DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Martes, 08 de xuño de 2010 Páx. 10.291

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2010, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas en especie consistentes na entrega do equipamento necesario para garantirlles aos fogares galegos dos colectivos en risco de exclusión social a recepción das canles da TDT a través do satélite.

A política desenvolvida pola Secretaría Xeral de Medios no marco das competencias que lle atribúe o Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, está dirixida ao desenvolvemento, á mellora, e á dotación das infraestruturas de telecomunicación na nosa comunidade autónoma.

A transición da televisión analóxica á dixital require, ademais dunha serie de investimentos en grandes infraestruturas de telecomunicación, a realización dun proceso de adaptación nos nosos fogares, coa instalación de equipamentos receptores/decodificadores e, nalgún caso, como o é cando nos atopamos nunha zona de sombra, tamén de antenas receptoras satélite. É precisamente nestas zonas en que a TDT non conta coa cobertura suficiente onde a adaptación pode ser máis custosa para os colectivos en risco de exclusión social, polo que se debe evitar que se vexan afastados, por motivos económicos, das melloras tecnolóxicas e de información que supón a implantación da TDT. Nestas zonas de sombra convén que a Administración estableza os incentivos oportunos que axuden os cidadáns en risco de exclusión social.

Os principais países do noso contorno entenderon que a plataforma satelital se configura como a solución técnico-económica máis axeitada para cubrir as zonas do territorio sen posibilidade de acceder á TDT por vía terrestre, que en Galicia supoñen máis ou menos o 2% da poboación. Esta poboación sitúase en zonas dispersas e illadas, nas cales non é viable economicamente achegar a cobertura de servizo da TDT mediante emisores terrestres de televisión. A cobertura da rede terrestre de centros non cobre a totalidade da poboación (nin co servizo de televisión analóxica nin co sevizo de TDT), polo que se deseñou unha solución de difusión por satélite que permite universalizar o novo servizo de televisión.

Por este motivo, e posto que as actuacións que se están a desenvolver para o despregue da TDT deixan zonas de sombra, que afectan aproximadamente o 2% da poboación que non recibe o seu sinal, é necesario atender os colectivos que por motivos de exclusión social non van poder asumir os custos da adaptación, ofrecéndolles os equipamentos necesarios para a recepción das canles de TDT satelital.

É fundamental que a Xunta de Galicia impulse medidas para garantir que aqueles grupos de maior risco de exclusión social teñan acceso ao servizo público e universal de televisión.

A Secretaría Xeral de Medios considera necesario incrementar os esforzos dirixidos a dotar de información e apoio nestas zonas de sombra a aqueles colectivos que presentan un especial risco de exclusión social. Deste xeito, deseña accións de apoio a estes colectivos, consistentes na posta a disposición dos integrantes destes colectivos do equipamento de recepción da TDT satelital.

Con estes obxectivos, e nun contorno de crise económica, as medidas previstas nesta resolución contribuirán a amortiguar as posibles incidencias no despregamento da TDT, e evitarase que os colectivos máis febles teñan que asumir custos excesivos derivados deste proceso de adaptación nas zonas de sombra.

A sociedade pública Redes de Telecomunicación Galegas, Retegal, S.A., medio propio instrumental e servizo técnico da Administración da Xunta de Galicia, terá a consideración de entidade colaboradora nas actuacións derivadas desta resolución de axudas, segundo o previsto no artigo 9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De acordo co anterior, a Secretaría Xeral de Medios, acorda realizar unha convocatoria de axudas en especie dirixidas aos cidadáns galegos en situación de risco de exclusión social que non reciban os sinais das canles da TDT por vía terrestre.

Por todo iso, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras para a concesión de axudas en especie, consistentes na entrega do equipamento de recepción da TDT satelital a aqueles cidadáns galegos en situación de risco de exclusión social que residan nas zonas de sombra de cobertura da TDT. Este equipamento estará composto por antena parabólica, LNB, cable, conversor, conectores, soporte e equipo de recepción capaz de decodificar as canles anteriormente sinaladas.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas no ano 2010.

Artigo 2º.-Réxime das axudas.

1. Segundo se dispón na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante Lei 9/2007), e no artigo 3 do seu regulamento, as axudas consistentes na entrega de bens, que cumpran os requisitos establecidos nas letras a), b) e c) do artigo 2.1º, quedan suxeitas ás previsións desta lei.

2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e atenderanse todas as solicitudes que cumpran os requisitos exixidos, de acordo co establecido no artigo 19.2º da Lei 9/2007, e segundo a dispoñibilidade orzamentaria.

3. Para a adquisicións dos equipamentos obxecto desta convocatoria de axudas resérvase crédito na aplicación orzamentaria 04.30.461B.603.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, por importe de 500.000 €.

Artigo 3º.-Situacións subvencionables.

1. Considéranse como situacións merecedoras de axuda as dos cidadáns que teñen o seu domicilio principal nunha zona de sombra e que, como consecuencia, non reciben as canles de TDT por vía terrestre, sendo a vía satelital a única opción para achegar a televisión dixital a estes fogares. Ademais, estes cidadáns, para poderen beneficiarse destas axudas, deberán pertencer a colectivos en risco de exclusión social segundo se definen no artigo 4º.

2. A axuda consistirá na entrega ao beneficiario do equipamento necesario para a recepción das canles de TDT a través do satélite. A Secretaría Xeral de Medios, coa colaboración dos concellos, informará aquelas persoas que por residiren en zona de sombra e por se atoparen nalgunha das situacións a que se fai referencia no artigo 4, poidan ser beneficiarias destas axudas en especie.

3. A adquisición dos equipamentos realizaraa a sociedade pública Retegal, S.A., no exercicio das súas competencias en infraestruturas e prestación de servizos en materia de telecomunicacións, e a entrega ao beneficiario farase a través do distribuidor autorizado polos fabricantes de receptores TDT-Sat que resulte adxudicatario do contrato que para estes efectos convoque Retegal, S.A., de acordo coa Resolución do 6 de maio de 2010 pola que se acorda encomendarlle o programa de investimentos necesarios para o despregamento da televisión dixital satelital.

4. A instalación incluirá cantas actuacións sexan precisas para que o equipamento de recepción da TDT satelital quede perfectamente operativo. Para estes efectos, a instalación comprenderá a conexión do equipo á rede eléctrica, a súa conexión ao receptor de televisión, a toma de antena e a sintonización das canles no dispositivo instalado. Retegal, S.A. garantirá, mediante a súa supervisión e control, a correcta instalación do equipamento que permita a recepción das canles da TDT.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

1. Son beneficiarios destas axudas as persoas físicas que residan nunha zona de sombra onde non se reciban as canles de televisión da TDT por vía terrestre e pertenzan a algún destes colectivos:

a) Persoas maiores de 65 anos ou máis e unha dependencia recoñecida de grao II ou III.

b) Persoas cun grao de discapacidade do 33% ou superior, constará como unha das súas discapacidades algunha de tipo auditivo ou visual.

c) Persoas maiores de 80 anos que vivan soas ou en compaña doutra persoa maior de 80 anos.

2. Ademais, estes colectivos terán que cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter o seu domicilio principal en Galicia, no fogar situado na zona de sombra para o cal se solicita o equipamento de recepción da TDT satélite.

b) Non ter sido beneficiado doutro programa de contido e finalidade parecida de calquera outra entidade pública ou privada.

3. Non poderán acadar a condición de beneficiario aqueles solicitantes en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007.

4. Unicamente poderá realizarse unha entrega e instalación por fogar, de xeito que a presenza nun mesmo fogar de máis dunha persoa pertencente a algún dos colectivos identificados como de risco de exclusión social non dará dereito á entrega de máis dun equipo.

5. A percepción da axuda é incompatible co desfrute doutras axudas ou subvencións outorgadas co mesmo obxecto por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das axudas deberá presentarse unha solicitude, dirixida á Secretaría Xeral de Medios, axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I desta resolución.

2. Xunto coa solicitude (anexo I) deberá achegarse a seguinte documentación:

Documentación común para todos os solicitantes:

a) Fotocopia compulsada do DNI do solicitante (agás que se autorice a consulta dos seus datos de identidade no sistema de verificación de datos do Ministerio de Presidencia).

b) Acreditación do empadroamento no seu concello de residencia coa relación de persoas con que convive.

Documentación específica segundo o colectivo a que pertenza:

a) Para os solicitantes en situación de dependencia, fotocopia compulsada da resolución de recoñecemento do grao de dependencia de grao II ou III.

b) Para os solicitantes con discapacidade auditiva ou visual, a fotocopia compulsada do certificado do grao de discapacidade do 33% ou superior, acreditada polo Equipo de Valoración e Orientación (EVO), segundo o Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro, de procedemento para o recoñecemento, a declaración e cualificación do grao de discapacidade.

3. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 ao 56 da Lei 9/2007.

4. Os datos de carácter persoal contidos na solicitude serán obxecto de tratamento e para ese efecto procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptando tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

5. A finalidade da recollida e do tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

6. Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, non obstante, a Secretaría Xeral de Medios, revelaralles ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida, de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

7. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito, achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo, rúa do Hórreo, 61-1º andar, 15701 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atoparse na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 6º.-Prazo e lugar de presentación das solicitudes.

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 31 de xullo de 2010.

2. A presentación de solicitudes farase preferentemente no Rexistro Único da Xunta de Galicia, no complexo administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela. Non obstante, poderanse presentar no rexistro de calquera órgano da Xunta de Galicia, da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante Lei 30/1992).

Artigo 7º.-Órganos competentes.

A Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Xestión de Medios Audiovisuais será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da axuda, correspondéndolle á Secretaría Xeral de Medios ditar a resolución de concesión que corresponda.

Artigo 8º.-Instrución do procedemento.

1. Con anterioridade á resolución de concesión da axuda, a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Xestión de Medios Audiovisuais verificará, a través do informe técnico correspondente, que o solicitante se atopa efectivamente nunha zona de sombra que lle impide recoller o sinal da TDT por vía terrestre.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se dará por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Segundo o disposto no artigo 19.2º da Lei 9/2007, unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas e sempre que se cumpran os requisitos establecidos nesta convocatoria, a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Xestión de Medios Audiovisuais, formulará a proposta de concesión de axudas, atendendo á data de entrada da solicitude; sen que sexa necesario realizar unha comparación. Esta proposta estará condicionada á dispoñibilidade orzamentaria prevista para tal fin. No caso de que existan máis solicitudes das que se poidan atender por esgotarse o crédito orzamentario resolverase pola prelación que resulte da data de entrada.

5. A Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Xestión de Medios Audiovisuais, antes da finalización do prazo indicado no artigo 6.1º, poderá formular propostas parciais de concesión de axudas.

Artigo 9º.-Resolución e notificación.

1. A proposta de concesión elevarase ao secretario xeral de Medios, que ditará a correspondente resolución, no prazo de 15 días desde a elevación da proposta de resolución, que deberá estar motivada, e expresar, de ser o caso, a causa de denegación.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de nove meses contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas de desestimación.

Artigo 10º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución, ou potestativamente interpor, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante o secretario xeral de Medios.

Artigo 11º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos quince días naturais desde a súa notificación sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á axuda, entendese que a acepta, adquirindo, desde ese momento, a condición de beneficiario.

2. A renuncia á axuda poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992.

3. No caso de que se comunique a renuncia, o secretario xeral de Medios ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992.

Artigo 12º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios, ademais das xerais recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, as seguintes:

a) Destinar o equipamento á finalidade recollida nesta convocatoria.

b) Acreditar ante a entidade concedente o cumprimento dos requisitos e condicións que determinan a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou excepcionalmente o que se sinale na resolución cando esta sexa consecuencia da aceptación dun recurso potestativo de reposición.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de fiscalización e control que corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa axuda concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

d) Comunicarlle á Secretaría Xeral de Medios a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, obtidos de calquera administración pública ou entes públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da axuda.

e) Proceder ao reintegro, total ou parcial, do equipamento entregado, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007.

Artigo 13º.-Xustificación e entrega dos equipamentos.

1. Antes de proceder á entrega do equipamento de recepción da TDT satelital, os órganos competentes da Secretaría Xeral de Medios poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento dos requisitos, as circunstancias do beneficiario e das condicións establecidas para a concesión.

2. A entrega e instalación do equipamento de recepción da TDT satelital farase constar no documento de entrega (anexo II) que será asinado polo beneficiario. Este documento será remitido polo distribuidor autorizado á Secretaría Xeral de Medios, a través da sociedade Retegal, S.A., e fará de xustificación da axuda acreditando a recepción do equipamento de recepción da TDT satelital, a correcta execución dos traballos de instalación do equipamento e o seu adecuado funcionamento.

Artigo 14º.-Incumprimento, reintegro e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver o equipamento entregado.

2. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, ou da obriga de xustificación, dará lugar á perda do dereito á entrega ou, de ser o caso, ao reintegro.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II «Do reintegro de subvencións» da Lei 9/2007.

4. Aos beneficiarios das axudas reguladas nesta convocatoria seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007.

Artigo 15º.-Control.

1. A Secretaría Xeral de Medios, a través da sociedade pública Retegal, S.A., realizará actuacións de control e verificación do cumprimento do obxecto da axuda e poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas.

2. Alén do anterior, as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 16º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nesta convocatoria observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Artigo 17º.-Publicidade de datos.

Non será necesaria a publicidade da adxudicación da axuda de acordo co establecido no artigo 13.6º a) da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública, no artigo 15.2º d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 9.4º a) do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, ao poder ser contraria á salvagarda do honor, da intimidade persoal e familiar das persoas físicas en virtude do disposto na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

Disposición transitoria

A orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo (DOG nº 134, do 19 de xullo), pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, no que respecta á verificación de datos de residencia, exime os cidadáns da necesidade de achegar copia do certificado de empadroamento, cando inicien ante a Xunta de Galicia procedementos administrativos en que se solicite a copia do dito documento. Nesta convocatoria de axudas é necesario, para determinar a pertenza do solicitante a un dos colectivos beneficiarios, a constancia documental da existencia ou non doutras persoas que convivan co solicitante, circunstancia que xustifica que nesta convocatoria de axudas se excepcione a obriga de presentar o certificado de empadroamento.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o subdirector xeral de Réxime Xurídico e Xestión de Medios Audiovisuais para adoptar as medidas necesarias para a aplicación e o desenvolvemento desta resolución.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2010.

Alfonso Cabaleiro Durán

Secretario xeral de Medios

Ver referencia pdf "10700D002P007.PDF"