DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Luns, 31 de maio de 2010 Páx. 9.697

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2010 pola que se convocan dous cursos sobre condución de vehículos todoterreo.

Dentro das actividades programadas para o ano 2010, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria de dous cursos de condución de vehículos todoterreo, conforme as seguintes bases.

1. Datos da actividade.

Denominación: condución de vehículos todo terreo.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 20.

Modalidade: presencial.

Obxectivos: con este curso preténdese conseguir que os/as integrantes dos servizos de emerxencias e protección civil adquiran coñecementos teórico-prácticos para conducir con maior seguridade os vehículos todo terreo empregados na prestación do servizo público.

Contido: o contido do curso de condución de vehículos todo terreo divídese en dúas partes.

Teoría:

4 horas, nas cales se abordarán os seguintes temas:

-O vehículo: características técnicas (ángulos de ataque, central e de saída, inclinación lateral).

-Técnicas de condución (barro, neve, area, terreos accidentados, baixadas e subidas extremas).

-Rescate do vehículo (tracción directa, poleas e reenvíos, ancoraxes). Protocolos de seguridade nas manobras de rescate.

-Accesorios e mantemento do vehículo.

-Lexislación: conservación da natureza, responsabilidade patrimonial.

-Módulo de igualdade de oportunidades.

Práctica:

16 horas de prácticas de condución en circuíto.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: o primeiro curso vai dirixido aos voluntarios e profesionais dos servizos de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan realizado o curso básico de protección civil, e o outro aos axentes forestais do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais.

Prazas ofertadas: 20 prazas por cada curso.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 14 de xuño de 2010.

Para inscribirse os solicitantes cubrirán a solicitude de participación que se encontra na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es, na sección Actividades formativas, cursos con inscrición aberta (non serán admisibles outros modelos de solicitude), e remitirana telematicamente.

Esta mesma solicitude, unha vez remitida a través da web, deberán imprimila, asinala a/o solicitante e obter tamén a sinatura da autoridade do concello ou organismo de que dependan, e enviala á Academia Galega de Seguridade Pública; avenida da Cultura, s/n 36680 A Estrada, a través do fax 886 20 61 23, por correo postal ou segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Obrigas das persoas seleccionadas: as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, a non ser que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. Esta renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as cales reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: sede da Academia Galega de Seguridade Pública.

Horario: clases presenciais, das 10.00 ás 14.00 horas.

Datas:

lº) 28, 29 e 30 de xuño de 2010.

2º) 30 de xuño e 1 e 2 de xullo de 2010.

Certificado de asistencia: ao remate da actividade entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.

5. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG número 30, do 12 de febreiro).

6. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80% polo Fondo Social Europeo dentro do Programa Operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

7. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 24 de maio de 2010.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública