aspecto (administrativo, técnico, de servizos e outros) relacionado coa execución do proxecto.

O Plan xeral de comunicación comprenderá a realización de informes de seguimento periódicos nos cales se incluirá a información e estatísticas solicitadas, tal como se detalla no anexo 6 (Plan xeral de comunicación).

O director de proxecto deberá realizar un seguimento da execución deste así como atender debidamente calquera requirimento de información.

4. Faranse reunións de seguimento cunha periodicidade mínima mensual, nas cales deberá participar, en representación do beneficiario, o persoal necesario para poder tratar calquera aspecto do seguimento (económico, de despregamento, operativo e comercial).

5. Os beneficiarios recoñecen o dereito de Agader para examinar por medio de auditores, externos ou propios da entidade, o fiel cumprimento dos servizos prestados por parte dos beneficiarios. Para os efectos do seguimento e control das actividades financiadas, os beneficiarios deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos nos termos exixidos pola lexislación aplicable ao beneficiario, así como as facturas e demais xustificantes de gasto de valor probatorio equivalente e os correspondentes xustificantes de pagamento. Este conxunto de documentos constitúe o soporte xustificativo da subvención concedida, e garante o seu adecuado reflexo na contabilidade do beneficiario.

6. Durante todas as fases do proxecto, os beneficiarios comprométense en todo momento a facilitar a Agader a información e documentación que esta solicite para dispoñer dun pleno coñecemento das circunstancias en que se desenvolven os traballos, así como dos eventuais problemas que se poidan formular e das tecnoloxías, métodos e ferramentas utilizados para resolvelos.

7. Será, así mesmo, obriga dos beneficiarios crear unha aplicación web con acceso restrinxido, na cal deberá constar a información actualizada de todos os indicadores do proxecto (parámetros económicos, de despregamento, de operación e de comercialización) necesarios para o correcto seguimento en tempo real de avance do proxecto.

Artigo 25º.-Reintegro.

Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos previstos no artigo 33 da LSG.

O procedemento de reintegro tramitarase nos termos previstos nos artigos 74 e seguintes do Decreto 11/2009.

Artigo 26º.-Sancións e penalizacións.

1. Será de aplicación o previsto no título IV da LSG, se concorresen os supostos de infraccións administrativas en materia de subvencións e axudas públicas.

2. Con carácter específico, aplicaranse penalizacións pola demora ao acometer as actuacións obxecto de subvención nestas bases.

3. O órgano concedente aplicará, salvo xustificación aceptada por este, as seguintes penalizacións:

a) Durante a fase de despregamento:

-Penalizarase con ata un 20% da cantidade subvencionada o incumprimento do prazo máximo para a posta en servizo;

-Con ata un 10% o atraso nunha etapa do plan de despregamento, segundo o previsto no artigo 4 destas bases. Para estes efectos, logo de xustificación motivada do beneficiario, non se terán en consideración os atrasos ocasionados como consecuencia da actuación das administracións públicas competentes para o outorgamento de licenzas e/ou permisos directamente ligados á subministración.

b) Finalizada a fase de despregamento, penalizarase con ata un 20% da cantidade subvencionada o incumprimento dos niveis mínimos de servizo acordados, da seguinte forma:

-Ata un 10% por incumprimento de caudal garantido, dispoñibilidade e tempo de resolución de fallos segundo o estipulado no artigo 9º.

-Ata un 5% por incumprimento de prazos máximos para a alta de servizo segundo o estipulado no artigo 9º.

-Ata un 5% por incumprimento dos niveis mínimos de calidade segundo o estipulado na Orde ITC/912/2006, do 29 de marzo.

c) Así mesmo, poderán aplicarse penalizacións de ata o 1% da axuda total concedida nos supostos de atraso ou deficiencias de forma na entrega de calquera tipo de informe de seguimento requirido de conformidade co artigo 24º destas bases.

4. Sen prexuízo da obriga de satisfacer a penalización nos termos previstos, os beneficiarios deberán cumprir as obrigas cuxo incumprimento ou atraso se penaliza.

As devanditas penalizacións detraeranse do importe pendente de pagamento. En caso de que non existan cantidades pendentes de pagamento, as penalizacións faranse efectivas mediante o reintegro, segundo o disposto no artigo 25º destas bases.

Artigo 27º.-Incompatibilidades.

As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria serán incompatibles con calquera outra axuda ou subvencións para a mesma finalidade, procedente de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 28º.-Normativa aplicable.

As subvencións tramitadas e concedidas ao abeiro destas bases reguladoras, así como os proxectos que ao abeiro destas se executen, están suxeitos, entre outras, ás seguintes normas xurídicas:

-Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

-Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

-Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

-Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

-Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

-Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

-Directrices comunitarias para a aplicación das normas sobre axudas estatais ao despregamento rápido de redes de banda larga, do 17 de setembro de 2009.

-Plan director de banda larga de Galicia (2010-2013), aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 18 de febreiro de 2010.

-Directiva 2002/21/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de marzo de 2002, relativa a un marco regulador común das redes e dos servizos de comunicacións electrónicos.

-Lei 32/2003, do 3 de novembro, xeral de telecomunicacións, e os seus correspondentes regulamentos de desenvolvemento.

-Real decreto 1066/2001, do 28 de setembro, polo que se aproba o regulamento que establece as condicións de protección do dominio público radioeléctrico, restricións ás emisións radioeléctricas e medidas de protección sanitaria fronte ás emisións radioeléctricas.

-Real decreto 424/2005, do 15 de abril, polo que se aproba o Regulamento sobre as condicións para a prestación dos servizos de comunicacións electrónicas, o servizo universal e a protección dos usuarios.

-Real decreto 1580/2006, do 22 de decembro, de transposición da Directiva 20004/108/CE sobre compatibilidade electromagnética.

-Orde ITC/912/2006, do 29 de marzo, pola que se regulan as condicións relativas á calidade do servizo na prestación dos servizos de comunicacións electrónicas.

-Orde ITC/332/2010, do 12 do febreiro, pola que se aproba o Cadro Nacional de Atribución de Frecuencias (CNAF).

-Real decreto 899/2009, do 22 de maio, polo que se aproba a carta de dereitos do usuario dos servizos de comunicacións electrónicas.

-Orde ministerial CTE/23/2002, do 11 de xaneiro, sobre emisións radioeléctricas.

Artigo 29º.-Réxime de recursos.

As resolucións dos procedementos instruídos ao abeiro destas bases esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

-Potestativamente, recurso de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da recepción da notificación, se a resolución fose expresa. Se non o fose, o prazo será de tres meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

-Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da data de notificación, se a resolución for expresa. Se non o for, o prazo será de seis meses, contados desde o día seguinte aquel en que se entenda desestimado por silencio administrativo.

Ver referencia pdf "11800D012P042.PDF"

ANEXO 2

Condicións do servizo de Retegal

Os despregamentos de rede necesarios para a consecución dos obxectivos destas bases requirirán de infraestruturas troncais que proporcionen conectividade global aos ISP. Retegal porá á disposición dos operadores, se así o requiren, todos os servizos que comercializa na actualidade.

Coa finalidade de facilitar os despregamentos de rede acometidos polos beneficiarios e calquera outro operador que os solicite, Retegal creou un novo paquete de servizos que inclúe un desconto por volume e que sería de aplicación unicamente no caso de contratar algún dos conceptos descritos en todas as localizacións propostas (17 localizacións) durante todo o período de obrigatoriedade de prestación do servizo especificado no artigo 14º.

1) Descrición de paquete de servizos.

Os conceptos incluídos no paquete de servizos son os seguintes:

-Estación radio base (ERB): servizo de aloxamento, que inclúe espazo en sala para un bastidor de 19’’ (600×600×2000 mm) e espazo en torre de ata 1 m2.

