DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 16 de xuño de 2010 Páx. 11.042

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 4 de xuño de 2010 pola que se clasifica de interese social e cultural a Fundación Puerto de Vigo.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Puerto de Vigo con domicilio na rúa Velázquez Moreno, número 3 de Vigo (Pontevedra).

Feitos.

1. Mario Ubiaga André, secretario do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o 16 de abril de 2010, ante o notario José María Rueda Pérez, con número de protocolo 917, polas seguintes entidades: Autoridad Portuaria de Vigo e a súa Ría; Peugeot Citroën Automóviles España, S.A.; Remolcadores Nosa Terra, S.A.; Pescanova, S.A.; Caixa de Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra; Fundación Caixa Galicia-Claudio Sanmartín; e Terminales Marítimas de Vigo, S.L.U., representadas, respectivamente, por María Corina Porro Martínez, Pierre Ianni, José Silveira Cañizares, César Real Rodríguez, Guillermo Brea Vila, María Teresa Porto Perdido e Eduardo Luis de la Santísima Trinidad Davila Vega.

Posteriormente, por escritura pública outorgada en Vigo o 30 de abril de 2010, con número de protocolo 1.041, ante o mismo notario, solemnizáronse diversos acordos referentes á fundación.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto promover, desenvolver, impulsar e achegar ao cidadán a faceta máis social do porto, das súas empresas e do seu contorno, co fin de, desde unha vocación de servizo, contribuír ao desenvolvemento social de Vigo, Galicia e España.

Igualmente, a fundación poderá contribuír ao fomento da cultura no seu ámbito de influencia, en todas as súas manifestacións e posibilidades, favorecendo as iniciativas e actividades que se consideren oportunas.

4. O padroado inicial da fundación está formado pola Autoridade Portuaria de Vigo e a súa ría, representada por María Corina Porro Martínez como presidenta; Peugeot Citroën Automóviles de España, representada por Pierre Ianni como vicepresidente; Mario Ubiaga André, como secretario non patrón; a Sociedad Cooperativa de Armadores de Pesca del Puerto de Vigo, Sociedad Cooperativa Gallega, representada por Francisco Javier Touza Touza como tesoureiro; e Remolcadores Nosa Terra, S.A.; Pescanova, S.A.; Terminales Marítimas de Vigo, S.L.U.; Caixa de Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra; Fundación Caixa Galicia-Claudio Sanmartín; e a Sociedad Cooperativa de Armadores de Pesca del Puerto de Vigo, Sociedad Cooperativa Gallega, representados, respectivamente, por José Silveira Cañizares, César Real Rodríguez, Eduardo Luis de la Santísima Trinidad Davila Vega, Guillermo Brea Vila, José Luis Méndez López e Francisco Javier Touza Touza como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese social e cultural da Fundación Puerto de Vigo, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios, procede a súa clasificación como de interese social e cultural e a súa adscrición á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Consideracións legais.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeneral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 31 de maio de 2010,

DISPOÑO:

Clasificar de interese social e cultural a Fundación Puerto de Vigo, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2010.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza