DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 23 de xuño de 2010 Páx. 11.503

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 3 de xuño de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento da creación e expansión de cadeas sucursalistas, da mellora dos establecementos comerciais e da súa imaxe, en desenvolvemento do Plan Ágora, agora Re-comercia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010. (Código de procedemento IN217A-presentación electrónica).

Actualmente o sector comercial enfróntase a un mercado cada vez máis competitivo, no cal coexisten diversas formas de distribución comercial, que intentan satisfacer as necesidades dun consumidor cada vez máis cualificado.

Neste senso, e considerando a actual situación económica, o Plan Ágora, agora Re-comercia, constitúe un piar fundamental para o desenvolvemento do comercio retallista en Galicia, tendo como obxectivos principais, entre outros, a mellora da competitividade do comercio galego e a súa dinamización.

Para o cumprimento destes obxectivos, esta orde articula axudas para a adecuación física das instalacións e locais comerciais, incluíndo actuacións que contribúan a un consumo eficiente da enerxía, e á mellora da imaxe comercial.

Por outra banda, poténciase a creación, implantación e expansión das cadeas sucursalistas, así como do comercio retallista do téxtil, calzado e xoiarías, nos conxuntos históricos das poboacións, como elementos dinamizadores do sector e do propio contorno urbano en que se asentan.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión da subvención da Consellería de Economía e Industria, destinadas a incrementar a competividade do comercio galego, que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócase a devandita subvención para o ano 2010.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Os formularios de solicitude de subvención regulados nesta orde deberaos obter, cubrir, validar e imprimir necesariamente o solicitante a través da aplicación informática Axudas virtual (procedemento IN217A) establecida na oficina virtual desta consellería, sita no enderezo da internet http://economiaeindustria.xunta.es ou https://axudasindustria.xunta.es/att. Tamén se pode acceder desde o enderezo http://www.xunta.es/

presentacion-electronica-da-xunta-de-galicia, da Xunta de Galicia facendo uso do enlace dispoñible co procedemento IN217A.

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Comercio a través do número de teléfono, do número de fax ou do enderezo de correo electrónico sinalados no artigo 4º. O dito centro directivo adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación por escrito de solicitudes.

Os anexos desta convocatoria publícanse no DOG exclusivamente para os efectos informativos, sendo necesario empregar a aplicación informática indicada para a obtención dos formularios de solicitude.

A presentación de solicitudes farase por vía escrita (en soporte papel) ou en formato electrónico ante o rexistro telemático da Xunta de Galicia, logo de obtención e formalización dos formularios de acordo co previsto neste artigo.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase que o prazo vence o día cuxo ordinal coincida co que serviu de partida, que é o de publicación no DOG e, se é festivo, o primeiro día hábil seguinte.

As solicitudes presentaranse preferentemente no rexistro da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes tamén poderán presentarse en formato electrónico, en vez de en papel, ante o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do/a representante legal do/a solicitante ou persoa que o/a representa e cando non sexa preciso achegar ningunha documentación en papel, téndose que cumprir os seguintes requisitos:

O/a presentador/a deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma. Os prestadores recoñecidos son: DNI electrónico, Camerfirma, izenpe, CATCert (Axencia Catalá de Certificación), ANF AC, SCR (Servizo de Certificación dos Rexistradores), ACA, ACCV (Autoridade de Certificación da Comunidade Valenciana), Ancert (Axencia Notarial de Certificación), FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), Firmaprofesional e Banesto CA.

Xunto cos formularios de solicitude deberá xuntarse en formato electrónico a documentación a que fai referencia o punto 2 do artigo 4º das bases reguladoras. Para isto, no proceso de formalización telemática permitirase xuntar á solicitude os arquivos informáticos necesarios. No caso de presentación telemática unha vez asinados co certificado dixital do presentador os formularios normalizados, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no Rexistro de Entrada, e nese momento expedirase, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

2. A través do formulario proporciónanse á Consellería de Economía e Industria datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para ese efecto procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; no entanto, a Consellería de Economía e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e enviando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificio administrativo San Caetano -San Caetano, s/n- 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 3º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a seis meses.

