DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 22 de xuño de 2010 Páx. 11.427

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2010 pola que se convoca a Xornada sobre a modernización da Administración autonómica de Galicia.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2010 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración coa Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, a Xornada sobre a modernización da Administración autonómica de Galicia, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

O obxectivo desta xornada sobre a modernización da Administración autonómica de Galicia é servir de foro de reflexión, discusión e análise acerca dos retos que se lle presentan á Xunta de Galicia neste comezo de século, co fin de dar resposta axeitada ás demandas crecentes da sociedade a que debe prestar servizo.

As características cambiantes do contorno socioeconómico, a existencia dunha forte crise económica, unha sociedade en constante evolución nas súas estruturas, o pulo das novas tecnoloxías e a globalización dos mercados e da información exixen unha nova relación entre os cidadáns e a Administración.

Nesta nova relación, conceptos tales como a transparencia na xestión, a austeridade, eficacia e control do gasto, a interoperabilidade ou a accesibilidade forman unha parte moi importante do rol que ten que asumir a Xunta de Galicia e exixirán de toda a súa organización (directivos e persoal) importantes esforzos de adaptación e a necesidade de afondar na súa formación nestas materias.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

-A formación como axente modernizador da Administración pública.

-O anteproxecto de Lei de organización e funcionamento da administración xeral e o sector público autonómico de Galicia.

-O réxime económico orzamentario e de control.

-A nova Lei da función pública de Galicia: principios inspiradores.

-A eficiencia na xestión pública: a avaliación de organismos dependentes da Xunta de Galicia.

-O desenvolvemento da Administración electrónica, un dereito dos cidadáns.

3. Destinatarios.

Persoal da Administración autonómica, persoal das restantes administracións públicas presentes en Galicia, interlocutores sociais e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Data: 29 de xuño de 2010.

Duración: 6 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Solicitudes.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública (polígono das Fontiñas, rúa Madrid, 2-4, CP 15707, Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e serán presentadas no Rexistro Xeral da EGAP, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas inscricións por medio de fax enviado ao número 981 54 63 30 ou por correo electrónico dirixido ao enderezo novas.egap@xunta.es

-Inscricións fóra de prazo: só serán admitidas, de quedar prazas libres, coa condición de que cumpran os requisitos xerais antes indicados.

As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión se chaman por teléfono, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 41, 881 99 70 14.

7. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o luns 28 de xuño de 2010.

8. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

9. Certificado de asistencia.

Será entregado un certificado de asistencia, ao final da xornada, a aquelas persoas inscritas que asistisen, sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa a natureza da actividade e a data de realización.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2010.

Pablo Figueroa Dorrego

Director da Escola Galega de Administración Pública

Ver referencia pdf "11700D010P063.PDF"