DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Xoves, 10 de xuño de 2010 Páx. 10.489

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 89/2010, do 3 de xuño, polo que se modifica a ordenación provisional aprobada no Decreto 102/2006, do 22 de xuño, polo que se suspende a vixencia das normas subsidiarias de planeamento de Viveiro e se aproba a ordenación urbanística provisional ata a entrada en vigor do novo planeamento.

Mediante o Decreto 102/2006, do 22 de xuño (DOG nº 120, do 23 de xuño) e ao amparo do disposto no artigo 96 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o Consello da Xunta de Galicia suspendeu a vixencia do planeamento de Viveiro (Lugo) e fixou a ordenación provisional, inserida no anexo do citado decreto que se aplicará nese municipio con carácter transitorio ata a entrada en vigor do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Con data do 9 de xullo de 2009 o Concello Pleno de Viveiro acordou, por unanimidade, solicitar á Xunta de Galicia a modificación da referida ordenación urbanística provisional nos termos recollidos no dito acordo.

O fin da proposta municipal é o de introducir varias modificacións concretas na dita ordenación urbanística provisional. Preténdese a emenda dunha serie de anomalías, defectos e dificultades detectadas á hora de aplicar o Decreto 102/2006 logo de máis de tres anos de suspensión de licenzas co ánimo de facilitar a súa aplicación ata a entrada en vigor do futuro novo plan xeral de ordenación municipal. Tendo en conta, ademais, que a propia situación económica deixou aparcado o boom inmobiliario, as modificacións presentadas permitirán unha xestión máis áxil do concello e maior seguridade xurídica.

Na súa virtude, de conformidade co establecido pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, de acordo co ditame da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, con data do 17 de marzo de 2010, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de xuño de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase a ordenación urbanística provisional no termo municipal de Viveiro, provincia de Lugo, contida no anexo do Decreto 102/2006, do 22 de xuño, polo que se suspende a vixencia das normas subsidiarias de planeamento de Viveiro e se aproba a ordenación urbanística provisional ata a entrada en vigor do novo planeamento (DOG nº 120, do 23 de xuño), do seguinte xeito:

1. O artigo 1º.2.3. queda redactado como segue:

1º.2.3. Permítese a construción de semisotos que non sobresaian máis dun metro en calquera das rasantes do terreo en contacto coa edificación. Tamén se permite a construción de sotos sempre que non sobresaian en ningún punto da rasante natural do terreo en contacto coa edificación.

Non se permitirá a ocupación en planta baixo rasante fóra da proxección vertical da planta baixa.

2. O artigo 1º.4.1. queda redactado como segue:

Esta ordenanza é de aplicación aos terreos clasificados como solo urbano nas normas subsidiarias de planeamento municipal, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Lugo o 29-4-1986, que cumpran os requisitos sinalados no punto 1.1 desta ordenación provisional, para a súa consideración como solo urbano consolidado, agás aqueles en que resulte de aplicación outra ordenanza. Aplicarase tamén no caso de terreos sitos en cuarteiróns ou conxuntos edificatorios que se deban completar cunha edificación en continuidade cunha soa medianeira.

3. O artigo 1º.4.2. queda redactado como segue:

1º.4.2.Condicións específicas de edificación.

a) Tipoloxía: edificación de vivenda unifamiliar illada ou entre medianeiras.

b) Parcela mínima: 300 metros cadrados.

No caso de vivenda unifamiliar entre medianeiras a parcela mínima será a suficiente para cumprir as condicións de habitabilidade que lle sexan de aplicación.

c) Fronte mínima de parcela: 12 metros.

No caso de vivenda unifamiliar entre medianeiras a fronte mínima de parcela será a correspondente para cumprir as condicións de habitabilidade que lle sexan de aplicación.

d) Ocupación máxima da parcela pola edificación: 200 metros cadrados. Exceptúanse desta limitación as vivendas unifamiliares entre medianeiras.

e) Fondo máximo só para o caso de vivenda unifamiliar entre medianeiras: 10 metros.

f) Recuamento mínimo: 3 metros a todos os lindeiros da parcela.

No caso de vivenda unifamiliar entre medianeiras elimínase a necesidade do recuamento mínimo aos lindeiros de parcela agás na fronte, onde se aplicará o predominante do cuarteirón correspondente.

g) Altura máxima: planta baixa e unha planta alta, cun máximo de 7 metros.

h) As cubertas das edificacións estarán formadas por planos continuos sen quebraduras dos seus faldróns e prohíbense as mansardas e outros volumes sobre os faldróns de cuberta, permitíndose unicamente chemineas. A pendente máxima permitida será de 45 graos sesaxesimais medidos desde o plano superior do último forxado, cunha altura máxima de cumieira de 4 metros.

Permítese o aproveitamento baixo cuberta para uso residencial sen alterar as condicións xeométricas establecidas neste punto.

4. O artigo 1º.5.1. queda redactado como segue:

1º.5.1. Ámbito de aplicación. Esta ordenanza é de aplicación aos terreos clasificados como solo urbano nas normas subsidiarias de planeamento municipal, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Lugo o 29-4-1986, que cumpran os requisitos sinalados no punto 1.1 desta ordenación provisional, para a súa consideración como solo urbano consolidado, e se atopen situados entre edificacións construídas entre medianeiras, en tramos de fachada consolidados pola edificación cunha altura media igual ou superior a tres plantas. Aplicarase tamén no caso de terreos sitos en cuarteiróns ou conxuntos edificatorios que se deban completar cunha edificación en continuidade cunha soa medianeira.

Para os efectos de determinar a altura media do tramo de fachada serán de aplicación os criterios establecidos no artigo 99 do Regulamento de planeamento urbanístico.

5. O artigo 1º.5.2. queda redactado como segue:

1º.5.2. Condicións específicas de edificación.

a) Tipoloxía: edificacións entre medianís de uso residencial en vivenda colectiva.

b) Parcela mínima: será a suficiente para cumprir as condicións de habitabilidade que lle sexan de aplicación.

c) Fronte mínima á vía pública: será a suficiente para cumprir as condicións de habitabilidade que lle sexan de aplicación.

d) Fondo máximo edificable: 18 metros nas plantas altas.

O espazo interior do polígono delimitado trazando paralelas aos aliñamentos exteriores á distancia sinalada como fondo de edificación será considerada como patio de cuarteirón e edificación de 1 planta ou 5 metros de altura.

e) A edificación deberá construírse coa liña de fachada sobre o aliñamento exterior e acaroarse ás estremas laterais.

f) Altura máxima: a altura máxima permitida, en número de plantas, será a media das alturas das dúas edificacións lindeiras. No caso de que a diferenza de altura sexa de só unha planta, a altura máxima permitida será a da edificación lindeira de menor altura.

No caso de terreos sitos en cuarteiróns ou conxuntos edificatorios que haxa que rematar cunha edificación en continuidade cunha soa medianeira, a altura máxima corresponderá á da edificación cuxa medianeira se vaia cubrir.

Para os efectos do establecido nos parágrafos anteriores, só se poderán ter en conta as edificacións legalmente executadas.

Poderanse construír entreplantas nas plantas baixas que non estean destinadas a vivenda. A altura da planta baixa non poderá superar os 5 metros medidos desde a rasante do terreo ata a cara inferior do primeiro forxado.

A correlación entre o número máximo de plantas permitido e a altura de cornixa en metros, será o seguinte:

2 plantas: 7 metros.

3 plantas: 11 metros.

4 plantas: 14 metros.

5 plantas: 17 metros.

6 plantas: 20 metros.

7 plantas: 23 metros.

g) Cubertas: mantense en vigor o establecido na modificación puntual da normativa urbanística das normas subsidiarias de planeamento municipal, ABC (aproveitamento baixo cuberta).

h) Voos: permitiranse corpos voados pechados sobre as vías ou espazos públicos.

Permítense galerías ou balcóns coas seguintes condicións:

-Que estean a unha altura maior de 3,60 metros por enriba da rasante da rúa, medidas desde o punto máis desfavorable.

-Nas rúas de largo inferior a 8 metros non se permiten.

-Nas rúas con largo superior a 8 metros, os saíntes poden acadar 1/20 do largo da rúa, non podendo exceder a dimensión de 1,20 metros. En calquera caso o corpo voado deberá estar recuado como mínimo 0,30 metros desde o plano do bordo e 0,25 desde a medianeira.

6. O artigo 4º.2. queda redactado como segue:

a) Altura máxima: 4 plantas (B+3), ou a que requira a instalación xustificada.

b) Recuamentos mínimos: 5 metros en todos os lindeiros.

c) Condicións de parcelación: superficie edificable máxima 50%.

d) Edificabilidade: 1 m2/m2.

7. O artigo 5º.2. queda redactado como segue:

5.2. Réxime de protección.

Será de aplicación o establecido no artigo 106 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, así como a lexislación vixente en materia de estradas.

En todo caso, prohíbese a apertura de novas vías, rúas ou camiños, así como a ampliación dos existentes, sen prexuízo do establecido na lexislación aplicable ás estradas de titularidade estatal ou autonómica. Non obstante, enténdese que se poderán autorizar nelas obras de urbanización.

Cando se trate de terreos clasificados como solo rústico ou non urbanizable, será de aplicación o réxime establecido para o solo rústico de especial protección de infraestruturas que inclúe o dominio público e os terreos contiguos ata a liña límite de edificación.

8. O artigo 7º.1. queda redactado como segue:

O ámbito de aplicación desta ordenanza serán os núcleos rurais delimitados no documento Adaptación das normas subsidiarias de planeamento municipal á Lei do solo de Galicia e modificacións, do que emitiu informe o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, con data do 31 de xullo de 1997, con carácter previo á súa aprobación definitiva, e ao que se refire o punto segundo do acordo do Pleno do Concello de Viveiro con data do 2 de setembro de 1997.

Esta ordenanza aplícase tamén aos núcleos rurais a que se refire o apartado primeiro do devandito acordo e que se delimitan no documento denominado Adaptación das normas subsidiarias de planeamento municipal á Lei do solo de Galicia e modificacións (núcleos adicionais) con data de xullo de 1998.

9. O artigo 7.2. queda redactado como segue:

7.2. Condicións de edificación.

Para edificar no ámbito desta ordenanza será de aplicación o establecido nos artigos 24 a 29, 104 e 171 a 173 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, coas seguintes particularidades:

a) Parcela mínima edificable: 600 metros cadrados.

b) Fronte mínima de parcela: non se establece.

c) Só serán edificables as parcelas con fronte á vía pública.

Non se permite a segregación ou división de parcelas nin serán edificables as parcelas procedentes de segregacións ou divisións realizadas despois da entrada en vigor da Lei 15/2004, de modificación da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

d) A superficie total ocupada en planta pola edificación non poderá superar os 150 metros cadrados.

e) Altura máxima: planta baixa e unha planta alta, cun máximo de 7 metros medidos no centro de todas as fachadas, desde a rasante natural do terreo ao arrinque inferior da vertente de cuberta.

f) Recuamentos mínimos: recuamento frontal mínimo de 5 metros; 3 metros aos restantes lindeiros, sen prexuízo das limitacións establecidas pola lexislación sectorial de aplicación en materia de estradas.

g) Tipoloxía edificatoria: vivenda unifamiliar illada.

h) Só se permitirá unha vivenda en cada parcela.

i) A nova edificación deberá situarse a unha distancia inferior a 50 metros doutra vivenda existente con anterioridade á entrada en vigor da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

10. O artigo 9º.1. queda redactado como segue:

9º.1. Ámbito de aplicación.

Esta ordenanza será de aplicación:

-Aos terreos clasificados no documento de adaptación á Lei de solo de Galicia das normas subsidiarias de planeamento municipal de Viveiro, aprobado definitivamente con data do 2-9-1997, como solo non urbanizable internuclear en calquera das súas categorías, así como o solo non urbanizable especialmente protexido.

-Aos terreos clasificados como solo urbanizable no documento de revisión das normas subsidiarias de planeamento municipal de Viveiro, aprobado definitivamente pola CPU con data do 29-4-1986, así como nas modificacións puntuais a este, agás o ámbito do Plan parcial de Lavandeiras e Lodeiros, aprobado definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Lugo con data do 25 de febreiro de 1994 e do solo urbanizable non delimitado de uso industrial para parque empresarial en Chavín.

-Aos terreos situados nunha franxa de 200 metros de largo desde o límite dos espazos declarados como zonas de especial protección dos valores naturais polo Decreto 72/2004, do 2 de abril (DOG nº 69, do 12 de abril), agás os solos urbanos e de núcleo rural.

11. O artigo 12º queda redactado como segue:

12º. Parque empresarial de Landrove.

A actuación relativa ao parque empresarial de Landrove recollida no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado por acordo do Consello da Xunta do 27-5-2004 (DOG nº 134, do 13 de xullo), mantense nos termos recollidos no devandito plan sectorial; debe desenvolverse mediante o correspondente proxecto sectorial segundo o establecido no Decreto 80/2000, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de xuño de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas