DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 22 de xuño de 2010 Páx. 11.373

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 18 de xuño de 2010 pola que se convocan, en réxime de concorrencia competitiva, axudas aos concellos de Galicia para o apoio á policía local, consistentes na cesión en propiedade de vehículos especialmente preparados para o exercicio das súas funcións.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, modificada pola Lei 11/1999, do 21 de abril, e a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, determinan que os concellos exercerán competencias, entre outras, en materia de seguridade en lugares públicos.

Así mesmo, a Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguridade, posibilitou unha ampliación de competencias en favor da Comunidade Autónoma de Galicia en materias non previstas no seu Estatuto de autonomía, entre outras, a coordinación de policías locais.

Na súa consecuencia, e por medio da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, a comunidade autónoma procedeu á coordinación das policías locais do seu territorio, nos termos establecidos no artigo 39 da Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade.

Así, o Decreto 303/2009, do 21 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúelle á Dirección Xeral de Administración Local as relacións cos concellos, así como as convocatorias e propostas de adxudicación de axudas e subvencións aos concellos que sexan competencia desta dirección xeral.

Por medio desta orde, preténdese materializar o mandato derivado do artigo 12 da referida Lei 4/2007, do 20 de abril, no sentido de adoptar as medidas encamiñadas a lograr a homoxeneización dos medios técnicos das policías locais, e regúlase, para tal efecto, o procedemento e os requisitos para a cesión en propiedade de vehículos adecuadamente preparados para o exercicio das súas funcións nos concellos da Comunidade Autónoma galega que conten con servizos de policía local.

Pola súa vez, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece na súa disposición adicional terceira que as entregas de bens ou dereitos ou a prestación de servizos adquiridos ou contratados coa finalidade exclusiva de entregalos a terceiros e que cumpran os requisitos establecidos nas letras a), b) e c) do artigo 2.1º da Lei 9/2007 terán a consideración de subvención en especie e quedarán suxeitas ás previsións desta lei.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza contribuirá ao equipamento dos concellos de Galicia co fin de aumentar a eficacia dos servizos de policía local no desenvolvemento das funcións que lle son propias, e así aumentar e potenciar a seguridade cidadá nos concellos, mellorando, polo tanto, a calidade de vida dos seus veciños. Para tal fin, convoca, en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2010, medidas de apoio aos concellos que conten con servizos de policía local, consistentes na cesión en propiedade de vehículos adecuadamente preparados.

2. Os vehículos obxecto de cesión serán motocicletas. Todas elas irán adaptadas e rotuladas para as funcións propias dos corpos de Policía Local de Galicia, segundo o disposto no Decreto 204/2000, do 21 de xullo, polo que se refunde a normativa vixente en materia de coordinación de policías locais.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán solicitar os beneficios desta orde aqueles concellos que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que a súa poboación non supere os 30.000 habitantes, segundo o padrón municipal en 1 de xaneiro de 2009.

b) Que conten con servizos de policía local.

c) Que teñan presentadas as contas do concello a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario de 2008 no Consello de Contas de Galicia.

d) Que vexan aumentada de forma notoria a súa poboación motivada pola afluencia turística ou por outras circunstancias, e que isto faga necesario reforzar os medios técnicos para mellorar os servizos que presta a policía local.

2. Non serán tidas en conta as solicitudes dos concellos que non teñan actualizado o envío de datos da súa policía local ao Rexistro de Policía Local de Galicia (Dirección Xeral de Emerxencias e Interior) na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo a que se refire esta orde, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinará ata un límite de cento corenta e dous mil catrocentos setenta euros (142.470 €), con cargo á aplicación orzamentaria 05.03.141A.624.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, que se dedicarán á adquisición de vehículos especialmente preparados para a súa cesión, en propiedade, aos concellos.

Artigo 4º.-Iniciación.

1. No prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os concellos que reúnan os requisitos a que se refire o artigo 2º desta orde e que desexen acollerse aos seus beneficios deberán presentar a solicitude que figura como anexo I na oficina de Rexistro Único e Información, nos rexistros das delegacións territoriais da Xunta de Galicia ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Igualmente, os concellos interesados e que teñan asinado o correspondente convenio de colaboración para a implantación do portal dos concellos Eido Local poderán presentar as súas solicitudes a través de medios telemáticos, mediante a cobertura dos modelos normalizados que se poñen á disposición dos interesados no portal dos concellos Eido Local (http://www.eidolocal.es), segundo o procedemento que se recolle nas instrucións dispoñibles nesta web e no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria.

Así mesmo, e de acordo co artigo 5 do Decreto 164/2005, do 16 de xuño, de creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, os modelos normalizados para a presentación de solicitudes por vía telemática estarán dispoñibles no enderezo http://www.xunta.es/presentacion-electronica-da-xunta-de-galicia, de xeito que todos os interesados poderán presentar as súas solicitudes pola internet a través desta web.

2. Xunto coa solicitude, presentarase a seguinte documentación:

2.1. Certificación expedida polo secretario/a xeral da corporación, relativa ao acordo adoptado polo órgano competente, da solicitude de cesión en propiedade dos vehículos previstos nesta orde, aceptando integramente os termos e prescricións dela e de que se faculta o/a alcalde/sa do concello para aceptar a devandita cesión, no caso de resolución favorable da consellería.

