DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 22 de xuño de 2010 Páx. 11.378

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 9 de xuño de 2010 pola que se convocan prazas nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Traballo e Benestar para o curso 2010/2011.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias do deporte e a axeitada utilización do lecer, así como a promoción do desenvolvemento comunitario.

Así mesmo, mediante o Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e desenvolvemento comunitario.

Coa aprobación do Decreto 79/2009, do 20 de abril, estableceuse a actual estrutura orgánica da Xunta de Galicia e co Decreto 83/2009, do 21 de abril, a dos seus departamentos, establecendo no seu artigo 8 a estrutura básica da Consellería de Traballo e Benestar. A dita consellería conta cunha Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado á cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de xuventude, segundo dispón o artigo 35 do Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

Neste sentido a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado desenvolve o programa fomento da actividade xuvenil, para o que dispón dunha serie de instalacións, entre as que están as residencias xuvenís.

Como é habitual, as citadas instalacións póñense á disposición dos mozos/as estudantes durante o curso académico, ofrecéndolles aloxamento e mantenza, desenvolvéndose nelas unha serie de actividades convivenciais e educativas, a través das cales se intenta fomentar os valores sociais, culturais e deportivos dos mozos/as residentes e de calquera outro que puidesen beneficiarse do labor sociocultural nas actividades que se programan.

Por todo isto, en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convocar esta oferta de prazas para mozos e mozas estudantes nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Traballo e Benestar para o curso académico 2010/2011, no réxime de internado, e establecer as bases para a súa concesión.

O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias son as seguintes:

Ver referencia pdf "11700D005P014.PDF"

Para os efectos do uso das instalacións, o curso académico 2010/2011 abranguerá desde o 16 de setembro de 2010 ao 15 de xullo de 2011, condicionado a que os estudos oficiais comecen e rematen nestas datas.

Artigo 2º.-Requisitos dos solicitantes.

Poderán optar ás prazas obxecto desta convocatoria os/as mozos e mozas estudantes que reúnan os seguintes requisitos:

-Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro residente en España no momento da solicitude de praza.

-Que non supere os 30 anos de idade antes da data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

-Cursar estudos de ciclos formativos de grao medio, de bacharelato, de ciclos formativos de grao superior, estudos universitarios tendentes á obtención de título de grao ou equivalente ou ben, mentres nos se xeneralice a implantación dos novos títulos universitarios, estudos universitarios de 1º, 2º ou 3º ciclo nunha facultade ou escola universitaria, ou estudos superiores en ensinanzas artísticas.

-Que no concello onde radique a súa residencia familiar non exista oferta de centros públicos para realizar o curso, nivel ou grao correspondente aos estudos que vaia cursar o/a solicitante. Exceptúase do anterior a realización de estudos universitarios, en que o solicitante non acade a nota de corte ou puntuación académica mínima exixida para o ingreso nas facultades ou escolas universitarias da localidade de residencia familiar.

-Non ter perdido a condición de residente por causa imputable ao solicitante.

Artigo 3º.-Solicitude.

3.1. A solicitude efectuarase utilizando o impreso normalizado que figura no anexo I, que no caso de que o solicitante sexa menor de idade deberá ir asinada polo pai/nai ou titor/a legal.

3.2. Xunto coa solicitude, presentarase a seguinte documentación:

-Fotocopia compulsada do DNI para españois ou equivalente para nacionais doutros estados membros da Unión Europea, ou tarxeta de residencia do/da solicitante no caso de naturais doutros países, no caso de que o interesado/a non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia.

-Fotocopia compulsada de todas as follas do libro de familia en que figuren os membros da unidade familiar, ou fotocopia compulsada do título de familia numerosa, de ser o caso.

-Acreditación, a través dun certificado de empadroamento, en que figurará a composición da unidade familiar a que pertenza o/a solicitante, de posuír a residencia familiar en Galicia ou ser fillo de emigrantes, no caso de que o interesado non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de residencia do Ministerio da Presidencia.

No caso de producirse un cambio de domicilio nos últimos 2 meses, o interesado deberá achegar o certificado directamente ou sinalar o concello para o que efectuou o cambio.

-Certificado de convivencia dos membros compoñentes da unidade familiar.

-Acreditación da condición de orfandade, se é o caso.

-Acreditación da condición de minusvalidez igual ou superior ao 33% de calquera membro da unidade familiar. No caso de documentos emitidos pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, non será preciso achegar a dita acreditación se cada membro da unidade familiar con minusvalidez recoñecida autoriza expresamente o acceso telemático aos seus datos de carácter persoal, mediante escrito que debe anexarse á solicitude.

-Certificación académica orixinal ou copia compulsada en que figuren as notas das disciplinas correspondentes ao último curso. No caso de que fose o último curso de bacharelato LOXSE, xuntarase certificación académica da selectividade. No caso de non ser requisito necesario realizar a selectividade, certificación académica do último curso do bacharelato LOXSE.

-Fotocopia compulsada da preinscrición na facultade ou escola universitaria, ou ciclo formativo de grao superior ou grao medio correspondente para os alumnos que vaian cursar o 1º ano de estudos universitarios de grao medio ou superior, ou 1º ano do ciclo formativo de grao superior ou grao medio. No caso de tratarse de estudantes de bacharelato, solicitude de praza no centro en que pretenda cursar estudos, condicionado a que no seu momento presente a formalización da matrícula.

-Xustificación de ingresos da unidade familiar: copia compulsada da declaración do IRPF, correspondente ao último exercicio, de cada membro da unidade familiar obrigado a declarar. No caso de non ter obriga de declarar, certificación de Facenda da dita circunstancia. No suposto de que non sexa posible achegar a dita certificación na data de presentación da solicitude, por non estar dispoñible, a selección quedará condicionada á presentación desta certificación con anterioridade á incorporación no centro.

-Acreditación da situación de desemprego sen prestación económica do pai e/ou da nai.

3.3. A solicitude, xunto coa restante documentación, deberá presentarse en calquera dos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.4. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación no DOG desta orde.

3.5. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, o departamento territorial correspondente requirirá o/a solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42.

Artigo 4º.-Criterios de selección.

Cando o número de solicitudes para cada residencia supere a dispoñibilidade de prazas, estas serán asignadas segundo o seguinte baremo:

a) Aqueles que xa foron residentes no anterior curso, e cuxo comportamento e rendemento académico os fagan merecentes: 2 puntos.

Este criterio preferente non se terá en conta para o caso daqueles residentes que abandonasen a residencia xuvenil antes de rematar o curso académico, excepto por enfermidade persoal ou dalgún familiar con quen conviva, debidamente xustificado.

A admisión de persoas que xa fosen residentes en cursos anteriores, queda condicionada á inexistencia dun informe desfavorable por parte da comisión cualificadora prevista no artigo 5º, baseado no incumprimento das normas de réxime interno ou inadaptación á normal convivencia e mínimo respecto cívico que debe rexer nestes centros.

b) -Cursar estudos universitarios: 1 punto.

-Cursar ciclos formativos de grao superior, medio ou bacharelato: 2 puntos.

c) Rendemento académico segundo a nota media obtida no último curso ou na proba de selectividade. A puntuación neste caso corresponderase coa dita nota media.

d) Renda da unidade familiar. Terase en conta a relación de ingresos/nº de membros da unidade familiar. Para estes efectos, poderanse incluír como membros da unidade familiar os fillos menores de 25 anos de idade, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, nos termos previstos na lexislación tributaria. Puntuarase segundo o seguinte baremo:

Inferior ao 50% do IPREM: 4 puntos.

Entre o 50% e o 75% do IPREM: 3 puntos.

Superior ao 75% e inferior ao 100% do IPREM: 2 puntos.

Entre o 100% e o 125% do IPREM: 1 punto.

Superior ao 125% do IPREM: 0 puntos.

e) Situación de familia numerosa:

Categoría xeral: 0,25 puntos.

Categoría especial: 0,50 puntos.

f) Condición de orfandade: 0,50 puntos.

g) Minusvalidez de calquera membro da unidade familiar: 0,50 puntos por cada membro da unidade familiar con minusvalía.

h) Situación laboral de desemprego sen prestación económica do pai e/ou da nai: 1 punto por cada situación.

i) Ter a súa residencia familiar en Galicia: 1 punto.

j) Por calquera outra circunstancia sociofamiliar que sexa susceptible de valoración a xuízo da comisión cualificadora e axeitadamente acreditada como a condición de familia monoparental, ou por irmán/á-áns/ás con praza renovada na residencia: 1 punto.

Artigo 5º.-Comisión cualificadora.

5.1. A valoración das solicitudes para cada residencia efectuarase no departamento territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia onde radica aquela, mediante unha comisión cualificadora creada para tales efectos e constituída polo xefe/a do Servizo de Xuventude e Voluntariado, un xefe/a de sección do citado servizo, e os directores das residencias xuvenís situadas nesa provincia. Actuará como secretario un funcionario nomeado polo xefe territorial correspondente.

5.2. A comisión cualificadora resérvase o dereito de solicitar a documentación que considere necesaria para aclarar a valoración das solicitudes.

Artigo 6º.-Resolución da convocatoria.

6.1. Cada comisión cualificadora confeccionará una lista por orde de preferencia das solicitudes recibidas para a respectiva residencia e elevará proposta de resolución no prazo máximo de 2 meses contado desde o día seguinte ao da data de remate do prazo de presentación de solicitudes, ao/a xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, que será o que resolva, en virtude das competencias que lle corresponden de acordo co disposto no artigo 11 do Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución.

6.2. Esta resolución non pon fin á vía administrativa e contra ela pódese interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Traballo e Benestar no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou ben, no caso de silencio administrativo, no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co previsto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6.3. Unha vez resolta esta convocatoria para cada unha das residencias xuvenís, os servizos de xuventude dos departamentos territoriais respectivos notificaranlles aos interesados a resolución de adxudicación. Así mesmo, as listas dos admitidos serán expostas nas residencias xuvenís, no rexistro xeral e nos rexistros dos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, na Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e no Centro de Información Administrativa e Atención ao Cidadán de Santiago de Compostela.

6.4. No caso de non ditar resolución expresa nun prazo de 4 meses desde a data de publicación da orde no DOG, entenderase desestimada a solicitude correspondente.

6.5. No caso de seren admitidos, terán que presentar os seguintes documentos:

-Fotocopia da tarxeta sanitaria ou, no seu defecto calquera outro documento de asistencia médica e farmacéutica.

-Certificado de non padecer enfermidade infectocontaxiosa e de vacinacións.

-Dúas fotografías tamaño carné.

-Xustificante bancario de pagamento de dúas mensualidades (outubro/2010 e xuño/2011). O pagamento dos meses de setembro e xullo quedará condicionado aos días de estancia do residente.

-Fotocopia compulsada do xustificante de matrícula correspondente aos estudos que vai cursar ou, no caso dos alumnos de 3º ciclo, certificado do xefe do departamento universitario correspondente conforme o interesado está realizando o doutoramento naquel.

A dita documentación terán que presentala no Servizo de Xuventude do departamento territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia onde radique a residencia xuvenil correspondente, no prazo de 10 días hábiles contados desde aquel en que reciban a comunicación de admisión, excepto a fotocopia compulsada do xustificante de matrícula ou o certificado do xefe do departamento universitario correspondente, que poderán presentala ata o 31 de outubro de 2010, con excepción do establecido no artigo 3º.2 punto 7 para o caso de alumnos de 1º curso. No caso de que o interesado non poida presentar a fotocopia compulsada do xustificante de matrícula no referido prazo por causa imputable ao centro en que vaia cursar os seus estudos, deberá comunicar esta circunstancia por escrito, presentando unha fotocopia compulsada da preinscrición na facultade ou escola universitaria correspondente, debendo, non obstante, presentar a fotocopia compulsada do xustificante de matrícula no momento en

que a faga.

Artigo 7º.-Renuncia.

7.1. A renuncia dunha praza da que foran adxudicatarios deberase facer por escrito enviado ao departamento territorial correspondente. Esta renuncia producirá os efectos económicos do artigo 8º.2.

En todo caso, aqueles adxudicatarios que non presenten a documentación requirida no prazo establecido entenderanse decaídos no seu dereito.

7.2. En ambos os casos, a praza que resulte vacante cubrirase conforme a lista de espera confeccionada pola comisión cualificadora. Utilizarase este mesmo procedemento cando durante o curso escolar se produza algunha vacante nas prazas ofertadas.

Artigo 8º.-Condicións económicas.

8.1. De acordo co estipulado na letra C do anexo I da Orde do 18 de febreiro de 2010, pola que se fixan as tarifas e os prezos correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á xuventude da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, durante o ano 2010 (DOG nº 39, do 26 de febreiro) a cota que haberá que aboar por mes será:

Residentes internos: 263 euros.

A cota poderase aboar por trimestre ou por mes. Os pagamentos faranse nos cinco primeiros días de cada trimestre ou mes, segundo a modalidade de pagamento escollida, durante a duración do curso, desde o 16 de setembro de 2010 ao 15 de xullo de 2011, e non haberá descontos por vacacións, permisos, etc.

8.2. Unha vez comunicada a admisión, farase unha entrega de dúas mensualidades en concepto de pagamento polo primeiro e o último mes do curso (outubro/2010 e xuño/2011). A renuncia voluntaria que se comunique despois do 15 de outubro dará lugar á perda da dita cantidade entregada e a que se comunique ata a dita data dará lugar á devolución da cantidade entregada, excepto da parte proporcional a media mensualidade, neste caso deberase solicitar a devolución da cantidade correspondente no impreso que figura no anexo II desta orde.

Artigo 9º.-Servizos ofertados.

9.1. Ademais dos servizos de aloxamento e mantenza, as residencias xuvenís ofrecen con carácter xeral os seguintes:

-Aula de estudo-biblioteca.

-Salas de xogos.

-TV e vídeo.

-Actividades culturais e deportivas.

-Información aos pais sobre o comportamento do seu fillo/a cando os pais o soliciten ou cando a dirección da residencia o considere necesario.

9.2. A asistencia médica e gastos farmacéuticos serán por conta do residente, deberán traer o día da incorporación a fotocopia da tarxeta da Seguridade Social ou calquera outra documentación do seguro médico do que sexa beneficiario (Muface, Sanitas, Adeslas, etc.). Con todo, en cada residencia haberá un caixa de primeiros auxilios.

9.3. As fins de semana e festivos non se prestarán servizos de comedor.

Artigo 10º.-Obrigas dos residentes.

10.1. Os residentes comprometeranse a respectar e cumprir as normas de réxime interno da residencia xuvenil. O seu incumprimento, logo da tramitación do expediente disciplinario en que se respectará en todo caso o trámite de audiencia, poderá dar lugar, de ser o caso, á perda da condición de residente.

10.2. Os residentes deberán deixar os cuartos libres inescusablemente o día 15 de xullo. No caso de que o residente sexa menor de idade deberá abandonar a residencia as fins de semana e días non lectivos.

10.3. Os danos ocasionados polo mal uso das instalacións, material e utensilios, serán de responsabilidade individual dos seus autores ou colectivamente de quen teña asignadas as dependencias concretas ao seu uso, e terán que aboar o seu custo.

10.4. Os adxudicatarios poderán incorporarse ás residencias xuvenís a partir do 16 de setembro e sempre antes do 5 de outubro, salvo causa de forza maior debidamente acreditada. No seu defecto entenderase que renuncia á praza adxudicada, perdendo os seus dereitos, e procederase a cubrir a vacante conforme o disposto nos artigos 6 e 7º.2 desta orde.

10.5. O estado de saúde do residente deberá en todo momento permitir o normal desenvolvemento da vida residencial, e deberá, en caso contrario e por prescrición facultativa, abandonar a residencia ata a súa recuperación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xuventude e Voluntariado para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "11700D005P014.PDF"