DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Luns, 21 de xuño de 2010 Páx. 11.317

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de xuño de 2010 pola que se convoca concurso de méritos específico entre persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para cubrir prazas de persoal asesor nesta consellería.

O Decreto 244/1999, do 29 de xullo, polo que se regula a cobertura de diversas prazas por funcionarias/os públicos docentes que imparten ensinanzas en niveis non universitarios, dispón, no seu artigo 5, que se cubrirán en réxime de comisión de servizos, por concurso de méritos específicos entre persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas en niveis non universitarios, aquelas prazas que segundo as previsións contidas no artigo 59 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, teñan por obxecto fomentar a investigación, favorecer a elaboración de proxectos que inclúan innovacións curriculares, metodolóxicas, tecnolóxicas, didácticas e de organización de centros docentes.

Na súa virtude e sobre a base da autorización expresa que figura na disposición derradeira primeira dese decreto, esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convocar concurso de méritos específíco entre persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 2º.-Participantes e requisitos.

Poderá participar nesta convocatoria o persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas en niveis non universitarios, que se atope en servizo activo na Comunidade Autónoma de Galicia no curso académico 2009-2010 e que estea en posesión do Celga 4 ou certificación equivalente.

Enténdese en situación de servizo activo na Comunidade Autónoma de Galicia, no 31 de agosto de 2010, o persoal docente que desde un destino definitivo da Comunidade Autónoma de Galicia accedeu a un posto docente no estranxeiro e que debe reincorporarse obrigatoriamente a esta comunidade no próximo curso académico.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación.

A instancia, así como a documentación correspondente, poderá presentarse no rexistro único, edificio administrativo San Caetano, nos departamentos territoriais ou en calquera das dependencias que sinala o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e dirixiranse á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

No caso de que se presentase a solicitude nunha oficina de correos, farase en sobre aberto, para que sexa datada e selada pola/o funcionaria/o de correos antes de ser certificada.

O prazo de presentación de instancias, que serán dirixidas ao director xeral de Centros e Recursos Humanos, será de vinte días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

1. Solicitudes.

O persoal interesado en participar nesta convocatoria deberá presentar a súa solicitude mediante instancia axustada ao modelo que se publica no anexo III desta orde.

2. Á instancia xuntarase a seguinte documentación:

a) Folla de alegación de méritos e autobaremación, axustada ao modelo que se atopará á disposición do persoal interesado no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.es/

b) Documentación acreditativa de que se posúen os requisitos exixidos para a praza que solicitan.

c) Documentación a que se refire o anexo II desta convocatoria, para acreditar todos os servizos e méritos alegados así como unha relación numerada, datada e asinada, dos documentos presentados seguindo a orde que aparece no citado anexo. Aqueles méritos alegados e non xustificados documentalmente non serán tidos en conta.

d) Proxecto de traballo, referido ás funcións que ten que realizar, cunha extensión máxima de 20 folios, tamaño DIN-A4 a unha soa cara, a dobre espazo e tamaño de letra de 12 puntos.

Non terán que presentarse aqueles documentos xustificativos de méritos alegados que fosen achegados polos concursantes para completar o seu expediente persoal na aplicación informática a través do enderezo wwwedu.xunta.es/datospersoais

Artigo 5º.-Comisión de selección.

1. Este concurso será resolto por unha ou varias comisións de selección formadas polos seguintes membros:

Presidente:

O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en quen delegue, en función dos distintos postos que se vaian cubrir.

Vogais:

Ata un máximo de catro, coa categoría de subdirector xeral, xefe de servizo ou área da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Un funcionario ou funcionaria da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario ou secretaria con voz e sen voto.

Cada un dos sindicatos da mesa sectorial docente poderá nomear un representante para a asistencia ás sesións da comisión con voz e sen voto. Coa debida antelación, o nome do representante seralle comunicado ao presidente da comisión de selección.

2. A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada para colaborar na valoración daqueles méritos e/ou proxectos de traballo que coiden pertinentes.

Cada un dos sindicatos da mesa sectorial docente poderá nomear unha persoa representante para a asistencia ás sesións da subcomisión con voz e sen voto.

3. Os membros da comisión e da subcomisión estarán suxeitos ás causas de abstención e recusación establecidas nos artigos 28 e 29 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e terán dereito a percibir asistencias e axudas de custo por concorreren ás sesións, conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño), modificado polo Decreto 144/2008, do 26 de xuño (DOG do 18 de xullo) estando cualificadas na categoría primeira.