Artigo 4º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN217A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Comercio, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería:

(http://economiaeindustria.xunta.es), a súa epígrafe de axudas e na oficina virtual.

b) O teléfono 981 54 54 18 e o fax 981 54 55 41 da devandita dirección xeral.

c) O enderezo electrónico cei.dxcomercio@xunta.es

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposicións adicional

Única.-A Dirección Xeral de Comercio poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde, agás aquela que de acordo co artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atopen en poder da Administración actuante.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a directora xeral de Comercio para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2010.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para o fomento da creación e expansión de cadeas sucursalistas, medidas ambientais e mellora da imaxe dos establecementos comerciais, en desenvolvemento do Plan Ágora, agora Re-comercia

Artigo 1º.-Obxecto e réxime da subvención.

1. A subvención regulada por estas bases ten por obxecto a mellora da competitividade do comercio galego, a través de actuacións encamiñadas á adecuación física das instalacións e locais comerciais, a mellora da súa imaxe comercial, e medidas para potenciar a creación, implantación e expansión das cadeas sucursalistas, e do comercio retallista do téxtil, calzado e xoiarías, nos conxuntos históricos das vilas e cidades.

2. O procedemento de concesión desta subvención tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo cal non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE nº L379/5, do 28 de decembro).

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada.

En concreto, considéranse actuacións subvencionables sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2010 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 16º:

1º Reforma e/ou ampliación do local comercial, sempre que a superficie resultante non supere os 300 m², mellora de illamentos e equipamentos e instalacións de aforro de enerxía e auga. Esta limitación de superficie non será aplicable a aqueles establecementos comerciais que soliciten a axuda para as actividades comprendidas dentro do código CNAE-2009 4759 Comercio polo miúdo de mobles, aparellos de iluminación e outros artigos de uso doméstico en establecementos especializados.

2º Medidas orientadas á mellora da imaxe dos establecementos comerciais, que afecten os puntos de venda, que a continuación se describen:

a) A contratación de servizos exteriores de escaparatismo.

b) Instalación de letreiros luminosos e rótulos exteriores.

c) Adquisición de moblaxe, elementos de decoración e calquera outro tipo de equipamento comercial, con exclusión do equipamento informático.

3º A creación, implantación e expansión de cadeas sucursalistas de comercio retallista, así como de establecementos comerciais do téxtil, calzado e xoiarías, en locais desocupados de conxuntos históricos de poboacións que estivesen declarados e inscritos no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, nos termos que establece a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

4. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos recuperables ou repercutibles polo beneficiario.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. As subvencións que se establezan para as actuacións obxecto desta orde serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.751A 770.1 Renovación e fomento da calidade no comercio retallista, cun importe máximo de 1.850.000 euros para o ano 2010, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte de aplicación dos criterios do artigo 9º.

2. Investimentos máximos subvencionables e contía das subvencións:

a) Para as actuacións relativas á reforma e/ou ampliación do local comercial, recollidas no artigo 1.3º, punto 1º), destas bases o investimento máximo subvencionable será de 20.000 euros, IVE excluído.

A porcentaxe de subvención será do 70% do investimento subvencionable.

b) Para as actuacións relativas ás medidas de mellora da imaxe comercial recollidas no artigo 1.3º, punto 2º), destas bases, o investimento máximo subvencionable será de 12.000 euros, IVE excluído.

A porcentaxe de subvención será do 50% do investimento subvencionable.

c) Para as actuacións relativas á creación, implantación e expansión de cadeas sucursalistas, recollidas no artigo 1.3º, punto 3º), destas bases o investimento máximo subvencionable será de 20.000 euros, IVE excluído.

A porcentaxe de subvención será do 50% do investimento subvencionable.

3. O importe da subvención regulada nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o 100% do investimento subvencionable.

4. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta consellería para os mesmos conceptos subvencionables.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións das actuacións subvencionables sinaladas no artigo 1.3º puntos 1º) e 2º), sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os comerciantes retallistas, xa sexan persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e, así mesmo, o seu domicilio social e fiscal radique na dita comunidade autónoma.

b) Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DOUE 124, do 20 de maio, p. 36), empreguen menos de vinte (20) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable.

c) Que a súa actividade principal se corresponda coas actividades do CNAE-2009 aprobada polo Real decreto 475/2007, do 13 de abril, que se relacionan no anexo VII. No caso de que o solicitante estea dado de alta en dúas ou máis actividades do CNAE, entenderase como actividade principal aquela que comporte a maior facturación e, se non é posible determinalo, atenderase á superficie de venda destinada a cada actividade.

2. Poderán ser beneficiarios das subvencións das actuacións subvencionables sinaladas no artigo 1.3º apartado 3º), sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases:

1º Os comerciantes retallistas, xa sexan persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens o calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e, así mesmo, o seu domicilio social e fiscal radique na dita comunidade autónoma.

b) Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DOUE 124, do 20 de maio, p. 36), empreguen menos de vinte (20) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable.

c) Que a súa principal actividade se corresponda coas do CNAE-2009 aprobada polo Real decreto 475/2007, do 13 de abril, que se relacionan no anexo VII, códigos 4771 comercio polo miúdo de roupa de vestir en establecementos especializados, 4772 comercio polo miúdo de calzado e artigos de coiro en establecementos especializados e 4777 comercio polo miúdo de artigos de reloxaría e xoiaría en establecementos especializados. No caso de que o solicitante estea dado de alta en dúas ou máis actividades do CNAE, entenderase como actividade principal aquela que comporte a maior facturación e, se non é posible determinalo, atenderase á superficie de venda destinada a cada actividade.

d) Que se instalen en locais desocupados de conxuntos históricos de poboacións de Galicia.

2º As cadeas sucursalistas de comercio retallista que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e, así mesmo, o seu domicilio social e fiscal radique na dita comunidade autónoma.

b) Que a súa actividade principal se corresponda coas actividades do CNAE-2009 aprobada polo Real decreto 475/2007, do 13 de abril, que se relacionan no anexo VII. No caso de que o solicitante estea dado de alta en dúas ou máis actividades do CNAE, entenderase como actividade principal aquela que comporte a maior facturación e, se non é posible determinalo, atenderase á superficie de venda destinada a cada actividade.

c) Que se instalen en locais desocupados de conxuntos históricos de poboacións de Galicia.

3. Enténdese que constitúen unha cadea sucursalista aqueles establecementos comerciais que sexan de titularidade dunha mesma persoa física ou xurídica ou que estean integrados no mesmo grupo de empresas por constituír unha unidade de decisión nos termos fixados no artigo 42 do Código de comercio.

4. Enténdese por conxunto histórico aquel que estea declarado e inscrito como tal no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, nos termos que establece a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

5. Os solicitantes non poderán estar incursos en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención deberán presentarse no modelo normalizado que figura no anexo a esta orde na forma e no prazo que se indican na convocatoria.

2. A solicitude debera ir acompañada do orixinal ou copia compulsada da documentación que a continuación se relaciona:

1º Documentación que acredite a personalidade ou a identidade do solicitante, xa que pode ser necesaria para dala de alta no ficheiro de terceiros da Xunta de Galicia, se resulta beneficiaria da subvención solicitada.

a) Se é unha persoa física, copia compulsada do documento nacional de identidade ou número de identificación de estranxeiro.

Alternativamente, de acordo co disposto no artigo 2.2º do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, a persoa solicitante poderá dar o seu consentimento para que o órgano instrutor comprobe os seus datos de carácter persoal, unha vez que estea dispoñible o mecanismo, por medio de conexión telemática co servizo horizontal de acceso ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia. Para estes efectos, a persoa solicitante poderá cubrir a declaración que figura no modelo normalizado de solicitude.

No caso de non prestar o seu consentimento, a persoa solicitante deberá presentar fotocopia compulsada do documento mencionado no primeiro parágrafo.

Se a persoa solicitante actúa por medio de representante, documento acreditativo da súa identidade, de acordo co establecido nos parágrafos anteriores desta alínea a), así como poder bastante para actuar en nome e representación dela.

b) No caso de persoa xurídica, acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, debidamente legalizados, así como o código de identificación fiscal. A referida documentación deberá acreditar que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención.

Así mesmo, achegarase a documentación acreditativa da identidade da persoa que asina a solicitude na súa representación, nos termos establecidos no punto anterior, e poder bastante para actuar como representante dela.

c) As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, publicas ou privadas sen personalidade xurídica, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, o código de identificación fiscal, así como a escritura de constitución.

Deberán constar expresamente, na solicitude e na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden a agrupación. Non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.

2º Se é o caso, documentación acreditativa do número de traballadores da empresa (TC2) do mes anterior á presentación da solicitude ou, se é o caso, certificación da Seguridade Social da que non existen traballadores.

3º Certificación expedida pola Axencia Tributaria na cal se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas en que figura dado de alta o solicitante. No caso de apertura de establecemento, e de non ter no momento da solicitude a dita certificación, presentarase copia do modelo 036 de declaración censual, de data anterior a do límite de presentación da solicitude de subvención.

4º Copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou do imposto de sociedades do último exercicio; neste último caso, se o solicitante está dado de alta en dúas ou máis epígrafes do IAE, deberá acreditar que a súa actividade principal é subvencionable, segundo os datos de facturación ou, no seu defecto, de superficie de venda.

5º Declaración expresa sobre a concesión, ou solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, así como de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e declaración en réxime de minimis, segundo modelo normalizado establecido no anexo III desta orde.

6º Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda, no caso de que o solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións. Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa Administración pública correspondente, poderá presentarse o dito documento sen compulsar.

No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

7º Declaración expresa de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, segundo se establece no anexo III desta orde.

8º Memoria de cada unha das actividades para as cales se solicita subvención, que incluirá, polo menos, a súa descrición e obxectivos.

No caso das actuacións comprendidas no punto 1.3º punto 1º de reforma e/ou ampliación do local comercial deberá presentarse, unha memoria valorada asinada por un técnico competente, con detalle no nivel de capítulo, das actuacións que se pretenden executar.

Se o importe do investimento das obras supera os 18.000 euros, a presentación desta memoria poderá ser substituída por un proxecto técnico visado, o cal deberá ser presentado necesariamente na fase de xustificación da subvención. Así mesmo, para as actuacións de aforro de enerxía a través dos novos equipamentos e instalacións, a presentación da solicitude deberá vir acompañada dunha memoria técnica elaborada polo provedor ou técnico competente, xustificativa do baixo consumo do novo equipamento eléctrico que se vai instalar.

En todo caso, a memoria incluirá documentos gráficos das partes específicas que se van reformar.

9º Facturas ou, no seu defecto, facturas pro forma ou orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades ou adquisicións para as cales se solicita subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas polo solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel. A relación nominativa de facturas presentarase segundo a folla 2 do anexo II.

Segundo o artigo 29.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, ou salvo que o gasto realizarase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

a) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os cales se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados polo solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

b) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionados polo solicitante para a realización do proxecto.

c) Memoria economicamente xustificativa da elección dos provedores, cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das tres que, como mínimo, obtivo o solicitante, salvo cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta economicamente máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo o solicitante.

As ofertas presentadas e os provedores elixidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser beneficiario da axuda. Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos cales non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.

10º Se é o caso, título de propiedade, cesión ou doazón, ou ben copia do contrato de aluguer ou traspaso a nome do solicitante. Se nos documentos presentados non se indica expresamente a posibilidade de que se poidan realizar reformas no local, deberá achegarse autorización expresa do propietario para realizar reformas nel. En todo caso, debe cumprirse co sinalado no artigo 15.2º.

3. Sen prexuízo do establecido no punto 2, no caso das actuacións subvencionables sinaladas no artigo 1.3º, punto 3º, creación, implantación e expansión de cadeas sucursalistas e de establecementos de comercio retallista, de téxtil, calzado e xoiarías en locais desocupados de conxuntos históricos, deberá achegarse a seguinte documentación:

1º Certificado expedido polo concello correspondente que acredite que o domicilio do local esta incluído no ámbito territorial do conxunto histórico da poboación declarado e inscrito no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

2º Licenza de apertura de establecementos ou equivalente, nos termos previstos na lexislación básica en materia de réxime local, e/ou, no seu caso, licenza de obras. Estas licenzas poderán ser substituídas por un certificado da autorización para o exercicio da actividade comercial, expedido polo concello correspondente.

4. Ademais disto, se é o caso, para os efectos sinalados no artigo 9º destas bases, achegarase a seguinte documentación:

1º Certificado expedido polo órgano competente de estar integrado nun centro comercial aberto.

2º Certificado expedido polo órgano competente de pertenza a unha asociación de comerciantes ou empresarios.

3º Se é o caso, declaración de compromiso de utilización da lingua galega en todas as relacións que o interesado manteña coa Administración autonómica, de acordo co establecido no artigo 6.3º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, así como de uso e posterior utilización da lingua galega en campañas publicitarias, elementos promocionais e na sinalización interior e exterior do establecemento comercial (anexo V).

4º Certificado/s da/s entidade/s bancaria/s onde figure que o solicitante posúe medios de pagamento electrónicos.

5º Solicitude de oferta pública de sometemento ao sistema arbitral de consumo.

6º Certificación de calidade do servizo para o pequeno comercio segundo a norma UNE 175001-1.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras. De conformidade co disposto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deben emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

Non obstante, o solicitante poderá denegar o consentimento, facéndoo constar expresamente no formulario de solicitude, e deberá presentar entón as certificacións ás cales fai referencia este punto.

De acordo co disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, non será necesario presentar a documentación xurídico-administrativa que xa se atope en poder desta consellería, sempre que se manteña vixente e se identifique nos formularios de solicitude o ano de presentación e o código de procedemento administrativo para o que foi presentada.

No suposto de imposibilidade material de obter a documentación conforme o punto anterior ou se se constata a súa invalidez, o órgano competente poderá requirir do solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Igualmente, de conformidade co mesmo artigo 20.3º da Lei 9/2007, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa consta en poder da consellería, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a esa documentación.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 6º.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Comercio será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponderalle ao conselleiro de Economía e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 7º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5º.1 resulta que non pode acreditarse que a persoa solicitante se encontra ao día do pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario presentar documentación, logo de aplicarse o disposto no artigo 35 f) da devandita lei.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6º b), 60 e 61 da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro electrónico de anuncios da páxina web da Consellería de Economía e Industria ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase facer indicación de que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado taboleiro. Se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a persoa solicitante para que proporcione cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán ao dispor do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

1º Presidente: un/unha xefe/a de servizo.

2º Vocal: un/unha xefe/a de sección.

3º Secretario: un/unha técnico da Dirección Xeral de Comercio.

3. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

4. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas, ben co crédito que quedase libre de se producir algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

1. Os criterios de avaliación, que servirán de base para a determinación da concesión da subvención, serán os seguintes:

1º A calidade do proxecto e coherencia na súa estrutura, a adecuación dos obxectivos e a necesidade da actuación que se vai subvencionar, de 0 a 10 puntos.

2º Certificación de calidade do servizo para o pequeno comercio segundo a norma UNE 175001-1, 3 puntos.

3º Posta á disposición dos clientes de medios de pagamento electrónicos, 1 punto.

4º Adhesión ao sistema arbitral de consumo, 1 punto.

5º Por pertenza a unha asociación de comerciantes ou empresarios ou por estar integrado nun centro comercial aberto, 1 punto.

6º O compromiso de utilización da lingua galega en todas as relacións que o interesado manteña coa Administración autonómica, de acordo co establecido no artigo 6.3º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, así como de uso e posterior utilización da lingua galega nas accións subvencionables, que se acreditará mediante a presentación, debidamente asinada, do modelo que se inclúe como anexo V, 1 punto.

7º Solicitude presentada correctamente, sen que sexa necesaria a súa rectificación nin petición de documentación complementaria, 1 punto.

2. Para acadar a subvención será necesario obter unha puntuación igual o maior de 9 puntos.

Artigo 10º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 11º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro.

2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario, ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Economía e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, os/as beneficiarios/as, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no Diario Oficial de Galicia poderá remitirse aos/ás beneficiarios/as a que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

As resolucións de inadmisión ou desestimación de solicitudes notificaranse individualmente, con indicación das súas causas. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia, coa indicación de que os/as non beneficiarios/as consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1º Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2º Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, cumpríndose, en todo caso, os seguintes requisitos:

1º Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

2º Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

3º Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

3. O beneficiario deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida ao conselleiro de Economía e Industria xunto coa documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de vinte días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento.

4. O acto polo que se acorde a modificación da resolución ou, se é o caso, se denegue, será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia aos interesados na forma prevista no artigo 10º destas bases.

Artigo 14º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos quince días naturais desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta e, desde ese momento, adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 15º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Son obrigas do beneficiario:

1º Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

2º Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

3º Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4º Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas obtidas por minimis, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1º.2 destas bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamenten a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

5º Acreditar, con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión, que se está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, na forma que se determine regulamentariamente, e sen prexuízo do establecido na disposición adicional décimo oitava da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6º Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

7º Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

8º Adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3º do artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. En concreto, as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar o cofinanciamento dos activos adquiridos ao abeiro desta axuda con fondos da Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía e Industria. Para isto empregarán adhesivos ou distintivos similares coa lenda Proxecto cofinanciado, co escudo normalizado da Xunta de Galicia.

Para dar cumprimento á publicidade do cofinanciamento, seguiranse as instrucións que se recollen no enderezo da internet http://economiaeindustria.xunta.es no seu enlace axudas Consellería de Economía e Industria e dentro deste no sitio dedicado ao procedemento IN217A.

9º Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da dita lei.

2. No suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables, a persoa beneficiaria deberá destinar os bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención, por un período mínimo de cinco anos no caso de bens inscribibles nun rexistro publico ou de dous anos para o resto de bens.

Artigo 16º.-Xustificación da subvención.

1. O pagamento da subvención quedará condicionada á presentación, nos lugares sinalados no artigo 3º da convocatoria e ata o 30 de novembro de 2010, do orixinal ou copia compulsada da seguinte documentación:

a) Xustificantes dos investimentos: facturas dos provedores e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa nos termos que se establezan regulamentariamente (importe sen IVE e importe total), en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto. Xuntarase relación nominativa de facturas agrupadas e ordenadas por actuacións subvencionables, facendo constar para cada documento o seu número de orde, data de expedición, expedidor, concepto, importe en euros e data de pagamento (especificarase, se é o caso, o tipo de cambio aplicado), seguindo o modelo que figura como anexo VI.

b) Xustificación dos pagamentos: acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

c) No caso dos solicitantes das subvencións que supoñan a realización de obras presentará, cando o importe do investimento supere os 12.000 euros presentarase a memoria de fin de obra asinada por un técnico competente.

d) Fotografías das zonas reformadas que amosen as obras realizadas obxecto da subvención e serán tomadas desde o mesmo ángulo desde o que se realizaron as remitidas coa solicitude.

e) Declaración expresa sobre a concesión, ou solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, así como de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e declaración en réxime de minimis, segundo modelo normalizado establecido no anexo III desta orde.

f) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, no caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

g) Declaración expresa de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

h) Certificación expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento en que conste a razón social e o NIF da entidade subvencionada, así como o código do banco, código de sucursal, díxito de control e código de conta corrente.

i) Certificación expedida pola AEAT, na cal se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas en que figura dado de alta o solicitante, no caso de que no seu lugar e coa solicitude de subvención preséntase o modelo 036 de declaración censual.

