DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 22 de xuño de 2010 Páx. 11.404

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 16 de xuño de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común para a mellora dos procesos produtivos en réxime asociativo, e se convocan para o exercicio orzamentario de 2010.

A rápida evolución nas dúas últimas décadas do desenvolvemento do subsector de gando vacún, e en especial o do leite, propiciou desequilibrios nos factores de produción que se manifestaron fundamentalmente en problemas de adaptación das estruturas produtivas e da man de obra. Este desequilibrio provocou profundos cambios nos modelos produtivos, con repercusións no abandono de actividades propias do sistema produtivo deste subsector, como a cría e recría de animais para vida e a produción de carne a través da ceba de xatos e animais desbotados por vellos.

O abandono destas actividades ten consecuencias negativas, na procura dunha gandaría de alto estado sanitario e xenético, e na rendibilidade dos esforzos feitos na mellora gandeira ao longo dos últimos anos, e representa así mesmo un atranco no obxectivo de incrementar o valor engadido que lle dan as ditas actividades á economía agraria.

Sistemas de ordenación das producións con métodos profesionais, e sustentables nas vertentes social, económica e mediambiental, poden contribuír a mellorar a economía produtiva no medio rural e polo tanto ao equilibrio da sociedade rural no seu conxunto.

Estas axudas están amparadas polo Regulamento (CE) 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader); o Regulamento (CE) 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006 (DO L 368 do 23 de decembro), polo que se establecen as disposicións de aplicación do antedito regulamento do Consello; o Regulamento (CE) 1975/2006 da Comisión do 7 de decembro (DO L 368 do 23 de decembro), polo cal se establecen disposicións de aplicación do Regulamento CE nº 1698/2005, do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas da axuda ao desenvolvemento rural.

A execución dos investimentos obxecto de axuda exceden o período do propio exercicio orzamentario, polo que a axuda terá carácter plurianual.

Por todo o exposto, e de acordo co establecido no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e, no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia, así como no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG nº 23, do 21 de marzo), modificada pola Lei 11/1998, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para o fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común para a mellora dos procesos produtivos en réxime asociativa.

Artigo 2º.-Ámbito de actuación.

O ámbito de aplicación desta orde será o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sección primeira

Bases reguladoras

Artigo 3º.-Actividades subvencionables.

As actividades subvencionables son as seguintes:

1. Construción, adquisición ou mellora de bens inmobles e instalacións incluída a adquisición de terreos por un custo non superior ao 10% do total de gastos elixibles da operación, e en xeral, gastos xerais tales como honorarios de arquitectos, enxeñeiros e honorarios de consulta, estudos de viabilidade ou adquisición de dereitos de patentes e permisos.

2. Quedan excluídos os subsectores avícola e porcino intensivos, e os proxectos orientados ás seguintes actividades: alimentación conxunta de explotacións gandeiras, mecanización e equipamento relacionado, así como a ceba de xatos de razas diferentes á frisona.

3. Só serán auxiliables os investimentos que se realicen con posterioridade á data de presentación da solicitude, sempre e cando se dite resolución aprobatoria da axuda sobre os ditos investimentos. No caso de instalacións fixas e construcións, non se admitirán como subvencionables os investimentos realizados ou iniciados con anterioridade á confirmación por escrito por parte desta consellería de que o proxecto cumpre as condicións de subvencionabilidade establecidas na normativa, co fin de autorizar o inicio dos investimentos. Se os investimentos se iniciasen antes de cumprir este requisito, non se concederán axudas ao conxunto do proxecto presentado.

Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento o comezo do traballo de construción ou o primeiro compromiso que obriga legalmente a realización dos investimentos. No entanto, non se considerará inicio do investimento a realización do proxecto ou estudos de viabilidade previos, que serán subvencionables se están realizados con posterioridade á publicación desta orde e cumpren o resto dos requisitos establecidos.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

1. Poderán acollerse ás axudas para investimentos relacionados coa produción primaria os seguintes beneficiarios:

a) Cooperativas agrarias, que adicionalmente á súa actividade principal, pretendan desenvolver outras actividades neste ámbito.

b) Cooperativas de explotación comunitaria da terra, cun mínimo de 15 socios.

c) Cooperativas de explotación comunitaria da terra e sociedades agrarias de transformación, que teñan por obxecto prioritario levar a cabo actividades complementarias aos procesos produtivos das explotacións dos seus socios.

Artigo 5º.-Finalidade.

1. O aumento da rendibilidade das explotacións agrogandeiras galegas, da súa viabilidade económica e ambiental, así como da mellora das condicións do traballo.

2. Fomentar a introdución de novas tecnoloxías e modernos modelos de produción.

3. Promover a recría de xovencas, en réxime asociativo, para favorecer un aumento do valor engadido nas explotacións gandeiras.

4. Promover a reposición de rabaños con animais de alta calidade xenética.

Artigo 6º.-Requisitos e obrigas comúns dos beneficiarios.

1. Cumprir cos requisitos para ser beneficiario recollidos no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As entidades beneficiarias deberán ser titulares dunha explotación agraria ou no caso de nova creación ou no caso de entidade preexistente que pretenda desenvolver as actividades subvencionables ao abeiro desta norma, deberán darse de alta no rexistro de explotacións agrarias.

3. Xustificar, mediante un proxecto de explotación, a necesidade e viabilidade técnico-económica dos investimentos segundo a documentación exixida no artigo 13º.

4. Compromiso de exercer a actividade agraria, obxecto da axuda, por un período superior a cinco anos desde a data da súa concesión. Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, que nunca será inferior a cinco anos no caso dos bens inscritibles en rexistro público, nin inferior a dous para o resto de bens, e en todo caso nunca antes do seu período de amortización, salvo por causa técnica xustificada e acreditada documentalmente, en concordancia co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura pública esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida, estes extremos deberán ser obxecto de inscrición no rexistro público correspondente.

5. As entidades deberán establecer as normas internas de funcionamento que sexan necesarias para garantir o correcto funcionamento e a continuación da actividade de que se trate.

6. No caso das novas construcións, presentarase proxecto, anteproxecto ou memoria, segundo a documentación exixida no artigo 12º. Así mesmo, deberán presentar no momento da solicitude licenza de obra, ou no seu defecto, solicitude dela e cualificación urbanística da parcela emitida polo concello, onde se pretenda construír. No caso de adquisición de inmoble, certificado dun taxador independente debidamente acreditado ou un órgano ou organismo público debidamente autorizado en que se confirme que o prezo de compra non excede do valor de mercado. As edificacións non deberán ter recibido, nos dez últimos anos, ningunha subvención nacional ou comunitaria.

7. No caso das obras de reordenación e acondicionamento de instalacións xa existentes, acreditarase a propiedade destas, o arrendamento ou figuras xurídicas análogas, mediante a escritura pública correspondente. No caso de ser instalacións arrendadas a duración do contrato non poderá ser inferior a cinco anos, contados a partir da posta en marcha da actividade.

8. No caso de que o investimento en obra civil sexa superior a 30.000 euros, deberase presentar como mínimo un anteproxecto asinado por técnico competente e visado polo correspondente colexio profesional.

9. Cando o importe do investimento suxeito a subvención supere a contía de 30.000 euros no caso de obra civil, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á entrega do ben ou á contratación do compromiso para a prestación do servizo, agás nos casos en que polas especiais características dos gastos suxeitos a subvención non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. A elección destas ofertas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

10. Cumprir as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, de ser o caso, de conformidade coa normativa comunitaria, nacional e autonómica.

a) No entanto, cando o proxecto inclúa investimentos destinados a cumprir as normas mínimas recentemente establecidas, entendendo por tales as que entrasen en vigor nun prazo máximo dun ano anterior á data de solicitude da axuda, poderase conceder para o seu cumprimento, un prazo de ata 36 meses a partir da data en que a devandita norma fose obrigatoria.

b) Os servizos técnicos da Consellería do Medio Rural emitirán os informes correspondentes sobre o cumprimento destas normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais.

11. Para a concesión das axudas teranse en conta as restricións de produción e as limitacións de apoio comunitario que existan de acordo coas organizacións comúns de mercado da Unión Europea. Non se concederán axudas que contraveñan prohibicións ou restricións establecidas nelas.

Artigo 7º.-Requisitos específicos dos proxectos relacionados coa gandería.

1. As entidades beneficiarias de axudas a proxectos relacionados coa gandería deberán ser membros dunha agrupación de defensa sanitaria gandeira, inscrita no rexistro das asociacións de defensa sanitaria gandeira (ADSG) de Galicia, sempre que exista a posibilidade para esa especie animal.

2. Os proxectos relacionados coa gandería presentarán un plan de xestión de xurros e ou estercos tendo en conta o modo de valorización e a composición recollida no anexo X.

3. Os proxectos relacionados con centros de cría e recría de xovencas, centros de cría e ceba de xatos frisóns deberán realizar un programa sanitario específico vinculado ao proxecto de explotación que se vaia desenvolver, segundo anexo VII, que deberá ser aprobado pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural, da Xunta de Galicia. Xuntaralle á solicitude unha memoria técnica do programa sanitario segundo a documentación exixida no artigo 12º.

4. A carga gandeira máxima admisible, no caso do gando vacún, estará vinculada á aptitude e orientación produtiva da superficie agraria útil (en adiante S.A.U.), e será de 2 a 2,5 unidades de gando maior (en adiante U.G.M) por hectárea cando a SAU estea dedicada a pradaría, de 2,5 a 3,5 UGM/ha. cando se dediquen a pradaría con rotación de cultivos intensivos e de ata 4 UGM/ha cando se trate de superficies de alta capacidade produtiva manexadas con criterios de alto rendemento. As UGM calcularanse segundo a táboa de equivalencias recollida no anexo X.

5. No caso de proxectos para desenvolver algunha actividade relacionada co gando vacún, as entidades deberán dispor baixo a súa xestión directa de cando menos o 50% da superficie agraria necesaria para a carga gandeira existente en cada momento na explotación, segundo o establecido no punto 4 deste artigo. O 50% da superficie restante poderán achegalo explotacións da contorna, coas cales se teña formalizado un contrato de achega de xurros e/ou estercos. A superficie agraria susceptible de aproveitamento para estes efectos, localizarase nun radio non superior a 15 quilómetros da explotación.

6. No caso de centros de cría e recría de xovencas, as entidades desenvolverán un programa de mellora xenética, que deberán xustificar técnica e documentalmente, segundo a documentación recollida no punto 16 do artigo 12º.

Artigo 8º.-Conceptos suxeitos a subvención e contía económica.

1. Conceptos suxeitos a subvención:

a) Adquisición ou construción do conxunto de instalacións necesarios para exercer as actividades previstas nesta orde.

i. Na construción de novas instalacións dedicadas á produción gandeira, o investimento suxeito a subvención por metro cadrado construído non superará a contía de 160 euros para as construción de aloxamento para animais e 120 euros para os almacéns.

ii. As contías referidas á construción de aloxamentos para animais ou construción de almacéns incrementaranse nun 35% cando o material de construción da estrutura sexa maioritariamente a madeira.

iii. Nestes módulos inclúense todas as instalacións básicas para o seu funcionamento, tales como electricidade, fontanaría, cerramentos, solados, e outras instalacións propias e imprescindibles para o desenvolvemento ordinario da actividade.

iv. Adicionalmente para movemento de terras e acondicionamento da superficie sobre a que se pretende construír, o importe máximo será de 16 euros por metro cadrado da superficie construída.

v. Os investimentos relacionados, tales como instalacións especiais ou específicas dunha orientación produtiva determinada, fosas de xurro, esterqueiras, vaos sanitarios, cercas, etc., serán considerados segundo as facturas ou os orzamentos pro forma presentados.

vi. Outras instalacións e equipamentos relacionadas coa fase de produción primaria serán considerados segundo as facturas ou os orzamentos pro forma presentados.

b) Investimentos orientados á reordenación e acondicionamento de instalacións existentes.

O investimento máximo suxeito a subvención dos investimentos orientados á reordenación e acondicionamento de instalacións, non superarán el 60% do recollido no punto 1 da letra a) de este artigo.

c) Investimentos realizados en instalacións fixas e móbiles, incluídos equipos e programas informáticos para o desenvolvemento da actividade.

d) Gastos de transformación e preparación de terreos incultos, así como a implantación de cultivos, cun límite de orzamento de 950 euros por hectárea, podendo incrementarse nun 45% naquela superficie na que se requira destocamento previo.

e) Gastos de estudos técnicos económicos relacionados co proxecto que se vai desenvolver, honorarios profesionais na redacción de proxectos e dirección e certificación final de obra.

f) Gastos de adquisición de terreos, ata un importe máximo do 10% dos gastos elixibles no conxunto do proxecto de explotación.

2. Contía económica:

a) A intensidade da axuda, con carácter xeral, será do 40% do investimento máximo subvencionable e do 50% nas zonas desfavorecidas definidas no artigo 50º do Regulamento 1698/2005 do Consello do 20 de setembro.

b) O investimento máximo subvencionable derivado da redacción de proxectos, direción e certificación final de obra será respectivamente do 3% e 2% do orzamento do proxecto en obra civil.

c) A subvención para estudos técnico-económicos limitase a 2.000 euros por proxecto. Cando a dimensión da operación e a complexidade da análise sexan elevadas, a subvención máxima poderá chegar ata un máximo de 2.500 euros.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

1. A dispoñibilidade orzamentaria da convocatoria limitará o nº de expedientes a aprobar, para iso, ordenaranse as solicitudes presentadas de acordo cos criterios de valoración indicados neste artigo, aprobándose os proxectos de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento dispoñible.

2. Para a selección de solicitudes que se aprobarán teranse en conta os seguintes criterios:

a) Segundo o proxecto que se vaia desenvolver:

i. Centros de cría e recría de xovencas: 10 puntos.

ii. Proxectos na vertente agrícola: 6 puntos.

iii. Proxectos de apoio á produción agraria na mellora dos procesos produtivos: 4 puntos.

iv. Outros proxectos no ámbito da produción primaria: 2 puntos.

b) Atendendo á localización da instalación, segundo o artigo 50º do Regulamento (CE) 1698/2005 do 20 de setembro de 2005 (DO L 277 do 21 de outubro), relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

I. Zona de montaña: 3 puntos.

II. Outras zonas desfavorecidas: 2 puntos.

c) Atendendo á introdución de novas actividades nas cooperativas agrarias ou SAT, e polo tanto, á xeración de novos valores engadidos:

i. As actividades para as que se solicita a axuda non foron desenvolvidas con anterioridade: 3 puntos.

d) Pola porcentaxe de mulleres que sexan membros do órgano de goberno da entidade:

i. Maior ou igual ao 50%: 5 puntos.

ii. Entre o 40 e o 50%: 3 puntos.

3. Cando a subvención teña por obxecto o financiamento de actividades que vaia desenvover o solicitante e o importe da subvención da proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, instarase ao beneficiario para que reformule a súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvencion outorgable.

Artigo 10º.-Modificación dos proxectos.

1. Cando se produzan modificacións relacionadas co proxecto obxecto de axuda ou co programa de investimentos, serán comunicadas á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, e presentarase un proxecto complementario ou alternativo rectificando as modificacións propostas.

2. Non obstante o establecido no número anterior, non se admitirán incrementos entre o investimento realizado e o aprobado para a execución do proxecto. No caso de redución da contía de gastos realizados e sempre que se manteña o obxectivo inicial, reducirase a axuda na contía proporcional correspondente.

Artigo 11º.-Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes de axuda presentaranse segundo o modelo do anexo I, acompañada dos seguintes anexos:

a) Anexo II: relación das liñas de axuda solicitadas.

b) Anexo III: relación da documentación que se presenta.

c) Anexo IV: certificación do acordo de solicitude de subvención.

d) Anexo V: certificación de compromisos e obrigas exixidos na orde.

e) Anexo VI: plan de investimentos.

2. As solicitudes deben vir debidamente cubertas e asinadas polo presidente ou polo representante legal da entidade peticionaria. É imprescindible cubrir os anexos correctamente na súa totalidade. Coas solicitudes presentarase a documentación que se detalla no artigo 12º desta orde.

3. No caso das entidades que estean en trámites de constitución, a solicitude de axuda poderá facela a comisión promotora, que estará formada polo menos por tres membros, actuando un deles como presidente e outro como secretario, acompañada da solicitude de inscripción da entidade no rexistro correspondente e compromiso de presentar a documentación que acredite a efectiva inscripción no rexistro oficial. A aprobación da axuda queda condicionada, en todo caso, á constitución efectiva da entidade no período previo á resolución.

4. As solicitudes dirixiranse ao conselleiro do Medio Rural. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral da Xunta de Galicia, ou do xeito previsto no artigo 38 da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o regulamento polo que se rexe a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que se presentará en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e o minuto da súa admisión.

5. A presentación da solicitude de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que teñan que emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 20º da Lei 9/2007, do 13 de xuño (Diario Oficial de Galicia nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia. Así mesmo, de acordo co establecido na disposición primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a entidade solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

6. Porén, quedan exentas de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 48º.un.l) da Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, os beneficiarios das axudas que non superen un importe de 1.500 euros.

Artigo 12º.-Documentación.

1. Copia cotexada do CIF da entidade solicitante.

2. Copia cotexada dos estatutos da entidade.

3. No caso de novas entidades que presenten por 1ª vez solicitude de axudas, copia cotexada da escritura de constitución e inscrición rexistral. De encontrarse en fase de constitución, presentarase a composición da comisión promotora e compromiso de presentar a documentación que acredite a constitución efectiva xunto coa primeira solicitude de pagamento. Neste caso o pagamento da axuda quedará condicionado á constitución efectiva da entidade.

4. Copia cotexada da declaración do imposto de sociedades do último exercicio económico. No caso das entidades de nova constitución, presentarán copia cotexada do impreso de alta no Censo de Actividades Económicas.

5. Balances e contas de resultados dos tres últimos exercicios presentados no rexistro mercantil e realizadas de acordo co plan xeral de contabilidade. No caso de entidades de nova constitución achegaranse os documentos dos exercicios dispoñibles.

6. Certificación bancaria asinada e orixinal do número de conta en que se solicita o ingreso da subvención.

7. Certificación por parte da entidade solicitante na que consten os nomes e data de elección das persoas que compoñen o seu órgano de goberno.

8. Documento acreditativo de titularidade de explotación agraria ou no seu defecto de alta no rexistro de explotacións agrarias.

9. Memoria técnica da entidade solicitante, asinada polo presidente, que conteña cando menos os seguintes contidos e estrutura:

a) Descrición detallada da entidade asociativa (número de socios, capital social, capital de explotación, instalacións, outros activos, actividades que desenvolve, ou pretende desenvolver, etc...).

b) Relación nominal de socios da entidade solicitante que pretenden participar no proxecto.

10. As entidades solicitantes presentarán certificación da acta de reunión do consello reitor, segundo modelo do anexo IV, no cal:

a) Aproban realizar os investimentos para os que se vai pedir a subvención.

b) Acordan solicitar a subvención.

c) Autorizan a persoa encargada dos trámites.

11. Certificación da entidade solicitante, segundo o modelo do anexo V, sobre os seguintes aspectos:

a) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que se establecen nela.

b) Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

c) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta administración considere oportunas.

12. Plan de investimentos, que incluirá relación dos investimentos que se vaian desenvolver, a súa contía económica e previsión por anos da súa execución, segundo o modelo do anexo VI.

13. No caso de investimentos en obra civil, presentarase copia cotexada da solicitude de licenza municipal, debendo presentar antes da última xustificación de gasto, copia cotexada da licenza municipal. Así mismo, presentará certificación final de obra no momento da solicitude do último pagamento da totalidade de gastos do conxunto do proxecto.

14. No caso de adquisición de inmobles presentarase taxación oficial que irá acompañada dunha descrición detallada e dun bosquexo acoutado do inmoble e a súa localización.

15. Estudo de viabilidade técnico-económica elaborado por técnico ou equipo técnico competente que deberá incluír:

a) En todos os casos:

i. Relación e análise técnica das instalacións e medios necesarios acordes co proxecto que se vaia desenvolver.

ii. No caso de investimentos en obra civil, presentarase anteproxecto ou proxecto asinado por persoal técnico competente. Esta documentación incluirá como mínimo unha desagregación do investimento por unidades de obra ou capítulos de investimento, o seu custo unitario e os planos necesarios para a súa definición. No caso en que o investimento en obra civil sexa inferior a 30.000 euros, presentarase bosquexo acoutado e memoria descritiva da construción asinada por persoal técnico competente. De non presentar o proxecto definitivo no momento da solicitude, o beneficiario comprométese a presentalo xunto coa primeira solicitude de pagamento na que se inclúan gastos relacionados coa execución material deste.

iii. Orzamento desagregado dos investimentos obxecto da solicitude de axuda.

iv. Carga de traballo prevista para desenvolver na actividade vinculada ao proxecto.

v. Financiamento previsto.

vi. Análise económica da súa viabilidade.

b) No caso de proxectos relacionados coa gandería, ademais do anterior, presentarase un estudo no que se recolla a información e análise seguintes:

i. Referencias catastrais ou datos referencias do Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (Sixpac) -provincia, concello, zona, polígono e parcela da base territorial e Plan de xestión produtiva desta, do que se levará obrigatoriamente un rexistro de producións de forraxes, e achegas de xurros e ou estercos.

ii. Estudo sobre o manexo e aproveitamento da base territorial no que se avalíe a capacidade de autoabastecemento de alimento que inclúa a carga gandeira e a capacidade produtiva da base territorial en función da súa aptitude e do manexo, de ser o caso.

iii. Plan de xestión de xurros e ou estercos, co contido mínimo recollido no anexo IX.

iv. Memoria do programa sanitario e das medidas de bioseguridade, elaborada por técnico competente, que conteña os puntos recollidos no anexo VII.

16. No caso de proxectos de cría e recría de xovencas, memoria detallada do programa de mellora xenética que será desenvolto por parte da entidade no centro de recría.

17. Identificación e cualificación dos técnicos ou equipos técnicos realizadores de estudos, informes e/ou proxectos, mediante documentación acreditativa da súa titulación académica. Os anteditos técnicos ou equipos técnicos deberán ser formalmente independentes das entidades solicitantes, e competentes na materia obxecto do estudo ou informe. Para estes efectos considerarase que a parte técnica dos estudos ou informes deberá ser elaborado por técnicos con titulación universitaria no ámbito agronómico e veterinario, se é o caso.

18. Para todo o referido nesta orde, o cálculo das UGM farase segundo os datos recollidos no anexo X.

Artigo 13º.-Tramitación.

1. As unidades administrativas receptoras remitirán no prazo máis breve posible as solicitudes de axuda recibidas á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, para que o servizo competente comprobe que a solicitude e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta orde e que as actuacións e investimentos incluídos na solicitude de axuda non se iniciaron fóra dos prazos permitidos pola normativa existente.

2. Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase o interesado para que, nun prazo máximo de dez días, emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42º, de conformidade co disposto no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. O órgano competente para levar a cabo a tramitación desta orde de axudas é a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. A avaliación das solicitudes levaraa a cabo un órgano colexiado composto polo subdirector xeral competente en Sanidade Animal, o xefe de servizo competente na materia, un xefe de área ou sección e un xefe de negociado que actuará como secretario. O órgano colexiado valorará as solicitudes de axuda segundo os criterios establecidos e formulará proposta de concesión ao director xeral de Produción Agropecuaria, pola súa vez a elevará ao conselleiro de Medio Rural.

Artigo 14º.-Resolución.

1. O conselleiro do Medio Rural resolverá sobre as axudas solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustándose aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

2. O prazo para resolver o procedemento será de nove meses contados a partir do día seguinte á publicación desta orde. Tanscorrido este prazo, sen que sexa notificada esta resolución, os interesados poderán entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de subvención.

3. Seguidamente notificaráselle ás entidades asociativas beneficiarias a resolución de concesión da subvención e o seu importe, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, así como en función das solicitudes presentadas e da dotación orzamentaria existente. De todas formas, o pagamento queda supeditado á súa correcta xustificación. Nos casos en que proceda, cómpre informar aos beneficiarios de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, e o eixe prioritario do programa de desenvolvemento rural do que se trate.

Artigo 15º.-Incompatibilidade.

As subvencións reguladas por esta orde son incompatibles con calquera outra axuda das administracións públicas para os mesmos conceptos, salvo coas subvencións ao tipo de xuro dos préstamos para financiar o investimento, sempre que non procedan de fondos da Unión Europea. En todo caso, a subvención bruta equivalente total non poderá superar o recollido no punto 2 do artigo 8º.

Artigo 16º.-Xustificación e pagamento da axuda.

1. Os investimentos en obras ou instalacións, por razón das súas particularidades na execución, exceden o período do propio exercicio orzamentario, polo que o gasto correspondente terá carácter plurianual.

2. As subvencións concedidas faranse efectivas mediante pagamentos nominativos a favor dos beneficiarios, unha vez acrediten as actividades, investimentos e gastos realizados, de acordo co que se especifica no texto desta orde e na correspondente resolución de concesión.

3. Para a xustificación da axuda concedida é necesario que as entidades beneficiarias presenten a seguinte documentación:

a) Comunicación de realización dos investimentos, segundo o modelo do anexo XI.

b) Os xustificantes do gasto, que consistirán de forma xeral, nas facturas orixinais, acreditativas dos investimentos cumprindo as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro).

No caso de presentar fotocopias das facturas, achegará tamén os orixinais para seren dilixenciados pola Administración, co texto cofinanciado con fondos comunitarios.

As facturas deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

i. Número e, se é o caso, serie.

ii. A data da súa expedición.

iii. Nome e apelidos, razón ou denominación social completa, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

iv. Número de identificación fiscal atribuído pola Administración española ou, se é o caso, pola doutro Estado membro da Comunidade Europea, co que realizará a operación o obrigado a expedir a factura.

v. Domicilio, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

vi. Descrición das operacións, consignándose todos os datos necesarios para a determinación da base impoñible do imposto, correspondente a aquelas e o seu importe, incluíndo o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea incluído no devandito prezo unitario.

vii. O tipo impositivo ou tipos impositivos, se é o caso, aplicados ás operacións.

viii. A cota tributaria que, se é o caso, lle repercuta, deberá consignarse por separado.

ix. A data en que se efectuasen as operacións que se documentan sempre que se trate dunha data distinta á de expedición da factura.

x. No caso de que unha operación estea exenta ou non suxeita ao IVE, especificarase o artigo da normativa referida ao IVE que si o recoñece.

xi. Con carácter xeral, só se considerará subvencionable a base impoñible que figure na factura, salvo que se trate dunha entidade non suxeita, exenta de IVE ou suxeita á regra de pro rata; nestes casos, deberá acompañarse a documentación xustificativa desta circunstancia (declaración de non suxeición ou exención de IVE emitida pola AEAT e, no caso de aplicación da regra de pro rata, o modelo 390 de declaración resumo anual IVE correspondente ao último exercicio en que figure a porcentaxe de dedución ou pro rata).

xii. Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, o tiques cando sexa obrigatoria a expedición de factura, nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

xiii. Unha partida do orzamento auxiliable poderá xustificarse mediante unha ou varias facturas relativas aos conceptos de gasto incluídos na dita partida, sempre que a dita partida admita a desagregación en distintos conceptos.

c) O xustificante do pagamento de facturas realizarase mediante a presentación de orixinal e copia, para a súa compulsa e selaxe, dalgún dos documentos que se relacionan a continuación:

i. Como regra xeral, presentarase a factura definitiva e o xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria, etc), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura. No caso de que o xustificante bancario sexa transferencia bancaria deberá ser orixinal ou copia cotexada, e estará selado pola entidade bancaria.

ii. Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio, etc.) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

iii. No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberanse identificar no documento do pagamento as facturas obxecto do pagamento.

iv. No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento, así como acompañarase unha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

v. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberase identificar claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

vi. No caso de facturas en moeda estranxeira, débense acompañar os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

d) No caso de investimentos en obra civil, para o pagamento final presentarase copia cotexada da licenza municipal ou documentación acreditativa equivalente, e certificación final de obra valorada.

e) Para os investimentos en compra de bens inmobles, presentarase o documento notarial de compravenda do terreo ou edificación que corresponda, xunto co xustificante da liquidación bancaria do seu importe. Deberanse facer constar na escritura pública os compromisos adquiridos, así como o importe da subvención concedida, segundo o recollido no punto 2 do artigo 6º desta orde.

f) Declaración do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, segundo o modelo de anexo XIII.

g) Calquera outra documentación adicional de carácter complementario que se indique expresamente na resolución de concesión da subvención e que se considere necesaria para a xustificación, seguimento e control destas axudas.

4. O pagamento da subvención realizarase logo de xustificación polo beneficiario, nos termos recollidos neste artigo, logo de presentación de solicitude de pagamento, segundo o modelo do anexo XII. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación ou concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33º da Lei 9/2007 (DOG nº 121, do 25 de xuño), do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Se o importe da solicitude de pagamento supera o importe que pode concederse logo de controlar a elixibilidade dos gastos que o beneficiario presenta como xustificación da operación aprobada en máis dun 3%, aplicarase unha redución sobre o importe resultante do estudo da elixibilidade igual á diferenza entre os dous importes citados. Non entanto, non se aplicará ningunha redución se o beneficiario pode demostrar que non é responsable da inclusión do importe non subvencionable.

6. Poderanse efectuar pagamentos parciais a conta se o beneficiario da axuda xustifica un investimento parcial respecto da subvención concedida, de acordo co punto 1 do artigo 62º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG nº 20, do 29 de xaneiro), polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. O beneficiario deberá xustificar o investimento conforme á resolución de concesión e poderá solicitar os correspondentes pagamentos da axuda.

8. Os pagamentos anteriores ao pagamento final terán o carácter de pagamentos parciais. Cando se tramite un pagamento parcial, o solicitante deberá presentar con anterioridade ao pagamento da axuda, unha garantía constituída por seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que deberá acadar como mínimo ata os dous meses seguintes ao remate do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na resolución de concesión da axuda. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios que soliciten pagamentos parciais por unha cantidade acumulada que non supere os 18.000 euros.

9. A garantía deberá cubrir o importe do 110% do importe das cantidades aboadas á conta calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria. As garantías serán liberadas unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o que se concedeu a subvención.

10. As garantías deberán constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nas delegacións territoriais da consellería competente en materia de facenda.

11. A falta de comunicación ou de realización dos investimentos entenderase como renuncia ás axudas concedidas, e quedará sen efecto a resolución de concesión, coa obriga de reintegrar as cantidades percibidas, e os xuros de demora correspondentes, de ser o caso, sen prexuízo das responsabilidades ás que houber lugar.

12. A non xustificación de polo menos o 60% do gasto correspondente ao conxunto dos investimentos suxeitos a subvención comportará a perda da totalidade da subvención.

13. No caso de redución da contía de gastos realizados, e sempre que se manteña o obxectivo inicial, reducirase a axuda na contía proporcional correspondente, sen prexuízo do recollido no punto anterior deste artigo.

14. O beneficiario deberá dispoñer dunha contabilidade específica Feader ou dun código contable específico, no que deben estar incluídos os gastos declarados para esta axuda.

15. Sen prexuízo dos anteriores puntos, e para os efectos da xustificación dos investimentos, todo o gasto haberá de suxeitarse ao establecido polo Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Feader.

Artigo 17º.-Seguimento e control.

1. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, incluída a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á correspondente modificación da resolución de concesión.

2. Calquera modificación dos investimentos aprobados, que supoña un cambio de localización, obxectivos, conceptos, prazo de execución ou variación do orzamento, así como de calquera condición específica sinalada na resolución de concesión, requirirá a autorización desta consellería, unha vez presentada a correspondente solicitude xustificativa. No caso de redución dos investimentos, sempre que se manteñan os obxectivos iniciais, a subvención concedida verase diminuída na contía proporcional conseguinte.

3. A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria realizará os controis sobre o terreo así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan esixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das entidades competentes, e en particular da Consellería do Medio Rural, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

4. Así mesmo, no caso de axuda a investimentos financiados no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013, será de aplicación o referido a controis, así coma o réxime de reducións e exclusión reguladas no Regulamento. (CE) 1975/2006, da Comisión, do 7 de decembro (DOUE 368, do 23 de decembro), polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento CE 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005 (DOUE 277, do 21 de outubro), no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas da axuda ao desenvolvemento rural.

5. Se se descobre que un beneficiario efectuou deliberadamente unha declaración falsa, a operación de que se trate quedará excluída da axuda do Feader e recuperaranse todos importes que se aboaron pola devandita operación. Ademais, o beneficiario quedará excluído da axuda pola medida en cuestión durante o exercicio do Feader de que se trate e durante o exercicio do Feader seguinte.

Artigo 18º.-Reintegro.

1. As entidades beneficiarias quedan obrigadas ao reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o tempo que medie entre a notificación de resolución do procedemento de reintegro e o seu reembolso efectivo, nos supostos previstos no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia, tendo en conta as excepcións contidas.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infracións e sancións previsto nos artigos 50 a 68 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia e no Regulamento (CE) 1975/2006 da Comisión do 7 de decembro (DOUE nº 368, do 23 de decembro), en particular, o establecido no artigo 31º do citado regulamento.

Artigo 19º.-Medidas informativas e publicitarias das axudas cofinanciadas polo Feader.

No caso de axuda a investimentos cofinanciados por fondos Feader será de obrigatorio cumprimento o seguinte:

1) Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellaría do Medio Rural farase constar que, á marxe doutras fontes de financiamento público, concorre o financiamento con fondos Feader.

2) Conforme o establecido no artigo 58º e no anexo VI do Regulamento (CE) 1974/2006, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo VI do referido regulamento. En particular, no caso de investimentos subvencionados cun custo total superior a 50.000 €, o beneficiario deberá colocar unha placa explicativa na que figurará unha descrición do proxecto así como a bandeira europea e o lema Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: europa inviste nas zonas rurais; no caso de investimentos subvencionados cun custo total superior a 500.000 €, o beneficiario deberá colocar un valado no que figurará a mesma lenda anterior. En ambos os casos esta imformación ocupará, como mínimo, o 25% da placa ou valado publicitario correspondente.

Artigo 20º.-Recursos administrativos.

As resolucións, expresas ou presuntas, das solicitues presentadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, de acordo co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso- administrativa.

Sección segunda

Convocatoria 2010

Artigo 21º.-Convocatoria.

Convócanse para o exercicio orzamentario 2010, en réxime de concorrencia competitiva, axudas para o fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común para a mellora dos procesos produtivos en réxime asociativo.

Artigo 22º.-Prazo de presentación de solicitudes.

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. As solicitudes presentaranse en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común e, preferentemente, na oficina do Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia, edificios administrativos de San Caetano s/n 15781, Santiago de Compostela.

Artigo 23º.-Prazo para a xustificación do gasto.

1. A xustificación do gasto correspondente aos investimentos e actividades subvencionables ao abeiro desta convocatoria deberase realizar antes do 1 de decembro de cada ano, nos termos concretos da resolución de concesión.

2. Non entanto, poderase conceder, por pedimento xustificado do interesado, realizado cunha antelación dun mes antes da finalización do prazo establecido en cada anualidade, e sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros, unha ampliación do prazo de xustificación das axudas, que non excederá da metade do prazo inicialmente previsto.

Artigo 24º.-Financiamento das axudas.

1. As axudas concedidas financiaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

a) Fondos cofinanciados polo Feader: aplicación 13.02.712-C.770.1, por un importe de 50.000 € para a anualidade 2010, 500.000 € para o ano 2011 e 1.000.000 € para o ano 2012.

2. A devandita aplicación orzamentaria poderá ser incrementada con fondos adicionais comunitarios, estatais e desta comunidade autónoma.

3. A concesión das axudas limitaranse ás dispoñibilidades e crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde será de aplicación o disposto no Regulamento 1698/2005, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader); no Regulamento 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do anterior; no Regulamento 1975/2006 da Comisión, do 7 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do regulamento (CE) 1698/2005, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural; Lei 19/1995, de modernización de explotacións agrarias; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.

Segunda.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións de axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos para os efectos do disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e sancións da Xunta de Galicia; a entidade solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Terceira.-Os documentos exixidos nesta convocatoria e que figuren nos diferentes rexistros da Consellería do Medio Rural ou na súa base de datos non será necesario que os presente a entidade solicitante, obteraos directamente a unidade tramitante do expediente.

Disposición derrogatoria

Derróganse a Orde do 25 de xuño de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común para a mellora dos procesos produtivos en cooperativas agrarias e sociedades agrarias de transformación, e se convocan para o exercicio orzamentario de 2009.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

Facúltase ao director xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instruccións que sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "11700D008P040.PDF"

ANEXO VII

Programa sanitario e medidas de bioseguridade

Sección primeira

Requisitos sanitarios mínimos para centros de cría e recría de xovencas frisonas para produción de leite e de xovencas de razas autóctonas

Os centros de cría e recría de xovencas, con carácter xeral, deberán cumprir a lexislación sectorial correspondente. Especificamente serán analizados de forma particular os seguintes aspectos:

1. Aplicación dos programas estatais contra as enfermidades suxeitas a controis oficiais.

2. Os centros terán dedicación exclusiva á actividade de cría e recría de xovencas, cría e ceba de xatos frisóns, polo que non pode haber presenza doutros animais ou actividades alleas a esta e á produción agrícola vinculada á parcela en que está situado o centro.

En todo caso a unidade de cría e recría de xovencas deberá manter a distancia suficiente do resto das instalacións para garantir as condicións de seguridade sanitaria requiridas.

3. Cumprimento da normativa relativa sobre identificación animal.

4. Cumprimento da normativa relativa ao benestar animal. Sobre este aspecto será obrigado dispoñer da documentación propia do movemento de gando, do conxunto de documentación relativa ao transporte, tal como a folla de ruta na cal conste o percorrido polas distintas explotacións, tempo empregado, animais transportados e certificado de desinfección dos vehículos.

5. Os centros de cría e recría de xovencas deberán pertencer a unha ADSG. Así mesmo, as explotacións que pretenden facer uso destas instalacións tamén deberán pertencer a unha ADSG, ou en caso contrario, acreditar mediante certificado veterinario que desenvolven un programa sanitario que recolla cando menos os puntos do programa sanitario marco da orde de axudas anual ás ADSG.

6. O centro terá asignado un veterinario responsable da xestión sanitaria do control. No caso de substitución, os responsables da xestión do centro deben comunicala nun prazo de dous meses á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

7. Requisitos referidos a estruturas, equipamento e manexo:

a) A superficie do terreo ocupada pola explotación debe permitir o correcto desenvolvemento da actividade gandeira e a disposición do conxunto das instalacións necesarias para cumprir as condicións básicas do programa en materia de bioseguridade.

b) As instalacións e equipamentos estarán deseñados e construídos de xeito que permitan unha limpeza e desinfección eficaz.

c) O deseño do conxunto das instalacións ou adaptación de instalacións existentes, de ser o caso, terá en conta as condicións seguintes:

i. Os ventos dominantes de xeito que favorezan unha correcta ventilación e unha minorización do risco de contaxios.

ii. Illamento suficiente das instalacións de corentena, enfermaría e, se for o caso, dos diferentes lotes de animais.

iii. Acceso ás instalacións de vehículos e persoal, de tal xeito que permitan extremar as medidas de bioseguridade. Así, o acceso de maquinaria de transporte de materias primas dedicadas á alimentación ten que ser directa á instalación de almacenamento e sen acceder ao interior do peche perimetral onde se atopan as instalacións dos animais, e igualmente a maquinaria de evacuación de xurros e esterco tampouco terá acceso a estas zonas de estadía dos animais.

iv. A carga e descarga de animais farase en peiraos separados para a entrada de animais no centro, saída para as explotacións e para animais enfermos con destino ao matadoiro e cadáveres.

v. Debe contar con mangas, trabadoiras ou outros medios adecuados para o manexo dos animais, de xeito que garantan a seguranza tanto para as persoas como para os animais.

vi. O centro disporá dunhas instalacións de corentena suficientes e axeitadas ao sistema de manexo, ao número e idade dos animais. Cando as instalacións de corentena prevexan a entrada en lotes, utilizarase o sistema de todo dentro, todo fóra.

vii. Se o deseño dispón de unidades fisicamente independentes entre si, para albergar os distintos tramos de idade, debe recoller o avance dos animais sempre cara a adiante, sen cruzamentos de animais ou lotes con outros máis novos.

d) O deseño de novas instalacións, ou a reordenación e acondicionamento de instalacións existentes, terá en conta a localización afastada do local para depositar os cadáveres, con acceso a el desde o exterior do peche perimetral e nas entradas dos diferentes locais, naves ou parques situaranse pediluvios ou calquera outro medio de eficacia semellante que evite a transmisión de enfermidades.

e) O conxunto das instalacións deben cumprir e acreditar un protocolo de limpeza e desinfección, así como o tempo de baleiro despois de cada uso que se recolla no programa sanitario, de ser o caso.

f) Disporase de vestiario de persoal, útiles de limpeza e manexo de uso adecuado e exclusivo da explotación. Así mesmo, disporase das medidas hixiénico-sanitarias necesarias para que o persoal e os útiles empregados non poidan transmitir enfermidades. A zona de vestiario para o persoal estará fisicamente separada dos animais.

8. O programa sanitario do centro incluirá aspectos de prevención das afeccións podolóxicas.

9. Ademais dos libros de rexistro obrigatorios, establecidos pola normativa vixente, os centros de cría e recría de xovencas levarán un libro de visitas onde se anotarán todas as que se produzan, coa data, o fin da visita e a matrícula dos vehículos que accederon á explotación.

10. A separación sanitaria para reducir o risco de difusión de enfermidades infecto-contaxiosas desde ou cara a outras explotacións, establécense as seguintes distancias mínimas:

a) Os centros de cría e recría de xovencas gardarán unha distancia mínima de 1 km con áreas municipais e privadas de enterramento de cadáveres animais e as instalacións centralizadas de uso común para tratamento de xurros ou residuos sólidos urbanos.

b) En calquera caso, os centros de cría e recría de xovencas distarán mínimo 1 km dos centros de concentración, recollidos no Real decreto 1716/2000, do 13 de outubro, sobre normas sanitarias para o intercambio intracomunitario de animais das especies bovina e porcina, coas súas modificacións. O mesmo criterio se aplicará con relación a matadoiros, industrias cárnicas, mercados e establecementos de transformación ou eliminación de cadáveres.

11. Aspectos de infraestrutura sanitaria:

a) Os xestores do centro serán responsables de garantir que os animais non contacten con outros animais doutras explotacións, nin sequera cos que transitan polos camiños circundantes do centro.

b) Ademais, as instalacións que alberguen os animais estarán rodeadas dun peche que evite de forma segura a entrada de alimañas ou outros animais.

c) Os centros que se poñan en marcha en instalacións existentes adaptadas a estas actividades tomarán as medidas posibles para garantir un axeitado illamento e condicións de bioseguridade que, en todo caso, deben detallar no programa sanitario.

d) As instalacións disporán das estruturas axeitadas para a subministración de auga e alimento. Así mesmo, os xestores do centro serán responsables de garantir que a auga de bebida sexa potable. Os silos, pensos e, en xeral, os alimentos almacenados estarán afastados das fontes de contaminación.

e) A explotación disporá de vaos sanitarios, ou de sistemas eficaces nos accesos, para a desinfección dos vehículos que entren ou saian da explotación.

f) Disporá de lazareto e medios adecuados para a observación e secuestro dos animais enfermos ou sospeitosos de enfermidades infecto-contaxiosas ou con problemas de comportamento adecuados á idade dos animais.

g) O centro realizará un programa estrito de limpeza, desinfección, desinsectación e desratización das instalacións.

12. Os centros de cría e recría de xovencas establecerán no seu programa sanitario os seguintes aspectos:

a) Condicións sanitarias mínimas das explotacións de orixe e dos animais para o seu aceso ao centro.

b) Protocolo de controis que se van realizar sobre as explotacións e os animais con destino ao centro.

c) Controis durante a permanencia dos animais no centro.

d) Controis aos animais antes de saír con destino ás explotacións.

e) Protocolo de tarefas que vai seguir o/s operario/s no desenvolvemento do seu traballo diario.

Sección segunda

Centros de cría e recría de xatos frisóns, ceba de vacas adultas con destino ao sacrificio

Os centros de cría e ceba de xatos frisóns destinados ao sacrificio para a súa carnización deberán de cumprir a normativa sectorial correspondente, entre ela a de protección de xatos, Real decreto 1047/1994, do 20 de maio, relativo ás normas mínimas para a protección de tenreiros, coas súas modificacións.

Estes centros poderán optar entre ser cebadeiros cualificados ou non. De seren cualificados, someteranse ás probas sanitarias dos programas estatais de erradicación de enfermidades.

As vacas adultas que entren no centro de ceba deberán ter obrigatoriamente como destino o sacrificio en matadoiro.

Sección terceira

Centros de ceba de vacas adultas

Os centros de ceba de vacas adultas destinadas ao sacrificio para a súa carnización deberán de cumprir a normativa sectorial correspondente.

ANEXO VIII

Aspectos relacionados co cumprimento das normas ambientais de hixiene e benestar dos animais esixibles ás entidades beneficiarias das axudas.

1. Normas mínimas de ambiente, hixiene e benestar dos animais exixibles ás entidades beneficiarias.

a) As explotacións con actividade gandeira obxecto de auxilio deberán levar a efecto as accións sanitarias derivadas dos plans oficiais de profilaxe e loita contra enfermidades, establecidas ou que se establezan no futuro, de acordo co previsto na Lei 8/2003 , de sanidade animal, e normativa que a desenvolve.

b) As explotacións con actividade agrícola obxecto de auxilio deberán levar a efecto as accións sanitarias derivadas dos plans oficiais de profilaxe e loita contra os axentes nocivos, establecidos ou que se establezan no futuro, de acordo co previsto na Lei 43/2002, de sanidade vexetal, e a normativa que a desenvolve.

2. Outras normas de normas de aplicación:

2.1. Normas ambientais.

2.1.a). Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade.

2.1.b) Real decreto 1997/1995, polo que se establecen medidas para contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitat naturais e da fauna e flora silvestre (Directiva 92/43 CE).

2.1.c) Lei 10/1998, sobre residuos (Directiva 91/156/CEE).

2.1.d) Real decreto 261/1996, sobre protección contra a contaminación por nitratos procedentes de fontes agrarias (Directiva 91/676/CE).

2.2. Normas de hixiene e benestar dos animais.

2.2.a) Real decreto 348/2000, do 10 de marzo, relativo á protección dos animais en explotacións gandeiras (Directiva 98/58/CE).

2.2.b) Real decreto 1047/1994, do 20 de maio, relativo ás normas mínimas para a protección de becerros, modificado polo Real decreto 229/1998, do 16 de febreiro (Directiva 91/629/CEE).

ANEXO IX

Programa de xestión de xurros e/ou estercos

Os solicitantes que opten ás axudas recollidas nesta orde deberán elaborar un programa de xestión, no cal se recollan polo menos os seguintes elementos:

1. Datos da explotación solicitante:

a) Produción anual de xurros e/ou estercos, segundo a táboa recollida no anexo X.

b) A suma dos censos ou valor de capacidade produtiva, expresada en UGM (unidade gandeira maior), de acordo coa táboa de equivalencias recollida no anexo X.

2. Relación na cal aparezan identificadas as explotacións agrarias receptoras de xurros e/ou estercos, incluíndo, para cada unha delas:

a) Código de identificación da explotación agraria.

b) Datos do titular da explotación: apelidos e nome ou razón social, número ou código de identificación fiscal (NIF ou CIF), enderezo, código postal, municipio, provincia e teléfono.

c) Localización das parcelas, indicando municipio, zona, polígono e parcela coa superficie total de cada unha delas.

d) Dimensión da superficie que se vai utilizar (hectáreas) en cada parcela e cultivos correspondentes.

e) Necesidades dos cultivos e época de aplicación.

f) Cálculo, de achegas de fertilizantes ao terreo con base nos xurros e estercos, calculado de acordo co anexo X.

3. Sistema de seguimento e rexistro que permita coñecer o destino de todos os xurros e/ou estercos aplicados ao terreo (propietario, explotación, parcela, lugar, dose e momento de aplicación).

Ver referencia pdf "11700D008P040.PDF"

Ver referencia pdf "11700D009P062.PDF"