DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Luns, 21 de xuño de 2010 Páx. 11.300

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 14 de xuño de 2010 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes das axudas previstas no anexo II da Orde do 14 de maio de 2010, pola que se establecen as bases reguladoras para o acceso a formación especializada en xestión da innovación dentro da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (Xiga) e para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás pemes galegas para a contratación de persoal da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (Xiga), e se procede á súa convocatoria para o ano 2010.

Mediante Orde do 14 de maio de 2010 (DOG nº 96, do 24 de maio), a Consellería de Economía e Industria establece as bases que regulan o acceso a formación especializada en xestión da innovación dentro da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (Xiga) e para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás pemes galegas para a contratación de persoal da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (Xiga), e se procede á súa convocatoria para o ano 2010.

Co obxecto de lograr unha maior eficacia da xestión do procedemento de concesión das subvencións que regula o anexo II desta orde, tendo en conta a complexidade da documentación que deberán achegar as empresas e o feito de que a incorporación dos xestores de innovación nelas non se vai producir ata o vindeiro mes de outubro, parece oportuna a ampliación do prazo de presentación de solicitudes establecido no seu artigo 2.5º.

Consecuentemente con todo o anterior, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.-Amplíase, ata o día 12 de xullo de 2010, o prazo de presentación de solicitudes reguladas no anexo II da Orde do 14 de maio de 2010, pola que se establecen as bases reguladoras para o acceso a formación especializada en xestión da innovación dentro da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (Xiga) e para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás pemes galegas para a contratación de persoal da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (Xiga), e se procede á súa convocatoria para o ano 2010 (DOG nº 96, do 24 de maio), e que corresponde ás subvencións a empresas para a contratación de persoal técnico especialista en xestión da innovación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación para levar a cabo as actuacións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2010.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria