DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 23 de xuño de 2010 Páx. 11.519

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 9 de xuño de 2010 pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación establece, no seu capítulo I do título II, relativo ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, que as administracións educativas disporán os medios necesarios para que todo o alumnado acade o máximo desenvolvemento persoal, intelectual, social e emocional, así como os obxectivos establecidos con carácter xeral nesta lei. Así mesmo, especifica a igualdade de criterios para a determinación de recursos entre os centros públicos e os centros privados concertados.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, consecuente coa referida lexislación, asinou o 14 de maio de 2008, o acordo coas organizacións patronais e sindicais do ensino privado concertado da Comunidade Autónoma de Galicia, sobre condicións laborais para os anos 2008, 2009 e 2010, e a calidade do ensino; acordo que foi autorizado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 24 de abril de 2008, e publicado no DOG nº 104, do 30 de maio.

Por outro lado, o Decreto 30/2007, do 15 de marzo, polo que se regula a admisión de alumnado en centros sostidos con fondos públicos, publicado no DOG do 16 de marzo, establece que, coa finalidade de asegurar a calidade educativa para todos, a cohesión social e a igualdade de oportunidades, se garante unha adecuada e equilibrada escolarización do alumnado que presenta necesidades educativas especiais.

Por isto, esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto desta orde é regular os criterios, requisitos, procedemento e dotación para conceder axudas económicas aos centros privados concertados para atender o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, naqueles aspectos que non estiveran xa cubertos polo correspondente concerto educativo, desde o día 1 de xaneiro de 2010 ata o remate do prazo límite de xustificación de gastos.

2. Exclúense desta convocatoria de axudas os centros concertados específicos de educación especial e os centros con aulas concertadas de educación especial.

3. Enténdese por alumnado que presenta necesidades específicas de apoio educativo aquel que requira por un período da súa escolarización, ou ao longo de toda ela, determinados apoios e atencións específicas derivadas de discapacidade ou trastornos graves de conduta.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. As solicitudes cubriranse no modelo que se xunta como anexo desta orde e acompañaranse da seguinte documentación:

a) Unha memoria explicativa en que se fagan constar as necesidades do centro para atender o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

b) No caso de que o centro solicite outras axudas para o mesmo proxecto ou actividade, xuntará á solicitude unha declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas por outras administracións ou entes públicos e a súa contía. No caso contrario, certificación de non telas solicitado.

c) Declaración responsable de non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario.

d) Certificación de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

2. As solicitudes e demais documentación presentaranse no rexistro único da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, edificio administrativo de San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou noutro rexistro propio ou concertado conforme o Decreto 164/2005, do 16 de xuño, así como por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Así mesmo, de conformidade co preceptuado na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os solicitantes consenten que a Administración faga públicos nos rexistros regulados neste decreto os datos relevantes referidos ás axudas recibidas. A negativa expresa a esta autorización poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación ou á revogación do acto de outorgamento.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Artigo 3º.-Finalidade das axudas.

As axudas reguladas nesta orde poderán empregarse, en atención das necesidades do centro, para os seguintes fins:

-Contratación de persoal complementario: logopeda, fisioterapeuta, axudante técnico/a educativo/a, psicólogo/a, pedagogo/a, traballador/a social, intérprete de lingua de signos e coidador/a.

-Reparacións, mantemento e pequenas obras de adaptación.

-Compra de material específico ordinario non inventariable.

Artigo 4º.-Criterios de valoración e distribución.

1. Para a asignación das contías seguiranse os seguintes criterios:

a) Alumnado matriculado que reúna os requisitos establecidos no artigo 73 da Lei orgánica de educación debidamente xustificados. Por cada alumno ou alumna contabilizaranse 8 puntos. No caso de centros que xa escolarizasen alumnado deste tipo o curso 2008-2009, contabilizaranse 16 puntos en lugar de 8.

b) Proporción entre o alumnado total do centro e o que reúna os requisitos desta convocatoria, con exclusión das etapas non concertadas. Calcularase a porcentaxe, á que se aplicará a seguinte puntuación:

Ver referencia pdf "11800D007P035.PDF"

2. Unha vez sumadas as puntuacións obtidas por cada centro, o importe da axuda concedida a cada un será proporcional á puntuación deste con respecto á suma das puntuacións de todos os centros.

3. A distribución das axudas farase por niveis educativos agrupados do seguinte xeito:

a) Educación infantil, primaria e ESO.

b) Formación profesional e programas de cualificación profesional inicial.

4. A asignación que recibirá cada centro será como máximo de 10.000 euros.

Artigo 5º.-Comisión de valoración.

Baixo a presidencia do titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou da persoa en quen delegue, constituirase unha comisión que se encargará de valorar as solicitudes, integrada polos seguintes membros:

-O/A funcionario/a que ocupe a Subdirección Xeral de Centros.

-O/A funcionario/a que ocupe a xefatura do Servizo de Centros.

-Un representante designado polas organizacións sindicais máis representativas do sector.

-Un representante dos centros docentes privados concertados designado polas organizacións de titulares máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Un funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, que actuará como secretario/a, con voz pero sen voto.

Artigo 6º.-Resolución.

1. Unha vez rematada a valoración das solicitudes, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos publicará no portal educativo http://www.edu.xunta.es, a proposta de resolución provisional, que incluirá a cantidade asignada a cada centro, contra a que se poderán formular alegacións e achegar os documentos que se consideren pertinentes. Esta resolución provisional tamén se comunicará aos solicitantes a través do correo electrónico.

2. Logo de estudar e valorar as reclamacións presentadas contra a resolución provisional, o director xeral de Centros e Recursos Humanos elevará ao conselleiro a proposta de resolución definitiva, na cal se sinalará a concesión ou a denegación motivada das axudas así como, se é o caso, a exclusión daquelas entidades que non reúnan algún dos requisitos da convocatoria.

3. A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de tres meses contados desde o remate do prazo de solicitudes.

Contra esta resolución poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 107.1º, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme os artigos 10, 14 e 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Se transcorre o prazo máximo que se sinala no parágrafo primeiro deste punto sen que se publique a resolución definitiva, os solicitantes poderán entender desestimadas por silencio administrativo as súas solicitudes, para os efectos de interpoñer os recursos que procedan.

4. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas.

Artigo 7º.-Orzamento.

As axudas económicas para os niveis de educación infantil, de primaria e de educación secundaria obrigatoria tramitaranse con cargo á partida orzamentaria 09.05.422A.482.3, por unha contía total máxima de 189.664,57 €.

Para o nivel de formación profesional, incluídos os programas de cualificación profesional inicial, tramitaranse con cargo á partida orzamentaria 09.05.422M.482.3, por unha contía total máxima de 6.940,40 €.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das axudas.

1. Os beneficiarios das axudas presentarán a seguinte documentación xustificativa dos gastos realizados:

a) Facturas a nome do centro, nóminas e outros documentos acreditativos dos gastos derivados da execución das actividades subvencionadas, así como xustificante de que o pagamento do seu importe foi efectuado. Os documentos acreditativos dos gastos deberán reunir todos os requisitos exixidos pola normativa vixente. Se a xustificación está incompleta ou é incorrecta, pagarase unicamente a cantidade da axuda concedida correctamente xustificada.

b) Memoria das actividades realizadas, asinada pola persoa representante legal do centro, conforme o proxecto presentado coa solicitude, que permita asegurar a relación directa dela cos xustificantes de gasto que se acheguen.

c) Declaración responsable, por parte das persoas ou entidades seleccionadas, de non estar incursas nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, na data da xustificación.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma finalidade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, en que se especifique a clave do expediente ou ben o concepto subvencionado. Se é concedida a subvención, deberá expresar os importes e a súa procedencia, e xuntar facturas ou xustificantes de gasto por unha contía equivalente á suma do total das subvencións para idéntico obxecto.

2. A xustificación achegarase, coa data límite do 31 de outubro de 2010, á Subdirección Xeral de Centros da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, edificio administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela.

3. O pagamento das axudas concedidas farase de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, polo que se desenvolve o procedemento de aprobación do gasto e pagamento de subvencións de Galicia (DOG do 25 de xuño).

Artigo 9º.-Fiscalización e control.

1. Os beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.

2. Así mesmo, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá realizar, en calquera momento ata transcorridos tres anos desde o momento da resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a súa xustificación.

3. Os beneficiarios darán axeitada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención.

Artigo 10º.-Perda do dereito ao cobro da axuda.

1. O centro perderá o dereito ao cobramento da axuda polas seguintes causas:

a) Xustificar de forma incompleta ou fóra de prazo.

b) Incumprir os fins ou obxectivos para os que se concedeu.

c) Perda da capacidade xurídica ou de obrar ou inhabilitación para ser beneficiario de subvencións e axudas públicas, nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De concedérselle outra subvención por esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicalo á Administración, segundo dispón artigo 11 d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia para que, en aplicación do seu artigo 17.3º, o importe da subvención se minore co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100% do investimento.

3. No caso de que se revogue a axuda, o centro terá que reintegrar as cantidades percibidas e mais os xuros de mora xerados desde o momento do seu pagamento nos termos que figuran nos artigos 33 a 38 da referida Lei de subvencións de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Recurso.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo competente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme o establecido nos artigos 10, 14 e 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; ou recurso potestativo de reposición ante esta consellería no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 107.1º, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Delegación de competencias.

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar todos os actos e medidas que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do previsto nesta orde.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "11800D007P035.PDF"