DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 22 de xuño de 2010 Páx. 11.378

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 98/2010, do 10 de xuño, polo que se aproba o cambio de titularidade dun treito da estrada autonómica AC-460 (Deixebre (N-550)-estación de Trasmonte) e dun treito da estrada autonómica AC-461 (Sigüeiro (N-550)-estación de Oroso), a prol do Concello de Oroso.

Segundo o previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a lei dispón no artigo 54, que as estradas autonómicas ou os treitos determinados delas nos que a circulación adquira características urbanas, se lles entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.

A Dirección Xeral de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos técnicos competentes, formula proposta favorable á transferencia da titularidade. Desta proposta déuselle traslado ao Concello de Oroso que, con data do 16 de decembro de 2009, manifesta a súa aceptación.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas estima axeitado o cambio de titularidade da estrada mencionada, tendo en conta que adquiriu características netamente urbanas.

Polo exposto, consonte ao previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de xuño de dous mil dez,

DISPÓN:

Artigo 1º

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Oroso das seguintes estradas:

-AC-460 (Deixebre (N-550)-estación de Trasmonte), p.k.: 0+000-2+420.

-AC-461 (Sigüeiro (N-550)-estación de Oroso), p.k.: 0+000-2+320.

Artigo 2º

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os treitos das estradas AC-460 (Deixebre (N-550)-estación de Trasmonte), p.k.: 0+000-2+420 e da AC-461 (Sigüeiro (N-550)-estación de Oroso), p.k.: 0+000-2+320 incorporaranse á relación de estradas de titularidade do Concello de Oroso.

Artigo 3º

A entrega das vías formalizaranse no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4º

Correspóndelle ao Concello de Oroso, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías; así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de xuño de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas