DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 22 de xuño de 2010 Páx. 11.454

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2010, da Dirección Xerencia do Hospital Comarcal de Valdeorras, pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión do posto de coordinador de Urxencias polo sistema de avaliación colexiada.

De conformidade co establecido no Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG nº 145, do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e na Orde do 24 de maio de 2006 (DOG nº 106, do 5 de xuño) pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión de postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 311/2009, do 23 de maio (DOG nº 109, do 5 de xuño), polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, a Orde do 15 de xuño de 2009 (DOG nº 119, do 15 de xuño) sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde, a directora xerente do Hospital Comarcal de Valdeorras

RESOLVE:

Primeiro.-Anunciar a convocatoria para cubrir, polo procedemento de avaliación colexiada, o posto que se indica no anexo, vacante no Hospital Comarcal de Valdeorras, así como aprobar as bases, o baremo de méritos, o modelo de solicitude de participación, o modelo de solicitude de percepción do complemento específico e o plan de obxectivos da unidade, que rexerán nesta convocatoria.

Segundo.-As bases íntegras da citada resolución estarán expostas nos taboleiros de anuncios do Hospital Comarcal de Valdeorras e na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Terceiro.-No procedemento de provisión da praza que se convoca resultan de aplicación as normas xerais de procedemento contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as específicas de provisión de prazas de persoal estatutario contidas na Lei 55/2003, do 16 de decembro, pola que se aproba o Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde (BOE do 17 de decembro), no Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG nº 145, do 29 de xullo), polo que se regula a provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e na orde da Consellería de Sanidade do 24 de maio de 2006 (DOG nº 106, do 5 de xuño), pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e demais de pertinente aplicación.

O Barco de Valdeorras, 11 de maio de 2010.

María Jesús Magadán Álvarez

Directora xerente do Hospital Comarcal

de Valdeorras

ANEXO

Denominación do posto: coordinador Urxencias do Hospital Comarcal de Valdeorras.