DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Venres, 11 de xuño de 2010 Páx. 10.552

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 26 de maio de 2010 pola que se crea un ficheiro de datos de carácter persoal existente na Consellería de Traballo e Benestar.

A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 98, do 14 de decembro) regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soportes físicos, que os faga susceptibles de tratamento, así como toda modalidade de uso posterior destes datos polos sectores público e privado. A finalidade desta regulación é garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas, e especialmente a súa honra e intimidade persoal e familiar.

No artigo 20 da devandita lei disponse que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente, establecendo no seu punto segundo as indicacións concretas que deben constar nas disposicións de creación e modificación daqueles.

Así mesmo, os artigos 52 ao 54 do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da citada Lei orgánica 15/1999, regulan a creación, modificación ou supresión de ficheiros de titularidade pública.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Mediante esta orde créase o ficheiro de datos de carácter persoal que se especifica no anexo.

Artigo 2º.-Contido.

A información exixida no artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal para as disposicións de creación dos ficheiros está contida no anexo desta orde.

Artigo 3º.-Finalidade e uso dos ficheiros.

Os datos de carácter persoal, incluídos no ficheiro da Consellería de Traballo e Benestar, creado por esta orde só serán utilizados para os fins expresamente previstos e declarados no anexo e polo persoal debidamente autorizado.

Artigo 4º.-Cesión de datos.

Os datos só serán cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei e os declarados no anexo. No suposto de cesión de datos ás administracións públicas haberá que aterse ao disposto na normativa vixente respecto a esta materia.

Artigo 5º.-Órgano responsable dos ficheiros.

A responsabilidade sobre o ficheiro creado por esta orde detállase no anexo, así como a unidade ante a que se exercerán os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos datos que constan no ficheiro.

Artigo 6º.-Nivel de protección e medidas de seguridade.

O nivel do ficheiro creado por esta orde atópase clasificado atendendo ao disposto nos artigos 80 e seguintes do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro. No anexo aparece a clasificación (nivel básico, medio ou alto) do ficheiro creado baixo esta orde.

O titular do órgano responsable deste ficheiro adoptará as medidas de xestión e organización que sexan necesarias, asegurando a súa confidencialidade e os dereitos e obrigas recoñecidas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Disposición adicional

No caso de cesións dos datos aos servizos de estatística das administracións públicas haberá que aterse, ademais, ao disposto na normativa vixente sobre materia estatística.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "11000D002P012.PDF"