DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 16 de xuño de 2010 Páx. 11.067

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDEN do 20 de maio de 2010 pola que se convoca un curso da temporalidade na xuventude: lecer, tempo libre, consumo e condutas de risco.

A Consellería de Traballo e Benestar é o departamento da Xunta de Galicia que asume as competencias en materia de benestar, incluíndo as políticas de xuventude, en virtude do Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

Á Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, correspóndelle entre as súas funcións a promoción e organización das actuacións en materia de información e documentación para a mocidade.

Concretamente, en relación coa Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil, de acordo co Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refonde e actualiza a normativa vixente en materia de mocidade, a través do Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil, correspóndelle organizar cursos de formación complementaria do persoal dos servizos de información xuvenil.

É un dos obxectivos da Unión Europea en materia da xuventude a mellora do acceso dos mozos á sociedade e a súa plena participación nela. Por iso un dos campos é a saúde e o deporte (campo de acción 4)

Como consecuencia, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta disposición ten por obxecto aprobar as bases e proceder á convocatoria do curso da temporalidade na xuventude: lecer, tempo libre, consumo e condutas de risco.

Artigo 2º.-Obxectivos.

O alumno adquirirá a competencia teórica que lle permita comprender e explicar criticamente o comportamento dos mozos en dúas dimensións fundamentais:

1. A distribución temporal entre as súas diversas actividades tanto diarias como esporádicas; as súas preferencias e hábitos comportamentais no seu tempo libre e os seus hábitos de consumo.

2. A asunción de riscos nesas actividades. Así mesmo adquirirá recursos teóricos e analíticos que lle permitirán discriminar dentro do gran grupo social denominado mocidade as particulariedades propias de cada subgrupo de idade, lugar de residencia e orixe social.

Coñecemento en profundidade das fontes documentais secundarias e o seu correcto tratamento.

Estas competencias encamíñanse a dotar ao alumno dos recursos teórico-prácticos que lle permitan desenvolver unha correcta actividade profesional, mediante o deseño e implementación de políticas públicas, así como investigadora.

Artigo 3º.-Persoal a quen vai dirixido.

Persoal da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil, así como titulados universitarios en pedagoxía, psicoloxía, socioloxía, educación social, traballo social, maxisterio e Formación profesional en TASOC.

Artigo 4º.-Criterios de selección.

Esta formación encádrase dentro dos cursos de verán, polo que terá preferencia o persoal da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil que esté en posesión do curso de especialista en información xuvenil, así como titulados universitarios da rama educativo-social (pedagoxía, psicoloxía, socioloxía, traballo social, educación social, maxisterio) e TASOC que fixeran o curso de especialista en información xuvenil e estean en posesión do carné xove.

Artigo 5º.-Desenvolvemento do curso.

5.1. Duración: 200 horas.

O curso ten carácter presencial, no cal se inclúen clases expositivas, estudo do material entregado no curso e exercicios presenciais.

Número de edicións: 1.

5.2. Lugar e datas:

O curso terá lugar no Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil de Galicia, nas seguintes datas e horarios: 14, 15, 19, 21, 22, 26, 28 e 29 de xullo e 2, 4, 5, 9, 11, 12, 16, 18, 19, 23, 25 e 26 de agosto de 2010.

5.3. Nº de prazas: 25.

Artigo 6º.-Contidos.

1. Concepto e características da xuventude desde o punto de vista psicolóxico e sociolóxico. Psicoloxía evolutiva da infancia á madurez. O proceso de socialización. O xogo como elemento socializador.

2. Animación e dinámica de grupos. O grupo. Tipoloxía e organización. Roles dun grupo. Liderado. Técnicas de animación de grupos. Técnicas de resolución de conflitos. O traballo en equipo.

3. Dimensión no ámbito vital da persoa nas súas diferentes etapas evolutivas. Aproximación ao estudo do medio social galego. O medio urbano. O medio rural. Características e posibilidades de actuación. Educación no tempo libre e inserción na cultura de Galicia. Coñecementos culturais, xeográficos, folclóricos, socio-políticos e económicos de Galicia.

4. A pedagoxía do lecer e o tempo libre. Lecer e tempo libre: características, funcións e modalidades. A metodoloxía educativa. A educación no tempo libre. Conceptos fundamentais da pedagoxía do lecer. Necesidades educativas especiais no tempo libre. Inadaptación e marxinación. Bases do proxecto formativo. Principios educativos. Educación de valores. Metodoloxía de intervención. A programación. Fases na elaboración do programa. O xogo como instrumento didáctico na educación no tempo libre. O educador/a de tempo libre: aspectos psicolóxicos, sociolóxicos e pedagóxicos. A colaboración na escola.

5. Técnicas de animación. A animación: concepto e uso da animación no tempo libre. O xogo. Tipoloxía de xogos. Seráns e lumes de acampada. Introducción ás técnicas de expresión e comunicación. Expresión literaria. Expresión musical. Expresión dramática: corporal e oral. Expresión plástica. Medios audiovisuais. Animación deportiva.

6. Educación ambiental e natureza. Introdución á educación ambiental. O concepto de medio e natureza. Problemática e alternativas. Medio e natureza en Galicia. Bases para o estudo de itinerarios nos ecosistemas galegos, con especial atención aos propios itinerarios elixidos para o curso. Utilización didáctica deles. Os itinerarios de interpretación ambiental na práctica. Xogos de educación ambiental. Técnicas de campismo e excursionismo. A marcha. Orientación. Xogos de orientación. Introdución á meteoroloxía. Topografía e cartografía. Técnicas de acampada.

7. Educación para a saúde. A hixiene e a sanidade nas actividades de tempo libre. Aspectos sanitarios. As actividades de tempo libre. Prevención das drogodependencias. Socorrismo e primeiros auxilios. Alimentación e nutrición. Sexualidade. Seguridade e hixiene.

Artigo 7º.-Solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

As solicitudes de admisión ao curso dirixiranse ao Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil, da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar.

O modelo de solicitude descárgase do portal www.xuventude.net.

Artigo 8º.-Certificacións de asistencia.

1. Outorgaráselles o correspondente certificado de asistencia aos alumnos que participen con regularidade e dedicación no desenvolvemento dos cursos. Para os efectos de avaliar os coñecementos adquiridos polos alumnos, poderán realizarse probas obxectivas.

2. É obrigatoria a asistencia e puntualidade a todas as sesións dos cursos así como ás xornadas, que poida organizar a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado con temática relacionada coa materia do curso durante a duración deste. Toda ausencia deberá ser xustificada debidamente polo interesado. A falta de asistencia a máis do 15% das horas lectivas programadas, impedirá a expedición da certificación anteriormente referida e dará lugar á baixa no curso coa perda de todos os dereitos.

A Consellería de Traballo e Benestar outorgará unha certificación coa cualificación de APTO a aquelas persoas que superen todos os módulos.

Artigo 9º.-Modificacións.

A Consellería de Traballo e Benestar poderá suspender o curso se non houbese un mínimo de alumnos, así como modificar o desenvolvemento e os contidos do curso anunciado co fin de adaptalo ás necesidades da Administración, así como ás distintas continxencias que poidan xurdir.

Artigo 10º

A asistencia a este curso será gratuíta para as alumnas e alumnos seleccionados.

Disposición derradeira

Única.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar