DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 23 de xuño de 2010 Páx. 11.524

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 14 de xuño de 2010 pola que se incrementa o importe das axudas para financiar actividades das confederacións e federacións de pais de alumnos e das asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial para o ano 2010.

Por Orde do 18 de marzo de 2010 (DOG do 13 de abril), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocou axudas para financiar actividades das confederacións e federacións de pais de alumnos e das asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial para o ano 2010.

A disposición terceira desta orde establece que o importe que se distribuirá nesta convocatoria de axudas será de corenta e nove mil novecentos un euros con corenta e dous céntimos (49.901,42 €) e realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.05.423A.481.0 da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

Non obstante, tamén establece que o importe destas axudas se poderá incrementar se, antes da publicación da resolución de concesión no Diario Oficial de Galicia, se recibe outra transferencia do Ministerio de Educación para esta mesma finalidade.

Recibida a mencionada transferencia do Ministerio de Educación, esta consellería

DISPÓN:

Artigo único.-Incrementar a contía das axudas para financiar actividades das confederacións e federacións de pais de alumnos e ás asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial ata noventa e cinco mil tres centos tres euros con corenta e dous céntimos (95.303,42 €), de acordo co establecido na disposición terceira da Orde do 18 de marzo do 2010 (DOG do 13 abril).

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria