DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 23 de xuño de 2010 Páx. 11.525

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 15 de xuño de 2010 pola que se modifica a Orde do 22 de decembro de 2009, pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira.

A Lei 11/2008, do 2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, define no seu artigo 27 o marisqueo como «o exercicio da actividade extractiva, desenvolvida a pé ou desde embarcación, na zona marítima ou marítimo-terrestre dirixida de modo exclusivo e con artes selectivas e específicas á captura dunha ou varias especies de moluscos, crustáceos, tunicados, equinodermos e outros invertebrados mariños, con fins de comercialización».

O Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños, modificado polo Decreto 237/2002, do 11 de xullo, establece que a extracción de marisco e a recolección de algas estarán suxeitas ao Plan xeral de explotación marisqueira, aprobado con carácter anual pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, hoxe Consellería do Mar.

Consecuencia da definición de marisqueo dada pola nova Lei de pesca de Galicia, a Orde do 22 de decembro de 2009 inclúe por primeira vez as medidas de xestión para a pesca do polbo para o ano 2010.

A Orde do 22 de decembro de 2009, pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira, establece os topes de capturas diferenciando o período comprendido entre o 1 de maio ao 30 de outubro e o resto da campaña. Consultado o sector afectado, considérase que o tope establecido para ambos os períodos non dá cobertura ás embarcacións que teñen máis de 5 tripulantes, polo que resulta conveniente aumentar estes topes.

No que atinxe ao horario de traballo, tamén se considera apropiado o seu cambio, atrasándoo unha hora, tanto no comezo como na finalización da actividade, xa que ao ser a nasa de polbo unha arte diúrna, o novo horario establecido nesta modificación da Orde do 22 de decembro resulta ser máis axeitado.

Por todo o exposto, logo de consultar o sector, por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, e en virtude das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación da Orde do 22 de decembro de 2009, pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o ano 2010.

A Orde do 22 de decembro de 2009, pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o ano 2010, queda modificada como segue:

Un.-O artigo 9.1º d) relativo ás consideracións xerais da regulación do polbo (Octopus vulgaris) queda redactado da seguinte maneira:

«d) Cotas máximas de capturas. Os topes serán diarios. Os topes que se indican a continuación poderán ser modificados se a situación do recurso así o require e tras a consulta co sector implicado. Do mesmo xeito, poderán establecerse topes de captura accesoria de polbo noutras artes de pesca.

-Desde o 1 de maio ao 30 de outubro establécese en 30 quilos por embarcación, a que se engadiran 30 quilos por cada tripulante enrolado e a bordo/día ata un máximo de 210 quilogramos/día.

-No resto da campaña extractiva o tope máximo de capturas establécese en 50 quilos por embarcación, a que se engadirán 50 quilos por cada tripulante enrolado e a bordo/día, ata un máximo de 350 quilogramos/día».

Dous.-O artigo 9.2º a) relativo ao horario de traballo das embarcacións con nasa de polbo queda modificado como segue:

«a) Horario de traballo: o horario será diúrno. A actividade desenvolverase diariamente das 7.00 ás 17.00 horas da tarde. O descanso semanal establécese desde as 17.00 horas do venres ata as 7.00 horas do luns».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2010.

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Mar