DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Martes, 08 de xuño de 2010 Páx. 10.366

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 3 de xuño de 2010 pola que se fan públicas as bases do concurso XXII Cata dos viños de Galicia que terá lugar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2010.

A Consellería do Medio Rural ten encomendadas, entre outras funcións, as actividades relacionadas coa política alimentaria dentro das que se enmarcan a defensa e a promoción dos produtos agroalimentarios con distintivo de calidade.

Nos últimos anos os concursos de viños experimentaron un auxe importante na súa difusión, o que sen dúbida contribúe á promoción e prestixio destes produtos entre o consumidor, así como aos efectos positivos tanto na mellora tecnolóxica da vitivinicultura como na calidade final do produto.

O Real decreto 1679/1999, do 29 de outubro, establece as normas básicas reguladoras dos concursos de viños oficiais e oficialmente recoñecidos que teñan lugar no territorio do Estado español así como as distincións outorgadas ás partidas ou lotes de viños que sexan premiados en tales concursos e a súa posterior utilización.

A Resolución da Dirección Xeral de Industria e Mercados Alimentarios (BOE nº 2, do 2-1-2010, corrección de erros BOE nº 21, do 25 de xaneiro), pertencente ao Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño, publicou o calendario de concursos de viños que terán lugar durante o ano 2010 no territorio nacional, entre os que figuran os recoñecidos para a Comunidade Autónoma de Galicia.

A Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais elaborou, coa colaboración dos consellos reguladores dos viños de Galicia, as bases do concurso oficial que terá lugar na comunidade autónoma no ano 2010. De acordo co establecido no artigo 5.1º do Real decreto 1679/99 procede dar publicidade ás ditas bases no Diario Oficial de Galicia.

Por iso, de conformidade co artigo 30.1.3º e 4º do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.

Publícanse as bases do concurso oficial de viños, XXII Cata dos viños de Galicia, que se desenvolverá na Comunidade Autónoma de Galicia neste ano 2010 e que figura no anexo I.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO I

XXII Cata dos viños de Galicia

Organizada pola Consellería do Medio Rural, coa colaboración dos consellos reguladores das denominacións de orixe Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Monterrei e Ribeira Sacra, terá lugar a XXII Cata dos viños de Galicia 2010, que consistirá nunha fase inicial de precata ou cata de selección e unha cata final.

Bases da cata.

1. Nesta cata poderán participar os viños elaborados polas adegas inscritas nos rexistros de cada unha das denominacións de orixe existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, así como os viños elaborados polas adegas produtoras de viños con indicación xeográfica (Viños da Terra) da Comunidade Autónoma de Galicia, con produción controlada na campaña 2009. Estas indicacións xeográficas son: Val do Miño-Ourense, Betanzos e Barbanza e Iria.

2. As adegas que desexen participar cos seus viños nesta cata deberán enviar, no prazo de dez días a partir do día seguinte ao da publicación desta orde, o correspondente boletín de inscrición (anexo II) debidamente cuberto aos consellos reguladores en que estean inscritos ou á Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, sita na avenida do Camiño Francés, 10, para o caso dos Viños da Terra.

Os consellos reguladores certificarán que as adegas que se inscriban para participar neste concurso, cumpren os requisitos e condicións establecidas nestas bases.

3. Todos os viños que se presenten á cata terán que ser da colleita do ano 2009, agás os que nalgunha das fases de elaboración estivesen en contacto con madeira que poderán ser do ano 2008.

As marcas presentadas por cada adega non poderán ser máis de dous viños brancos e dous viños tintos. Non obstante, para os grupos Viños de Colleiteiro e Viños da Terra as marcas presentadas por cada adega non poderán ser máis dun viño branco e un viño tinto.

Todas as mostras que se presenten a concurso corresponderán a marcas que se estean comercializando, debendo estar etiquetadas segundo a normativa vixente.

