DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 22 de xuño de 2010 Páx. 11.371

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 97/2010, do 10 de xuño, polo que se modifica o Decreto 33/2007, do 1 de marzo, polo que se crea a Unidade de Muller e Ciencia de Galicia.

A Unidade de Muller e Ciencia créase coa finalidade de incrementar a presenza das mulleres nos ámbitos científico e tecnolóxico de Galicia, promover a eliminación dos desequilibrios que poidan existir no relativo á formación científica, no eido da investigación e innovación e na xestión da I+D+i, así como situar nos estudos e actividades científicas a perspectiva de xénero nun primeiro plano.

Esta unidade configúrase como unha área de traballo interdepartamental estable, dinamizadora e transformadora da ciencia e tecnoloxía galegas. Na composición deste órgano colexiado prevíase a participación de tres departamentos: o competente en materia de igualdade, ao cal está adscrito, o competente en materia de educación e aquel que teña competencias en materia de innovación e industria.

Mediante Decreto 79/2009, do 19 de abril, estableceuse a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na súa virtude foron aprobados o Decreto 82/2009, do 21 de abril, polo cal se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

O decreto 325/2009, do 18 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, configura a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica como órgano superior da Administración autonómica, con ámbito de actuación en todas as consellerías, organismos delas dependentes, centros, servizos e unidades, así como sobre os entes e empresas públicas da Administración da comunidade autónoma, a que lle corresponde o impulso, asesoramento técnico e apoio en materia de tecnoloxías da información e as comunicacións e a súa aplicación para a modernización, innovación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia.

Por tanto, tendo en conta o papel relevante que xogan as novas tecnoloxías da información e comunicación na sociedade actual e a conveniencia da introdución da perspectiva de xénero neste ámbito para os fins que persegue a Unidade Muller e Ciencia de Galicia, resulta necesario efectuar unha modificación do Decreto 33/2007, do 1 de marzo, polo que se crea a dita unidade, co obxecto de garantir a participación da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica neste órgano.

De acordo co exposto, en virtude das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, por iniciativa do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, do conselleiro de Economía e Industria, e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de xuño de dous mil dez

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 33/2007, do 1 de marzo, polo que se crea a Unidade de Muller e Ciencia de Galicia:

1. O artigo 3º queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 3º.-Membros da Unidade de Muller e Ciencia.

A Unidade de Muller e Ciencia estará constituída polos seguintes membros:

a) Presidenta/e.

b) Vicepresidenta/e primeira/o.

c) Vicepresidenta/e segunda/o.

d) Vicepresidenta/e terceira/o.

e) Secretaria/o.

f) Vogais».

2. O artigo 5º queda redactado como se indica a continuación:

«Artigo 5º.-Vicepresidencias.

1. A vicepresidencia primeira será exercida pola consellería competente en materia de educación e ordenación universitaria a través dun/dunha representante con rango mínimo de director/a xeral.

2. A vicepresidencia segunda corresponderalle á consellería competente en materia de innovación e industria, que exercerá a competencia a través dun/dunha representante con rango mínimo de director/a xeral.

3. A vicepresidencia terceira será exercida polo departamento competente en materia de modernización e innovación tecnolóxica, a través dun/dunha representante con rango mínimo de director/a xeral.

4. As persoas que desempeñen as vicepresidencias substituirán, pola orde en que aparecen mencionadas, a presidenta/e nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa legal».

3. No artigo 7º inclúense as letras d) e h) coa seguinte redacción:

«d) Dúas persoas funcionarias do departamento competente en materia de modernización e innovación tecnolóxica, unha con rango de subdirector/a xeral e outra con rango de xefa/e de servizo».

«h) Unha persoa experta no ámbito científico e tecnolóxico de carácter profesional, proposta polo departamento competente en materia de modernización e innovación tecnolóxica».

As letras d), e), f) e g) existentes pasan a identificarse coas letras e), f), g) e i) respectivamente.

4. O artigo 12.1º pasa a ter a seguinte redacción:

«1. O pleno estará formado polas persoas que desempeñan a presidencia, as tres vicepresidencias, a secretaría e a totalidade de vogais que figuran no artigo 7º deste decreto».

5. Modifícase o artigo 13 nos seus puntos 2 e 3, que quedan redactados como se indica a continuación:

«2. As comisións de traballo serán presididas polas persoas expertas relacionadas nas letras e), f), g) e h) do artigo 7º, formando parte delas un mínimo de dous vogais do pleno.

3. Os departamentos competentes en materia de igualdade, educación e ordenación universitaria, innovación e industria e modernización e innovación tecnolóxica proporcionarán o persoal de apoio necesario para o funcionamento destas comisións».

Disposición derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de xuño de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza