DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 16 de xuño de 2010 Páx. 11.069

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 19 de maio de 2010 pola que se convocan axudas para o ano 2010 para a realización de proxectos piloto co financiamento do Fondo Europeo de Pesca.

O Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca, establece no artigo 36º que o devandito fondo poderá financiar medidas de interese público, e cita, entre estas, os proxectos piloto que despois se desenvolven no artigo 41º.

Ao abeiro do devandito regulamento, a Orde do 20 de outubro de 2008 establece as bases e regula o procedemento para a concesión de axudas para a realización dos proxectos piloto (DOG nº 211, do 30 de outubro). A devandita orde establece no seu artigo 6 un prazo de presentación de solicitudes ata o 30 de marzo, cuxa selección se resolverá nunha única proposta anual con anterioridade ao 31 de maio de cada ano.

Desde a publicación das devanditas bases, os expedientes presentados non puideron ser obxecto de resolución, polo que cómpre publicar a convocatoria do ano 2010 e, así, proceder a resolver os expedientes presentados ao abeiro da devandita orde reguladora. Por outra banda e dada a demora na resolución destas axudas, considérase oportuno modificar para a convocatoria do ano 2010 o prazo de presentación de solicitudes, así como tamén de selección dos expedientes.

Artigo 1º.-Convocatoria das axudas.

Convócanse axudas para o ano 2010 para a realización de proxectos piloto que se rexerán polas bases e procedemento establecidos na Orde do 20 de outubro de 2008 (DOG nº 211, do 30 de outubro); o prazo de presentación de solicitudes será o establecido na disposición transitoria.

Artigo 2º.-Crédito orzamentario.

1. Para o exercicio orzamentario 2010, as axudas para a realización de proxectos piloto outorgaranse con cargo á aplicación 14.02.723A.780.2, código de proxecto 2007.00579, que figura dotada no proxecto de orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2010. Os importes máximos das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderán a 2.700.000 euros, distribuídos nas seguintes anualidades:

Anualidade 2010: 1.000.000 euros.

Anualidade 2011: 900.000 euros.

Anualidade 2012: 800.000 euros.

2. Este importe poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario, na orde que se publique para o efecto.

3. A concesión das correspondentes axudas queda sometida, en todo caso, á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010 no momento da resolución.

Disposicións transitorias

Primeira.-As solicitudes que se presentasen ao abeiro da Orde do 20 de outubro de 2008 durante os anos 2008 e 2009 e que non recibisen resolución expresa respecto da subvencionabilidade do proxecto, deberán manifestar mediante escrito a súa intención de se acolleren á convocatoria do ano 2010, e o prazo da súa presentación rematará unha vez que transcorran 30 días contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-O prazo de presentación de solicitudes de axuda nesta convocatoria do ano 2010 será desde o 1 de xaneiro de 2010 e rematará unha vez que transcorran 30 días desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Terceira.-O prazo para a resolución das axudas será de seis meses contados desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, realizándose a selección dos expedientes antes do remate do devandito prazo.

Cuarta.-Debido ao cambio de competencias derivado do Decreto 312/2009, do 28 de maio, pola que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Mar (DOG nº 109, do 5 de xuño), na tramitación destas axudas o Servizo de Ensino e Investigación Mariña será substituído polo Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota, a Subdirección de Ensino e Investigación Mariña pola Subdirección de Innovación Tecnolóxica e a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro será substituída pola Dirección Xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2010.

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Mar