DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 22 de xuño de 2010 Páx. 11.426

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 8 de xuño de 2010 pola que se fai pública a ampliación do importe existente para a concesión das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo da Pesca, convocadas pola Orde do 21 de xaneiro de 2010.

A Orde do 21 de xaneiro de 2010 pola que se modifican as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo da Pesca (DOG nº 19, do 29 de xaneiro), establece no seu artigo 3º o importe da contía máxima das axudas que ao abeiro desta poderán ser concedidas aos seus solicitantes.

Unha vez revisados os expedientes presentados ao amparo da dita orde, comprobouse que o importe total solicitado destas axudas superaba a existencia de crédito, o que faría imposible atender a demanda da totalidade das solicitudes presentadas.

Non obstante, e como consecuencia de que con posterioridade á publicación da orde foi aprobada unha incorporación de crédito, o importe inicialmente dotado pode ser incrementado, o que permitiría facer chegar as axudas a un maior número de beneficiarios.

Tendo en conta o indicado no artigo 3º da Orde do 21 de xaneiro de 2010, o crédito inicial poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

Considerando todo o dito anteriormente, cómpre ampliar o importe da contía máxima das axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da referida Orde do 21 de xaneiro de 2010, coa finalidade de facer chegar estas ao maior número de beneficiarios posible.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro.-Amplíase o importe da contía máxima das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 21 de xaneiro de 2010 (DOG nº 19, do 29 de xaneiro) na forma seguinte:

a) Para o exercicio orzamentario 2010 ampliarase o importe na cantidade de 28.237.513,44 euros, con cargo á aplicación 14.02.723A.771.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010.

b) Para expedientes de gasto que sexan executados en varias anualidades, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se cumpran os requisitos do artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, para a anualidade no ano 2011 ampliarase o importe na cantidade de 2.000.000 euros. A aplicación orzamentaria correspondente será a 14.02.723A.771.1.

Segundo.-Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2010.

Rosa Mª Quintana Carballo

Conselleira do Mar