Visto o acordo que se subscribiu con data 18-12-2009 entre a representación da empresa e os representantes dos traballadores, recollido como anexo inseparable do convenio colectivo da empresa Editorial La Capital, S.L. (código de convenio: 8200663), e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo,
A Dirección Xeral de Relacións Laborais
ACORDA:
Primeiro-Ordenar a inscrición do dito acordo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral, con notificación á comisión negociadora.
Segundo.-Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.
Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 6 de maio de 2010.
Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Relacións Laborais
ANEXO
Acta final de anexo ao convenio colectivo de 2008 da empresa Editorial La Capital, S.L., extensivo á empresa Artes Gráficas La Capital, S.A., e con efectividade para 2010
-Representación social:
Marta García Reparaz.
Javier Vázquez Gómez.
Susana González Conde.
María Jesús Rico Iglesias.
-Representación empresarial:
Juan Ramón Díaz García.
Ana Lorenzo Benito.
José María Rioboo Núñez.
Reunidos na sede social da empresa Editorial La Capital, S.L., sita no polígono de Pocomaco, parcela C-12 da cidade da Coruña, o día 18 de decembro de 2009, as persoas enriba indicadas, compoñentes da representación legal dos traballadores e da parte empresarial, acordaron:
1. Considerando a grave crise empresarial que atravesa o sector, os traballadores, reunidos en asembleas, acordaron aceptar a suspensión do incremento do 2,5% establecido en convenio para o ano 2010.
2. Consonte o establecido no punto anterior, a empresa comprométese a respectar durante o ano 2010 a mesma táboa salarial establecida como anexo número 1 no convenio colectivo vixente para 2009.
3. Así mesmo, a empresa comprométese a que durante ese ano 2010 non será presentado ningún ERE.
4. Canto ás medidas tendentes a minimizar a crise, a empresa tomará entre outras as seguintes:
-Redución do gasto en telefonía, impresoras, colaboradores, axencias de información, enerxía eléctrica, consumo de papel, pranchas, impresión, viaxes, promocións, protocolo e relacións públicas...
-Nova páxina web para todos os diarios, incluído o deportivo, con obxecto de reforzar os ingresos publicitarios.
5. A principios de decembro de 2010, cos datos reais da conta de resultados do grupo, a compañía manterá unha reunión cos representantes dos traballadores para analizar as posibilidades de abordar a suba do 2,5%, establecida no convenio para o ano 2010, a partir do ano 2011.
6. Este acordo formará anexo inseparable do convenio colectivo da empresa Editorial La Capital, S.L., extensivo á empresa Artes Gráficas La Capital, S.A. de 2008.
En proba de conformidade, asinan as partes no lugar e data indicados no encabezamento.