DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Venres, 11 de xuño de 2010 Páx. 10.547

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 3 de xuño de 2010 pola que se establece o programa de cursos para a formación complementaria da aprendizaxe de linguas estranxeiras, CUALE, nos centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia.

Nos últimos anos a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria desenvolveu accións que teñen por finalidade o impulso da mellora da formación do noso profesorado e alumnado no coñecemento das linguas estranxeiras pertencentes ao espazo cultural europeo.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no artigo 59 que as ensinanzas de idiomas teñen como finalidade capacitar o alumnado para o uso axeitado dos diferentes idiomas, fóra das etapas ordinarias do sistema educativo, e concrétase a súa organización nos niveis básico, intermedio e avanzado, e este mesmo artigo engade que as ensinanzas do nivel básico terán as características e a organización que as administracións educativas determinen. Polo antedito, cómpre establecer unhas novas bases reguladoras que lle ofrezan ao alumnado e ao profesorado a posibilidade de acceder a unha formación complementaria en lingua estranxeira nos institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional e que estea baseada no Marco común europeo de referencia, documento que unifica as directrices para a aprendizaxe e o ensino de linguas. Este programa ten como obxectivo unha mellora substancial da competencia lingüística do alumnado ao tempo que fomenta a súa

mobilidade internacional e a competencia lingüística dos docentes, que redundará na optimización dos recursos dos propios centros á hora de emprender proxectos relacionados co ensino plurilingüe.

Os obxectivos, organización e desenvolvemento deste programa, que regula a Orde do 1 de xuño de 2007, pola que se establece o programa de cursos para formación complementaria da aprendizaxe de linguas estranxeiras, CUALE, nos institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia, precisa dunhas modificacións co fin de adaptala ás novas necesidades no referente ao coñecemento das linguas estranxeiras.

En consecuencia co anteriormente exposto, e en virtude das competencias que lle son atribuídas pola normativa vixente, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1°.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e organizativas do programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras, CUALE, nos centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional, co fin de preparar o alumnado e o profesorado para as probas de certificación dos niveis das ensinanzas especializadas de idiomas reguladas polo Real decreto 1629/2006, do 29 de decembro.

2. Esta orde é de aplicación nos centros públicos que imparten ensino secundario e formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia que sexan autorizados para ofertar unha ou máis das modalidades do programa.

Artigo 2º.-Modalidades do programa.

O programa CUALE desenvolverase baixo as seguintes modalidades:

1. CUALE-A2: cursos dirixidos á preparación para as probas de certificación do nivel A2 do Marco común europeo de referencia para as linguas, MCERL, para dotar aos asistentes de destrezas comunicativas básicas en linguas estranxeiras.

2. CUALE-B1: cursos dirixidos á preparación para as probas de certificación do nivel B1 do Marco común europeo de referencia para as linguas, MCERL, para dotar aos asistentes de destrezas comunicativas sinxelas en linguas estranxeiras.

3. CUALE-B2: cursos dirixidos á preparación para as probas de certificación do nivel B2 do Marco común europeo de referencia para as linguas, MCERL, para dotar aos asistentes de destrezas comunicativas avanzadas en linguas estranxeiras.

Artigo 3º.-Organización e desenvolvemento do programa.

1. O programa desenvolverase fóra do horario lectivo ao longo do curso escolar e terá carácter voluntario para os destinatarios.

2. A oferta de calquera das modalidades levarase a cabo tendo en conta a dispoñibilidade de recursos materiais e humanos dos centros, e non suporá incremento no número de profesorado.

3. A programación dos cursos deberá ser recollida nas programacións didácticas dos departamentos de linguas estranxeiras, que incluirán, se é o caso, as distintas modalidades que oferte o centro. As programacións didácticas das ensinanzas correspondentes ás tres modalidades realizaranse tendo en conta os niveis previstos no MCERL.

4. O número de alumnado para a constitución dos grupos nas distintas modalidades será de entre 10 e 20.

5. Con carácter xeral, os centros que queiran impartir as modalidades desta orde deberán realizar no mes de xuño a preinscrición do alumnado que desexe acceder.

Artigo 4º.-Profesorado.

Estes cursos poderán ser impartidos unicamente polo profesorado de ensino secundario, de lingua estranxeira, con destino definitivo no centro. A coordinación desta formación complementaria será responsabilidade da xefatura do departamento correspondente de linguas estranxeiras do centro educativo en que se impartan.

Artigo 5º.-Calendario e horario.

As clases para as tres modalidades seguirán o calendario escolar establecido para as ensinanzas de réxime xeral, e o horario será de 3 a 4 períodos lectivos semanais.

Artigo 6º.-Autorización.

1. Os centros educativos que estean interesados en participar no programa presentarán a súa solicitude, segundo o modelo que figura no anexo I e que se pode descargar no espazo web http://www.edu.xunta.es/linguasestranxeiras, na sección programa CUALE, na xefatura territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria antes do 30 de xuño, indicando as modalidades que pretenden ofertar de entre as que se sinalan no artigo 2º desta orde, así como o número de alumnado preinscrito por modalidade e idioma. Xunto coa solicitude deberán achegar: certificación da aprobación da solicitude por parte do consello escolar do centro, así como o título de funcionario de carreira e a acreditación de destino definitivo no centro do profesorado que impartirá docencia.

2. A xefatura territorial remitirá antes do 15 de xullo á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a documentación recibida acompañada dos informes dos servizos provinciais de Inspección Educativa nos cales se fará constar a dispoñibilidade horaria do profesorado que vai impartir a modalidade.

3. Correspóndelle á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a autorización, antes do 1 de setembro, da impartición deste programa nos centros educativos seleccionados, considerando a demanda, dispoñibilidade horaria do profesorado e os recursos existentes no centro e na localidade.

4. Os centros educativos autorizados comunicaranlle á Subdirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, antes do 31 de outubro as relacións do profesorado participante e do alumnado por modalidade e idioma.

5. Os servizos provinciais de Inspección Educativa velarán para que as modalidades impartidas cumpran o previsto nesta orde, en especial a elaboración da programación didáctica, o seu horario e duración e a ratio mínima para a formación de grupos.

Artigo 7º.-Inscrición.

A inscrición realizarase na secretaría do propio centro ata o día 20 do mes de setembro. O alumnado e profesorado procedente doutros centros deberá acompañar a súa solicitude dunha certificación expedida pola dirección do seu centro que acredite que está a cursar os estudos requiridos, ou a certificación do nivel de competencia lingüística necesaria para a modalidade correspondente ou que ten a condición de docente nun centro educativo sostido con fondos públicos. No caso do profesorado, este deberá completar a súa inscrición ata o 15 de outubro na web de formación do profesorado, http://www.edu.xunta.es/fprofe, seleccionando a actividade por servizos centrais e no nivel correspondente á súa inscrición.

Artigo 8º.-Instalacións.

Os centros docentes en que se impartan as modalidades recollidas nesta orde deberán dispor dun aula dotada do material necesario para a ensinanza de idiomas.

Artigo 9º.-Acceso.

Estas ensinanzas están destinadas ao alumnado e ao profesorado de centros educativos sostidos con fondos públicos e poderán acceder os do propio centro así como tamén doutros.

CUALE A2: poderá cursar esta modalidade o alumnado que teña superadas todas as materias do segundo curso de educación secundaria obrigatoria, e que estea matriculado no 3º curso no centro que imparte a devandita modalidade ou noutros centros educativos públicos ou privados concertados e o profesorado que non teña coñecementos iniciais do idioma correspondente.

CUALE B1: poderá cursar esta modalidade o alumnado matriculado en bacharelato e ciclos formativos de formación profesional específica, e o alumnado de 3º ou 4º da ESO ou o profesorado que teña superado o nivel básico das escolas oficiais de idiomas ou posúa o certificado do nivel A2 segundo o MCERL dalgunha das entidades certificadoras recoñecidas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

CUALE B2: poderá cursar esta modalidade o alumnado de 3º ou 4º da ESO, de bacharelato, de ciclos formativos de formación profesional e o profesorado que teña superado o nivel intermedio das escolas oficiais de idiomas ou posúa o certificado do nivel B1 segundo o MCERL dalgunha das entidades certificadoras recoñecidas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 10º.-Organización.

1. Para a constitución dun grupo establécese un mínimo de 10 alumnos/as.

2. Os agrupamentos dentro de cada modalidade faranse mantendo en grupos distintos o alumnado procedente do colectivo de alumnos/as e ao procedente do profesorado.

3. A formación para cada modalidade organizarase cunha duración dun curso escolar, de xeito que ao finalizalo o alumnado estea en condicións de superar as probas de certificación do nivel correspondente do MCERL e/ou as probas de nivel das escolas oficiais de idiomas.

4. O currículo, obxectivos, contidos, metodoloxía e criterios de avaliación terán como referencia o nivel do MCERL.

5. O profesorado dos centros docentes públicos que imparta esta modalidade será o responsable da elaboración e avaliación de probas de aproveitamento, que se axustarán, en todo caso, aos criterios e á estrutura establecidos na correspondente programación didáctica.

6. Ao finalizar o curso o profesorado de linguas estranxeiras implicado no programa deberá elaborar unha memoria, consonte o artigo 12º desta orde.

Artigo 11º.-Avaliación e certificación.

1. O profesorado responsable realizará probas ao remate dos cursos.

2. Para a avaliación positiva será preciso ter unha cualificación igual o maior de 5.

3. Os participantes que asistan regularmente e teñan avaliación positiva nos cursos preparatorios para a adquisición dos niveis correspondentes do MCERL recibirán unha certificación expedida polo centro educativo onde constarán o idioma, a modalidade e a cualificación obtida.

4. No caso de non ter avaliación positiva no curso, o alumnado poderá inscribirse na mesma modalidade por segunda e última vez.

5. O profesorado que obteña avaliación positiva recibirá unha certificación de 50 horas de formación permanente no idioma e o nivel de coñecementos que corresponda. A devandita certificación será expedida pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa á vista das actas presentadas polos centros. Establecerase un sistema de comprobación da asistencia, que será obrigatoria nun 85% da duración total destes cursos co fin de poder alcanzar a correspondente certificación.

Artigo 12º.-Memoria.

Os centros que estean a participar nas distintas modalidades establecidas nesta orde deberanlle remitir anualmente á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, antes do 30 de xuño, unha memoria final, que tamén se incluirá na memoria final de curso que o centro remite aos servizos provinciais de Inspección Educativa. A memoria, que poderá ter formato de formulario «en liña», deberá recoller os seguintes puntos: valoración do profesorado responsable sobre os obxectivos acadados e sobre o funcionamento do programa, probas realizadas, actas de asistencia e acta final en que se faga constar a modalidade e o idioma cos participantes e as súas cualificacións expresadas numericamente de 1 a 10. Na devandita acta deberá figurar o visto e prace do director ou directora do centro. No caso de que os participantes pertenzan ao colectivo do alumnado figurará tamén o curso en que están matriculados.

Disposición adicional

Única.-A dirección de cada centro educativo arbitrará as medidas necesarias para que o contido desta orde sexa coñecido por todos os sectores da comunidade educativa; o contido desta orde e a información complementaria, así como o modelo de solicitude atoparanse na páxina da internet http://www.edu.xunta.es/linguasestranxeiras, sección programa CUALE.

Disposición transitoria

Os centros que teñen autorizada a participación no programa CUALE de acordo coa Orde do 1 de xuño de 2007, pola que establece o programa de cursos para formación complementaria da aprendizaxe de linguas estranxeiras, CUALE, nos institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán presentar o anexo I dentro do prazo establecido, e consideraranse autorizados automaticamente sempre que cumpran as condicións establecidas por esta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde no seu ámbito competencial.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 1 de xuño de 2007 pola que establece o programa de cursos para formación complementaria da aprendizaxe de linguas estranxeiras, CUALE, nos institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "11000D001P007.PDF"