DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 16 de xuño de 2010 Páx. 11.053

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de xuño de 2010 pola que se actualiza a oferta de ciclos formativos polo réxime ordinario, por curso completo e en modalidade presencial, en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano académico 2010-2011.

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aprobou o Estatuto de autonomía de Galicia, e o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, recoñécenlle á nosa comunidade autónoma as competencias en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado en todos os niveis e graos, modalidades e especialidades, consonte os preceptos emanados da Constitución e das leis que lle sexan de aplicación, competencias que foron asumidas polo Decreto 114/1982, do 1 de setembro, e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no seu artigo 2.

No marco destas competencias, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten propósito de actualizar a cualificación dos cidadáns e das cidadás e persegue como un dos obxectivos básicos para a formación profesional o de dar unha resposta puntual e axeitada ás necesidades de formación profesional provenientes do mundo produtivo.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 39.2º que a formación profesional, no sistema educativo, ten por finalidade preparar os alumnos e as alumnas para a actividade nun campo profesional e facilitar a súa adaptación ás modificacións laborais que se poden producir ao longo da súa vida.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, ten por obxecto a ordenación dun sistema integral de formación profesional, cualificación e acreditación que responda con eficacia e transparencia ás demandas sociais e económicas a través das diversas modalidades formativas.

Neste contexto, a necesidade de manter en todo momento actualizada a oferta educativa dos centros xustifica a súa revisión periódica, de xeito que o alumnado que remate o ensino secundario obrigatorio e as modalidades de bacharelato, así como as persoas adultas, posúan unha oferta de ciclos formativos de graos medio e superior diversificada e adaptada ás súas necesidades e ás demandas do mercado laboral.

De acordo coas competencias que ten conferidas esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º

Actualízase a oferta educativa dos ciclos formativos de formación profesional polo réxime ordinario, por curso completo en modalidade presencial, a partir do curso 2010-2011, en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo se relaciona no anexo desta orde. O Fondo Social Europeo cofinancia nun 80% os gastos de funcionamento e de profesorado naqueles ciclos formativos relacionados coa sociedade da información e da comunicación.

Artigo 2º

Requírese un número mínimo de doce solicitudes de matrícula admitidas por cada centro educativo nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, e de oito solicitudes en cada centro do resto de Galicia, para cada un dos ciclos formativos de grao medio ou superior. Un número menor de solicitudes exixe a autorización expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para pór en funcionamento esta ensinanza, e mentres que non se dispoña desta autorización, non se poderá formalizar matrícula ningunha. A condición do número mínimo de alumnado débeselles comunicar ás persoas interesadas no momento da súa preinscrición.

Artigo 3º

Naqueles centros en que estean autorizados dous grupos do mesmo ciclo deberán cubrir o total de prazas do primeiro grupo antes de pór en funcionamento o segundo grupo. Neste caso terase en conta o número mínimo de doce ou oito solicitudes segundo se indica no artigo anterior.

Disposición transitoria

Matriculación no réxime ordinario do alumnado do réxime de persoas adultas afectado pola implantación dos novos títulos de formación profesional ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

O alumnado que estiver matriculado e non causara baixa no curso 2009-2010 polo réxime de persoas adultas nun ciclo formativo establecido ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e se vexa afectado pola entrada en vigor das novas ensinanzas dos títulos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, poderá solicitar praza no segundo curso polo réxime ordinario, sen ter en conta os criterios de promoción, para os efectos de rematar o ciclo formativo que se extingue. En todo caso, o cómputo de duración dos módulos pendentes non pode superar as 960 horas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e a Secretaría Xeral para adoptaren as medidas precisas para a execución desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación

e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "11300D005P017.PDF"