DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 22 de xuño de 2010 Páx. 11.453

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 14 de xuño de 2010 pola que se convoca a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante nesta consellería.

De conformidade co establecido no artigo 29.2º do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e no artigo 16 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, e en uso das atribucións conferidas polo artigo 17.4º do mesmo decreto, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se indica no anexo I desta orde.

Segundo.-Poderán concorrer a ela os/as funcionarios/as de carreira que reúnan as condicións que para o posto de traballo se sinalan no anexo I.

Terceiro.-As solicitudes para participar nesta convocatoria presentaranse no rexistro xeral da Xunta de Galicia (edificio administrativo de San Caetano, s/n, Santiago de Compostela), nos seus departamentos territoriais ou nas oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de quince días, contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o modelo que se inclúe no anexo II.

Cuarto.-Os aspirantes deberán unir á petición un curriculum vitae e xustificar documentalmente os méritos que aleguen.

Quinto.-No caso de que resulte seleccionado/a para ocupar o posto de traballo que se anuncia no anexo I desta orde un/unha funcionario/a con destino noutras administracións públicas, tramitarase o seu traslado a esta comunidade autónoma conforme o artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e demais disposicións concordantes.

Sexto.-A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia, e poderá declararse deserto o posto de traballo, de considerarse oportuno.

Sétimo.-O prazo de toma de posesión será de tres días hábiles, se o destino anterior está na mesma localidade do novo destino, e dun mes se está en localidade distinta ou comporta o reingreso ao servizo activo.

O prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá producirse dentro dos tres días seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á comunidade autónoma, para o caso de funcionarios/as doutras administracións públicas.

Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo.-Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Traballo e Benestar, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, na súa nova redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou poderán impugnala directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO I

Denominación do posto: secretario/a (director/a xeral).

Código: VP.403.00.000.15770.001.

Nivel:18.

Dependencia: Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Localidade: Santiago de Compostela.

Grupo: C1/C2.

Corpo/escala: xeral.

C. espec.: 6.716,22 €.

Adscrición administracións públicas: A11 (adscrición indistinta a funcionarios/as da Administración da Xunta de Galicia, Administración do Estado, Administración de comunidades autónomas).

Formación específica: 020 (coñecementos informática nivel usuario), 641 (para persoal doutra Administración, curso de iniciación de galego -requisito indispensable-).

ANEXO II

MODELO DE SOLICITUD

NOTA: úsese o públicado nas páxinas 11.431 e 11.432.