DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Martes, 01 de xuño de 2010 Páx. 9.803

II. AUTORIDADES E PERSOAL

NOMEAMENTOS:

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 25 de maio de 2010 pola que se dispón o nomeamento de vogal en representación da Administración xeral do Estado no Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao.

A Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da mariña mercante, texto reformado pola Lei 62/1997, do 26 de decembro, atribúelles ás comunidades autónomas as facultades de designación e separación dos vogais dos consellos de administración das autoridades portuarias de interese do Estado situadas no seu territorio.

O acordo do Consello da Xunta de Galicia do 10 de xaneiro de 2002, modificado polo do 6 de xuño de 2002, faculta o titular da consellería competente en materia de portos para o exercicio das ditas competencias.

Conforme o previsto no artigo 40 da Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da mariña mercante, texto reformado pola Lei 62/1997, do 26 de decembro, a designación e separación dos vogais dos consellos de administración deberán facerse necesariamente por proposta das administracións públicas e entidades e organismos representados no consello de administración, polo que, en canto órgano competente,

DISPOÑO:

Por proposta do presidente de Portos do Estado o nomeamento de Santiago Bolibar Piñeiro como vogal no Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, en representación da Administración xeral do Estado.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2010.

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Mar