DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 16 de xuño de 2010 Páx. 11.066

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 19 de maio de 2010 pola que se convoca un curso de formación en modelos teóricos para a compresión da mocidade.

A Consellería de Traballo e Benestar é o departamento da Xunta de Galicia que asume as competencias en materia de benestar, incluíndo as políticas de xuventude, en virtude do Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

Á Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, correspóndelle entre as súas funcións a promoción e organización das actuacións en materia de información e documentación para a mocidade.

Concretamente, en relación coa Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil, de acordo co Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de mocidade, a través do Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil, correspóndelle organizar cursos de formación complementaria do persoal dos servizos de información xuvenil.

Como consecuencia, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta disposición ten por obxecto aprobar as bases e proceder á convocatoria do curso de formación en modelos teóricos para a compresión da mocidade.

Artigo 2º.-Obxectivos.

O/A alumno/a adestrarase no manexo, interpretación e redacción de informes científicos e profesionais no campo de estudo da mocidade.

O/A alumno/a terá que alcanzar o coñecemento necesario que lle permita xerar dispositivos para a producción de datos sociolóxicos para a comprensión dos problemas e temas concernentes á mocidade.

Para iso manexará tanto as destrezas propias das técnicas cuantitativas (investigación por enquisas) como as das técnicas cualitativas (investigación mediante Grupos de Discusión). Coñecementos para o traballo en estudos de opinión sobre mozas, participación en programas xuvenís, formación, etc.

Artigo 3º.-Persoal a que vai dirixido.

Persoal da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil, así como titulados universitarios en pedagoxía, psicoloxía, socioloxía, educación social, traballo social, maxisterio e formación profesional en TASOC.

Artigo 4º.-Criterios de selección.

Esta formación encadrase dentro dos cursos de verán, polo que terá preferencia o persoal da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e o persoal da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil que estea en posesión do curso de especialista en información xuvenil, así como titulados universitarios da rama educativo-social (pedagoxía, psicoloxía, socioloxía, traballo social, educación social, maxisterio) e TASOC que teñan feito o curso de especialista en información xuvenil e estén en posesión do carné xove.

Artigo 5º.-Desenvolvemento do curso.

Metodoloxía: a distancia.

1. Duración: 80 horas.

Número de edicións: 1.

2. Lugar e datas:

A data das sesións presenciais terán lugar en Santiago de Compostela, no Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil, e seralles comunicada aos alumnos/as seleccionados/as. O curso comezará o día 21 de xullo e rematará o día 30 de outubro.

3. Nº de prazas: 25.

Artigo 6º.-Contidos.

1. Marco teórico dos estudos sobre a xuventude e opcións metodolóxicas dende un ángulo multidisciplinario.

2. A programación na intervención social.

3. A avaliación da programación.

4. Instrumentos de investigación social.

5. Exercicios de simulación para o deseño dunha investigación sobre a mocidade.

Artigo 7º.-Solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

As solicitudes de admisión ao curso dirixiranse ao Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar.

O modelo de solicitude descargase do portal www.xuventude.net

Artigo 8º.-Certificacións de asistencia.

1. Outorgaráselles o correspondente certificado de asistencia aos alumnos que participen con regularidade e dedicación no desenvolvemento dos cursos. Para os efectos de avaliar os coñecementos adquiridos polos alumnos, realizaranse probas obxectivas a distancia ao longo do curso, e ao remate levarase a cabo unha proba avaliativa presencial nas instalacións do Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil de Galicia ou onde se indique no seu momento.

2. É obrigatoria a asistencia e puntualidade a todas as sesións presenciais dos cursos así como ás xornadas, encontros ou congresos que organice a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado con temática relacionada coa xuventude durante a duración do curso. Toda ausencia deberá ser xustificada debidamente polo interesado. A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis do 15% das horas presenciais, impedirá a expedición da certificación anteriormente referida e dará lugar á baixa no curso coa perda de todos os dereitos.

Artigo 9º.-Modificacións.

A Consellería de Traballo e Benestar poderá suspender o curso se non houbese un mínimo de alumnos, así como modificar o desenvolvemento e os contidos do curso anunciado co fin de adaptalo ás necesidades da Administración, así como ás distintas continxencias que poidan xurdir.

Artigo 10º

A asistencia a este curso será gratuíta para as alumnas e alumnos seleccionados.

Disposición derradeira

Única.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar