DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Venres, 18 de xuño de 2010 Páx. 11.195

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

DECRETO 92/2010, do 3 de xuño, polo que se derroga o Decreto 342/2009, do 18 de xuño, polo que se crea o Rexistro Administrativo de Librarías de Galicia e se regula a súa organización e funcionamento.

A Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, prevía no artigo 11.5º a creación dun rexistro de librarías en que se deberían inscribir todas as librarías de Galicia.

En cumprimento do disposto no devandito artigo, o Decreto 342/2009, do 18 de xuño, creou o Rexistro Administrativo de Librarías, co obxecto da inscrición e anotación dos datos relativos ás librarías e libreiros/as radicados no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, e regulou a súa organización e funcionamento.

A Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, no artigo 19 suprime o citado artigo 11.5º da Lei 17/2006 co fin de eliminar trabas innecesarias á liberdade de establecemento de prestadores e á libre circulación de servizos.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo, de acordo co ditame do Consello Consultivo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de xuño de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.

Queda derrogado o Decreto 342/2009, do 18 de xuño, polo que se crea o Rexistro Administrativo de Librarías de Galicia e se regula a súa organización e funcionamento.

Disposición transitoria

Os procedementos xa iniciados antes da entrada en vigor deste decreto quedan sen efecto logo da correspondente resolución do titular da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Cultura e Turismo para ditar as disposicións necesarias para a execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de xuño de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Roberto Varela Fariña

Conselleiro de Cultura e Turismo

a) CESAMENTOS CONSELLERÍA DO MAR