-Estación radio base (ERB) + transporte: servizo de aloxamento, que inclúe espazo en sala para un bastidor de 19’’ (600×600×2000 mm) e espazo en torre de ata 1 m2. Inclúese servizo de transporte entre ERB e punto de interconexión (PdI), con velocidades de: 10, 30 ou 54 Mbps.

-Punto de concentración (PdC): servizo de aloxamento, que inclúe espazo en sala para tres bastidores de 19’’ (600×600×2000 mm) e espazo en torre ata 2 m2. Inclúese servizo de transporte entre PdC e punto de interconexión (PdI), con velocidades de: 100 Mbps, 500 Mbps ou 1 Gbps.

-Punto de interconexión (PdI): punto de entrega de tráfico ao operador, que inclúe interface Gigabit Ethernet e espazo para aloxamento dos equipamentos de interconexión do operador.

2) Características do paquete de servizos.

Os servizos indicados no punto anterior teñen asociadas as seguintes características:

-Todos os servizos de aloxamento inclúen servidumes de paso e disposición de enerxía en c.c. -48Vcc (non se inclúen os custos do consumo de enerxía).

-O transporte será en tráfico IP (interfaces Ethernet, Fast Ethernet ou Gigabit Ethernet segundo corresponda) extremo a extremo entre as localizacións (ERB ou PdC) e os PdI co operador.

-Retegal garantiralles aos operadores uns niveis de calidade de servizo acordes coa demanda destes. Neste sentido Retegal garantirá os seguintes parámetros:

-Dispoñibilidade do servizo do 99,9% nos PdI e PdC (medida en cómputo semestral).

-Dispoñibilidade do servizo do 99,5% nas ERB (medida en cómputo semestral).

-Tempo máximo de resolución de fallos (TMRF) que afecten o servizo de 4 horas (24×365) no 90% dos casos (medida en cómputo semestral).

-Retegal prestará os servizos contratados polos operadores coas seguintes características:

-Comunicacións: portelo único (24×365) para a atención e comunicacións co cliente, establecendo de común acordo co operador un protocolo para a comunicación e seguimento de incidencias.

-Calidade da rede de transporte: garantirase en toda a rede de transporte latencia e jitter inferiores a 20 m.

-Penalizacións: Retegal asumirá as penalizacións que o operador deba aboar aos seus usuarios (máis un incremento do 10%) se estas son causadas por fallos no servizo prestado por Retegal. Estas penalizacións estableceranse conforme a normativa vixente, establecida no momento de redacción desta resolución no Real decreto 899/2009, do 22 de maio, polo que se aproba a carta de dereitos do usuario dos servizos de comunicacións electrónicas.

3) Localizacións propostas.

Para a prestación destes servizos, Retegal porá á disposición dos adxudicatarios desta axuda as seguintes localizacións. Indícanse, así mesmo, as posibles tipoloxías (ERB, PdC ou PdI) que se poderían contratar en cada localización:

Ver referencia pdf "11800D012P042.PDF"

ANEXO 3

Descrición técnica mínima das infraestruturas propostas polo solicitante

Ademais dunha descrición xeral da rede, requírese unha exposición detallada das características máis relevantes das redes de transporte e acceso empregadas para proporcionar os servizos de conectividade pertinentes. Os puntos mínimos que se tratarán na exposición das propostas dos solicitantes respecto da rede que se van despregar son:

1) Descrición xeral da rede:

Deberase expoñer o deseño xeral da rede proposta valorando positivamente que este estea orientado á consecución duns parámetros adecuados de calidade de servizo, escalabilidade e interoperabilidade debidamente plasmados e xustificados. A exposición do deseño xeral da rede incluirá a topoloxía xeral, as tecnoloxías empregadas nas redes de transporte e acceso así como os puntos de interconexión previstos. Respecto á conectividade mínima que se lles prestará aos usuarios finais requírese, polo menos, conectividade á internet e aos servizos asociados (correo electrónico, navegación web, mensaxaría instantánea, servizos telemáticos da Administración, descarga de ficheiros e outros). Seguindo os criterios de neutralidade de rede, non se poderá vetar o acceso a contidos e/ou servizos legais e deberase informar de toda política de xestión de tráfico que poida desembocar no trato diferenciado do tráfico asociado a estes.

2) Descrición da rede de transporte ou troncal:

Ben que non é obxecto desta convocatoria o desenvolvemento da rede de transporte, si será necesario especificar as características desta, especialmente naqueles casos en que a rede que se vai empregar sexa diferente á ofertada por Retegal. Deberanse incluír, polo menos, os seguintes puntos debidamente separados e desenvolvidos:

a) Topoloxía e estrutura.

b) Relación de todas as localizacións, especificando a súa situación, o tráfico asociado estimado, a súa titularidade e se será de nova construción o existente. Nos casos de uso de localizacións distintas ás propostas por Retegal, deberase incluír, polo menos, a seguinte información:

-Situación xeográfica (coordenadas xeográficas UTM29 European Datum 1950 asociadas).

-Características da localización (eléctricas, de espazo, de seguridade, de accesibilidade e outros).

-Capacidade dispoñible para a prestación de servizos de transporte a outros operadores.

c) Tecnoloxía empregada, incluíndo soporte físico e método de transmisión empregado en cada tramo (nos casos de uso de redes de transporte diferentes ás ofertadas por Retegal nestas bases).

d) Capacidade efectiva e dispoñibilidade de todos e cada un dos seus tramos (nos casos de uso de redes de transporte diferentes ás ofertadas por Retegal nestas bases).

e) Relación xeral das posibilidades de escalado de capacidade que ofrece a rede cunha estimación do custo asociado (nos casos de uso de redes de transporte diferentes ás ofertadas por Retegal nestas bases).

f) Titularidade das infraestruturas de rede empregadas e acordos comerciais asociados no caso de non ser de titularidade propia. Deberá garantirse que durante o período mínimo de explotación fixado no artigo 14º (Obrigas dos beneficiarios) todas as infraestruturas empregadas sexan accesibles ao solicitante.

g) Aspectos da rede que poidan influír na diferenciación do tráfico asociado a diferentes servizos e/ou provedores destes. A este respecto, considérase que a información mínima que se vai facilitar deberá incluír os criterios empregados para a priorización do tráfico segundo o servizo asociado así como as calidades e estratexias de xestión de tráfico asociadas a cada un dos grupos resultado da dita clasificación (nos casos de uso de redes de transporte diferentes ás ofertadas por Retegal nestas bases).

h) Outros aspectos relativos á rede de transporte proposta que se consideren relevantes e non estean incluídos nos puntos anteriormente citados.

3) Descrición das redes de acceso:

Respecto das redes de acceso que despregará o solicitante para dar cumprimento aos obxectivos desta convocatoria, considérase necesario facilitar a seguinte información mínima en puntos claramente separados e particularizados por localización:

a) Tecnoloxía empregada na rede de acceso así como fabricantes, modelos e resumo das principais características do equipamento (capacidades de servizo, estandarización e características mecánicas, eléctricas e radioeléctricas).

b) Dimensionamento de cada unha das localizacións empregadas.

c) Detalle de características de todos e cada unha das localizacións empregadas para o despregamento de rede de acceso (enerxía, accesibilidade, espazo, localización xeográfica...).

d) Propietario de cada unha das localizacións e acordos asociados ao seu uso, en caso de non ser propiedade do solicitante, de modo que se garanta a súa dispoñibilidade durante todo o período mínimo de explotación fixado nesta convocatoria.

e) Equipamento de usuario: indicando fabricante, modelos e un resumo das principais características técnicas (interface de conexión con rede de usuario, estandarización, tempos de duración media antes de fallo (MTBF) do terminal, características mecánicas, eléctricas e radioeléctricas).

f) Outros aspectos que se consideren relevantes para a valoración da rede de acceso proposta.

ANEXO 4

Metodoloxía, medios técnicos e materiais

1) Operación e mantemento.

Indicaranse os recursos humanos e técnicos postos á disposición da función de operación e mantemento tanto para a xestión e monitorización da rede como para as actuacións de carácter preventivo e correctivo, incluíndo detalle de:

a) Plataforma de xestión e monitorización.

Especificaranse os parámetros técnicos da plataforma de xestión, como mínimo incluíndo os seguintes conceptos:

-Monitorizado e xestión remota de equipamento da rede de acceso: funcionalidades.

-Monitorizado e xestión remota de equipamento de usuario: funcionalidades.

-Monitorizado e xestión remota de equipamento da rede de transporte: funcionalidades.

-Posibilidades de inventariado de equipamentos, versións de software, backup de configuracións, usuarios de servizo activados e as súas características.

-Posibilidades de estatísticas de uso de rede, por usuario ou estación base, e capacidade de almacenamento, histórico de estatísticas.

-Posibilidade de definición de perfís de usuario.

-Características do rexistro e almacenamento de alarmas, histórico de alarmas.

b) Procedementos de operación e mantemento: así mesmo, describiranse os procedementos existentes para a operación e mantemento da rede como:

-Procedementos de mantemento preventivo e correctivo.

-Procedementos de actualización de versións e software.

-Procedementos de instalación e activación de localización.

-Procedementos de instalación e activación de usuario.

-Procedementos de seguridade de cara a garantir a protección de datos dos usuarios.

-Plans de continxencia e medidas e protocolos de seguridade orientados ao mantemento do servizo (plan de seguridade).

2) Calidade do servizo (SLA).

Cada licitador presentará uns compromisos de calidade do servizo (SLA) en que se incluirán, polo menos, os seguintes conceptos:

a) Tempo máximo de instalación de equipamento de usuario e provisión do servizo.

b) Tempo máximo de resolución de incidencias (tempo transcorrido entre que o operador ten coñecemento da avaría e esta é resolta). Distinguiranse as incidencias en función da súa gravidade, relativa ao corte ou degradación do servizo e número de usuarios afectados.

c) Indispoñibilidade máxima do servizo: medida como a porcentaxe de horas sen servizo para o peor caso, débense reportar para períodos tanto anuais coma mensuais.

3) Atención a usuarios.

Dentro da funcionalidade exixida de prestación do servizo a usuarios finais, os adxudicatarios serán os responsables da atención ao usuario. Enténdese esta atención como un servizo integral posvenda, que inclúe un teléfono de atención permanente para recepción de avarías, consultas ou axudas remotas para a configuración do terminal de usuario.

Indicarase que procedementos de atención a usuario se consideran, con todos os pasos e elementos involucrados. Indicaranse os medios humanos e técnicos postos á disposición destes servizos.

ANEXO 5

Comercialización, prestación do servizo e facturación

Os beneficiarios serán responsables da comercialización do servizo nas zonas obxectivo. Para iso indicarán os seus plans de publicidade, campañas de mercadotecnia directa e indirecta, plans de distribución directa ou indirecta, etc. que se comprometen a acometer. Indicarán o timing destas accións, así como os recursos que reservará para esta faceta do proxecto.

Os beneficiarios serán responsables da xestión dos contratos de alta do servizo, da posterior introdución nos seus sistemas de facturación e de xestión comercial, da facturación mensual nas condicións ofertadas, da atención ao cliente mentres exista a relación contractual cos adxudicatarios, e de posteriores baixas ou modificacións de servizo solicitadas polos usuarios. Débense indicar a ferramenta de xestión comercial e as súas características principais.

O proxecto comercial deberá especificar, tanto para as ofertas por xunto e de transporte coma para as ofertas polo miúdo, as características dos servizos ofertados e as tarifas e condicións baixo as cales os ditos servizos serán prestados.

Ademais, tamén se deberán especificar as condicións e características dos servizos de Atención ao Cliente, incluíndo, polo menos, un centro de atención telefónica ao usuario.

O proxecto comercial deberá incluír as características dos puntos de venda e medios de pagamento, definindo a situación, as características e o horario de atención.

ANEXO 6

Plan xeral de comunicación

1) Seguimento e control económico.

Para a realización das actividades de seguimento e control económico das actuacións, os beneficiarios comprométense a facilitar cunha frecuencia mínima trimestral e a través das canles de comunicación establecidas previamente, os seguintes parámetros económicos:

a) Gasto de capital.

Os beneficiarios proverán a información necesaria para coñecer e xustificar os investimentos realizados no referente a gastos de capital (CAPEX), incluíndo polo menos:

-Gastos en enxeñaría.

-Gastos en equipamento de telecomunicacións.

-Gastos en obra civil para o despregamento de infraestruturas de telecomunicacións.

-Gastos na realización de novas instalacións para o aloxamento de sistemas de telecomunicacións.

-Gastos na adquisición de licenzas para o despregamento e uso de sistemas de telecomunicacións.

A dita información deberá ser proporcionada cunha frecuencia trimestral e unha segmentación que permita diferenciar entre os gastos realizados con fondos provenientes do sector público dos gastos realizados con fondos provenientes do sector privado, así como o núcleo, concello e provincia en que son empregados.

b) Gasto operativo.

Os beneficiarios proverán a información necesaria para coñecer e xustificar os investimentos realizados no referente a gastos de operación (OPEX), incluíndo polo menos:

-Gastos de persoal.

-Gastos de aprovisionamento.

-Gastos de mantemento e solución de incidencias.

-Gastos indirectos (administrativos, enerxía, etc.).

c) Ingresos.

Os beneficiarios das axudas proporcionarán información e xustificación dos ingresos derivados pola nova rede para garantir que non se compensan en exceso estes por unha demanda de banda larga superior aos niveis previstos.

A dita información deberá ser proporcionada cunha frecuencia trimestral a través das canles establecidas.

2) Seguimento do despregamento.

O solicitante deberá presentar unha proposta de informes de seguimento que lle permitan á Oficina Técnica de Banda Larga de Galicia levar un correcto control do despregamento da rede obxecto das axudas.

Estes informes deberán presentarse como mínimo cunha periodicidade mensual, e cun grao de detalle que permita avaliar o avance segundo os conceptos reflectidos no plan de despregamento presentado.

O contido mínimo dos informes de seguimento do despregamento será tal que permita coñecer de modo claro e illado os seguintes conceptos:

a) Localizacións de nova construción: datas previstas e definitivas de implantación solicitude de licenzas, solicitude de acometida eléctrica e fin de acometida eléctrica, inicio e fin de obra.

b) Todas as localizacións: datas previstas e definitivas de instalación de equipamento, integración e posta en servizo.

c) Datos por núcleo:

-Localización/s que dan servizo ao núcleo e % de cobertura asociado a cada un.

-Grao de cobertura por núcleo co despregamento actual: nº de posibles clientes en valor absoluto e en % respecto ao total do núcleo.

-Datas estimadas e definitivas de finalización do despregamento por núcleo (conseguindo os graos de cobertura propostos).

-Información gráfica da cobertura dos diferentes servizos de acceso comercializados en formato importable a GIS cunha relación de escala 1:5000 ou máis detallada.

Estes informes servirán para avaliar as desviacións que se poidan producir respecto do plan de despregamento proposto polo operador e a súa capacidade de dar cumprimento en prazos ao obxectivo formulado.

3) Seguimento e control operativo.

Os beneficiarios das axudas están obrigados a cumprir o seguinte mecanismo de control para o cumprimento dos acordos de niveis de servizo. Para iso deben comprometerse a proporcionar, a través das canles de comunicación establecidas previamente, a información necesaria para o control e seguimento do rendemento da rede e estatísticas de incidencias, e incluirá, polo menos, os seguintes parámetros:

a) Operacións e mantemento.

Os beneficiarios proverán a información necesaria para coñecer e xustificar estatísticas sobre todos os traballos realizados con base nos mecanismos indicados na información achegada para metodoloxía, medios técnicos e materiais.

b) Calidade de servizo.

Os beneficiarios proverán a información necesaria para coñecer e xustificar estatísticas sobre atencións realizadas a usuarios con base na información facilitada na metodoloxía, medios técnicos e materiais, sendo imprescindible que proporcione un mecanismo que permita confirmar e auditar o cumprimento do caudal garantido.

Deberanse incluír chamadas atendidas polo servizo de soporte ao cliente e a tipoloxía destas, e incidencias recibidas e atendidas. Ademais, proporcionarase os seguintes parámetros de calidade de servizo definidos na Orde ITC/912/2006, do 29 de marzo, pola que se regulan as condicións relativas á calidade de servizo na prestación dos servizos de comunicacións electrónicas:

-Tempo de subministración de accesos á internet.

-Proporción de avisos de avaría por liña de acceso.

-Tempo de reparación de avarías para liñas de acceso.

-Tempo de resposta para os servizos de operador.

-Tempo de resposta para os servizos de consulta de directorio.

-Tempo de resposta para consultas sobre asuntos administrativos e de facturación.

-Frecuencia de reclamacións dos clientes.

-Tempo de resolución de reclamacións dos clientes.

-Reclamacións sobre corrección de facturas.

-Proporción de accesos de usuario con éxito.

-Proporción de transmisións de datos fallidas.

-Velocidade de transmisión de datos conseguida.

A dita información deberá ser proporcionada cunha frecuencia mensual e unha segmentación que permita diferenciar núcleos, concellos e provincias para cada un dos indicadores.

4) Seguimento e control comercial.

Para a realización das actividades de seguimento e control comercial das actuacións, os adxudicatarios comprométense a facilitar, a través das canles de comunicación establecidas previamente, os seguintes parámetros comerciais:

a) Penetración do servizo por xunto de transporte.

Os beneficiarios proverán o detalle estatístico que permita coñecer, polo menos, o número de novos operadores que contraten servizos por xunto de transporte, incluíndo as modalidades contratadas e prezos, así como o número e detalle das baixas e modificacións realizadas durante o mes.

b) Penetración do servizo retallista de banda larga.

Os beneficiarios proverán o detalle estatístico que permita coñecer, polo menos, o número de novas altas de usuarios ao mes, incluíndo servizos e prezos contratados, así como o número de baixas de abonado acumuladas durante o mes, de modo que sexa posible coñecer a taxa de abandono de clientes (churn rate).

c) Niveis de servizo por xunto.

Os adxudicatarios proverán o detalle estatístico que permita coñecer os niveis de servizo provistos aos clientes por xunto, incluíndo, polo menos, o detalle de tempos de subministración, tempos de activación de servizo e oferta comercial.

d) Niveis de servizo retallista.

Os beneficiarios proverán o detalle estatístico que permita coñecer os niveis de servizo provistos e a satisfacción do cliente, incluíndo, polo menos, detalles como o tempo de subministración, o tempo de alta do servizo e a oferta comercial.

e) Gasto en actividades comerciais.

Os beneficiarios proverán o detalle estatístico que permita coñecer o gasto realizado en actividades comerciais, incluíndo, polo menos, o detalle do gasto en actividades de venda e gasto en actividades de mercadotecnia.

A dita información deberá ser proporcionada cunha frecuencia trimestral e unha segmentación que permita diferenciar entre núcleos, concellos e provincias para cada un dos indicadores.

Ver referencia pdf "11800D012P042.PDF"

Ver referencia pdf "11800D013P073.PDF"