DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 23 de xuño de 2010 Páx. 11.495

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2010 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Puerto de Vigo.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Puerto de Vigo, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos:

1. Mario Ubiaga André, secretario do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo o 16 de abril de 2010, ante o notario José María Rueda Pérez, con número de protocolo 917, polas seguintes entidades: Autoridade Portuaria de Vigo e a súa ría; Peugeot Citroën Automóviles España, S.A.; Remolcadores Nosa Terra, S.A.; Pescanova, S.A.; Caixa de Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra; Fundación Caixa Galicia-Claudio Sanmartín; e Terminales Marítimas de Vigo, S.L.U., representadas, respectivamente por María Corina Porro Martínez, Pierre Ianni, José Silveira Cañizares, César Real Rodríguez, Guillermo Brea Vila, María Teresa Porto Perdido e Eduardo Luis de la Santísima Trinidad Davila Vega.

Posteriormente, por escritura pública outorgada en Vigo o 30 de abril de 2010, con número de protocolo 1.041, ante o mesmo notario, solemnizáronse diversos acordos referentes á fundación.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto promover, desenvolver, impulsar e achegar ao cidadán a faceta máis social do porto, das súas empresas e do seu contorno, co fin de, desde unha vocación de servizo, contribuír ao desenvolvemento social de Vigo, Galicia e España.

Igualmente, a fundación poderá contribuír ao fomento da cultura no seu ámbito de influencia, en todas as súas manifestacións e posibilidades, favorecendo as iniciativas e actividades que se consideren oportunas.

4. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade das entidades fundadoras e dos seus representantes, a súa capacidade e vontade de constituír a fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza, o domicilio, obxecto e finalidade, as regras para aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, e a designación do padroado inicial.

6. O padroado inicial da fundación está formado pola Autoridade Portuaria de Vigo e a súa ría, representada por María Corina Porro Martínez como presidenta; Peugeot Citroën Automóviles de España, representada por Pierre Ianni como vicepresidente; Mario Ubiaga André, como secretario non patrón; a Sociedad Cooperativa de Armadores de Pesca del Puerto de Vigo, Sociedad Cooperativa Gallega, representada por Francisco Javier Touza Touza como tesoureiro; e Remolcadores Nosa Terra, S.A.; Pescanova, S.A.; Terminales Marítimas de Vigo, S.L.U.; Caixa de Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra; Fundación Caixa Galicia-Claudio Sanmartín; e a Sociedad Cooperativa de Armadores de Pesca del Puerto de Vigo, Sociedad Cooperativa Gallega, representados, respectivamente, por José Silveira Cañizares, César Real Rodríguez, Eduardo Luis de la Santísima Trinidad Davila Vega, Guillermo Brea Vila, José Luis Méndez López e Francisco Javier Touza Touza, como vogais.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese social e cultural da Fundación Puerto de Vigo atendendo á diversidade do obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

8. De conformidade coa dita proposta, por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de xuño de 2010, clasificouse como de interese social e cultural a Fundación Puerto de Vigo, e adscribiuse á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-De acordo co disposto no artigo 7.2º do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, correspóndelle a esta Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Puerto de Vigo, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro.-Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións e interese galego e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e o Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, da Fundación Puerto de Vigo, polo que:

RESOLVO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Puerto de Vigo.

Segundo.-Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza.

Terceiro.-Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e o Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2010.

Beatriz Cuiña Barja

Secretaria xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza