DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 23 de xuño de 2010 Páx. 11.496

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 10 de maio de 2010 pola que se modifica a orde da Consellería de Vivenda e Solo do 27 de maio de 2008, pola que se convocan as subvencións a fondo perdido para a rehabilitación e renovación de calidade de vivendas no medio rural e conxuntos históricos de Galicia.

O Decreto 157/2006, do 7 de setembro, establece os requisitos, procedementos e incentivos para unha rehabilitación e renovación de calidade das vivendas e edificios, tanto no medio rural como nos conxuntos históricos de Galicia. No citado decreto establécese ademais que as subvencións recollidas nel se regularán por ordes anuais de convocatoria.

A disposición derradeira primeira do citado Decreto 157/2006, do 7 de setembro, outórgalle á conselleira de Vivenda e Solo, no marco das súas competencias, a potestade de ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a súa aplicación.

O Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas atribúe á citada consellería as competencias en materia de vivenda.

A Orde do 13 de decembro de 2006, regula o procedemento de obtención, as actuacións previstas, os requisitos exixidos e canto for necesario para a obtención da resolución, de conformidade coas actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade, que constitúe un requisito necesario da vivenda para ser beneficiario das subvencións en materia de rehabilitación e renovación.

Na Orde do 27 de maio de 2008 aprobáronse as bases reguladoras das subvencións, con vixencia indefinida e detallouse o procedemento de concesión destas.

A Orde do 18 de agosto de 2009 estableceu o prazo de finalización da presentación de solicitudes para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade o 31 de agosto do citado ano.

A pesar de ter rematado o prazo de presentación de novas solicitudes para obter a cédula de rehabilitación, quedan moitos expedientes de vivendas que están en fase de execución dos traballos de rehabilitación ou renovación e que poderán solicitar unha subvención que contribúa ao citado gasto.

Por este motivo é necesario realizar novas convocatorias de subvencións para estas vivendas con obras en execución, en canto non se publique a nova normativa que regulará a citada actividade.

Así mesmo, tendo en conta que xa está pechada a posibilidade de presentar novas solicitudes de cédula de rehabilitación, é posible coñecer exactamente o importe necesario para atender as posibles solicitudes de subvención presentadas polas persoas promotoras das actuacións que xa contan con resolución de conformidade, ou poidan contar con ela en breve espazo de tempo. Este número de expedientes non se reparte homoxeneamente en todos os departamentos territoriais, existindo grandes desequilibrios entre eles. Esta situación conduce a que, sendo limitados os recursos económicos, sexa moito máis difícil obter unha subvención naqueles departamentos territoriais con maior número de expedientes pendentes de cédula, a non ser que se introduza algún criterio de ponderación.

Polo citado motivo considérase oportuno facer, nas vindeiras convocatorias, unha distribución do crédito asignado repartindo por cada unidade territorial en proporción ao número de solicitudes de cédula de rehabilitación de calidade pendentes en cada unha delas.

Por isto é necesario modificar o artigo 8º da Orde do 27 de maio de 2008 para precisar que as propostas de resolución serán elevadas, de maneira independente, por cada departamento territorial en función do crédito que teñan asignado na orde de convocatoria, a cada unha delas.

Por outra banda é condición necesaria que as vivendas ou locais para os cales se solicite subvención conten coa resolución de conformidade coas actuacións propostas, de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, de rehabilitación e renovación de calidade de vivendas no medio rural e conxuntos históricos de Galicia, modificado polo Decreto 90/2008, do 24 de abril. Neste sentido considérase a antigüidade na data de concesión da resolución de conformidade un bo criterio para resolver aquelas solicitudes que puidesen quedar empatadas na orde de presentación de solicitudes, polo que se propón a modificación do antedito artigo 8º.

En consecuencia, en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, de 22 de febreiro, de normas reguladoras da xunta e da súa Presidencia, e o Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 8º da Orde do 27 de maio de 2008, pola que se convocan as subvencións a fondo perdido para a rehabilitación e renovación de calidade de vivendas no medio rural e conxuntos históricos de Galicia, que queda redactado da seguinte maneira:

Artigo 8º.-Procedemento de resolución das subvencións.

1. Á vista da solicitude das subvencións, da documentación presentada e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, o/a xefe/a territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, elevará a proposta de resolución da subvención á persoa titular da dirección xeral do IGVS.

O expediente de concesión conterá o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que as persoas beneficiarias cumpren todos os requisitos necesarios para acceder a elas.

2. O presidente do IGVS, ou persoa en quen delegue, á vista da proposta, e tendo en conta os recursos económicos dispoñibles, resolverá o que segundo dereito proceda.

3. Será motivo de denegación da subvención non cumprir algún dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

4. Serán así mesmo obxecto de denegación as propostas de concesión que queden sen asignación de recursos por esgotamento dos previstos na convocatoria anual para cada departamento territorial.

O criterio que, de ser o caso, se utilizará para os efectos de determinar respecto a que expedientes se esgota o crédito é o recollido no artigo 74.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Será de aplicación independente a cada departamento territorial o citado criterio denegatorio do artigo 74.2º da Lei 30/1992. No sentido citado a orde de incoación dos expedientes tramitarase segundo a orde de entrada en cada un dos departamentos territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. No caso de existir empate entre varias solicitudes, concederase a subvención a aquelas que teñan a data da resolución de conformidade máis antiga, e no caso de persistir o empate a aquela que teña menores ingresos familiares.

Unha vez esgotados os créditos en cada departamento territorial procederase á correspondente publicación no DOG da citada circunstancia e á inadmisión das posteriores solicitudes.

5. No caso de existir remanentes nalgún departamento territorial poderán dedicarse para satisfacer as solicitudes doutros departamentos, por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

6. A resolución do presidente do IGVS ou persoa en quen delegue pon fin á vía administrativa, polo que é susceptible do recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ou ben de recurso contencioso-administrativo directamente ante o órgano xurisdicional competente no prazo de dous meses.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas