DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 22 de xuño de 2010 Páx. 11.385

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 16 de xuño de 2010, pola que se modifica a Orde do 25 de febreiro de 2009, na que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para o financiamento de accións de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no ámbito agroalimentario, agrícola e forestal, da Consellería do Medio Rural, e se convocan para o ano 2010.

A Consellería do Medio Rural publicou o 3 de marzo de 2009 a Orde do 25 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para o financiamento de accións de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no ámbito agroalimentario, agrícola e forestal, e se convocan para o ano 2009. Estas axudas convocáronse amparadas no Regulamento (CE) 1698/2005 relativo ás axudas ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), así como na normativa comunitaria sobre axudas de estado, e enmárcanse dentro do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013, eixe 1, co código 124.

A entrada en vigor do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as modificacións da regulamentación europea pola que se rexe o Feader, a nova estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, aprobada polo Decreto 318/2009, do 4 de xuño, e a experiencia adquirida na xestión destas axudas, fai conveniente introducir algunhas modificacións que afectan o sistema de xestión. Así mesmo, ante o inicio do exercicio orzamentario 2010, procede realizar a convocatoria correspondente a ese ano.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é modificar a Orde do 25 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o financiamento de accións de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no ámbito agroalimentario, agrícola e forestal, e convocar as correspondentes ao exercicio orzamentario do ano 2010.

Sección primeira

Modificación da orde do 25 de febreiro de 2009

Artigo 2º.-Introdúcense as seguintes modificacións na Orde do 25 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para o financiamento de accións de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no ámbito agroalimentario, agrícola e forestal:

Primeira.-Inclusión dun punto 3, no artigo 2º da Orde do 25 de febreiro de 2009, cuxa redacción será a seguinte:

3. Segundo a nova redacción do artigo 29 do Regulamento 1698/2005, do 20 de setembro de 2005, dada polo Regulamento 74/2009, do 19 de xaneiro de 2009, na acción de cooperación deberán intervir como mínimo dous actores, e, cando menos, un deles deberá ser un produtor primario ou pertencer á industria da transformación.

Segunda.-Eliminación do punto 2 do artigo 4º da Orde do 25 de febreiro de 2009.

Terceira.-Modificación do punto 2 do artigo 9º da Orde do 25 de febreiro de 2009.

O punto 2 do artigo 9º quedará redactado como segue:

2. Poderán ser presentadas nas dependencias da Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, sitas na rúa Camiño Francés 10, baixo, 15703 Santiago de Compostela, ou ben en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarta.-Eliminación do cuarto parágrafo da letra b) do punto 3 do artigo 9º da Orde do 25 de febreiro de 2009.

Quinta.-Modificación da letra a) do punto 2 do artigo 10º da Orde do 25 de febreiro de 2009.

A letra a) do punto 2 do artigo 10º quedará redactado como segue:

a) Axentes cooperantes e obxecto da acción (valoración máxima 70 puntos).

Sexta.-Inclusión dun novo número, 6º, na letra a) do punto 2 do artigo 10º da Orde do 25 de febreiro de 2009.

6º. Proxectos en que participen empresas lácteas que teñan elas directamente ou os seus subministradores contratos homologados con produtores que amparen a maioría (máis do 50%) da produción adquirida (ata 10 puntos).

Sétima.-Modificación do punto 3 do artigo 10º da Orde do 25 de febreiro de 2009.

O punto 3 do artigo 10º quedará redactado como segue:

3. A avaliación e selección das solicitudes e determinación da contía da axuda será realizada por unha comisión de selección. Para avaliar e seleccionar as solicitudes a comisión aplicará os criterios anteriormente expostos no punto 2 deste artigo. Para determinar a contía da axuda a cada beneficiario, a comisión aplicará uns factores de redución sobre o orzamento solicitado, que se obterán en función dos condicionantes expostos no punto 1 do artigo 4º desta orde. A dita comisión actuará como un órgano colexiado constituído polos seguintes membros:

a) Presidente: a directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, ou na persoa en quen delegue.

b) Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, nomeado pola directora xeral, que actuará con voz e voto.

c) Vogais: tres funcionarios nomeados, respectivamente, polos directores xerais de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, de Produción Agropecuaria e de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural.

Oitava.-Modificación do primeiro parágrafo do artigo 14º da Orde do 25 de febreiro de 2009.

O primeiro parágrafo do artigo 14º quedará redactado como segue:

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do capítulo III do título preliminar do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

Novena.-Modificación do punto 2 do artigo 14º da Orde do 25 de febreiro de 2009.

O punto 2 do artigo 14º quedará redactado como segue:

2. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. A maiores, ao tratarse de axudas cofinanciadas co fondo Feader, os beneficiarios deberán someterse aos específicos controis administrativos, sobre o terreo e a posteriori segundo o recollido no Regulamento (CE) 1975/2006.

Décima.-Inclusión dos puntos 3 e 4 no artigo 14º da Orde do 25 de febreiro de 2009, cuxa redacción será a seguinte:

3. Os beneficiarios deberán levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á acción de cooperación subvencionada, tal e como exixe o artigo 75.1º c).i do Regulamento (CE) 1974/2006.

4. No caso de accións de cooperación nas que estean previstas investimentos cuxo custo total supere os 50.000 euros, o beneficiario deberá instalar unha placa explicativa segundo o modelo do anexo VI.

Décimo primeira.-Modificación do punto 1 do artigo 15º da Orde do 25 de febreiro de 2009.

O punto 1 do artigo 15º da Orde do 25 de febreiro de 2009 quedará redactado como segue:

A entidade solicitante deberá xustificar a subvención conforme a anualidade establecida na resolución da concesión e solicitar os correspondentes pagamentos parciais da axuda dentro do prazo indicado, para iso, que non poderá exceder o 15 de novembro de cada ano, salvo casos excepcionais debidamente autorizados polo órgano xestor, logo da petición do beneficiario. As solicitudes de pagamentos presentaranse nas dependencias da Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais (rúa do Camiño Francés, nº 8-10, semisoto, 15703 Santiago de Compostela), segundo os modelos do anexo VI, antes da data límite que se indique na notificación da resolución de concesión, acompañados dos seguintes documentos:

Décimo segunda.-Modificación do primeiro parágrafo da letra b) do punto 1 do artigo 15º da Orde do 25 de febreiro de 2009.

O primeiro parágrafo da letra b) do punto 1 do artigo 15º da Orde do 25 de febreiro de 2009 quedará redactado como segue:

b) Documentación acreditativa de realización de investimento ou gasto, que consistirá nun orixinal e copia das facturas e dos seus correspondentes xustificantes de pagamento mediante transferencia bancaria.

Décimo terceira.-Modificación do número 1º da letra b) do punto 1 do artigo 15º da Orde do 25 de febreiro de 2009.

O número 1º da letra b) do punto 1 do artigo 15º da Orde do 25 de febreiro de 2009 quedará redactado como segue:

1º. Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 1.000 euros, neste caso o pagamento xustificarase mediante certificación expresa, asinada, datada e cuñada polo provedor, na cal se faga constar a recepción do importe facturado e o medio de pagamento empregado, así como o compromiso do provedor de someterse ás actuacións de control e comprobación na súa contabilidade da realidade do pagamento. Esta certificación acompañará a factura preceptiva.

Décimo cuarta.-Modificación da letra g) do punto 1 do artigo 15º da Orde do 25 de febreiro de 2009.

No caso de proxectos plurianuais con importe superior a 18.000 euros, constituirase unha garantía mediante seguro de caución prestado pola entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria.

A garantía deberá cubrir o 110% do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

Poderá exonerarse aos beneficiarios da constitución de garantía, logo da autorización do Consello da Xunta.

Décimo quinta.-Modificación do artigo 19º da Orde do 25 de febreiro de 2009.

O artigo 19º da Orde do 25 de febreiro de 2009 quedará redactado como segue:

En todo o non previsto nesta orde observarase o sinalado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no Regulamento (CE) 1698/2005, do Feader, e nos regulamentos (CE) 1974/2006 e (CE) 1975/2006, ambos os dous sobre disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005.

Sección segunda

Convocatoria de axudas para 2010

Artigo 3º.-Convocatoria.

Convócanse para o exercicio orzamentario 2010 as axudas reguladas pola Orde do 25 de febreiro de 2009 (DOG nº 43, do 3 de marzo), pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para o financiamento de accións de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no ámbito agroalimentario, agrícola e forestal, coas modificacións introducidas no artigo 2º desta orde.

Artigo 4º.-Condicións e finalidade.

1. Para poder acceder a estas axudas deberanse cumprir os requisitos establecidos na Orde do 25 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para o financiamento de accións de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no ámbito agroalimentario, agrícola e forestal, coas modificacións introducidas no artigo 2º desta orde.

2. Estas axudas teñen por finalidade fomentar a cooperación entre os produtores de materias primas agrarias e forestais, a industria de transformación e os centros de investigación e centros tecnolóxicos. Con esta cooperación preténdese acadar a integración dos produtores no sistema agroindustrial, diversificar a produción, desenvolvendo e mellorando produtos de calidade diferenciada, e mobilizar esforzos e recursos que axuden a resolver os problemas que afectan a agroindustria de Galicia.

Artigo 5º.-As solicitudes e a súa xestión.

As solicitudes, documentación, procedemento de xestión e xustificación das axudas serán os establecidos con carácter xeral na Orde do 25 de febreiro de 2009, pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para o financiamento de accións de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no ámbito agroalimentario, agrícola e forestal, coas modificacións introducidas no artigo 2º desta orde.

Os modelos de solicitude, independentemente da súa publicación como anexos a esta orde, poden atoparse na web institucional da Consellería do Medio Rural (www.mediorural.xunta.es), na epígrafe de axudas.

Artigo 6º.-Prazo.

O prazo de presentación das solicitudes para esta convocatoria será dun mes contado desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 7º.-Financiamento.

O financiamento das propostas de cooperación seleccionadas ao abeiro desta convocatoria imputarase segundo a natureza das axudas e beneficiarios á aplicación orzamentaria 13.04.561A.770.0 por un valor total de 1.837.500,54 euros, distribuídos nas seguintes anualidades: 587.625,54 euros en 2010, 833.250 euros en 2011 e 416.625 euros en 2012. Existe crédito axeitado e suficiente no orzamento da comunidade autónoma para o ano 2010. Poderanse utilizar outros remanentes que puidesen existir na mesma aplicación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. A devandita aplicación orzamentaria poderá ser incrementada con fondos adicionais comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma de Galicia. A concesión de subvencións imputadas aos exercicios correspondentes aos anos 2011 e 2012 está condicionada á existencia de dotación económica suficiente en cada momento.

Artigo 8º.-Xustificación da subvención e solicitude de pagamento.

A entidade solicitante deberá xustificar a subvención conforme a anualidade establecida na resolución da concesión e solicitar os correspondentes pagamentos parciais da axuda antes do 15 de novembro de cada ano.

Artigo 9º.-Información aos/ás interesados/as.

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, presencialmente ou a través dos seguintes medios:

a) Na epígrafe de axudas e na páxina web da Consellería do Medio Rural: www.mediorural.xunta.es

b) Nos seguintes teléfonos da Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais: 981 54 66 62 e 981 54 66 58.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outros procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012 (desde Galicia) e 902 12 00 12 (desde o resto do Estado).

Disposición adicional

Primeira.-Todas as referencias contidas na Orde do 25 de febreiro de 2009 á Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, entenderanse referidas á Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

Autorízase a directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais para ditar as disposicións que considere oportunas para a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "11700D006P021.PDF"

ANEXO I

Ver referencia pdf "11700D006P021.PDF"

ANEXO III

Ver referencia pdf "11700D006P021.PDF"

ANEXO IV

Ver referencia pdf "11700D006P021.PDF"

ANEXO V