2. Os órganos competentes da Consellería de Economía e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.

Artigo 17º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O importe anual das subvencións aboarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira ao número de conta designado polo beneficiario.

3. O pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, calculada en función da porcentaxe subvencionada do custo final da actividade, sempre que se xustifique un mínimo do 40% do importe establecido na resolución de concesión.

4. En caso de concorrer con outras axudas aplicarase o establecido no artigo 2º.3.

Artigo 18º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. Nos supostos de falta de xustificación, de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia ou de incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda deste dereito será o establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19º.-Control.

1. A Consellería de Economía e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 20º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, e será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 21º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "11800D006P019.PDF"

ANEXO VII

Códigos CNAE-2009

4511 Venda de automóbiles e vehículos de motor lixeiros.

4519 Venda doutros vehículos de motor.

4532 Comercio polo miúdo de recambios e accesorios de vehículos de motor.

4540 Venda, mantemento e reparación de motocicletas e do seus recambios e accesorios.

4711 Comercio polo miúdo en establecementos non especializados, con predominio en produtos alimenticios, bebidas e tabaco.

4719 Outro comercio polo miúdo en establecementos non especializados.

4721 Comercio polo miúdo de froitas e hortalizas en establecementos especializados.

4722 Comercio polo miúdo de carne e produtos cárnicos en establecementos especializados.

4723 Comercio polo miúdo de peixes e mariscos en establecementos especializados.

4724 Comercio polo miúdo de pan e produtos de panadaría, confeitaría e pastelaría en establecementos especializados.

4725 Comercio polo miúdo de bebidas en establecementos especializados.

4729 Outro comercio polo miúdo de produtos alimenticios en establecementos especializados.

4774 Comercio polo miúdo de artigos médicos e ortopédicos en establecementos especializados.

4775 Comercio polo miúdo de produtos cosméticos e hixiénicos en establecementos especializados.

4751 Comercio polo miúdo de téxtiles en establecementos especializados.

4771 Comercio polo miúdo de roupa de vestir en establecementos especializados.

4772 Comercio polo miúdo de calzado e artigos de coiro en establecementos especializados.

4753 Comercio polo miúdo de alfombras, moquetas e revestimentos de paredes e solos en establecementos especializados.

4759 Comercio polo miúdo de mobles, aparellos de iluminación e outros artigos de uso doméstico en establecementos especializados.

4742 Comercio polo miúdo de equipamentos de telecomunicacións en establecementos especializados.

4743 Comercio polo miúdo de equipamentos de audio e vídeo en establecementos especializados.

4754 Comercio polo miúdo de aparellos electrodomésticos en establecementos especializados.

4763 Comercio polo miúdo de gravacións de música e vídeo en establecementos especializados.

4752 Comercio polo miúdo de ferraxaría, pintura e vidro en establecementos especializados.

4761 Comercio polo miúdo de libros en establecementos especializados.

4762 Comercio polo miúdo de xornais e artigos de papelaría en establecementos especializados.

4778 Outro comercio polo miúdo de artigos novos en establecementos especializados.

4777 Comercio polo miúdo de artigos de reloxaría e xoiaría en establecementos especializados.

4764 Comercio polo miúdo de artigos deportivos en establecementos especializados.

4765 Comercio polo miúdo de xogos e xoguetes en establecementos especializados.

4753 Comercio polo miúdo de alfombras, moquetas e revestimentos de paredes e solos en establecementos especializados.

4776 Comercio polo miúdo de flores, plantas, sementes, fertilizantes, animais de compañía e alimentos para estes en establecementos especializados.

4778 Outro comercio polo miúdo de artigos novos en establecementos especializados.

4719 Outro comercio polo miúdo en establecementos non especializados.

4741 Comercio polo miúdo de ordenadores, equipamentos periféricos e programas informáticos en establecementos especializados.

4742 Comercio polo miúdo de equipamentos de telecomunicacións en establecementos especializados.

4778 Outro comercio polo miúdo de artigos novos en establecementos especializados.

4779 Comercio polo miúdo de artigos de segunda man en establecementos especializados.