4. Non será admitido ningún participante que nos dous anos anteriores á data de presentación da solicitude fose sancionado por infracción moi grave á lexislación agroalimentaria mediante resolución firme de calquera das administracións públicas.

5. As adegas indicarán no boletín de inscrición o número de litros da partida inicial de cada marca que se presente a concurso, a cal non deberá ser inferior a 10.000 litros. No caso das denominacións de orixe cada consello regulador certificará o cumprimento deste requisito con anterioridade ao inicio da recollida das mostras e para os viños da terra corresponderá ao Instituto Galego de Calidade Alimentaria (Ingacal)

As existencias mínimas en adega no momento da recollida serán de 5.000 litros, dos que cando menos 1.000 litros deberán estar embotellados e correctamente etiquetados para a obtención da mostra que se presente ao concurso.

Non obstante o establecido nos dous parágrafos anteriores, para poder participar no grupo de Viños de Colleiteiro, establecido no punto 13 das bases, as adegas terán unha capacidade final de elaboración e embotellado non superior a 60.000 litros. Os viños serán de colleita propia, a partida inicial será de 5.000 litros e as existencias mínimas na adega no momento da recollida serán de 2.500 litros, dos que, cando menos, 500 litros deberán estar embotellados e correctamente etiquetados para a obtención da mostra que se presente ao concurso.

Para poder participar no grupo de Viños da Terra, o número de litros da partida inicial do viño que se presente ao concurso non será inferior a 2.500 litros, dos que deberán ter unhas existencias de 1.250 litros no momento da recollida e, cando menos, 500 litros deberán estar embotellados e correctamente etiquetados para a obtención da mostra que se presente ao concurso.

A identificación e recollida das mostras será realizada pola organización, contando no caso dos viños con denominación de orixe, con apoio de persoal do consello regulador de acordo co programa que previamente se estableza.

Para compoñer a mostra elixiranse ao chou seis botellas do lote correspondente. Un representante da organización e o adegueiro ou o seu representante asinarán na etiqueta de cada unha das botellas.

Unha das botellas da mostra quedará na adega e as cinco restantes, unha vez envoltas en material opaco, introduciranse nas caixas que se precintarán e selarán cun selo oficial.

No exterior da caixa figurará unicamente o nome da denominación de orixe ou as mencións Viño de Colleiteiro ou Viño da Terra e se o viño é branco ou tinto, e serán transportadas ata o lugar da cata-concurso onde permanecerán depositadas e debidamente precintadas ata a celebración desta.

Da recollida de mostras redactarase a correspondente acta, na que asinarán un representante da industria e outro da organización.

6. Para a supervisión da cata existirá un xurado, presidido pola directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, actuando como secretario un funcionario da mesma dirección xeral e, como vogais, un representante de cada un dos cinco consellos reguladores.

7. Para a cualificación dos viños contarase cun panel de catadores, formado por un máximo de 18 expertos na análise sensorial, procedentes de asociacións, centros tecnolóxicos e científicos do sector vitivinícola, consellos reguladores dos viños, restauración, distribución e medios de comunicación especializados de Galicia e do resto do territorio español.

Para as catas de selección, e en razón do número de mostras, constituiranse varios paneis de expertos. Cada un deles contará, en todo momento, co material e elementos necesarios para o desenvolvemento do seu traballo de cata.

8. Empregarase o tipo de fichas oficiais aprobadas pola OIV-UIOE e as súas normas de aplicación. Para a puntuación de cada viño obterase a media das puntuacións individuais dadas polos catadores que compoñen o panel de cata, desprezando previamente as puntuacións extremas. Nos casos de empate calcularíase a mediana para determinar a mostra seleccionada.

9. O secretario e dous membros do xurado de cata comprobarán as actas de recollida e os precintos das caixas almacenadas e procederán a numeralas de novo de forma correlativa por tipo de viño e denominación de orixe. A continuación procederase á apertura das caixas, das que se extraerán dúas botellas que se numerarán co mesmo número da caixa. Cada caixa, na que quedarán tres botellas, será precintada de novo e permanecerá convenientemente custodiada.

As dúas botellas numeradas por mostra para a cata de selección pasarán aos refrixeradores onde permanecerán debidamente pechadas e precintadas ata o momento de iniciarse a cata de selección. Se neste acto de numeración de caixas e botellas aparecese algunha marca ou sinal que poida permitir a súa identificación, a mostra sería anulada.

10. Os viños cataranse por cada grupo e por series, e realizaranse os descansos precisos, ata a conclusión da análise sensorial das mostras.

O número máximo de viños seleccionados que pasarán á cata final será de seis para cada un dos grupos e tipos definidos no punto 13 destas bases.

Establecidos polo xurado os viños seleccionados nas precatas, o secretario procederá a separalos e daralles un novo número correlativo dentro de cada grupo e tipo, e a continuación pasarán aos refrixeradores que deberán estar totalmente baleiros e nos que, debidamente pechados e precintados, permanecerán ata a iniciación das catas finais.

11. As catas finais realizaranse seguindo as mesmas normas establecidas para as catas de selección.

Finalizada a cata-concurso, o secretario do xurado de cata procederá a identificar os viños premiados, tomando nota por escrito das marcas e adegas premiadas, e introducindo o documento cos citados datos en sobre pechado e lacrado. Este sobre será aberto no momento da entrega dos premios, e mentres tanto permanecerá en poder do secretario do xurado.

12. O xurado desta cata-concurso coidará especialmente que se conserve en todo momento o anonimato das mostras. O seu ditame nos premios será inapelable.

A entrega de premios realizarase nun acto convocado e organizado para tal fin, o cal se dotará da difusión, transcendencia e solemnidade axeitada.

13. Tanto para as catas de selección como para as catas finais establécense os grupos seguintes:

Denominación de Orixe Monterrei.

Denominación de Orixe Rías Baixas.

Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Denominación de Orixe Ribeiro.

Denominación de Orixe Valdeorras.

Viños de Colleiteiro.

Viños con Indicación Xeográfica (Viños da Terra).

14. Nesta XXII Cata dos viños de Galicia establécense os seguintes premios:

a) Mellor viño branco de Galicia e Mellor viño tinto de Galicia.

Para a selección destes dous premios realizarase unha cata final cos viños brancos e tintos mellor puntuados en cada denominación.

Entregarase un trofeo e un diploma acreditativos para o viño branco e o viño tinto que resulten mellor puntuados na cata final arriba mencionada.

b) A continuación, e para cada denominación de orixe de viños de Galicia, outorgaranse tres premios (trofeo e diploma acreditativo do posto acadado) aos tres viños mellor puntuados, coa exclusión, se é o caso, dos premiados como Mellor branco de Galicia e Mellor tinto de Galicia, así como diplomas para o resto dos finalistas en cada categoría.

c) Para o grupo Viños de Colleiteiro outorgarase premio para o mellor viño branco e mellor viño tinto de colleiteiro de todas as denominacións. Non obstante o anterior, se o número de mostras presentadas nalgunha das categorías (branco ou tinto) superase as 15, outorgaranse dous premios nesa categoría, e tres premios no caso de superarse as 25 mostras.

d) Para o grupo Viños da Terra outorgarase premio para o mellor viño da terra de todas as indicacións xeográficas.

As adegas que se inscriban para participar nos grupos de Viños de Colleiteiro e Viños da Terra quedarán excluídas de concursar e optar a premios nas outras categorías do concurso.

Se nalgunha das categorías non se contase cun mínimo de 5 mostras para a cata, esta non terá lugar.

15. Todos os participantes nesta XXII Cata dos viños de Galicia se comprometen a acatar estas bases de cata.

16. A directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais ditará cantas instrucións sexan necesarias para o correcto desenvolvemento desta XXII Cata dos viños de Galicia.

Ver referencia pdf "10700D009P082.PDF"