Artigo 6º.-Proceso de selección.

O proceso de selección constará de dúas fases. Unha primeira en que se valorarán os meritos alegados e o proxecto presentado, e unha segunda en que se poderá realizar unha entrevista ao persoal aspirante que supere a primeira fase.

Primeira fase de selección:

1. A comisión fará públicas as puntuacións provisionais asignadas a cada aspirante, como resultado da aplicación do baremo que figura no anexo II. Estas listas publicaranse nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e dos departamentos territoriais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, así como no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.es/

2. O persoal aspirante poderá presentar as alegacións que estime conveniente contra a lista provisional, dirixidas ao presidente da comisión de selección, no prazo de 10 días naturais contados a partir do seguinte ao da súa publicación, por calquera dos procedementos recollidos no punto sexto 1 b) desta orde.

3. Unha vez estudadas e resoltas as alegacións presentadas, a comisión publicará a lista definitiva das puntuacións nas epígrafes de méritos e proxecto de traballo, nos taboleiros de anuncios dos servizos centrais e nas xefaturas territoriais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, así como no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.es/

Segunda fase de selección:

1. Todo o persoal aspirante que obteña unha puntuación mínima de 4 puntos no proxecto poderá ser convocados pola comisión de selección á celebración dunha entrevista para mellor apreciar as circunstancias que concorren nel, e que versará sobre o proxecto presentado.

2. O persoal aspirante que non acade unha puntuación mínima de 4 puntos no proxecto e de 4 puntos na entrevista, de ser o caso, non poderá ser proposto pola comisión. Será seleccionado aquel persoal aspirante que, obtendo as puntuacións mínimas sinaladas, acade as maiores puntuacións no total das epígrafes contidas no baremo establecido no anexo II, para a praza que solicitan.

3. No caso de producirse empates no total de puntuacións outorgadas, estes resolveranse atendendo sucesivamente e por esta orde á maior puntuación nos puntos 6, 3.3, 1 e 5 do baremo.

Artigo 7º.-Proposta de nomeamento.

1. A relación provisional do persoal concursante seleccionado farase pública nos taboleiros de anuncios dos servizos centrais e das xefaturas territoriais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, así como no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.es/. Establecerase un prazo de dez días naturais para que o persoal interesado poida efectuar as posibles reclamacións ou renuncias ás prazas adxudicadas provisionalmente.

2. Unha vez resoltas as reclamacións e admitidas as posibles renuncias, a comisión remitiralle ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a proposta de resolución da presente convocatoria, xunto coa acta definitiva coa expresión das valoracións outorgadas a cada un dos candidatos, así como a relación final das persoas seleccionadas con mención do posto que se adxudicará a cada unha delas.

Artigo 8º.-Resolución da convocatoria.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará no DOG a resolución definitiva do concurso.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as/os interesadas/os poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. De non considerar oportuna a interposición do citado recurso poderán formular directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme se establece na Lei 29/1988, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. O persoal docente que resulte seleccionado pola presente convocatoria quedará adscrito aos postos adxudicados a partir do 1 de setembro de 2010, cesará nos seus postos con data do 31 de agosto do mesmo ano, e permanecerán neles mesmos en réxime de comisión de servizos, con reserva de posto de traballo de orixe, por un período dun ano, renovable ano a ano ata un máximo de seis, establecéndose un proceso de avaliación do exercicio da súa actividade que, no caso de ser positiva, determinará a súa continuidade.

A avaliación realizarase por unha comisión coa mesma composición establecida no artigo 5º desta orde, logo dos informes que estime oportunos.

3. De non publicarse a resolución definitiva no prazo de seis meses desde esta convocatoria, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas.

Artigo 9º.-Devolución da documentación presentada.

O persoal interesado ou os seus representantes legais poderán retirar a documentación presentada para acreditar os méritos alegados na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo de trinta días pasado un mes desde a publicación no DOG da resolución definitiva do concurso.

Artigo 10º.-Retribucións.

Para efectos de retribucións, en concepto de complemento específico, o persoal funcionario docente que resulte seleccionado poderá percibir o complemento específico correspondente ao asesor técnico docente, segundo o establecido no anexo V, dous da Orde do 14 de xaneiro de 2010 (DOG do 20 de xaneiro) pola que se ditan instrucións para a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2010.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para ditar as disposicións que sexan necesarias para a aplicación e o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "11600D010P025.PDF"

Ver referencia pdf "11600D011P031.PDF"