DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Martes, 08 de xuño de 2010 Páx. 10.370

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 31 de maio de 2010 pola que se convocan dous cursos sobre condución e manexo de vehículos motobomba.

Dentro das actividades programadas para o ano 2010 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria de dous cursos sobre condución e manexo de vehículos motobomba, conforme as seguintes bases.

1. Datos da actividade.

Denominación: condución e manexo de vehículos motobomba.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 20.

Modalidade: presencial.

Obxectivos: con este curso preténdese conseguir que os/as condutores/as de vehículos motobomba de diferentes servizos de emerxencias e protección civil adquiran coñecementos teórico-prácticos para conducir con maior seguridade os vehículos motobomba empregados na loita contra incendios.

Contido: o contido do curso de condución e manexo de vehículos motobomba divídese en dúas partes:

Teoría:

4 horas nas cales se abordarán os seguintes temas:

Posición de condución:

-Movementos do volante.

-Traxectorias.

-Adherencia do pneumático.

-Uso freo/acelerador.

-Transferencia de masas, centro de gravidade, eixe balanceo.

Condución todo terreo:

-Características das motobombas.

-Peculiaridades no uso do acelerador/freo/embrague e caixa de cambios.

-Ángulo de ataque, ángulo de saída. Pendentes lonxitudinais.

-Ángulo de crista.

-Ángulo de inclinación transversal.

-Subida e baixada de superficies escorregadiza.

Módulo de igualdade de oportunidades.

Práctica:

16 horas de prácticas de condución en simulador e en circuíto e manexo de bombas. Para a realización das prácticas cada alumno ou grupo de alumnos procedentes dun mesmo servizo deberán traer a súa motobomba, de xeito que haxa como mínimo un vehículo motobomba por cada tres alumnos.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: un curso vai dirixido aos profesionais dos servizos de protección civil dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan asinado convenio coa Xunta de Galicia para o funcionamento do Grumir e o outro aos condutores de vehículos motobomba dos diferentes servizos de emerxencias ao servizo das administracións públicas.

Prazas ofertadas: 20 prazas por cada curso.

Reservarase o 50% das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37 bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 24 de xuño de 2010.

Para inscribirse, os solicitantes cubrirán a solicitude de participación que se encontra na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública http://agasp.xunta.es, na sección Actividades formativas, cursos con inscrición aberta, non sendo admisibles outros modelos de solicitude, e remitirana telematicamente.

Esta mesma solicitude, unha vez remitida a través da web, deberán imprimila, asinala a/o solicitante e obter tamén a sinatura da autoridade do concello ou organismo de que dependan, enviándoa á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, a través do fax 886 20 61 23, por correo postal ou segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Xunto coa solicitude deberase achegar autorización da autoridade do concello ou organismo do que dependa o solicitante, para poder asistir ao curso e utilizar o vehículo motobomba no caso de ser admitido.

Obrigas das persoas seleccionadas: as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, a non ser que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. Esta renuncia deberase comunicar por escrito á Academia Galega de Seguridade Pública, por correo electrónico ao enderezo formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as cales reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Academia Galega de Seguridade Pública).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: sede da Academia Galega de Seguridade Pública.

Horario: clases presenciais das 10.00 as 14.00 horas.

Datas: o primeiro dos cursos terá lugar os días 5, 6 e 7 de xullo e o segundo os días 7, 8 e 9 de xullo.

Certificado de asistencia: ao remate da actividade entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.

5. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Academia Galega de Seguridade Pública, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG nº 30, do 12 de febreiro).

6. Financiación da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80% polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

7. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 31 de maio de 2010.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública