DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 22 de xuño de 2010 Páx. 11.372

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 16 de xuño de 2010 pola que se modifica a Orde do 5 de xuño de 2008, pola que se regula a captura e desembarque de determinadas especies peláxicas.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro establece no seu artigo 7 que lle corresponde á consellería competente en materia de pesca, logo da audiencia do sector, a adopción das seguintes medidas: «d) Regulación directa do esforzo de pesca e marisqueo coa limitación da capacidade de pesca ou do tempo de actividade» e «f) A regulación indirecta do esforzo de pesca e marisqueo coa limitación do volume de capturas».

A Orde do 5 de xuño de 2008 pola que se regula a captura e o desembarque de determinadas especies peláxicas establece no seu artigo 2 un tope máximo diario de xarda (Scomber scombrus) de 1.500 kg tripulante/día para os buques de cerco, así mesmo no seu artigo 3 establece un tope máximo diario de xarda de 1.000 kg tripulante/día, para os buques de artes menores.

Do mesmo xeito a Orde ARM/2091/2008, do 8 de xullo, pola que se regulan as capturas e desembarques de xarda do Caladoiro Nacional do Cantábrico e Noroeste, no artigo 2 relativo ao volume de capturas e desembarques diarios, establece o tope máximo do volume de capturas para a modalidade de cerco, no artigo 2 b) en 1.500 kg/tripulante embarcado e para as artes menores de anzó e restos das modalidades pequeiras, artigo 2 c) en 1.500 kg/tripulante embarcado.

A Orde ARM/271/2010, do 10 de febreiro, pola que se establecen os criterios para a repartición e a xestión das cotas de xarda e se regula a súa captura e desembarque, establece no seu artigo 3.1.2º b) que a porcentaxe da cota do stock de xarda (Scomber scombrus, 8C3411) de que pode dispoñer a frota de cerco é 27,73%, do cal un 7% (é dicir, 476 toneladas para 2010) se destinará aos buques desta modalidade, con arqueo igual ou inferior a 50 GT, para as capturas de xarda que se realicen durante o segundo semestre de cada ano.

A Orde ARM/1054/2010, do 23 de abril, pola que se modifica a Orde ARM/271/2010, do 10 de febreiro, pola que se establecen os criterios para a repartición e a xestión da cota de xarda e se regula a súa captura, establece que o volume de capturas de xarda para os buques de cerco pertencentes ao Cantábrico-Noroeste con arqueo igual ou inferior a 50 GT, queda establecido para o segundo semestre do ano 2010 en 700 kg por buque e día, así mesmo que a cota adicional de xarda de que dispón España no 2010 conseguida a través dun intercambio con outro Estado membro, se destinará unicamente aos buques do caladoiro Cantábrico-Noroeste pertencentes a outras artes distintas do arrastre de fondo ou cerco, e que o volume de captura desta especie, por buque e marea, non poderá exceder o 10% do total desembarcado en cada marea.

Dado que os topes de xarda establecidos para as frotas de cerco e artes menores na Orde do 5 de xuño de 2008 antes mencionada é moi superior aos límites marcados na Orde ARM/1054/2010 do 23 de abril, cómpre modificar a mencionada orde para adecuar os topes de captura nela establecidos e así manter os mesmos criterios de volume de capturas tanto para augas exteriores coma interiores.

Por todo o anterior, logo da consulta co sector afectado, por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños da Consellería do Mar,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación da Orde do 5 de xuño de 2008 pola que se regula a captura e o desembarque de determinadas especies peláxicas.

A Orde do 5 de xuño de 2008 pola que se regula a captura e o desembarque de determinadas especies peláxicas queda como segue:

Un. Artigo 2º.-Volume de desembarques diarios para o cerco.

1º Os buques ateranse no volume de desembarques aos seguintes topes máximos diarios, respectando, en todo caso, os totais admisibles de capturas (TAC) e cotas establecidas:

Sardiña (Sardina pilchardus): 7.000 kg/embarcación/día.

Parrocha (sardiña de 11 a 15 cm de talla): 2.000 kg/embarcación/día.

Xurelo (Trachurus trachurus): 6.000 kg/embarcación/día.

Xarda (Scomber scombrus): buques con arqueo igual ou inferior a 50 GT, queda establecido para o segundo semestre do ano 2010 en 700 kg/embarcación/día.

Mestura de varias das especies anteriores: enténdese por mestura cando a especie máis abundante non supere o 80% do total das capturas (a xarda non pode computar nesta epígrafe), 10.000 kg/embarcación/día.

Os límites diarios establecidos no punto anterior deben considerarse referidos ás capturas obtidas en xornadas de pesca contados por días naturais.

Dous. Artigo 3º.-Volume de desembarques diarios para artes menores.

Os buques ateranse en relación ao volume dos seus desembarques, aos seguintes topes máximo diarios respectando, en todo caso, os totais admisibles de capturas (TAC) e cotas establecidas:

Xarda (Scomber scombrus): o volume de capturas por embarcación e marea, non poderá exceder do 10% do total desembarcado en cada marea.

Os límites diarios establecidos no punto anterior deben considerarse referidos ás capturas obtidas en xornadas de pescas contadas por días naturais.

Tres. Artigo 7º.-Tamaños mínimos de xurelo.

De acordo co establecido no Regulamento (UE) nº 53/2010 do Consello, do 14 de xaneiro de 2010, polo que se establecen, para o 2010, as posibilidades de pesca para determinadas poboacións e grupos de poboacións de peixes aplicables en augas da UE, e nas demais augas onde sexa necesario establecer limitacións de capturas, no caso do xurelo (Trachurus spp) admitirase un 5% en peso e en cómputo total, con tamaño comprendido entre os 12 e 14,99 cm. Ao ser a cota de xurelo asignada a España para o 2010 nas divisións CIEM VIIIc e IX de 30.733 toneladas, a cantidade total admitida de xurelo de tamaño comprendido entre 12 e 14,99 cm, é de 1.536,65 toneladas. Para os efectos de control desta cantidade, aplicarase o coeficiente 1,2 ao peso dos desembarques.

Para os efectos de control e xestión desta cota, as correspondentes federacións provinciais de confrarías de pescadores remitiranlle á Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, antes do día 15 de cada mes, a información relativa ás cantidades de xurelo de tamaño comprendido entre 12 e 14,99 cm capturado no mes anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2010.

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Mar