DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Venres, 11 de xuño de 2010 Páx. 10.591

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 2010, da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, de encomenda de xestión a Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. da formulación e seguimento na implantación dun proxecto piloto de Plan integral de eficiencia enerxética (PIEE) no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Antecedentes.

Primeiro.-De conformidade co previsto no artigo 93 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, integran o Servizo Galego de Saúde os centros, servizos e establecementos sanitarios e administrativos creados pola Administración da Xunta de Galicia ou procedentes de transferencias, así como as entidades sanitarias de natureza pública que se lle adscriban.

O artigo 94 da mesma lei establece entre as funcións do organismo autónomo citado, o goberno, a dirección e a xestión daqueles centros, servizos e establecementos, propios ou adscritos; a planificación, coordinación e xestión dos recursos humanos, materiais e financeiros asignados; o desenvolvemento de programas de mellora de xestión, así como a aprobación de plans, directrices e criterios de actuación a que se deben someter os centros, servizos e establecementos incluídos no Servizo Galego de Saúde.

Segundo.-De conformidade co previsto no artigo 1.2º dos seus estatutos (aprobados por Decreto 229/1994 e modificados polo Decreto 209/2008, do 28 de agosto) Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. é un medio propio instrumental e servizo técnico da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e dos seus organismos e entidades de natureza pública, para a execución das actividades que lle sexan encomendadas, dentro das materias que constitúen o seu obxecto social.

Segundo o artigo 2 dos mesmos estatutos sociais, forman parte do obxecto social de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. a promoción, planificación, deseño, construción, conservación, mantemento, dotación de equipamento e explotación de infraestruturas sanitarias promovidas ou participadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, vencelladas ao ámbito sanitario, así como a prestación de actividades de consultoría en materia de avaliación, planificación, promoción, adquisición, organización, mantemento, formación, xestión, investigación, control de calidade e, en xeral, calquera materia relacionada co sector sanitario.

Terceiro.-O custo derivado do consumo enerxético nas institucións sanitarias é un factor que vén presentando unha tendencia ascendente nos últimos anos, polo que ten incidencia directa tanto no gasto sanitario propiamente dito coma nas consecuencias ambientais que as actividades humanas producen.

Con anterioridade xa se tiñan realizado proxectos locais que pretenderon, no seu momento, facer unha diagnose do aforro potencial, pero que tiveron na realidade unha escasa repercusión na adopción de medidas efectivas de redución destes consumos.

No escenario económico actual ten máis sentido ca nunca abordar por primeira vez unha actuación con perspectiva global e efecto expansivo no ámbito do aforro enerxético das institucións sanitarias sostidas con fondos públicos. Segundo as primeiras estimacións, o consumo enerxético destas representa arredor do 50% do consumo enerxético da Xunta de Galicia.

Tendo en conta que un axeitado plan de eficiencia enerxética pode supoñer un aforro de entre un 10 e un 40%, a importancia de abordar esta cuestión nun momento coma o actual resulta indispensable.

Cuarto.-O Servizo Galego de Saúde non dispón actualmente do persoal e os medios técnicos necesarios para a elaboración e implantación do PIEE no ámbito das institucións sanitarias que o integran, polo que se considera pertinente encomendar a Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. as ditas tarefas, en atención ao seu carácter de medio propio e instrumental e servizo técnico da Xunta de Galicia, como se expón a continuación.

Quinto.-Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. é un medio propio instrumental e servizo técnico da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e dos seus organismos e entidades de natureza pública, para a execución das actividades que lle sexan encomendadas, por esta ou polos seus organismos e entidades de natureza pública, dentro das materias que constitúen o seu obxecto social.

Sexto.-De conformidade co artigo 1 dos estatutos da citada empresa pública, as relacións coas anteriores entidades non se considerarán de natureza contractual e serán para todos os efectos, de carácter interno, dependente e subordinado, e articulándose a través de encomendas de xestión das previstas no artigo 24.6º da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

En calquera caso, as encomendas de xestión que se lle poidan efectuar, refiriranse sempre a actuacións concretas, requirindo a preceptiva e previa resolución do órgano encomendante, en que se identificarán os termos e condicións en que se realizarán. As retribucións dos traballos que leve a cabo determinaranse na respectiva encomenda, calculándose de xeito que permita a recuperación dos investimentos realizados e os custos de xestión, se é o caso.

Sétimo.-O artigo 4 da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, establece que están excluídos do seu ámbito de aplicación os negocios xurídicos en cuxa virtude se encargue a unha entidade que teña atribuída a condición de medio propio e servizo técnico do poder adxudicador, a realización dunha determinada prestación.

Malia o anterior, a mesma lei establece no artigo 24 que a condición de medio propio e servizo técnico dos entes, organismos e entidades do sector público cara aos poderes adxudicadores para os que realicen a parte esencial da súa actividade, cando estes teñan sobre eles un control análogo ao que poden exercer sobre os seus propios servizos, deberá recoñecerse expresamente pola norma que os cree ou polos seus estatutos. Previsión que aparece cuberta de conformidade co establecido no artigo 1.2º dos seus estatutos (aprobados por Decreto 229/1994 e modificados polo Decreto 209/2008, do 28 de agosto).

En virtude das disposicións indicadas anteriormente, así como das facultades conferidas no artigo 4 do Decreto 311/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde,

RESOLVO:

Primeiro.-Encomendar a Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. o desenvolvemento das actuacións necesarias para a realización dun primeiro proxecto piloto de Plan integral de eficiencia enerxética (PIEE) no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, que abranguerá a formulación do PIEE do complexo hospitalario, de xeito que permita coñecer, ademais do aforro potencial que se vai acadar a curto, medio e longo prazo para cada un dos hospitais incluídos no complexo, a individualización dos proxectos concretos que sería necesario acometer para acadalos, especificando para cada un deles os investimentos, recursos necesarios, prazos de execución e períodos de retorno. Esta actividade desenvolverase integramente no exercicio económico de 2010.

Segundo.-O importe destinado polo Servizo Galego de Saúde para a realización das actividades da encomenda non superará os 105.000 € que irán con cargo á aplicación 5001.412A.441.0 dos orzamentos xerais da comunidade autónoma, na que existe crédito axeitado e suficiente. O importe indicado aboarase unha vez xustificada a realización da actividade encomendada e dos investimentos realizados, se é o caso.

Terceiro.-A xestión que realizará Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. abranguerá as actuacións materiais ou xurídicas necesarias, dentro dos límites contidos na normativa que disciplina a súa actividade, aínda que poderá, de conformidade co artigo 2 dos seus estatutos, contratar con terceiros as actuacións encomendadas. Neste último caso a actuación axustarase ao disposto na Lei 30/2007, de 30 de outubro.

A encomenda de xestión non supón cesión da titularidade de competencias, nin dos elementos substantivos do seu exercicio, sendo responsabilidade do órgano encomendante ditar cantos actos ou resolucións de carácter xurídico dean soporte ou nos que se integren as concretas actividades materiais obxecto da encomenda.

Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A., no desenvolvemento da actividade encomendada, seguirá as directrices e instrucións da Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

Cuarto.-Esta encomenda terá vixencia durante o ano 2010, de conformidade coa duración indicada anteriormente, contado desde a data da publicación desta encomenda no Diario Oficial de Galicia.

Quinto.-Esta encomenda extinguirase, ademais de polo cumprimento do seu obxecto, polas seguintes causas de finalización anticipada:

a) Incumprimiento dalgunha das obrigas ou actividades encomendadas ou dos prazos previstos.

b) Imposibilidade de realización das actividades encomendadas.

c) Revogación por resolución motivada do órgano encomendante.

d) As demais previstas na lexislación vixente.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2010.

Rocío Mosquera Álvarez

Xerente do Servizo Galego de Saúde