2.2. Memoria en que se recollan de xeito detallado os seguintes aspectos:

a) Parque móbil con que conta a policía local, indicando os vehículos con que conta, a súa antigüidade e a súa matrícula.

b) Número de policías.

c) Memoria xustificativa da necesidade deste tipo de vehículo en relación co parque móbil de que dispón o concello, o seu corpo de policías e as competencias que exerce de xeito efectivo.

d) Sinalar a cuantificación do incremento de poboación no concello debido á afluencia turística ou por outras circunstancias.

2.3. Certificado do secretario/a do concello da presentación das contas do concello no Consello de Contas de Galicia, a que fai referencia o artigo 2.1º c) desta orde.

3. Se algunha documentación da solicitada neste artigo xa estivese en poder desta consellería (Rexistro de Policías Locais de Galicia) e non se producise desde o momento en que foi presentada variación que afectase o seu contido ou a súa vixencia, non será necesario presentala novamente, sen prexuízo de que esta dirección xeral lle reclame ao solicitante a documentación que, se é o caso, coide oportuna.

4. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados aos concellos interesados pola Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e concederáselles un prazo de dez días para emendaren erros ou omisións. Transcorrido o devandito prazo sen se ter producido a emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Criterios de avaliación.

A puntuación máxima será de 100 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

a) Maior ratio de policías/poboación do concello, en relación co último padrón de habitantes aprobado, outorgando a maior puntuación aos concellos coa mellor ratio: 20 puntos.

b) Menor ratio de policías/motocicletas de que dispón o corpo de policía do concello, outorgando a maior puntuación ao concello con menor número de motocicletas en relación ao número de policías con que conta: 20 puntos.

c) Maior antigüidade da última cesión dunha motocicleta por parte da consellería, nos últimos 5 anos:

-Ano 2009: 0 puntos.

-Ano 2008: 5 puntos.

-Ano 2007: 10 puntos.

-Ano 2006: 15 puntos.

-Ano 2005: 20 puntos.

d) Declaración de municipio turístico; os concellos declarados turísticos pola Xunta de Galicia: 20 puntos.

e) Relación de necesidades municipais reflectidas na memoria, de acordo coa seguinte táboa:

-Municipio costeiro: ata un máximo de 20 puntos.

-Municipio de interior: ata un máximo de 10 puntos.

Establecerase unha contía máxima por subvención de dúas motocicletas por concello, seguindo a prelación que resulte de aplicar os criterios de avaliación especificados neste artigo.

Artigo 6º.-Instrución e resolución.

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, remitiranse á Dirección Xeral de Administración Local como órgano instrutor e serán analizadas por unha comisión de valoración presidida pola persoa titular da dita dirección xeral e da cal formarán parte a persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, ou un funcionario/a da dita dirección xeral con nivel mínimo de subdirector xeral e os/as delegados/as territoriais da Xunta de Galicia. Actuará como secretario/a a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais da Dirección Xeral de Administración Local ou un funcionario/a da dita dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo.

Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, será elevada á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 7º.-Notificación.

1. A resolución da consellería seralles notificada aos concellos solicitantes aos cales se lles conceda a cesión en propiedade dunha motocicleta, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De non notificarse resolución favorable no prazo de catro meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, entenderase desestimada a petición correspondente por silencio administrativo, todo isto sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas da Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos concellos beneficiarios e os datos do vehículo cedido, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na devandita páxina web, así como no Diario Oficial de Galicia.

2. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Na notificación das resolucións faranse constar as seguintes condicións particulares que deberá cumprir o concello beneficiario:

a) Comprometerse a facer fronte aos gastos de seguros, mantemento, conservación e ás indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso dos vehículos, calquera que sexa a súa contía.

b) Comprometerse a destinar exclusivamente o vehículo ás funcións propias dos corpos de policía local, tal e como se recolle no Decreto 204/2000, do 21 de xullo, polo que se refunde a normativa vixente en materia de coordinación de policías locais, por un prazo non inferior a 5 anos dende a súa cesión.

Artigo 8º.-Aceptación.

1. O concello beneficiario disporá dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido o prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, de acordo co artigo 21.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Estas subvencións son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade.

Artigo 9º.-Formalización da cesión.

De acordo co disposto na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entregas de bens ou dereitos ou a prestación de servizos adquiridos ou contratados coa finalidade exclusiva de entregalos a terceiros e que cumpran os requisitos establecidos nas letras a), b), e c) do artigo 2.1º da Lei 9/2007 terán a consideración de subvención en especie e quedarán suxeitas ás previsións desta lei.

Para estes efectos, os vehículos adquiridos por parte da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ao abeiro desta orde teñen como finalidade a súa cesión aos concellos de Galicia para o cumprimento dunha finalidade de carácter público, como é a da prestación de seguridade pública, polo que se consideran subvención en especie e a súa cesión formalizarase mediante acta subscrita pola persoa titular da secretaría xeral desta consellería ou funcionario/a en que delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario das condicións previstas na presente orde.

Artigo 10º.-Reversión e control.

Se os vehículos cedidos non se aplicasen ao fin sinalado ou deixasen de estalo con posterioridade, ou se descoidasen ou utilizasen con grave quebrantamento das condicións previstas nesta orde, ou se incumprisen calquera das condicións da cesión, considerarase resolta esta e os bens reverterán á comunidade autónoma, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza estará dotada de facultades de vixilancia e control para comprobar o cumprimento das obrigas que leva aparellada a cesión e, de ser o caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións, contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2010.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "11700D003P009.PDF"